Xesús Torres Regueiro
En 1923 estaban aínda lonxe de ter presenza os que uns anos despois ían ser considerados integrantes ou conformadores do chamado movemento renovador da arte galega, que irromperán na escena artística nos anos da II República: Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Fernández Mazas, Luís Seoane, Maruja Mallo ou Carlos Maside, entre outros.
No verán dese ano 1923 celebráronse en Galiza dúas importantes exposicións artísticas colectivas, unha en Santiago de Compostela e outra na Coruña. Esta centrará a nosa atención. Mais antes, dedicarémoslle unhas liñas á de Santiago
Co título de «Exposición Regional Gallega de Bellas Artes» celebrouse no Casino de Santiago entre o 15 e o 30 de xullo de 1923, coincidindo coas festas de Compostela. Valle-Inclán deu no Teatro Principal, con pago de entrada, a conferencia de clausura, que resultou dabondo polémica. Nela nega a existencia dunha arte rexional en Galicia e chega a negar mesmo a Galicia nunha división peninsular que di basear na antiga romana. Segundo o cronista Portal Fradejas, o «peregrino ingenio”de don Ramón dixo «unas bellas paradojas». Vicente Risco xustificaría as negacións anteditas por «a acedume, os anos, o gusto de levar a contra» de don Ramón.
Tamén foi noticia a ausencia de Castelao, quen así mesmo vai estar ausente da celebrada na Coruña. Así, o xornal vigués Galicia expuña o día 19 «La ausencia de Castelao, explicada por él mismo», deste xeito:
–No estoy conforme con esas Exposiciones regionales que se celebran en Galicia durante el verano. El regionalismo veraniego me hace reír. El verano es una estación que inventó nuestra cortesía en obsequio de los forasteros.
El invierno, tan gallego, tan compostelano, es nuestra verdadera estación. Y si no fuese el invierno sería la primavera o el otoño; pero el verano no lo es. Ni lo es para celebrar Exposiciones ni lo es para pintar. Una exposición de arte no es unha fiesta callejera que pueda deslucir el frío o la lluvia.
Cuando la Universidad funciona y Santiago se dedica con cierto orgullo a su labor de cultura, entonces podríamos ir a Santiago para aprender o para enseñar. En el verano Galicia está ausente de Compostela.
¡En el verano, no!
Nunha da serie de crónicas que fixo para La Zarpa sobre a exposición compostelá, o crítico mozo Juan Jesús González realizou unha análise dos autores máis coñecidos ou destacados que tiveran participación nela. Ademais, avoga por organizar un museo de arte galega cos fondos necesarios para adquirir obras de «nuestros más veraces artistas y legarlos a las futuras generaciones» (La Zarpa, 2-08-1923). Para o xornalista de Cuntis a peza escultórica «A ofrenda» de Francisco Asorey foi a obra cume desta exposición.
Nunha relación de autores e obras expostas que publicou o xornal El Compostelano cítase un total de trinta e cinco participantes, entre eles cinco mulleres.
Para o mozo poeta Manoel-Antonio (malia non ser un crítico de arte tiña coñecementos e preocupacións polas novas tendencias artísticas), quen visitou a mostra, esta pareceulle «Unha exposición de casino señoriteiro… Algún artista, poucos pintores e moitos pintadores. Non se ve un disparate nin unha audacia: tanta sensatez da noxo». Así llo comunicaba nunha carta a Cebreiro (os dous mozos asinaran o polémico manifesto Mais alá! en xuño do ano anterior) o 1 de agosto de 1923. O poeta de Rianxo alude a rumores non confirmados dun posible boicot dos nacionalistas a esta mostra, mentres considera que «Castelao fixo ben».
A «III Exposición de Arte Gallego» (houbera outras dúas en 1912 e 1917) inaugurouse o domingo 26 de agosto de 1923 no Palacio municipal da Coruña, ao remate das festas. Segundo dicía El Ideal Gallego, «Basta consignar que hay en ella trescientas noventa y cinco obras y se han presentado ochenta y nueve concursantes». O público tiña que pagar por asistir (2 pesetas o día da inauguración, 1 peseta a diario e 0,50 os domingos, ou billetes de abono a 10 pesetas por todo o tempo). Ángel del Castillo era o secretario do comité organizador e abriu o solemne acto da inauguración, presidido polo alcalde coruñés Francisco Ponte y Blanco e polo director xeral de Bellas Artes, Sr. Weyler Santacana, quen era militar coma seu pai, o célebre xeneral e político Valeriano Weyler, e marchou o mesmo día, embarcando para Santander, logo de inaugurar tamén unha mostra de fotografías na Reunión de Artesáns e de asistir a un xantar de agasallo. Estaban previstas varias conferencias durante a exposición, mais só temos constancia dunha (a impartida por Miguel Martínez de la Riva, «alto funcionario de instrucción pública», sobre «El arte y la región»), e as actuacións da Banda militar do rexemento Isabel a Católica e do coro Cántigas da Terra. Entremedias da mostra tivo lugar o golpe militar do día 13, que entronizou no poder ao exército e ao xeneral Primo de Rivera, reclamados polo monarca Alfonso XIII. A súa clausura tivo lugar o domingo 7 de outubro, e pola tarde celebrouse, como xa acontecera o domingo anterior, un baile amenizado por unha orquestra de jazz.
En cantidade destaca a obra presentada por Castro Gil e Julio Prieto, con vinte e catro e doce augafortes, respectivamente. Canto á obra pictórica, o autor con maior obra presente foi Seijo Rubio, con dezasete cadros, seguido por Lloréns con quince, Cersa e Imeldo Corral cunha ducia deles, Abelenda e Ramón Torrado con dez cada un, e logo Sotomayor, Suárez Couto, Bello Piñeiro e Bonet Peñalver con nove cada un.
Das sete mulleres participantes, todas pintoras, a que máis obra presentou foi Elena Olmos (sete cadros e sete debuxos), seguida por María Corredoira con seis cadros, Elvira Santiso con cinco, Ana María González Mallo –que logo pasaría a asinar Maruja Mallo– con tres, e, cun único cadro, Juana Brocos, María Rivadulla e Carmen Torres.
Portal Fradejas, no madrileño El Debate (20-IX-1923), reproducido en El Compostelano (26-IX-1923), falaba das exposicións e actividades culturais que se acababan de realizar en Galicia durante o verán: «Clausurada la “pinacoteca” compostelana, se inauguró en la Coruña la tercera exposición de arte gallego, que ofrece la novedad de una sala destinada à dibujos, acuarelas y aguafuertes. En ella triunfan Castro Gil, Julio Prieto, Cebreiro, Carlos Sobrino, Elena Olmos».
Era esta unha exposición «que el renacimiento galaico impuso», segundo afirmación de Alfonso da Cal nun comentario no órgano agrario ourensán La Zarpa. Para el, o máis destacado da mostra eran os gravados de Castro Gil, artista sobre quen está centrado o artigo.
Catálogo da exposición
A Nosa Terra rebaixaba notablemente a participación que dera El Ideal Gallego, de oitenta e nove concorrentes, deixándoa na metade: «Concurren a ela mais de corenta artista da Terra, dende os mestres hasta uns cantos animosos rapaces que comenzan». Outro xornal coruñés, El Orzán, daba o día 28 unha relación con sesenta e seis pintores (oito mulleres), oito escultores e tres de «industrias artísticas», que fan un total de setenta e sete participantes, e falaba de «trabajos medianos, buenos y magníficos presentados en lo que no vacilamos en calificar de recio alarde de arte regional».
O órgano das Irmandades recollía tamén as queixas dalgúns expositores pola preferencia que se lle deu a outros e aproveita para criticar duramente a pintura de Seijo Rubio, «un gran calígrafo», que «pinta mal e ten moi mal gusto para escoller os asuntos», un dos beneficiados polo espazo dedicado ás súas obras, aproveitando «para lle decir o que nós ouvimos en todas partes e co que estamos de perfeito acordo». Remata enviándolle «Un aprauso aos organizadores», pois «de todas maneiras non nos desagradan estas manifestaciós de arte e quixéramos velas con mais frecuencia e se poidera ser quitándolle certas faltiñas que desmerecen moito a boa obra». Seijo Rubio recibira tamén unha durísima crítica do xornalista e escritor Lesta Meis, quen alternou co citado J. J. González unhas crónicas sobre a exposición coruñesa en La Zarpa. Este último consideraba (La Zarpa, 26-09-1923) que, tanto na mostra de Compostela como na da Coruña, «era el paisaje quien llevaba la voz cantante y quien adquiere más poderosas resonancias» en oposición á figura e o retrato.
Crítica dura é tamén a que asina na revista Alfar (n.º 32, setembro 1923) o escultor de vangarda Ángel Ferrant:
Ciertamente que, a no ser por un cartel anunciador en el que consta por el fútil accidente de vuestro natalicio o por la candorosa profusión con que en lienzos y esculturas representasteis las brétemas o los pañuelos floreados, holgaría ese calificativo acusador de peculiaridades. Gallego, no es el arte que ofreceis.
Ferrant, que fora profesor da Escola de Artes e Oficios coruñesa uns anos antes, non cita nomes. Considera estéril a exposición, pois non corresponde a un conxunto seleccionador e a obra dos mestres non é nova. Destaca unhas augafortes e lamenta o desprezo polo nu na escultura. Con todo, destaca o novo enfoque dalgúns escultores mozos.
Entre as escasas vendas rexistradas, transcendeu na prensa coruñesa (informacións aparecidas en El Orzán, en varias datas de setembro e outubro de 1923) que o escritor Pérez Lugín mercara dúas obras de Carlos Sobrino, «Betanzos» e «Fuente de Uncta». E Abelenda vendeu en 750 pesetas o cadro «Neniñas». Tamén Rafael Hervada adquiriu outro óleo de Sobrino, «Capilla de La Lanzada», así como a augaforte «Toledo» de Castro Gil. Outro cadro de Sobrino foi mercado por Enrique García Ferreiro. Dionisio Muro mercou o «Tríptico Coruña» de Ramón Torrado e o xornalista e diplomático José G. Acuña o óleo «Salida de misa» de Concheiro. Tamén o Concello de Santiago mercou unha paisaxe de Lloréns.
CATÁLOGO E CONTRACATÁLOGO
Publicouse así mesmo un luxoso catálogo de pequeno formato, de 58 páxinas, que non se puxo á venda até o 11 de setembro ao prezo de 2 pesetas, cun prólogo de Ramón María Tenreiro, de escaso interese, e reproducións dalgunhas das principais obras, impreso no prelo de Moret. O propio impresor, Manuel Rodríguez Moret, diría anos despois que este catálogo fora o primeiro libro que publicou (F. Mon, Gente conocida, páx. 97). Na capa presenta unha escena costeira con piñeiros e dornas de vela, asinada por Ribas, impresa exenta e colada á capa, como se adoitaba por esa época, caso da colección Céltiga. Resulta curioso que se escollese a obra dun autor vigués e non a dun coruñés, tal Abelenda ou Lloréns. O exemplar que consultamos na biblioteca coruñesa de Estudos Locais carece, por certo, da citada lámina na capa, mais ten a particularidade de conter brevísimos comentarios manuscritos e espontáneos de man anónima, relativos a cada unha das obras expostas.
As obras reproducidas no catálogo son un total de vinte, nesta orde: «Mi sobrino», de Abelenda; «Campesinas», de Sotomayor; «O cabo», de Bello Piñeiro; «Bajamar» (augaforte), de Castro Gil, «Foliada», de Roberto G. del Blanco; «A San Ramón», (escultura), de Asorey; «Escena de pastores», de Juan Luis; «Los hórreos» de Lloréns; «O señor Cristobo», de Román Navarro; «Rezando el rosario», de Elena Olmos; «A volta da feira» (escultura), de Bonome; «Baño de luz», de Seijo Rubio; «Oración», de Elvira Santiso; «Rincón aldeano», de Sobrino; «Saint Jacques (París)», de Suárez Couto; «San Jacobe» (talla en acibeche), de Mayer; «Retrato», de Sotomayor; «Retrato», de Juan Villasenín; «Retrato», de Lloréns; e «Relieve histórico en prata», de Isolino del Río.
Co título Comentario a la Tercera Exposición de Arte Gallego, impreso tamén en Moret, publicouse unha parodia do catálogo, de autoría anónima, con moita ironía nos comentarios e debuxos caricaturizados dalgunhas obras, do que os tres xornais coruñeses se fixeron eco o mesmo día 17 de setembro en que se poñía á venda en soltos a el dedicados. Proba da rareza da publicación é que unicamente puiden consultar unha fotocopia na citada biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
Mentres que El Ideal Gallego e El Orzán se refiren a un único autor anónimo, La Voz de Galicia falaba de «varios ingenios locales» como autores. Para o segundo dos xornais, o autor «dibuja con soltura y fustiga a los artistas con bastante acritud, aunque manteniéndose en las lindes de la cortesía. Hay para todos y no son los maestros los mejor tratados».
Se para El Orzán se trataba simplemente de «una humorada sin pretensiones de crítica y en este sentido está bien hecho el librejo y hace pasar un rato divertido», e El Ideal Gallego apelaba ao bo humor adiantando que «es de suponer que tenga éxito», La Voz de Galicia remataba considerando que «si estas cosas están bien tratándose de Exposiciones grandes, ofrecen el peligro de molestar, de herir, de retraer a los noveles artistas que acuden a nuestros certámenes pequeñitos y algo caseros, cuando lo que necesitan es que se les aliente y estimule». Todo iso logo de afirmar que era habitual a publicación de catálogos humorísticos similares en Madrid cada vez que se celebraba unha Exposición Nacional de Belas Artes a cargo de «algunos artistas de buena sombra», e que iso era o que lle faltaba á da Coruña «para afirmar su importancia y su categoría». No medio do solto, La Voz de Galicia desliza a existencia de «molestas incidencias», que ignoramos, ocorridas durante a mostra: «casi es de alegrarse de que el folleto se publique con retraso, porque después de las molestas incidencias a que la Exposición dio lugar, el desenvuelto ‘Comentario’ hubiese contribuído a echar leña al fuego por aquellos días».
Falando deste xornal, resulta curioso que o 25 de setembro Alejandro Barreiro, o seu director, publique en portada a dúas columnas un artigo sobre o novel pintor sevillano Santiago Martínez, que pintaba no val de Barcia, convidado e apadriñado por Pérez Lugín, nun número que non dedicaba nin unha liña á Exposición de Arte Galega.
As «FIGURAS DE LA EXPOSICIÓN»
La Voz de Galicia, que informou con extensión da inauguración e dos actos organizados arredor dela nos primeiros días, deixou de tratar o tema, publicando unha sección titulada «De arte gallego. Figuras de la exposición», pola que ían desfilando os artistas máis destacados caricaturizados por Cebreiro e, debaixo, unhas cuartetas ou quintillas castelás anónimas glosando o artista. Cebreiro, mozo de vinte anos e xa louvado caricaturista, non era colaborador habitual deste xornal, polo que esta debeu ser unha encarga. Foron pasando pola sección dende o 1 de setembro até os primeiros días de outubro os seguintes: Lloréns, Navarro, Asorey, Castro Gil (por erro, puxeron caricatura de Castelao aínda que está asinada por Cebreiro), Seijo Rubio, Abelenda, Imeldo Corral (en realidade son dúas caricaturas: unha de fronte e unha máis pequena de perfil), o ausente Castelao, Sobrino, Juan Luis, Nombela, Mariano Miguel, Bello Piñeiro, Camino, Julio Prieto e Castillo (secretario da exposición). Os dezaseis caricaturizados por Cebreiro, quen xa tiña realizado e publicado variantes anteriores dalgúns deles. Ademais, e como excepción, Víctor Morelli e Carlos Maside (pon Maxide, por erro) apareceron cunha autocaricatura, mentres que Abelenda realizou a de Bonome e a do propio Cebreiro, que parecía pechar a serie o día 9 de outubro. No caso deste, a súa glosa dispúñase en tres cuartetas. Dous días despois inclúese aínda unha última «figura» da exposición, cun retrato non caricaturizado gravado por Cortés de Fernando Álvarez de Sotomayor (membro da comisión organizadora e director do Museo do Prado dende o ano anterior) e a correspondente glosa. O curioso é que este xa aparecera caricaturizado por Cebreiro, mais sen a glosa, encabezando unha información da exposición o día 31 de agosto. Do citado Fernando Cortés, gravador do xornal coruñés durante moitos anos, son tamén dúas cabeceiras alegóricas que ilustraron a información sobre a exposición os días 1 e 9 de setembro, respectivamente. Ningunha das sete mulleres presentes na exposición foron glosadas e caricaturizadas, aínda que Cebreiro xa publicara unha caricatura de María Corredoira que a mesma pintora lle solicitara.
Pese a non concorrer, Castelao apareceu na sección «Figuras de la Exposición» (no seu caso a glosa é unha oitava real) para que o glosador poeta puidese falar da súa ausencia.
Estas glosas anónimas ben puideran ser da autoría de César Alvajar, redactor de La Voz de Galicia, quen adoitaba facelas sobre temas de actualidade e política.