Xesús Torres Regueiro
Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) e Álvaro Cebreiro Martínez (A Coruña, 1903-1956), coruñeses os dous, deberon entrar en relación xa moi novos. Eran membros de familias vencelladas ao republicanismo. Un tío materno de Álvaro, José Martínez Fontela, era líder dun sector dos republicanos coruñeses, concelleiro e mesmo alcalde en funcións a comezos do século XX. O pai de Urbano, o sadense Manuel Lugrís Freire, escritor e poeta en lingua galega, republicano e rexionalista, partícipe do movemento agrarista Solidaridad Gallega, nacionalista coas Irmandades da Fala e logo co Partido Galeguista, académico e presidente da Academia Galega, era todo un personaxe na vida cultural e política coruñesa e galega. Cebreiro faríalle unha magnífica caricatura ao gouache en 1928.
E mesmo é factíbel que o neno Urbano, con 12 anos, visitara da man de seu pai a exposición de debuxos e caricaturas dun precocísimo Cebreiro, de 17 anos, na sede da Irmandade coruñesa, sita nos baixos da casa número 17 da Praza de María Pita, no mes de outubro de 1920.
Cinco anos de diferenza, a prol de Cebreiro, son moitos na infancia e na adolescencia, e a notoriedade deste comezou moi cedo (aos 16 anos xa colaboraba en A Nosa Terra e as súas caricaturas chamaban a atención), mentres que a de Lugrís tardaría aínda en chegar. A amizade entre eles viría despois. Os dous facían parte en 1930 da Juventud Republicana e colaborarán coa Federación Republicana Gallega.
O artista Luis Seoane evocará no exilio bonaerense aquel momento republicano cos amigos coruñeses: «A Lugrís débolle un poema que nunca se publicou en homenaxe á miña obra feito no ano 1963. Fóramos amigos con Plácido Castro, Huici, etc., e Cebreiro, na época en que todos vivíamos na mesma cidade e tiñamos espranzas de coor de rosa en canto ó porvir».
Nos anos da II República Urbano desprazouse a Madrid, traballando como escenógrafo con Bartolozzi (segundo consta nalgunhas recensións biográficas) e logo viaxaría por España coas Misións Pedagóxicas e o grupo La Barraca, dirixido por García Lorca, como escenógrafo e guiñolista. Desmobilizado ao remate da guerra (sen que conste documentalmente en que bando loitou, aínda que todo apunta que foi no «nacional»), retorna á Coruña, onde atopa a Cebreiro sumido nun exilio interior e enfermo por temporadas. Algúns amigos artistas residentes na Coruña foran asasinados (Huici, Francisco Miguel), outros escaparan ao exilio (Seoane), outros adheríronse ao Franco-falanxismo triunfante, e destes algúns marcharan a Madrid (Ramón Torrado).
Logo da morte de seu pai, en febreiro de 1940, Urbano casa en Burgos con Paula Vadillo Bras a finais de 1941 e ao ano seguinte nacería o seu fillo primoxénito, Urbano Lugrís Vadillo, quen tamén sería pintor destacado. Nacería logo a filla, Paula. A familia reside en Vigo até 1948 e logo separarase, marchando a Burgos a esposa.
A finais dos anos corenta Lugrís voltou á Coruña. Este e Álvaro —que permaneceu solteiro toda a súa vida— retomaron a súa antiga amizade e era frecuente velos de novo xuntos en faladoiros itinerantes por cafés e tabernas coruñesas, dando lugar a diversas anécdotas máis ou menos apócrifas, como a da improbábel (pois os pulmóns de Álvaro non estaban para iso) marcha a pé ata Santiago para probar un viño que, segundo Lugrís, erguía os mortos. Anécdota que Fernando Mon no seu libro Gente conocida (que recolle artigos publicados antes en La Voz de Galicia) pon en boca dos dous. Ou, xa anteriormente, o asalto de Lugrís a un estanco para conseguir selos da República para un Cebreiro filatelista.
No arquivo de Álvaro hai varias fotografías de Lugrís, unha con dedicatoria ao dorso, outra portando un brazalete de loito (Imaxe 1). E tamén dos dous xuntos: unha nunha taberna coruñesa (Imaxe 3) e outra en simpática pose, montados nun cabalo de cartón e sostendo Cebreiro un sabre na man (Imaxe 2), entre outras. Existe tamén unha caricatura (Imaxe 4) que Cebreiro lle fixo a Urbano polo 1939, copia da que lle regalaría a este.
Cebreiro, membro fundacional en 1934 e directivo da Asociación de Artistas da Coruña, non paraba de cumprir encargos e axudar os amigos pintores, ocupando un tempo que ía en detrimento da súa propia obra. Tamén o seu amigo Urbano Lugrís requiriría os servizos de Álvaro para «mover» a súa obra cando aquel abandonou por primeira vez A Coruña por Vigo nos anos corenta.
Por 1954, os dous amigos colaboran activamente na célebre revista Atlántida, que saíu na Coruña a comezos dese ano. E, segundo contou Mariano Tudela, encargado por Míguez Tapia (que, «como director oficial, nos animaba y nos daba absoluta libertad para casi todo») de sacar a revista á rúa, el e Lugrís impuxeron o nome da revista e os dous xunto con Cebreiro dábanlle corpo a cada número: «Generalmente planteábamos cada número de Atlántida Cebreiro, Lugrís y yo». Sairían un total de 13 números en nove aparicións (pois un foi duplo e outro triplo) durante dous anos, até a súa suspensión polas autoridades académicas oficiais das que dependía. Atlántida foi unha revista moi interesante para o seu momento, renovadora en estética e contidos, dentro da griseira realidade cultural daquela época franquista.
A amizade durou entre os dous até a morte de Álvaro. O 9 de novembro de 1956 Lugrís asinaba e databa o apuntamento «Cebreiro en la paz», realizado no propio cuarto mortuorio (Imaxe 5).
AS CARTAS
Entre o conxunto de correspondencia que manexei (cedida, xunto con outros documentos, amabelmente por Alfonso Posse, eficaz gardián, coidador e divulgador do legado do seu cuñado Álvaro) para escribir o libro Álvaro Cebreiro. 1903-1956. Caricatura, humorismo, ilustración (Deputación da Coruña, 2020), atópanse catro cartas enviadas por Urbano a Álvaro. A primeira das cartas conservadas está datada en Madrid o 13 de outubro de 1934. As outras tres están datadas en Vigo moito máis tarde: polo San Xoán, o 8 e o 24 de outubro do ano 1947. Das catro, dúas das de 1947 están escritas en galego e as outras dúas en castelán.
O tratamento que Lugrís mantén con Cebreiro é amistoso: «Querido amigo Álvaro», «Amigo Álvaro», «Querido Álvaro». E nelas apréciase unha fonda amizade, camaradaxe e mesmo familiaridade, entrevéndose na primeira unha certa afinidade ideolóxica entre os dous.
Carta n.º 1
Urbano informa a Álvaro sobre os sucesos da folga xeral revolucionaria acontecidos en Madrid en outubro de 1934, louvando a actitude dos mineiros de Asturias, en contraste coa dos obreiros madrileños. O mozo Lugrís, que parece simpatizar coa causa revolucionaria, pregúntalle a Cebreiro polo acontecido na Coruña, ao tempo que insinúa a súa colaboración, que non explicita por medo quizá á censura (o padre Argos, xigante dos cen ollos da mitoloxía grega).
Á parte da decepción e desencanto amosados polos feitos que relata, está presente tamén a sempiterna ironía de Urbano na descrición do seu físico e da actividade que desempeña, así como o gosto polos termos clásicos: o citado Argos, o Empíreo.
Urbano, que está a traballar para o Padroado das Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista («educador de multitudes», di ironicamente), e de feito ese é o enderezo que coloca ao remate, aínda que afirma vivir no barrio de Argüelles, refírese a unha xestión pendente polo presunto interese de Cebreiro en traballar para as Misións Pedagóxicas.
O caso é que Cebreiro coñeceu a García Lorca, o director de La Barraca, na mesma Coruña cando este deu unha conferencia en maio (Álvaro conservou o prospecto-programa desta) e lle dedicou un exemplar do Poema del cante jondo, engadíndolle un s ao apelido: «Para mi amigo Álvaro Cebreiros, con un abrazo de Federico García Lorca. -Cruña- 1932-». Este libro, cedido xunto con outras cousas pola familia de Cebreiro ao concello da Coruña para a exposición «Alfar y su época» en 1981, non lles foi devolto, mais conservan unha fotocopia del coa dedicatoria do poeta que tivemos ocasión de consultar. Tres meses despois, en agosto, Lorca voltou á Coruña con La Barraca e probabelmente Cebreiro volveu falar con el.
(Madrid, 13.10.1934)1
Sr. D.
Álvaro Cebreiro,
en La Coruña, 934
Querido amigo Álvaro; Escribo estas líneas en el patio de La Granja el Henar, mentidero de Madrid, entre un fragor de polémicas, gritos y gestos apasionados de las trincas y clanes de todos los matices. A las tres de la madrugada de la noche de ayer, día 12, y cuando me dirigía a casa, en el barrio de Argüelles, oí los últimos disparos del movimiento revolucionario, toques funerales y gritos de esperanza para tanta y tanta gente que cayó en este gran escrutinio de buenos y malos, y la que llena las cárceles de toda España. Excuso decirte cual habrá sido mi emoción durante los siete días que duró el heróico esfuerzo de los obreros honrados (como les llama “El Debate”) y la angustia constante entre el escepticismo y la esperanza. El gran ejemplo lo dieron, en plenitud magnífica, esos mineros de Asturias, los mejores hombres del Mundo, y que aún siguen luchando en los desfiladeros y en las bocas de las minas, cuando ya los Socialdemókratas de este Madrid untado de pachulí y grasa de churro han vuelto a reclinar sus tiernas cabezas entre las tibias ubres de sus amantes compañeras.
Durante tres días los tiroteos fueron intensísimos, pero sin eficacia revolucionaria. No puede hacerse una revolución, hoy, según las teorías del cura Santa Cruz, en guerrillas dispersas por los tejados y disparando a las estrellas. Todo lo que no sean movimientos de masas, con una consigna general y enérgica, está fatalmente condenado al fracaso. Fallaron también los enlaces, y aún muchos jefes de milicias socialistas, quebrantándose de este modo toda la organización armada; y sembrando el desconcierto entre los jóvenes socialistas y comunistas, que esperaban inutilmente una orden que no podía llegar. ¡Una catástrofe! No faltaron, es cierto, ejemplos de formidable valentía, como el que dieron los obreros de Cuatro Caminos y Tetuan de las Victorias. Pero esto, admirable siempre, es triste cuando nos revela un ímpetu en la masa proletaria que no se supo o quiso encauzar por el verdadero camino de una revolución europea actual, que es, a mi parecer, el de las masas organizadas, y no el viejo sistema de los moros del Rif, agazapados con un fusil y cien cartuchos detrás de una chimenea. Que esta dolorosísima experiencia sirva, por lo menos, para rectificar los errores de siempre.
¿Y La Coruña? ¿Que hicieron todos nuestros nihilistas de tasca y matinée infantil? Supongo que en mi casa habrán pasado unos días de inquietud pensando en mi presunto tránsito al Empíreo de los justos. Venturosamente conservo intacta la violenta curva de mi joven torso celta y espero que por muchos años. Yo hice mi labor; pero no es discreto el hablar de esto por mor del padre Argos, que estos días anda suelto por España y no perdona a nadie.
No olvido tu cosa de las Misiones; creo que muy pronto te llamaré, si es que sigues dispuesto a dar tu corazón y tu cerebro en aras de la KULTURA patria.
Dale mil abrazos a tu hermano y demás amigos, y para ti el buen recuerdo de este educador de multitudes
Lugrís
Urbano Lugrís
Patronato de
Misiones Pedagógicas
Castellana, 71 –
Madrid
1. Información obtida do carimbo do servicio de Correos, pois ven sen data. O texto refírese á folga xeral revolucionaria declarada polo Partido Socialista e máis polo UGT, que dexenerou en insurrección armada, feito que o Goberno calificou de criminal intento subversivo e motivou a declaración do estado de guerra en toda España. Tivo especial incidencia en Cataluña e máis en Asturias, adquirindo nesta última gran virulencia e duración, con elevado número de mortes e importantes danos materiais. (Nota de Alfonso Posse, cuñado de Cebreiro, na transcrición da carta orixinal.)
Carta n.º 2
En 1947, Lugrís, casado e pai de familia, reside con esta en Vigo. Polo San Xoán pídelle a Álvaro, nunha carta escrita en galego nun papel timbrado cun anagrama persoal do propio Urbano, que se faga cargo de dous cadros seus, xa que a nai e a irmá ausentaranse da Coruña, e autorízao a vendelos por 5.000 pesetas.
Urbano utiliza fórmulas do galego popular, como o apócope «ña» en termos como «ña nay» e «ña hirmá» e emprega a palabra «sono» por «soño», un erro recorrente por confusión dos termos. E non deixa de exhibir a súa cultura aludindo como boa sudra (membro da cuarta e última casta na cultura hindú) á criada da casa materna.
Hai unha alusión ao fillo, Urbano Lugrís Vadillo, nado en 1942, que daquela tiña ou ía facer 5 anos. E, na nosa opinión, a alusión final ao «manífico Miguel» refírese a González Garcés (que nese 1947 era director da biblioteca provincial e publicaba o seu primeiro poemario), co que Lugrís mantivo boa amizade e ao que lle ilustraría o seu segundo poemario, Isla de dos.
Vigo – San Xoan – 1947 (23.6.47)1
Amigo Alvaro: Recibín hoxe carta de ña nay, na que me dí que axiña, —pol-o 4 ou 5 de Sant-Yago— deixará a Cruña con ña hirmá Pilar, pra pasare un folgar en Guitirís. ¿Que fago eu entón c´os cadros? ¿Quéimoos, escachízoos, tiro co-eles ô mar? Mellor sería levalos á tua casa; fala pra iso con ña nay, e que Manuela, nosa asistenta, sexa quen os leve sobor a sua nobre e paciente testa de boa sudra. En canto a vendelos, fai o que mellor che pareza. Eu preciso de cartos, pois, como sabes, estou a mercar cousas para miña nova casa, e tod-e pouco. Podes dar os dous cadros por 5000 pts; paréceme que a cousa é honrada, ¿non?
Eu traballo moito, pinto, ando no mar, paseo o fillo, xanto, durmo, sono…. Etc. Non t´esquezas de min, e dalle unha forte aperta ô manífico Miguel.
Teu
Urbano (Lugrís)
1. Data do mataselos. O papel da carta ten impreso o membrete propio de Lugrís: unha buguina, unha estrela de oito puntas, un veleiro e unha cuncha de vieira e as súas iniciais U. L. Todo en tinta verde, color que tamén é empregado para escribir o texto. Unha áncora, en negro, sobrancea sobre todo elo. Tamén na firma vai deseñada unha pequen áncora. (Nota de Alfonso Posse, cuñado de Cebreiro, na transcrición da carta orixinal.)
Carta n.º 3
En outubro de 1947, logo dunha visita á Coruña (aludida como «Brigancia»), Lugrís escríbelle a Cebreiro dende Vigo sobre o asunto da venda fallida dun cadro e para que este se encargue de enviarlle xunto con ese cadro outros dous a Vigo convenientemente embalados. Como sempre, Urbano escríbelle en ton humorístico e irónico e neste caso con alusións clásicas: ósculo, Orco (en referencia ao inframundo) ou sacrificios «a los Dioses».
Vigo – 8 – 10 – 47
Querido Alvaro: Huí como felón, de Brigancia, sin darte el ósculo. Esto me llevará al Orco, pero tu sacrificarás a los Dioses y lograrás la remisión de mi pecado. Te adjunto 100 cláudias, para dar fin al enojoso asunto Cristo; no se si sabrás que el cerdo de Tomás, después de acordar conmigo las condiciones de venta, ya en firme, se echó atrás a última hora con idiotas disculpas comunicadas por una criada de su hedionda casa, ya que el no se atrevió a dar la cara. ¡Una cerdada más del neolejitimista! Así, pues, te ruego hagas recoger mis cuadros —Cristo, Santiago y Florero— y los embales debidamente (cualquier carpintero lo hará bien) con un poco de paja, etc. y me los factures a esta, a porte debido. Creo que te alcanzará el dinero, y si algo sobrara bébetelo gallardamente, como cumple a un Cebreiro de raza.
Con esta última molestia, daremos buen fin al “affaire”, y te quedará muy agradecido tu amigo
Lugrís
No dejes de mandarme rápidamente los cuadros, pues un amigo de Victoriano quiere el Cristo para el, y yo ando flojo de claúdias.
Carta n.º 4
Dezaseis días despois da anterior, e en resposta a unha de Álvaro (na que este lle debía relatar as súas xestións para tratar de venderlle os cadros citados na anterior), refírese de novo á falida venda do cadro de Cristo, apalabrado en 4.000 pesetas a un tal Tomás, xa aludido na carta anterior, posibelmente un coñecido e destacado empresario coruñés dese nome (creemos que podería tratarse de Tomás Rodríguez Sabio, antigo nacionalista das Irmandades, emigrante exitoso en Cuba e Arxentina, presidente na altura da Cámara de Comercio coruñesa e que falecería case dous anos despois con apenas 48 anos), a quen dirixe curiosos insultos como «infrahome» e «berrendo coronado». E tamén se refire Lugrís a unha exposición que está preparando para decembro (inauguraríase en xaneiro seguinte no Casino de Vigo) e para a que lle solicita o envío do citado cadro do Cristo e uns taboleiros que non atopa en Vigo. No medio das coitas económicas que cita, Lugrís non abandona a ironía, esta vez nun galego fluído e zarrapicado con algunhas imaxes cultistas das que tanto gostaba.
Vigo – 24 – 10 – 47.
Amigo Alvaro: Recibín a túa. Fólgome de te ver no epinicio da mellor vontade, en percura da miña groria crematística. Non me digas cousas do “affaire” Tomás; ben sabes foi por tua iniciativa que entabléi relaciós telefónicas con tal infrahome dende a casa de Pepe, cando alí cenábamos unha noite; ¿lémbraste? Déume toda cras de satisfaciós, faloume do moito que lle gustaron os cadros, e quedamos “en firme” nas 4000 pol-o Cristo; cheguéi logo a sua casa a percibilas, e xa voltara atrás do acordo, facéndome recibir por unha doncella que, avergoñada de ter tal “señorito”, non sabía como esprical-a cousa. Eu balbordéi un peido moral sobre tal berrendo coronado e fuxín con noxo; eran as 5 da tarde. Âs 6 tiña de ir a Estación pra regresar a Vigo, e velaí porqué non puden darche o bico de despedida.
Eu ando agora en gastos feroces, pois estanme enmarcando os cadros para miña exposición de Diciembre, da que teño boas impresiós e moitas ofertas de amistade. Quero decir que a venta do Cristo (levo fallando, como Xudas ocasional, 2000 mil veces) faríame boa feira. Non deixes, pois, de mandalo, así como os tableiros de Rial, xa que aquí non s´atopa un. Agardo con esperanza todas estas cousas. El Señor cho pague por adiantado.
Saudos cariñosos a todos os amigos, e pra ti unha forte aperta de
Lugrís