María Lopo
En 2022 celebrouse o centenario do nacemento de María Casares, a actriz galega exiliada que se converteu nunha das creadoras imprescindibles do teatro e do cinema do século XX. Descoñecida na súa Galicia orixinaria, reivindicada polo exilio republicano do que sempre se sentiu orgullosa integrante, e respectada pola Francia que a formou, a mellor maneira de descubrila é escoitar ou ler o que ela mesma deixou dito sobre o seu propio itinerario vital en textos e entrevistas. Muller dunha gran cultura, dunha extrema sensibilidade e de rexos principios, as súas palabras nunca son triviais nin aburridas1, senón intensas e entrañadas nunha vida marcada polas convulsións e as metamorfoses derivadas da loita antifascista e da arte liberada.

Nesta Imaxe,
Casa Museo Casares Quiroga [Fotografía de Alba Guerra Gontán]
A nena María Victoria Casares Pérez naceu ao pé do mar, na Coruña, o 21 de novembro de 1922, na casa familiar da rúa Panaderas 12, que dende o ano 2007 alberga a Casa Museo Casares Quiroga, de propiedade municipal. Foi filla de Gloria Pérez Corrales e de Santiago Casares Quiroga; por parte da nai provén dunha saga de mulleres obreiras, de cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Palloza e, por parte do pai, entronca cunha relevante familia da burguesía progresista coruñesa. Antes de vir ao mundo, a pequena, chamada Vitola polos seus, xa tiña unha irmá trece anos maior ca ela, Esther Casares Quiroga, nacida dunha relación anterior do seu pai.
Na súa lembranza, viviu unha infancia plena e recibiu unha educación libre. A fonda conexión natural co océano Atlántico, selada para sempre nas augas da praia de Bastiagueiro, foi unha das columnas que a sostiveron na vida e así, por exemplo, declara con toda naturalidade en 1994 que o máis parecido ao que sentiu cando debutou no teatro con vinte anos é dar un salto e mergullarse no océano2. Outra columna vital imprescindible foi a intimidade coa palabra poética, aprendida na biblioteca familiar da rúa Panaderas, onde a lectura e a recitación dos poetas preferidos de Santiago Casares nunca foi esquecida pola actriz, que nos deixou en audio e en vídeo o testemuño da súa voz encarnando, por exemplo, a palabra de Curros Enríquez3. Porén, non todo resultaba idílico nesa súa nenez malia todo preservada; María Casares explica como deduciu a extrema gravidade da detención do seu pai en decembro de 1930 -consecuencia da súa participación nos sucesos de Jaca- ao ver o gran tamaño dunha casa de bonecas coa que o Concello da Coruña decidiu agasallala precisamente neses momentos4.
En 1931, a proclamación da Segunda República e as responsabilidades políticas e gobernativas de Santiago Casares ocasionaron o traslado familiar a Madrid, cambio que a pequena viviu como o seu primeiro «exilio», tal como a adulta relata no seu libro de memorias, Residente privilexiada, escrito en francés e publicado por vez primeira en 19805. Malia a difícil adaptación á vida na capital, a nena tivo a inmensa sorte de poder incorporarse alí ás aulas do Instituto-Escuela, onde recibiu unha formación de vangarda pedagóxica inspirada nos principios da Institución Libre de Enseñanza, experiencia de aprendizaxe que tamén constituíu unha das columnas da súa vida; foi nesta escola onde participou por vez primeira en funcións de teatro escolar.
O golpe de estado fascista de xullo de 1936 e a Guerra Civil ocasionaron a saída de España da futura actriz acompañada pola súa nai en novembro de 1936, data na que ambas as dúas iniciaron o seu exilio en Francia: «En Le Perthus (…) empecé a sentarme en las maletas, porque luego hubo toda una época en que yo pasé mi vida sentada en las maletas»6. En París, cidade na que se instalaron, María Casares cumpriu os catorce anos e comezou un intenso período de formación: aprendizaxe do idioma, clases de bacharelato no Lycée Victor-Duruy e, axiña, a iniciación na interpretación teatral, pois as súas dotes para a recitación e o teatro eran evidentes. Ao remate da Guerra Civil, Santiago Casares reunirase coa súa muller e a súa filla pequena, mais será por pouco tempo, porque o estalido da Segunda Guerra mundial e a Ocupación alemá do territorio francés forzan a súa nova marcha, en xuño de 1940, ao seu dobre exilio en Inglaterra, país no que permanecerá ata 1945, ano no que retorna a unha Francia liberada. A súa filla maior, Esther, fora encarcerada en Galicia sen causa nin xuízo en 1936; sometida posteriormente a un réxime de liberdade vixiada, non se lle permitiu saír de España coa súa filla María Esther Varela Casares ata 1955. Esther e María Esther non volveron ver nin a Gloria nin a Santiago, falecidos ambos os dous no exilio francés, en 1946 e en 1950 respectivamente.

María Casares e a súa nai Gloria Pérez viviron pois en París os difíciles anos da Ocupación alemá; a súa casa converteuse nun lugar de digna acollida para persoas perseguidas polo nazismo e polo réxime colaboracionista de Vichy, como foi o caso de Nina Reicyn, intelectual xudía rusa, finalmente detida, deportada e asasinada en Auschwitz xunto a outros doce membros da súa familia en 1942. Será este un ano decisivo na vida da María Casares, pois o día dos seus vinte anos, o 21 de novembro de 1942, debutou como actriz profesional, en francés e xa nun papel protagonista, na obra do autor irlandés Synge, Deirdre das dores, estreada no parisiense Teatro Mathurins. A partir deste momento, e baixo o nome artístico de Maria Casarès, iniciou unha fecunda carreira teatral e cinematográfica, na que traballou cos profesionais indispensables da escena do século XX e interpretou os textos maiores da dramaturxia universal. Tan só porá fin a este brillante e longo percorrido o seu falecemento, o 22 de novembro de 1996, na súa casa de La Vergne, en Alloue (Charente), a primeira casa que mercou no exilio, porque algo nela lle lembraba o Pazo do Río en Montrove, próximo a esa praia de Bastiagueiro que foi o seu paraíso da infancia.



En 1979, en conversa con André Camp e Ramón Chao en París, María Casares, expresaba así esa importante presenza na súa vida: «lo que quiero hacer lo más pronto posible, tan pronto pueda, es el viaje a Galicia, pero así, solamente, a ver Bastiagueiro, a ver la playa de Bastiagueiro, a ver, a ver Galicia, eso, quiero hacerlo / ¿y sola? / sola.»7.
María Casares nunca regresou a Galicia. Uns anos antes desta entrevista, en 1976, volvera por primeira vez a España dende a súa partida ao exilio en 1936 para representar El adefesio de Rafael Alberti, nun retorno que ela quixo enteiro, tal e como afirma nesa mesma conversa: «Yo (…) me decía, si voy a España por la primera vez tengo que ir entera, es decir, con el teatro y con el “engagement” [compromiso militante]». Mais este retorno, en plena Transición, resultou complexo, difícil e tristemente incompleto para ela, pois contraeu unha hepatite que a obrigou a volver a Francia para unha longa convalecencia, e a suspender a xira que debería tela traído a Galicia.
Nos meses da súa recuperación vai tomando forma o proxecto dunhas memorias que certamente non se terían escrito sen esa volta a España, e que se converterían nun dos textos fundamentais da nosa literatura do exilio. En Residente privilexiada, a actriz revélase como unha excelente escritora. A súa lingua de poeta vai narrando as sucesivas etapas dunha vida marcada polo exilio e a creación; con verdade e vitalismo aborda a súa infancia e a súa adolescencia, os seus inicios teatrais, e relacións persoais fundamentais como as mantidas co escritor e premio Nobel Albert Camus ou co actor e cantante André Schlesser, quen se converteu no seu marido en 1978. Este matrimonio civil foi un acto dun fondo simbolismo, pois a actriz puido acceder así, por unión, á nacionalidade francesa, concedida polo Estado galo en 1980; cómpre lembrar que María Casares decidiu manter o seu estatuto de refuxiada e o seu permiso de residente estranxeira (primeiro ordinaria e despois privilexiada), mentres o fascismo gobernase España.


A correspondencia intercambiada co seu pai Santiago Casares ou con Albert Camus8, así como cartas a outros correspondentes e textos diversos sobre o teatro ou o cinema escritos por ela, veñen confirmar unha sensibilidade poética que xa era evidente no seu xeito de abordar os textos literarios no teatro, sempre dende o máximo respecto ao autor, e sempre dende a fondura da investigación actoral. O seu humor e a súa vitalidade, tan atlánticos, embeberon certamente as linguaxes creativas da escritura e da escena francesas e testemuñaron dos difíciles, insospeitados e fecundos camiños do noso exilio.
A Galicia primordial, a da natureza atlántica e oceánica, foi recuperada por María Casares durante o seu exilio francés nas praias e nos acantilados da Fisterra bretoa, que se converteron para ela nunha Galicia de substitución, a onde viaxou en moitas ocasións durante toda a súa vida; non en van o mediterráneo Albert Camus, nas súas cartas, vai chamala «a miña Fisterra»9. Mais a Galicia humana, a Galicia exiliada, non a vai recuperar ata que, en 1957, viaxa por primeira vez a América nunha xira coa compañía do Teatro Nacional Popular (TNP), dirixida por Jean Vilar. Nesta viaxe, e nas posteriores, María Casares vai reencontrarse con algunhas persoas que non vía dende 1936 e tamén vai coñecer moitas das que integraban a comunidade exiliada e emigrante.
Neste contexto do exilio galego en América, producíronse como mínimo dous encontros de María Casares con Ramón Suárez Picallo en Bos Aires. Do primeiro, en 1957, consérvanse as verbas de agasallo coas que Suárez Picallo recibiu a María Casares no Consello de Galiza. Nelas, a palabra liberdade, a evocación de mulleres galegas universais como Rosalía de Castro ou Concepción Arenal, a lembranza de Curros ou a enumeración de lugares coruñeses como Montrove ou Bastiagueiro mostran a proximidade humana e intelectual á súa figura10. Consérvase tamén un testemuño, desta vez gráfico, dunha nova recepción da actriz polo Consello de Galiza uns anos máis tarde, en xuño de 1962, durante a súa segunda visita a Arxentina, a onde a conduciu a xira da peza Cher menteur. María Casares gardou durante toda a súa vida unha fotografía asinada no reverso polos membros do Consello de Galiza, marcado co selo da entidade, o enderezo, o lugar e a data11. Outras fotografías da mesma serie, tomadas o mesmo día, foron conservadas por Suárez Picallo, e hoxe están depositadas no Fondo Suárez Picallo do Arquivo do Reino de Galicia. A xenerosa colaboración da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo co Concello da Coruña posibilitou que o importante álbum que as contén formase parte da exposición que eu mesma coordinei para conmemorar o centenario da actriz: María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada, celebrada na Sala Municipal de Exposicións da Coruña do 12 de maio ao 25 de xullo de 2022.
«¿hay algo que te exalte? / El Atlántico»12
1 «el aburrimiento (…) es el principio de una mala muerte». María Casares entrevistada por Julio Feo, Séptimo arte, París, Radio France Internationale, 1-7-1986. Agradezo a Manuel González-Mohíno a súa xenerosa localización das entrevistas da actriz en RFI, que se rescatan por vez primeira neste artigo.
2 Maria Casarès, histoires d’actrice. Filme de Fabienne Pascaud e Jacques Malaterre, realizado por Jacques Malaterre, La Sept, 1992.
3 Así, entre as diversas gravacións conservadas, María Casares recita en galego os poemas «Cántiga» e «Nouturnio» de Manuel Curros Enríquez en Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega.
4 María Casares entrevistada por Henry Chapier, Le Divan, FR3, 12-1-1992.
5 Existe unha tradución galega de Ana Belén Martínez Delgado publicada pola editorial Trifolium en 2009, e unha tradución española, realizada por Fabián García-Prieto e Enrique Sordo en 1981 da que se publicou en 2022 unha nova edición revisada e anotada por María Lopo na editorial Renacimiento.
6 María Casares entrevistada por André Camp, Esbozos, París, Radio France Internationale, 23-11-1979.
7 María Casares entrevistada por André Camp e Ramón Chao, Esbozos, París, Radio France Internationale, 7-12-1979.
8 Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949), edición de María Lopo, A Coruña, Baía Edicións, 2008. Albert Camus e Maria Casarès, Correspondance 1944-1959, prólogo de Catherine Camus, ed. de Béatrice Vaillant, Paris, Gallimard, 2017. Esta última correspondencia foi editada en español pola editorial Debate en 2023.
9 «Mon Finistère», p. 297 da edición francesa.
10 Ramón Suárez Picallo, «Verbas de Ramón Suárez Picallo no agasallo do Consello de Galiza a María Casares» [1ª edición en Unión Gallega, outubro de 1957], Escolma de textos en galego, Sada, Concello de Sada / Consello da Cultura Galega, 2008, pp. 117-118.
11 A imaxe, hoxe custodiada no Fonds Maria Casarès (IMEC, Francia) foi reproducida no meu libro O tempo das mareas. María Casares e Galicia, Consello da Cultura Galega, 2022 (1ª ed. 2016), p. 145.
12 Resposta de María Casares a Julio Feo, entrevista en Séptimo arte, París, Radio France Internationale, 1-7-1986.