GALEGOS DA EMIGRACIÓN ESQUECIDOS. RICARDO FLORES: PROTAGONISTA INDISCUTIDO DA ACCIÓN GALEGUISTA NO RÍO DA PRATA

José Martínez-Romero Gandos

Ricardo Flores Pérez nacera en Sada no 1903, emigrara á Arxentina no 1929, onde foi dirixente da Irmandade Galega, da Sociedade Nazonalista Pondal, do Consello de Galiza e Presidente do Centro Coruñés. As testemuñas sobre a súa vida e actividade comprometida coa vida política, a lingua e a cultura galegas non aparecen nidiamente na bibliografía. Somos aqueles que coñecemos a este galego inesquecible os que asumimos o compromiso de transmitir ás novas xeracións o perfil deste home, o seu carácter e o seu quefacer cotián. 


Son sempre unha referencia obrigada os traballos sobre Ricardo Flores publicados en Areal por Luis Pérez Rodríguez, José Ma. Monterroso Devesa ou Antón Santamarina Delgado (Nros. 1 e 5). Lembraredes, asemade, os aportes persoais na mesa redonda que en torno á súa figura programouse en Sada en xullo do 2012 coa presenza de estes autores, Pilar Jeremías Cela, Carmen Moreno e eu mesmo. 
Imaxe. Ant.:Ricardo Flores na homenaxe que se lle tributou en Buenos Aires en decembro de 1996. 
Nesta imaxe: Ricardo Flores e a súa dona conversando con Pilar Jeremías.
Non sempre é doado aportar á memoria colectiva o que xurde da memoria persoal. Hai ocasións nas que a nosa conciencia rexistra o que aínda gardamos nun recuncho do rexistro da nosa experiencia vital. Cando os responsables da Revista Areal solicitaran a miña presenza na devandita mesa redonda coidei que esgotara todos os relembros sobre a miña relación con Ricardo Flores e que revisara todos os meus arquivos sobre o tema. Dun xeito inexplicable días pasados atopei unha chea de fotos dun acto de homenaxe a Ricardo que no lembrara. 

Pepe Neira Vilas definirao moi ben. No seu libro Memorias da Emigración III dinos: “Ricardo Flores é un exemplo de compromiso perenne con Galicia. En máis de sesenta e cinco anos de emigración nunca deixou de traballar polo seu país. Escribindo, facendo teatro, colaborando en diferentes institucións, falando, educando, investigando, protestando cada vez que a protesta é necesaria. Cunha lealdade sen crebas, cunha firmeza sen claudicacións. E con modestia porque nunca foi home de fotografías en primeiro plano nin de cabeceiras de mesa. Recatado, humilde, cordial con todos, é un exemplo de conduta en función de servizo patriótico”(páx. 197/198). 

Polo seu carácter pouco propicio a aceptar homenaxes foi bastante difícil convencelo que aceitara o que lle brindara un importante grupo de militantes e simpatizantes do BNG de Bos Aires en decembro de 1996. Non puido rexeitar o pedido para que presidira a mesa dese importante banquete na compaña da súa dona, do Presidente da Federación de Sociedades Galegas, Paco Lores e doutros dirixentes da Colectividade galega emigrada. 

Presentei o acto con moitísima ilusión e tentando subliñar o máis relevante da súa personalidade. Lembrar que o acto xurde da vontade de moitos dos presentes que tivemos a honra de escoitar a Ricardo lendo versos cunha vista cuasi centenaria, ver a este home repartir folliñas escritas na vella máquina ou corrixidas de orixinais pola súa man e escoitar a súa defensa do idioma galego, “castrapeado” no seu uso por moitos coma el mesmo afirmaba 

O Delegado do BNG en Bos Aires neses tempos, Francisco Lores Mascato e Presidente da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina fixo a entrega dun pergameo que Ricardo recibiu con emoción e agarimo. Non teño rexistro das verbas que máis logo pronunciara. Lembro que unha outra vegada o seu discurso, enchido de patriótica defensa da cultura e identidade da Patria Galega, puxo en pé á nutrida concorrencia.

Na súa homenaxe música e cancións interpretadas por Lorena Lores.
Segundo dixera Higinio Martinez Estévez en ADIGAL- Associaçom Civil dos Amigos do Idioma Galego-, “foi un home absolutamente consecuente na súa vida coas ideas que profesou, e sempre mantivo a sonrisa na boca, máis alá dos problemas que tivera, o que demostra que tiña un equilibrio emocional, unha tranquilidade espiritual moi forte porque estaba plenamente compenetrado coa loita polos seus ideais. Tiña unha forte razón para a súa existencia. Así viviu 99 anos”.
Os que morabamos en Bos Aires non esqueceremos o Día da Patria Galega do ano 2002. Nas vésperas, un protagonista indiscutido da acción galeguista no Río da Plata e protagonista desta nota, Ricardo Flores Pérez partiu ao encontro dos irmáns que con el loitaron pola defensa da Galiza.
Ricardo celebrou o Día da Patria Galega con seus irmáns, Castelao, Ramón Suarez Picallo, Eduardo Blanco Amor, Manuel Puente, Xosé Bieito Abraira, Bieito Cupeiro, Luis Seco Piñeiro, Moisés da Presa, Rodolfo Prada e tantos outros. O Secretario de Actas do célebre Consello de Galiza (o primeiro goberno galego presidido por Castelao), mora xunto aos patriotas galegos dende o mércores 24 de xullo do 2002.
Nese día 24 de xullo o corazón do “Patriarca dos escritores galegos” e activo partícipe do movemento asociacionista en Bos Aires, detivo o andar deste home “bo e xeneroso”. Ese ano cumpriu 99 anos. Cen anos de vida e setenta de traballo e loita pola cultura galega e pola Patria.
Silandeira partida. Cumpriuse a súa vontade de ser cremado. A máxica inspiración dun poeta vencellado á Terra tivo, estamos seguros, decisiva importancia cando decidiu partir. Seu primeiro artigo foi publicado un 25 de xullo do ano 1933 baixo o título de “A patria dos galegos”. Exactamente 69 anos máis tarde, o 25 de xullo do 2002, as súas cinzas agardan a viaxe definitiva á Galiza.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará