RICARDO CARVALHO CALERO

Quijote

Ventando a carballeira dos teus coñecementos
cun fol de lusco luso,
medraron novas flores nas árbores frondosas
da nosa lingua egrexia
e zume de agarimo beberon as raíces
na terra morna e fértil dunha fala en común;
na terra morna e fértil galaico-portuguesa;
na terra morna e fértil de dous pobos irmáns. 


Ti fuches quen de enxergar as devanceiras lúas,
relucentes no escuro das noites esquecidas,
mergullado nas selvas da escrita e da palabra,
argallando nas fontes das augas que bebía
a nosa lingua andada;
a nosa lingua. ¡A nosa…!

Sen medo as altas torres dominantes,
arriscácheste a un voo cara as estrelas,
abrazando a bandeira dos teus soños.
Arrincácheste da lama enmarañada
que unha lingua estranxeira asoballante
premía os pés da fala a un prado escuro.
A túa voz erguida rolou cun vento limpo
e foi coma un orballo regando nas conciencias;
e foi un agasallo pendurando no tempo;
e foi coma unha lúa brillando na cultura
do pobo da Galiza soberana.

Pero, ás veces, o mundo xira en sentido inverso
e custa achar o paso cara a normalidade
A ti, unha lousa negra
caendo sobre os pulos das túas inquedanzas
negáronche o dereito a liberdade
e deron cos teus osos na cadea.
Un xeito repugnante da estulticia,
da cegueira dos homes
que impoñen o seu xugo temeroso
enriba das razóns,
das voces disidentes.

Mais non quedaron ¡non…!,
a baluto os teus prados da palabra.
Agora, nós, pacemos na herba limpa e fresca
que medra no legado que deixa a túa escrita
e non nos pecha os ollos a néboa escura e densa
que empecía soñar na nosa lingua.
Na nosa lingua andada;
na nosa lingua. ¡A nosa…! 


A Coruña, xaneiro de 2020

 

LETRAS GALEGAS 2020 | CARVALHO CALERO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará