As recomendacións de Sergio Modia

Descenso | Talia Lugacy (2007)

Filmada en 2007 e dirixida por Talia Lugacy. Conta unha historia dramática sobre unha estudante que sofre unha violación por un compañeiro de universidade. Anos despois a casualidade volverá colocalos no mesmo camiño, pero esta vez buscarase o “ollo por ollo”. É unha película escura, na que a ensinanza é que a vinganza só xera máis dor e impide continuar e esquecer o pasado.

Nueve reinas | Fabián Bielinsky (2000)

Unha fantástica cinta arxentina, rodada no ano 2000 e dirixida por Fabián Bielinsky. Conta a historia de dous estafadores de segunda, na que se produce un xiro inesperado. Esta película é un clásico do cinema arxentino, cun magnífico Ricardo Darín, actor que me encanta e que fai un papel magnífico. Unha película dinámica, que en cada xiro de cámara rompe totalmente a, en principio, trama principal.

Society | Brian Yuzna (1989)

Brian Yuzna, mítico director dos 80, embárcase nesta confusa película de 1989 onde se mestura a fantasía, o terror psicolóxico e humor negro. O fillo dunha familia acomodada empeza a notar cousas moi estrañas no seu grupo social, que terminan nun descubrimento moi sucio. Referencias a illuminatis, ritos, sociedades secretas…, completan esta descoñecida cinta de finais dos 80.

Pacífico | Pablo Vidal e Daniel Landa(2016)

Pacífico, de Pablo Vidal e Daniel Landa (Un mundo aparte), é unha ruta de 40.000 quilómetros desde o norte do Xapón ata as illas de Indonesia, desde Borneo ata Papúa, desde a Micronesia ata o sur de Nova Zelandia. Unha expedición única, froito dun ano de viaxe, na que os autores chegan ás comunidades indíxenas para lles dar voz ás tribos dos lugares máis remotos do planeta.

Debut | Björk (1993)

O primeiro álbum de estudio de Björk, entrando pola porta grande, que foi aclamado pola súa innovadora fusión de xéneros, a cal incluía pop, electrónica, dance, jazz e trip-hop, entre outros estilos. Totalmente experimental, Björk mostrou a súa capacidade de romper barreiras musicais e desafiar as convencións establecidas. É un disco que a min, particularmente, me parece redondo no seu todo.

Blue Train | John Coltrane (1957)

Editado polo mítico selo Blue Note, este disco de Coltrane elévase a un clásico do jazz e do hard bop no que Coltrane exhibe o seu talento como saxofonista. No disco estaban músicos da altura de Le Morgan na trompeta, Curtis Fuller no trombón, Kenny Drew no piano, Paul Chambers no baixo e Philly Joe Jones na batería. Blue train segue soando cunha modernidade humillante.

Voz propia | Os días e as sombras (1997)

Grupo peruano de post-punk que leva en activo desde 1985 ata a actualidade; nace no Perú dos 80, un país moi complexo a nivel social e político. Se este disco destaca é pola súa pureza na súa influencia do grupo español de post-punk Décima Vítima con toques góticos e do dark-pop.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *