Mercedes Leobalde.
OLLIÑO CON
Boas! Nesta sección inicial do noso Curruncho levamos xa varios números pronome vai, pronome vén, mirando de colocarmos correctamente os pronomes átonos nas oracións. É é que a complexidade do tema require sen dúbida de certa demora.
Nesta ocasión centrarémonos nos casos en que o pronome vai precedido por algúns indefinidos e por determinados adverbios ou locucións adverbiais (isto é, «adverbios» formados por varias palabras) que «atraen» os pronomes átonos cara a si, provocando que se sitúen diante do verbo. Así pois, cando antes do verbo vai algunha destas palabras non seguida dunha pausa, o pronome átono irá antes do verbo:
• unha palabra que indica negación, como xa vimos noutro Curruncho: non, nin, nin sequera, tampouco, nunca, xamais, endexamais, nada, ninguén, ningún…
Ninguén llelo soubo dicir e eles nunca o adiviñarán
Ningunha explicación che vale
• os adverbios de afirmación si, tamén, abofé que, de verdade…
Tamén o sinto, de verdade cho digo
• as palabras algo, alguén, ambos-as, calquera, todo, todos-as, mesmo, mesmos-as
Alguén volo tivo que contar, iso calquera o entende
Todas me animaron
Os mesmos profesores o contaron
• os adverbios de dúbida quizá/quizás/quizais/quizabes, talvez, disque, seica, pode que, poida que, probablemente, posiblemente
Quizais nos conveña investir, disque o farán todas as empresas
• os adverbios de cantidade abondo/dabondo, algo, bastante, ben, de sobra, demasiado, máis, menos, moito-a, nada, pouco, tan, tanto, todo
Bastante a tentaron para que aceptase o posto, mais pouco lle interesou, de sobra o sabes
• os adverbios de tempo aínda, decote, sempre, xa
Sempre lle tivestes medo, aínda o lembro
• os adverbios presentativos eis, velaquí, velaí
Velaí os tedes, quédanvos riba da mesa
• os adverbios de inclusión ata, incluso, mesmo
Ata llo advertiron as compañeiras. Ata as compañeiras llo advertiron
• outros adverbios, como apenas, case, só, soamente, unicamente
Case o gastamos todo, apenas nos queda para o bus
Existen moitos máis adverbios á parte dos mencionados, certamente, pero como non inflúen na colocación dos pronomes non serán obxecto da nosa atención. O que si convén subliñar é que a relación de atracción existente entre certos adverbios e os pronomes átonos é complexa e garda relación con distintos factores, nomeadamente coa alteración da orde habitual das palabras por cuestións enfáticas. Comparemos estes dous enunciados:
Paréceme moito / Moito me parece
O primeiro deles é sen dúbida máis neutro, meramente informativo, mentres que o segundo é máis expresivo, enfático, ao punto de que case pide unha exclamación final. Pois é precisamente esa alteración da orde dos elementos con funcións expresivas a que provoca a anteposición do pronome.
Mais isto non ocorre só cos adverbios, senón con calquera alteración brusca da sintaxe normal. Observa este enunciado:
O meu corazón che entrego.
Sería posible dicirmos O meu corazón entrégoche? Non, rotundamente. Encontraremos algún libro de gramática que diga que o sintagma «o meu corazón» provoca a anteposición dos pronomes átonos? Eu non o vin na vida. Entón que ocorre aí? Pois ocorre que a orde normal co verbo entregar, a non-marcada, sería Entrégoche o meu corazón, e que esa alteración abrupta da sintaxe motiva un cambio de posición no pronome.
Isto mesmo acontece con algúns adverbios de lugar, malia que polo xeral nin estes nin os de tempo inflúen na posición do pronome átono. Vexamos este exemplo:
Tróuxenche o libro, déixocho aquí (neutro)
Tróuxenche o libro, aquí cho deixo (enfático)
Debemos deducir do anterior que adverbios como aquí, aí, alí… modifican a posición dos pronomes? Non, polo xeral non o fan, polo que deberemos dicir:
Aquí véndense repolos e alí véndense flores exóticas
Porén, cando enfatizamos e alteramos a orde máis habitual, si que antepoñemos: Xa non o quero, aí che queda!
E por hoxe xa está ben de pronomes. Ata o seguinte número…
DESMENTIDOS: *TRADUZCO, *TRADUXEN, *TRADUZCA?
As formas verbais do título van precedidas de asterisco porque son totalmente incorrectas en galego.
Cantos verbos coñecemos que rematen en –ucir? Vexamos: traducir, conducir, producir, reproducir, inducir, deducir, seducir… Pois ben, todos eses verbos, que no castelán presentan varias irregularidades na súa conxugación, son na nosa lingua completamente regulares. Quere isto dicir que se comportan como calquera verbo regular acabado en – ir. Tomemos como modelo escribir:
Escribo, escribes, escribe, escribimos, escribides, escriben
Daquela, os presentes de traducir, conducir e producir son:
Traduzo, traduces, traduce, traducimos, traducides, traducen
Conduzo, conduces, conduce, conducimos, conducides, conducen
Produzo, produces, produce, producimos, producides, producen
Vémolo? De escribir temos escribo e de traducir, traduzo. Do mesmo xeito, se de escribir é escriba, de traducir será traduza, se de escribir é escribín, de traducir, traducín (observemos que se alternamos -c- / -z- é precisamente para reflectir na forma escrita esa regularidade fónica de acordo coa norma ortográfica de escribirmos za, ce, ci, zo, zu).
Xa que logo, a partir de hoxe:
DIREMOS E ESCRIBIREMOS | NON DIREMOS NIN ESCRIBIREMOS |
traduzo produzo conduzo traduza produza conduza traducín producín conducín traducise producise conducise traducira producira conducira | *traduzco *produzco *conduzco *traduzca *produzca *conduzca *traduxen *produxen *conduxen *traduxese *produxese *conduxese *traduxera *produxera *conduxera |
Así de simple, sen ningún tipo de “rareza”calcada doutro idioma.
Agora que xa dominamos a conxugación dos verbos en –ucir, engadamos á listaxe de verbos regulares aqueles que acaban en –acer e –ecer (agás facer, que é irregular de todo, pobriño). Referímonos a verbos como abastecer, adoecer, adormecer, agradecer, aparecer (e desaparecer, comparecer etc.), carecer, compadecer, coñecer (e tamén descoñecer, recoñecer etc.), crecer, desfalecer, enfurecer, escurecer, nacer, obedecer (e desobedecer), padecer, parecer, perecer… Todos estes verbos presentan, como acabamos de ver no caso dos verbos en -ucir, un -z- ante o e a na súa conxugación, nunca -zc- (*aparezco, *aparezcas, *aparezca, *carezco, *carezcas, *obedezcamos son castelanismos gramaticais que cómpre desbotar). Diremos, polo tanto, adoezo, adoezades, agradezo, agradezades, padezamos, parezo, parezades etc.
Proba ti a completar estas frases:
Acáeme mellor esta roupa, con esa ……………….. un pallaso (PARECER)
Non quero que isto che ……………….. máis problemas (PRODUCIR)
Eu …………….. camións desde os vinte anos (CONDUCIR)
Por favor, volve xa, non esperes a que …………………. (ANOITECER)
Non foi ela quen …………………. esa novela, ………………..a eu (TRADUCIR)
Arrola o meniño para que ………………. (ADORMECER)
Espero que vós non ………………… a última hora e sen avisar (APARECER)
Retornou porque quere estar aquí cando ……………. o seu fillo (NACER)
Teño miopía pero non ……………… de astigmatismo (PADECER)
Díxoche así para que lle …………………. o favor (AGRADECER)
Se bebes non……………….. (CONDUCIR)
LÉXICO: AS FESTAS DE SANTOS A NADAL
A elaboración deste número de Areal cadrounos “entre Santos e Nadal”, que diría o refrán, de maneira que mentres isto escribimos coexisten a pouca distancia as decoracións terroríficas máis serodias do Samaín asomando aínda dalgunhas das casas da contorna coas luces do Nadal tras os cristais daquelas vivendas máis adiantadas á hora de poñer a árbore e a restante ornamentación típica destas vindeiras festas.
Se a primeira das festas orbita arredor do Día de Defuntos e ten que ver, xa que logo, co feito de lembrarmos e honrarmos os nosos mortos, o Nadal celebra, por contra, un nacemento. E é que, se ben os datos históricos sitúan o nacemento de Xesús en datas máis achegadas á primavera, o cristianismo operou nisto, como noutros casos, superpoñendo as súas festividades relixiosas sobre as celebracións pagás xa existentes, de maneira que o único que muda é o motivo da festa mentres que se manteñen as datas en que tradicionalmente as persoas se reúnen para celebrar. No caso do Nadal, a relixión aproveitou para introducir a festa do nacemento de Cristo na celebración pagá do solsticio de inverno, isto é, do momento do ano con menos horas de luz solar e máis, por tanto, de escuridade, que ten lugar no hemisferio norte entre o 21 e o 22 de decembro. Virá de aí, quizais, o noso afán desmedido polo lucerío no Nadal? Responderá a un medo ancestral a ficarmos na escuridade, tan irracional que non atende á existencia de iluminación pública nas nosas rúas? Haberíallo que consultar a algún sociólogo, pero a hipótese, en principio, non carece de lóxica.
E, xa postos a desmentir, convén reconsiderar, ou puntualizar cando menos, a idea de que as celebracións arredor do Día de Defuntos son totalmente artificiais e importadas dos Estados Unidos. Certamente, o consumismo e a imaxinería propia do Halloween invadiunos sen remedio, introducíndose a través dos medios nas escolas, nos comercios, nos fogares. Con todo, cómpre apuntar que as celebracións arredor do primeiro de novembro veñen de moi, moi atrás, dunha orixe común indoeuropea que festexaba arredor desta data o final do verán e o comezo dun novo ciclo agrícola, e tamén dun novo ano que nacía coa estación invernal. Críase daquela que neses días de transición os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, e desa crenza proveñen moitos dos ritos actuais. Co andar do tempo, tras a dominación romana e o cristianismo (que aproveitou esta festa precristiá para implantar unha festividade propia: a de todos os santos xuntos, nada menos), perdeuse en boa parte do continente a esencia e o sentir da celebración primixenia. Non obstante, os ritos conserváronse mellor nos territorios con maior influencia celta, e precisamente da man dos emigrantes irlandeses foi como cruzaron o Atlántico. Alí denomináronse Halloween, que procede da expresión All Hallows Eve (ou All Hallows Evening), ‘noite de Todos os Santos’. E de América rebotou, case cen anos despois, de novo cara a Europa, xa completamente transformada nunha especie de entroido outonal e ben mercantilizada, como mandan os novos tempos.
Todo isto viña a conto para facer notar que en Galicia existían xa, moito antes da invasión ao estilo estadounidense de morcegos, arañeiras e vampiros ensanguentados, tradicións e elementos case rituais arredor do primeiro de novembro, tradicións antigas que van dos magostos ás cabazas con caras talladas para meter medo, dos colares de zonchos (castañas cocidas coa pela) ás historias da Santa Compaña, como así o testemuñan tanto lembranzas e relatos da xente de idade como moitas vellas fotografías.
Ao fío do anterior, algo semellante acontece coa figura do Apalpador, que sobreviviu nalgunhas zonas de Galicia e está a ser recuperada desde o ámbito da cultura, nun intento de revitalización cun éxito, polo de agora, moi relativo —mesmo considerando a ausencia de apoio institucional—. O certo é que nestes tempos é francamente difícil competir con Papá Noel / Santa Claus / San Nicolás, os seus magníficos renos voadores, os seus industriosos trasnos/elfos e os seus tan xenerosos agasallos se un camiña a pé e en solitario, por moito que un se implique na tarefa e amplíe o catálogo de obsequios das castañas de outrora ás existencias todas do Toys R Us.
Mais deixemos estas disquisicións e centrémonos no que aquí nos interesa: o léxico, as palabras coas que denominamos as distintas realidades tradicionais nestas festas.
Con respecto ao Samaín, limitarémonos a depurar algúns castelanismos:
NON! | SI |
*cementerio | cemiterio, camposanto |
*difuntos | defuntos |
*espíritu | espírito |
*floristería | florería, floraría |
*calabaza | cabaza, calacú… |
*calavera, *calaveira, *calivera | caveira |
*telaraña, *tela de araña | arañeira, tea de araña |
*velas | candeas |
*monstruos | monstros |
*a sangre, *a sangue | o sangue |
En canto ao vocabulario propio das festas en que estamos, comecemos por condenar de vez as formas espurias *Navidad/*Navidade/*Navidá e falemos sempre do Nadal. A este engadiremos o xa comentado solsticio, a árbore (reparade no xénero!), o nacemento, o belén, as panxoliñas e vilancicos, os agasallos ou regalos, o día de Noiteboa, o de Noitevella, o de Reis, o Aninovo, o champaña, os turróns, as badaladas de fin de ano…, e verbos como celebrar, festexar, desexar, ofrecer, regalar, agasallar, crer, gozar, recordar/lembrar, cociñar, xantar, cear, reunirse, xuntarse, compartir…
E como podemos felicitar as festas e así canalizar tantos bos sentimentos como nos invaden? Bo Nadal, boas festas, feliz Nadal, felices festas, feliz ano novo, venturoso ano novo, venturoso 2024 ou moita felicidade no ano que comeza son só algunhas das fórmulas posibles.
E que ocorre coa palabra aninovo e tanto Feliz Aninovo! como se escoita? O primeiro que debemos saber de aninovo é que non equivale a ‘ano novo’, senón só ao primeiro ou primeiros días do ano que comeza (por exemplo: Sempre van pasar o Aninovo cos seus pais). Así pois, dicir feliz Aninovo equivale a desexar unha boa entrada de ano, e nese sentido é correcto. Ora ben, se queremos prolongar xenerosamente os nosos bos desexos á totalidade do ano entrante e non limitarnos ao día ou días iniciais, prescindiremos desa palabra.
ENREDOS
Desta volta toca enredar con adiviñas:
Estou pensando, pensando, de pensar vólvome tola: coa sogra da muller de meu irmán, que parentesco me toca?
Ten orellas de gato e gato non é, ten fociño de gato e gato non é, ten rabo de gato e gato non é. Quen é?
Na terra teño un curmán pero estou feliz no mar, cabalgo nas augas calmas e agóchome nas algas.
HOXE RECOMENDAMOS
Queremos mencionar nestas datas varias páxinas nas que podemos mercar produtos galegos e en galego para agasallar ou agasallarnos.
Comezaremos pola páxina web do Igata (Instituto Galego do Talento), na que se ofrece unha moi completa guía de artigos de todo tipo: produtos gastronómicos, libros, roupa, complementos, cosmética, xoiaría, bixutaría, decoración e artigos para o fogar, obradoiros, experiencias…
https://institutogalegodotalento.es/blog-igata/guia-agasallos-nadal-2023/
A este amplo catálogo podemos engadir aínda:
https://revistapincha.gal/neste-nadal-agasallos-culturais-e-de-artesania-galega/
https://www.chafaris.es/gl/content/22-xogos-e-xoguetes-galegos
CITA PARA A REFLEXIÓN
Toda persoa que defenda a súa propia lingua sen agredir a ninguén ten a razón da súa parte
(Tilbert D. Stegmann, Universidade de Frankfurt).