A VOZ DE RAMÓN SUÁREZ PICALLO

Unha fas facetas máis sinaladas de Ramón Suárez Picallo foi a de orador. Nos seus anos mozos, como dirixente sindical, dirixía a súa voz atronadora ás masas obreiras da Arxentina. Durante a II República, xa en Galicia, era requirido de cotío como o gran orador do Partido Galeguista en mitins populares, e o son da súa voz inundaba o Congreso dos Deputados, facendo exclamar a Unamuno a expresión “¿Quién es esa voz pegada a un hombre?”. Malia ao trauma da guerra, da quebra dos proxectos de futuro, o asasinato dos seus…  a voz de Suárez Picallo non se extinguiría no exilio. Nos seus últimos anos de vida en Bos Aires seguiría a deleitar a auditorios coa súa oratoria, en conferencias organizadas polas institucións da colectividade galega.
A palabra falada, ao contrario que a escrita, adoita perderse no tempo unha vez que é pronunciada e unha vez desaparece a lembranza das persoas que a escoitaron. Por fortuna, a voz de Suárez Picallo foi rexistrada nun bo número de gravacións, algunhas delas editadas en CD polo Consello da Cultura Galega no ano 2008, como esta intervención realizada na Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires en agosto de 1959.

Uns vinilos inéditos conservados polo Presidente da Asociación Sada e Contornos de Buenos Aires

Neste mesmo ano 2008 que o Consello Cultura Galega editaba un CD coa voz de Ramón Suárez Picallo, visitaba a capital arxentina o entón alcalde de Sada, Abel López Soto, para cumprir co cometido de trasladar os restos de Ramón desde o cemiterio da Chacarita ata o do Fiunchedo, tal e como el desexara. 
 
Naquel contexto, Manuel Couzo, presidente do C. E. Sada y sus Contornos, facíalle entrega a López Soto dun tesouro que custodiaran durante décadas: varios vinilos con gravacións sonoras de Suárez Picallo, as máis antigas coñecidas ata esta data. Tratábase de fragmentos de intervencións súas en varios actos organizados no ano 1954, con motivo dunha visita que realizara desde Chile, país no que entón residía.
 
 
Poñemos agora ese material a disposición de todas e todos vós a través de www.areal.gal, ao tempo que, como presentación, transcribimos un anaco dun dos discursos: 
 
O agasallo de vosoutros quero crer eu que ten tres aspectos distintos. Un pra o vello emigrante, nesta gran cidade de Bos Aires, que foi peón de botica, vendedor de alfajores cordobeses, vendedor de cousas de goma cuio nombre non se pode decir, lavaplatos de buque, tendeiro, xornalista, axitador obreiro incluso. Para a persona dun home que sendo de orixen humilde, non quixo serlle nunca infidel a este orixen. Pra o home que identificaba os problemas e as ideas que inquedaban o mundo de aquela época non esquencera este principio esencial de que a humanidade para os galegos empeza en Galicia. Pra min empeza en Veloi e a humanidade miña vive de Veloi para o mundo, pra os catro puntos cardinales e pra todos os puntos da rosa mariñeira.
 

Partillar