VIAXE AO CENTRO DO CEO CUN SORRISO. A PERSONALIDE POÉTICA DE RICARDO CARVALHO CALERO

Carmen Blanco

Carmen Blanco e Ricardo Carvalho Calero (1986)       Fotografía de Eduardo Ochoa

A lectura dos versos de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) é sen dúbida unha boa vía na viaxe cara ao centro da personalidade do seu autor. E a lectura dos versos galegos que van de Vieiros (1931) a Reticências… (1986-1989) (1990) conduce directamente cara ao centro da poética existencial, culta e cristiá do Carvalho Calero creador en lingua galega.

Ricardo Carvalho Calero definiuse en múltiples ocasións de maneira central como «poeta» e especialmente como «poeta lírico». No libro Salterio de Fingoy (1961) di: «Poeta és, pois dache noxo todo / agás a poesía. / Cortésmente sorrís perante o mundo estrano, / mais no fondo és estrano á túa sorrisa». E no «Limiar» que antepuxo a Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980) afirmou o carácter catártico da poesía: «Para min toda poesia é catarse, e esta que Ediciós do Castro hoje gentilmente resucita, ja cumpriu comigo, ben cumprida, esa función». Os versos galegos de Carvalho Calero son, pois, unha moi persoal vía lírica de purificación interior pola que se pode viaxar seguíndoo ou sen seguilo.

Ricardo Carvalho Calero, segundo el mesmo ten dito, reuniu no seu primeiro libro de versos galegos, Vieiros, poemas escritos entre 1927 e 1930 que foron publicados por Ánxel Casal na Editorial Nós na Coruña. O mesmo editor e a mesma editorial, establecida xa en Santiago, publica O silenzo axionllado (1934). Vieiros e O silenzo axionllado conteñen «o que entón estimaba eu legíbel do moito que en verso tiña escrito na miña mocidade, entre os dezaseis e os vintetrés anos», indica o propio poeta. Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952) e o citado Salterio de Fingoy foron publicados na posguerra, sucesivamente, na Colección Benito Soto dirixida por Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra, na Colección Xistral que estaba ao coidado de Ánxel Johán en Lugo e na Editorial Galaxia encabezada por Ramón Piñeiro; mais os dous primeiros, Anxo de terra e Poemas pendurados dun cabelo, conteñen poemas escritos antes, durante e despois da guerra, pois boa parte deles naceron entre 1934 e 1939, lembra o mesmo autor. Toda esta produción poética que vai de Vieiros a Salterio de Fingoy foi escolmada, reordenada e recompilada no aludido Pretérito imperfeito (1927-1961) publicado por Isaac Díaz Pardo no Castro (Sada, A Coruña) en 1980, dando comezo á compilación cronolóxica en libro da obra lírica galega que o escritor realizará nos últimos anos da súa vida e que inicia precisamente coa agrupación dunha primeira grande etapa pasada e imperfecta. A esta publicación séguelle na mesma casa editora do Castro a segunda compilación cronolóxica titulada Futuro condicional (1961-1980) (1982), que fora anunciada no «Limiar» da primeira, co título que realmente tivo e co propósito efectivamente cumprido dun Futuro condicional no que recolleu poemas dispersos, publicados en revistas e mesmo inéditos, non reunidos en libro e correspondentes á agrupación da segunda grande etapa pasada, futura e condicional. Este Futuro condicional agrupa, á súa vez, en tres partes o conxunto poético con títulos que, como indica o autor no breve «Limiar», son algo arbitrarios mais sinalan o contido predominante: «EXCALIBUR», «VENUSBERG» e «AVALON». Con estes tres nomes míticos quedaría hipoteticamente ordenada por Carballo Calero para o público, ao comezo da década dos oitenta, o groso da súa obra poética culta de dimensión máis comunicativa deses vinte anos ao redor das décadas dos sesenta e setenta, correspondentes coa idade da madurez. Mais estes tres mesmos nomes simbólicos ordenarían potencialmente a obra dos anos futuros de Carvalho Calero, a que se corresponde coa idade da xubilación: a publicada en vida no libro Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986), editada pola Associaçom Galega da Lingua, e a aparecida postumamente no citado Reticências… grazas a Sotelo Blanco Edicións.

A obra en verso de Ricardo Carvalho Calero ten unha prolongada continuidade que a vincula á súa vida e, como acabamos de lembrar, el mesmo trazou un fío e uns nós na súa presentación poética en libro para guiar ao público da que eu agora fago memoria. Na novela polifónica Scórpio (1987), ficción narrativa das súas memorias de xuventude, centrada no eixo do levantamento de 1936 fronte á legalidade republicana, entre os personaxes principais aparecen tres poetas galegos de vocación máis ou menos perfilada. Estes tres poetas recollen trazos do multiforme creador. Son os combatentes republicanos chamados Scórpio, Sagitário e Barreiro que encarnan o verso e a lírica, fronte ao tamén combatente Salgueiro, que encarna a prosa e a épica da novela. Scórpio, Sagitário e Barreiro dan vida de ficción á poesía de «EXCALIBUR», «VENUSBERG» e «AVALON». Scórpio é autor do libro Viagem ao centro do céu e Sagitário do titulado Eva dos mil sorrisos. Barreiro morre no Ebro cunha poesía manuscrita en lingua galega na súa guerreira e Scórpio no cuarto dun hotel nun bombardeo en Barcelona en 1938 na compaña dunha muller, mentres Sagitário e Salgueiro serán superviventes, respectivamente, no exilio interior e no exterior, á fin da novela, cando «agoniza todo un mundo» no contexto da guerra xeral. Neste mesmo ambiente de posguerra e de ditadura españolas posterior ao tempo de Scórpio, o Carballo Calero poeta popular existencialista escribía «O trebo das catro follas / é a fror da felicidade. / Medra en terras de Ningures e veno os ollos de Naide». nun libriño titulado O trebo das catro follas que deixou inédito en vida, mais datado en 1944 e dado a coñecer en 1997 pola miña iniciativa. Pero nos tempos da poesía recollida en Reticências…, nos tempos da súa sabedoría final o poeta sentencia: «Era a felicidade, / mas tu nom o sabias. / A sua humilde aparência (…) / nom permitia que te decatases. / (…) / Pois a felicidade / é humana e imperfeita. / (…) / (…) eu fun feliz, agora sei-no».

E, á fin, o verso de Ricardo Carvalho Calero, co percorrido da verde escrita terreal concluso, accede ao ceo azul da felicidade, aprendida a lección de vivir e consciente da imperfección humana. Foi feliz sen sabelo e sabéndoo, modestamente feliz. Porque era a felicidade o silencio da viaxe ao centro do ceo cun sorriso.

 

1 Versión orixinal subtitulada de «Viagem ao centro do céu com un sorriso», prólogo a Ricardo Carvalho Calero, Antologia da poesia em galego, Santiago de Compostela, Através Editora, 2019. Edición de Paulo Fernández Mirás.

 

LETRAS GALEGAS 2020 | CARVALHO CALERO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará