A música reservada dos sonetos de Luísa Villalta

Miro Villar

Un sonnet sans défauts vaut seul un long poème /

Mais en vain mille auteurs y pensent arriver /

Et cet heureux phénix est encore à trouver.

Nicolas Boileau, L’Art poétique (1674)

En 1991 na colección de Poesía das Edicións do Castro, o liquidado proxecto editorial do lembrado Isaac Díaz Pardo, saía do prelo das Gráficas Moret o primeiro libro de poemas da escritora coruñesa Luísa Villalta (1957-2004), que levaba por título Música reservada.

A devandita colección non ocupaba un espazo central no sistema literario galego nas décadas dos oitenta e noventa. Na primeira salientaba polo número de títulos a prestixiosa colección Leliadoura, da editorial Sotelo Blanco, e cabo dela aínda que máis atrás figuraban as coleccións Dombate, de Galaxia, e Vento Branco, de Xerais. E na segunda, coa creba de Sotelo Blanco, o mascarón de proa correspondeulle á nacente Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, quen había acoller as obras futuras de Luísa Villalta.

Así pois, desde as marxes, aparecía Música reservada, onde a poeta xuntaba varios cadernos dispostos de xeito retrospectivo. O volume ábrese co que lle daba título ao libro, un caderno datado en 1987, logo temos «O oco da palabra» (1983), «Grial do sol perdido»(1985), até chegarmos ao intitulado «Pós-data», que xunta catro textos sen datación cronolóxica, e finalmente a derradeira achega é un «Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda», subdivido en catro movementos con cadansúa epígrafe: Allegro, Adagio, Scherzo e Finale. Un conxunto que como ben sinala Armando Requeixo (2023) sitúa a súa obra no ronsel da denominada «poesía dos oitenta», por máis que concordamos que haxa outros trazos que a sitúan tamén moi próxima da «poesía dos noventa».

A nosa atención vaise centrar na ducia de sonetos que aparecen no apartado «Música reservada» (1987), completados cun sexteto e co longo poema «Courante» en tercetos. Todos eles sen título, agás o derradeiro da serie «Zarabanda».

Antes de nos debruzar sobre esa ducia de sonetos cómpre facermos unha reflexión sobre a escolla desta forma estrófica pechada de longa tradición en todas as literaturas, tamén na nosa desde o anónimo «Soneto de Monterrei» (1530-1540?) ao que lle seguiron centos dos nosos poetas en todas as épocas.

Porén, na poesía galega deste século XXI o soneto está esquecido e teño para min que na actualidade é moi difícil que fose publicado ou premiado un sonetario ou libro de sonetos, algo que non acontece nas literatura da nosa contorna. Velaquí apenas dous exemplos. O sonetario (Assírio & Alvim, 2014), da autoría de Daniel Jonas (Porto, 1973. Mestre en Teoría da Literatura, poeta, dramaturgo e tradutor), foi distinguido por unanimidade co «Grande prémio de poesia Teixeira de Pascoaes» da Associação Portuguesa de Escritores (APE). E o escocés Don Paterson (Dundee, 1963. Profesor de Literatura Comparada, poeta e músico) con 40 Sonnets (Faber & Faber, 2015) foi o Winner of the 2015 Costa Poetry Award, que anualmente premia os mellores libros de poesía e narrativa de autoras e autores británicos.

Na década dos oitenta o soneto aínda estaba na crista da onda poética galega. Con só facermos unha cala non exhaustiva no ano no que Luísa Villalta datou os seus sonetos (1987), pódese anotar a profusión desa estrofa e mesmo o éxito editorial e o recoñecemento por parte de xurados e crítica.

Así, publícase Amor e tempo liso (Cancioneiro) (Sotelo Blanco) de Darío Xohán Cabana (1952-2021), que inclúe tres cancións e 56 sonetos datados polo autor en 1984-1985, recibira o Premio Celso Emilio Ferreiro 1986 e aparece na Colección Compostela, nº 1 do Concello de Santiago de Compostela.

Tamén aparece a compilación Anos de viaxe (Xerais), onde Xavier R. Baixeras xunta os seus primeiros títulos, con preponderancia de sonetos en Fentos do mar, Lembranza do areal, Os celestes faiados… E noutros volumes compilatorios como Herdo de memoria e tempo (Xerais) de X. L. Franco Grande (1936-2020) tamén se inclúen algúns sonetos ou en Álvarez Blázquez. Poesía galega completa (Xerais) aparecen os sonetos «Naufraxio», «Maternidade», «Pesadelo», «Vello cancioneiro», «Otero Pedrayo, home» publicados anteriormente en Canle segredo (1951-1953). Por parte, Arcadio López-Casanova (1942-2022) revisitaba nunha nova edición os seus Mesteres (Vía Láctea), onde temos dous sonetos no «Mester da reconciliación», doce sonetos no «Mester da elexía» e outros dous sonetos no «Mester da terra». E aínda Víctor Campio Pereira no seu O ar que nos leva (edición de autor) sitúa un dos seus sonetos como «Prólogo».

E entre as novidades dese ano de 1987 tamén anotamos sonetística; así, en Matria de sombra (Sotelo Blanco) de Xesús Rábade Paredes hai dous sonetos iniciais a modo de conceptualización do libro. Incluso poderiamos amentar, sen incluír sonetos, a preponderancia dos hendecasílabos en obras como Entre água e fogo (Cantos da terra posuída) (Sotelo Blanco) de Miguel Anxo Fernán-Vello ou A ronda invisible (Vía Láctea) de Luís Rei Núñez.

Non publicaron nese ano mais si pouco antes ou pouco despois poetas de moita habelencia e mestría co soneto como Fiz Vergara Vilariño (1953-1997), Xosé Carlos Gómez Alfaro (1949-2008), Ramiro Fonte (1957-2008), Isidro Novo (1951-2018), Xavier Seoane, Edelmiro Vázquez Naval, Millán Picouto, Xosé Miranda, Román Raña e outros nomes que nesa altura cultivaron esta forma estrófica de maneira máis esporádica.

Daquela é doado inferir que a destreza na escrita do soneto era na década dos oitenta testemuña do oficio de poeta e a forma pechada gozaba de moito prestixio.

E como son os doce sonetos da autoría de Luísa Villalta?

A primeira resposta achámola na lúcida páxina do «Prólogo», que se converte nunha autopoética. Como afirmamos noutro lugar (Villar, 2004), este prefacio ou introdución que constrúe a escritora é, en certa maneira, outro exemplo de prosa poética ou longo poema narrativo que se revela iniciático do percurso que nos agarda. «Eis a Música, que brota como o rio da existéncia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixéncia. Eis a Poesia, palabra melódica». Ou aínda estoutro parágrafo que resume os alicerces da creación persoal «este libro nace dunha experiéncia musical que busca o lume da palabra para entender a sombra do seu próprio corpo».

Luísa Villalta tamén nos fala do porqué da epígrafe, da compilación feita por compositores do Renacemento de obras fortemente expresivas, «inde-pendentes dos gostos do público e da moda, reservadas só para coñecedores». E con certeza que este seu libro é rotundamente expresivo.

Finalmente avísanos a lectoras e lectores de que ao peneirarmos nos seus adentros, con deleite saberemos que «a palabra melódica é a reflexión rítmica sobre a música da existéncia, un camiño ao coñecimento».

Luisa Villalta fotografada para o seu libro Música reservada [Ediciós do Castro, 1991]

Proba do seu oficio é o aspecto formal dos sonetos, no tocante á métrica a maioría son de versos hendecasílabos agás dous en dodecasílabos. Unicamente anotamos unha imperfección pois o verso que principia os tercetos no quinto devén dodecasílabo e non hendecasílabo como lle correspondería. E con respecto á rima, alén dos dous sonetos de versos libres, case sempre opta por facer uso de dous cuartetos e xa logo moita variedade nas rimas dos dous tercetos.

En consecuencia, Luísa Villalta aposta pola estrutura máis clásica do soneto contemporáneo en xeral. As principais rupturas con esta escola veñen pola presenza dun único soneto de cuartetos independentes e, sobre todo, deses tres sonetos de verso libre e tamén de que en dous destes últimos faga uso do dodecasílabo.

O devandito soneto de cuartetos independentes [Tinta do mar, escrebo, cando toca] é tamén o único que segue o modelo do denominado «soneto inglés» ou «»soneto de Shakespeare», pois está conformado por tres cuartetos con rimas diferentes e un pareado final.

Velaquí unha síntese, onde as composicións que non teñen título cítanse polo primeiro verso:

1. [En soneto de sons que soan sendo] ABBA ABBA CDC DCD (11)

2. [Falaban os salgueiros do seu rio] ABBA ABBA CDE EDC (11)

3. [Somos o doce fio que o siléncio outorga] Soneto de versos libres (12)

4. [Tinta do mar, escrebo, cando toca] ABAB CDCD EFEF GG (11)

5. [Escreber como quen elexe un dia] ABBA ABBA CDC DCD (11)

6. [Un paxaro voando cara ao lume] ABBA ABBA CCD EED (11)

7. [Basta esa música interior sentida] ABBA ABBA CDE CDE (11)

8. [O cego ollar da pedra é a razón] ABBA ABBA CDE CDE (11)

9. [O tempo inventará a melodia] ABBA ABBA CDE DCE (11)

10. [Torre de sol en flor, un instrumento] ABBA ABBA CDC DCD (11)

11. [Gañar, perder, criar un simple soño] Soneto de versos libres, con asonancias e-a (11)

12. «Zarabanda» Soneto de versos libres, con asonancias e-o (12)

Na temática os sonetos teñen en común a amálgama entre as súas dúas grandes paixóns vitais, a música e a poesía como forma de pensamento e de coñecemento, pois falan do son e da melodía, da música interior, da palabra e da escrita, do tempo, da noite, do soñar ou do vivir. E o dicir dos poemas sempre vai nun ritmo lento, cheo de reverberacións e ecos, como acontece na fermosa aliteración do verso inicial «En soneto de sons que soan sendo», mais tamén con apelacións a interpretar os silencios, «outras voces que o sentido ouviria / cando os sons da sua música calasen».

Non faltan as continuas presenzas do río como motivo poético, tema literario universal e tamén na nosa tradición desde a época medieval, que tería a ver co propio transcorrer da vida e a memoria do pasado seguindo a Bachelard (1978): «No puedo sentarme cerca de un río sin caer en una profunda ensoñación, sin volver a encontrarme con mi dicha… No es necesario que sea el arroyo de uno, el agua de uno. El agua anónima sabe todos mis secretos. El mismo recuerdo surge de todas las fuentes…»

Falaban os salgueiros do seu rio (…)

ou

Como cantar entón sobre outro rio?

ou

As cores son aos ollos vermes de algo

descomposto para a vida diluir-se,

como un rio, si, pero caindo

en si mesmo, sempre e retornando.

A reflexión metapoética ou metaliteraria é moi evidente nos sonetos [Tinta do mar, escrebo, cando toca] e [Escreber como quen elexe un dia] cualificando a escrita como unha ousadía e observando como se borran os nomes ou as palabras elixidas, velaí a dificultade, mesmo botando man dunha das escasas mostras culturalistas destes sonetos ao recorrer á mitoloxía grega do deus Saturno devorando o seu fillo.

Sen tampouco o citar expresamente hai outra alusión mitolóxica ao mito de Ícaro no seguinte soneto [Un paxaro voando cara ao lume] que ben lle puidera chegar dalgunha das versións de música clásica, de feito no poema aparece o violoncello, que desde o barroco recrearon esa tráxica lenda.

Alén diso, a voz poética non só describe o son, a melodía que aínda pode ser descodificada, interpretada, pois tamén se aventura por calexas introspectivas que transgriden os sentidos: «Basta ese música interior sentida, / (…) de viver sen saber o que é a vida». Está a falar da música da existencia, como suxería na introdución, e deste xeito chega a dicir que vivir é deambular ou quebrar espazos, mentres que soñar podería ser dilatarse até a ruptura para acrecentar a claridade da luz, porque, non en van «O tempo inventará a melodia (…) / e os poemas serán cantos dun dia».

Os versos libres de [Gañar, perder, criar un simple soño] reparan na diferenza entre a vida e o mundo onírico, como espazos que converxen e diverxen as máis das veces.

Finalmente, no soneto «Zarabanda», no que os dous tercetos son interrogacións retóricas sobre a dor da eternidade e o efémero da existencia, «porque o son é o momento único da vida» afirma cando xa nos tiña advertido con anterioridade «O son, a sua oquedade sobrevida / viaxa en corazóns cara á súa morte».

Con anterioridade Luisa Villalta ensaiara o soneto no caderno intitulado «O oco da palabra» 1986), concretamente para dar inicio á parte «A escrita» co texto [Non abonda a palabra recitada] que segue o esquema ABBA ABBA CDC DCD (11), porén cunha rima forzada nos versos segundo e terceiro memória / ignora e nos versos sexto e sétimo incolora / acesória.

E con posterioridade non retornou ao soneto, cando menos na súa poesía édita, mais en todos os seus libros hai composicións que recorren á música interna do hendecasílabo, do heptasílabo ou do alexandrino, un trazo que sitúa a autora na constelación de poetas que pescudaban na arquitectura formal sen deixar por iso de ensaiar e cultivar os camiños do verso indómito e libre.

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA

Bachelard, Gaston (1978). El agua y los sueños. Ensayo sobre la imaginación de la materia. Tradución de Ida Vitale. Fondo de Cultura Económica, México.

Villalta, Luísa (2021). O outro lado da música, a poesía. Edición e Introdución de Armando Requeixo. Vigo: Galaxia.

Villalta, Luísa (2023). Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004). Edición e Introdución de Armando Requeixo. Vigo: Galaxia.

Villar, Miro (2004). «Música reservada, de Luísa Villalta». Festa da Palabra Silenciada. pp. 70-72. A nosa recensión reelabora parcialmente a que se publicou co mesmo título en A Nosa Terra, nº 520, 30 de abril de 1992.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *