50 anos do pasamento de Urbano Lugrís

Manuel Lugrís Rodríguez

Na imaxe superior, Placa na rúa que lle dedicou o Concello da Coruña en 2009 [cedidas por M. Lugrís]
 .
Nesta imaxe, Retrato dunha nena coa dedicatoria «A Marujita», obra inédita
de Urbano González,

Estase a cumprir o medio século do pasamento de dous grandes pintores que aspiraron o fecundo aire da terra herculina —un deles con relación de residencia temporal e outro con orixe básica de nacemento na Coruña— e que están a ser obxecto de diferente honra pública co gallo deste aniversario na propia cidade, tanto no ámbito da cidadanía como no das chamadas autoridades.

Trátase, por unha parte, de Pablo Ruiz Picasso, falecido o 8 de abril de 1973 e que tivo o seu primixenio encontro coa cor e coa súa vocación pictórica no azul das ondas do Orzán e no verdecente palio onde asenta o Faro de Hércules, que con trece anos montou a súa primeira exposición nun baixo da rúa Real e que está a ser homenaxeado abondo polas institucións locais e por toda a parafernalia pseudoculta de xuntanza dese “todo Coruña” que decote aparece no momento oportuno da súa posta en escena para o fotógrafo.

Pero tamén neste ano se cumpre o cincuenta aniversario da morte dun xenio coruñés falecido o 23 de decembro de 1973 e que está esquecido, ou máis ben diría ocluído, na súa propia cidade: Urbano Lugrís. Os esforzos privados das asociacións In Nave Civitas e O Mural, que relembran a súa memoria ano tras ano na data do seu cabodano, fan presente a súa obra fronte á indiferenza, cando non o descoñecemento, deste pintor extraordinario e inmenso escritor, amais de todas as súas outras facetas e manifestacións artísticas como orador, poeta, muralista etc., mais realmente case pode dicirse que para unha gran maioría dos seus concidadáns non existe, como lles ocorre a moitos outros coruñeses noutros eidos da vida. Este sentimento de foraneidade é unha traxedia coruñesa que non se palía coas cursiladas das frases ditirámbicas ou do folclore de taberna. Un futbolista coruñés, saído da propia canteira, ten difícil xogar no primeiro equipo por un simple motivo: ser coruñés. E non falemos doutro exemplo máis deprimente se cabe: os emporios gastronómicos da comarca, cheos de herculinos a faceren cola para xantar, atrevéronse a abrir sucursais no centro da cidade, pero tiveron que pechar porque os coruñeses seguían indo facer cola á periferia e desprezaban o mesmo sabor culinario a escasos metros dos seus domicilios. E así poderiamos contar mil feitos que corroboran perfectamente este desgairo propio da cidadanía desta “cabeza, garda e chave do reino da Galiza” que figura no frontispicio do seu concello. E o mesmo adoitamos facer da gloria e do esplendor dos nosos xenios.

fotografía de Urbano de mozo nos seus tempos da Habana [cedidas por M. Lugrís]
 

Deste esquecemento e da ignorancia quero hoxe rescatar un nome propio que tivo un destacadísimo papel na vida cultural da Coruña nos albores do pasado século: Urbano González Varela. Era unha das persoas máis activas na vida coruñesa naqueles anos e naquela sociedade inmersa nun dualismo de manifestación social que conformaba un peculiar modo de encarar a realidade, logo dos desastres da última guerra ultramarina no Caribe e Filipinas e coa necesidade vital de se incorporar á mensaxe de achados tecnolóxicos, económicos e de avance industrial. Urbano era un home simpático e dunha gran preparación académica aos seus vinte e poucos anos. Debuxante, pintor, escritor, xornalista e figura destacada en calquera outra manifestación artística que se prezase na cidade. Socio colaborador na asociación local máis relevante naqueles tempos, o Circo de Artesáns. Alí dirixe o traballo de adornar o Teatro Principal (hoxe o Rosalía de Castro) para os bailes, preparar o propio salón da entidade para calquera acto, confeccionar unha carroza para a cabalgata etc. Entra na redacción de La Voz de Galicia da man do propio fundador, Juan Fernández Latorre, como redactor artístico alternando as súas aptitudes de debuxante e de autor dunha prosa fina, serena e brillante que aínda lida hoxe nos sorprende polas súas observacións espontáneas, cheas dun refinado humor galego con arte e intencións retranqueiras.

Urbano González Varela nacera en Santiago de Compostela en 1868, fillo de Secundino González Valdés, comerciante dunha tenda de abasto de renome na provincia cubana de Pinar del Río e que nas súas frecuentes viaxes a Galiza era o encargado polos emigrantes galegos de achegarlle a Rosalía de Castro a recadación efectuada entre eles para axudar á súa subsistencia económica. Estuda na Escuela de Bellas Artes de San Alejandro de La Habana, onde deixa sona do seu talento como pintor, do que dá fe a revista Galicia da capital cubana, que no seu número de maio de 1904, con motivo do envío dun retrato do seu pai di na pluma de Alfredo Nan de Allariz: “Aunque toda ocasión es oportuna para rendir el debido homenaje a los que por sus relevantes méritos son acreedores a tal distinción, la llegada a esta ciudad del notabilísimo retrato al óleo de D. Secundino G. Valdés, lienzo magistral del eximio pintor D. Urbano González […]”, e logo publica un longo eloxio do artista facendo relación das súas obras nun resumo breve pero evidente: “En suma, es un pintor poeta y un poeta pintor sin saber qué aspecto admirarle más”. Estuda máis tarde arquitectura en Nova York, pasando finalmente en Madrid á Academia de San Fernando entre 1885 e 1889, co pintor Casto Plasencia, que queda cativado polo seu talento. Tanto é así que no seu leito de morte manda que lle acerquen un cadro aínda sen rematar no que tiña postas todas as súas ilusións e no que escribe: “A mi único discípulo Urbano González. Plasencia”. Exerce logo a cátedra de pintura en Oviedo e deseguido gaña en oposición en 1893 a clase de modelaxe e baleirado na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde é colega de docencia durante dous anos de José Ruiz y Blasco, pai do mozo Picasso, a quen de seguro chegaría a coñecer, xa que a familia malagueña tiña o seu domicilio a poucos metros da Escola, na rúa de Paio Gómez, onde hoxe está a casa museo coruñesa do pintor.

A obra artística e literaria de Urbano González é importante e mesmo ampla a pesar da súa morte temperá. Realiza retratos, como herdeiro directo de Joaquín Vaamonde, entre eles o de Alfredo Brañas, así como outro gran número de cadros, dos que destacamos entre os máis coñecidos Homero, La Primera Labor, Vista Parcial de Santiago, Hermosiña, As Tres Gracias, De la Tierra, Una Salmantina, En el Puerto, Descanso, Cabeza de Vieja e por riba de todo o célebre traballo de Rebeca y Eliezer, co que gañou a primeira medalla de ouro do Concello da Coruña na Exposición de Pintura e Industria de 1890. Por outra banda, colaborou debuxando en todas as revistas literarias publicadas na Galiza e ilustrou numerosas obras, como o xornal Pasatiempos de Labarta Pose ou o libro Proezas de Galicia de Fernández Neira; tamén decora o Paraninfo da Universidade de Santiago e publica artigos, contos e poemas como o titulado e afamado “Ela!”

Urbano González (1º pola esquerda) coa redacción de La Voz de Galicia |

Tamén saen do prelo e son premiadas as súas obras literarias Cantares, Entre luces, a comedia teatral Amor e meiguería e o Estudio sobre Gregorio Hernández en verso. Quedou a medio acabar á súa morte o drama Contagio, que fora demorado decontino por mor de responsabilidades máis urxentes.

O 5 de decembro de 1904 funda a Asociación da Prensa da Coruña nun acto no Circo de Artesáns da rúa San Andrés ao que convoca a toda a familia periodística e que ten unha gran repercusión social na cidade. É nomeado primeiro presidente, pero exerce o cargo só durante uns poucos meses, xa que debido á súa enfermidade ten que dimitir e marchar para Santiago, onde falece o día 24 de abril de 1906 con trinta e oito anos.

Esta é a breve crónica vital dun artista, pintor sublime, gran literato e poeta que, como tantos grandes xenios, está practicamente esquecido, e do que quixen plasmar constancia aquí, nesta revista tamén sublime e enchida de galeguismo, como lembranza da súa breve pero fecunda andaina neste mundo de vivos que non ten outra intención que o cariño das palabras que estades a ler. E como todo isto está subliñado polo aniversario do pasamento de Urbano Lugrís González, dicir que Urbano González Varela era tío materno do gran pintor do mar, nado dous anos máis tarde da morte del e que leva o seu nome, e de seguro que foi o inspirador na súa memoria dos pinceis e das letras do outro Urbano de apelido Lugrís a quen recordaremos durante todo este ano dos dez lustros do seu pasamento.

E ben será finalizar este traballo cun poema de Urbano Lugrís adicado á morte de Pablo Picasso, escrito baixo a sinatura do seu heterónimo máis sentido, Ulysses Fingal:

“Un réquiem cativo para un pintor grande”

Hoxe pregunteilles ás vagas do Orzán,

—Que tristura garda voso verde afán?

que ata as areas tan graves están…

Respondeu o vento —¡Ay foi un amor

do mar maior!

De mar maior de Riazor,

con vilas asulagadas, e mortas en fror.

(E tódolos sinos do fondo do mar,

hoxe todos andan a saloucar,

i a chorar)

As sereas calan. Soio canta o mar.

O mar, testemuño dun neno andaluz,

que tiña nos ollos gardada unha lus.

As ondas do Orzán

van, veñen,

van.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *