MANUEL LUGRÍS FREIRE

Biografía

Nacido en Sada no 1863, traballou na súa mocidade como escribinte para o Concello de Oleiros, residindo nunha pensión de Soñeiro. Por esas datas compuxo Nociones generales de mitología. Con vinte anos escolleu o camiño da emigración, trasladándose a Cuba, onde axiña se integrou na colectividade galega achegada ao rexionalismo. Así, xa no 1885 funda e co-dirixe A Gaita Gallega, o primeiro xornal da diáspora integramente redactado en galego. Ao seu regreso, no 1896, instalouse na Coruña na compaña da súa muller, a cubana Concepción Orta, coa que tería dous fillos. Logo que ficar viúvo, casaría con Pura González Varela, tendo outros cinco fillos. Traballaría na Compañía de Aguas, da que se xubilaría como secretario do consello de administración.
De firmes conviccións republicanas, galeguista e demócrata, será un dos dirixentes da Liga Gallega da Cruña, así como tamén un dos membros fundadores da Academia Galega (1906), que presidirá durante 1934 e 1935, e da Asociación da Prensa da Coruña (1904). No 1906 artella a organización política e plataforma agraria Solidaridad Gallega, e ao ano seguinte pronuncia, en Betanzos, o primeiro mitin político en galego. Será tamén fundador e inntegrante do consello de administración do xornal A Nosa Terra. No 1923 ingresa como membro no Seminario de Estudos Galegos. Participou na fundación da ORGA, do Partido Autonomista Republicano Gallego, da Federación Republicana Gallega e do Partido Galeguista, sendo membro da comisión que redactou o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1932. Nos anos 20, pertenceu á masonería coruñesa, adoptando o nome de Servet na loxa Suevia.
Como literato iniciouse en Cuba. En paralelo á publicación

por entregas das súas novelas curtas O Penedo do Crime (1884) e O Lechuceiro (1887), comezaron a ver luz os seus poemas na prensa. O seu primeiro libro de poesía foi Soidades, publicado no 1894. O seu segundo libro de versos Noitebras (1901) está dedicado á súa defunta muller Concepción Orta, e xa foi editado na Coruña, como Versos de loita (1919), Ardencias (1927), considerado como a súa mellor obra poética, e As Mariñas de Sada (1928), unha homenaxe á sociedade de instrución Sada y sus Contornos, da que era presidente honorario. A súa actividade teatral como promotor e presidente da Escola Rexional de Declamación, foi moi significativa, levando aos escenarios obras como A ponte (1903), Mareiras (1904), Minia (1904), Esclavitú (1906), O pazo (1917) e Estadeíña (1919). Con A ponte inauguraba Lugrís o teatro galego en prosa. Dentro da súa faceta como narrador, cabe destacar os seus Contos de Asieumedre, que apareceron en varias publicacións periódicas para seren despois recollidos en libro (1909). A súa preocupación polo galego levoulle a escribir Gramática do idioma galego, que, publicada en 1922 cunha segunda edición en 1931, era a primeira obra desta clase redactada en galego.
Manuel Lugrís Freire, un pioneiro de case todo, finou na súa casa da rúa de San Andrés, da Coruña, no 1940, abatido por unha guerra que truncara todos os seus proxectos de futuro para Galicia e botara por terra o traballo de toda unha vida.



Artigos sobre Lugrís Freire

Un libro gallego. Ardencias de Lugrís FreireR. Suárez Picallo


Manuel Lugrís Freire en Areal


Dous textos inéditos de Lugrís FreireRedacción Areal
O betanceiro Luis Cortiñas evoca a LugrísRedacción Areal
150 anos do nacemento de Lugrís FreireRedacción Areal
Unha carta de Manuel Lugrís Freire ao alcalde de SadaRedacción Areal
“Con polaina e media” por M. Lugrís FreireRedacción Areal
“O escarmento” por Manuel Lugrís FreireRedacción Areal
“A fala galega” por Manuel Lugrís FreireRedacción Areal
“Oración a fala” por Manuel Lugrís FreireRedacción Areal
“O verbo” por Manuel Lugrís FreireRedacción Areal



2013. Ano Lugrís Freire.

Con motivo do 150 aniverario do nacemento de Manuel Lugrís Freire, o concello de Sada declarou o ano 2013 como “Ano Lugrís Freire”.
Durante ese ano a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo desenvolveu diferentes iniciativas co fin de divulgar a obra e vida deste persoeiro tan relevante para a historia contemporanea de Galicia.

Entre estas actividades estivo a realización dunha exposición sobre Lugrís á que podes acceder aquí.



O nº 7 da revista Areal, editada dentro do ano Lugrís Freire, estivo marcarda tamén pola celebración dese ano e polo 5º aniversario do regreso dos restos de Ramón Suárez Picallo a súa Sada natal.
AREAL. Revista Cultural de Sada
Nº 07
Outubro de 2013


Libros de recuperación documental sobre Lugrís Freire.


Poesía / Prosa / Textos e documentos inéditos / Correspondencia / Voces sobre Lugrís.

Comisión Irmáns Suárez Picallo  |  Concello de Sada |  Deputación Provincial da Coruña  |  152 páxinas  |  2014
⏬⏬⏬ Ver en PDF




Edición desta obra de Manuel Lugrís Freire realizada pola AC Irmáns Suárez Picallo dentro da programación de actividades do Ano Lugrís Freire.
Conta cun estudo introductorio de Xabier Campos Villar


⏬⏬⏬  Ver en PDF







Videos

Documental realizado por GallaeciaFilmes, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, en coprodución coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e Genetic Films. Estreado no acto de clausura do Ano Cultural Manuel Lugrís Freire desenvolvido na casa da cultura Pintor Lloréns de Sada o pasado venres, día 14 de febreiro de 2014

Partillar