CINE
Especial slasher
O xénero slasher como tal nace nos anos 60 con películas como Psicose ou Dementia 13, aínda que recoñecido non foi ata finais dos anos 70, cando a película A noite de Halloween (1978) marca o comezo da idade dourada do xénero.
Durante a primeira metade dos anos 80 saen títulos que consolidarían o xénero, como Venres 13, Prom Night ou a coñecidísima Pesadelo en Elm Street.
O seu nome provén do inglés slash, que significa ‘coitelada’ ou ‘corte’.
As películas do subxénero slasher teñen principalmente varias cousas en común: un psicópata sedento de vinganza, adolescentes e armas moi afiadas.
Hai grandes esquecidas do xénero slasher, películas de baixo orzamento que pasaron desapercibidas pero que son reflexo de todo un movemento que tivo o seu ocaso na segunda metade dos 80, debido a unha proliferación descontrolada de películas deste tipo que levou ao declive do xénero (só resucitado anos despois por películas como Scream, en 1996).
Hoxe en día hai títulos interesantes, aínda que o xénero non ten tanto punch como antes.
Películas:
Navidades negras (Black Christmas, 1974)
The Slumber Party Massacre (1982)
Campamento sangriento (Sleepaway Camp, 1983)
La cabaña en el bosque (The Cabin in the Woods, 2011)
Quizais esta sexa unha pequena lista de pequenas xoias do xénero, pero hai moitas máis. Pode que o que significou e representa o subxénero Slasher sexa moito máis amplo de explicar e, culturalmente, represente unha época clave na industria do cinema.
Tentei resumilo da mellor forma posible.
DOCUMENTAL
Electric Boogaloo: a tola historia de Cannon Films (2014)
Un documental imprescindible estreado en 2014.
Nos anos 80 naceu unha produtora da man de dous curmáns xudeus cuxa paixón polo cinema cambiou para sempre a forma de facer e comercializar as películas. Chamábanse Menahem Golan e Yoran Globus e da súa produtora, a mítica Cannon Films, xurdiron estrelas da altura de Chuck Norris ou Charles Bronson. Neste documental, Mark Hartley repasa, a través de fragmentos e entrevistas, as hilarantes peripecias da produtora, así como dos seus dous peculiares e extravagantes fundadores, coas súas grotescas campañas de mercadotecnia.
Cannon Films pode dicir orgullosa que foi a única produtora en sacar antes unha segunda parte dunha película que a primeira.
MÚSICA
Luís Queimada: I Feel Strange (1974)
Neste caso gustaríame destacar este single de HispaVox do ano 1974, onde Luís Queimada se marca unha psicodelia fantástica. Xerme do grupo galego Queimada, ofrécenos esta peza magnífica. Unha rareza digna de mención.
Programa: Síntesis Digital (1983)
Un grupo moi descoñecido de synth-pop español. O seu disco Síntesis Digital bebe de moitas influencias, pero principalmente de Kraftwerk. O seu tema «Programa-1» é dun virtuosismo que nada ten que envexar á escena berlinesa.
DJ Tiga: Sexor (2006)
Este disco apareceu cando a escena do electro estaba en pleno auxe. É un disco completísimo e o álbum debut de DJ Tiga, de nacionalidade canadense. Foi premio á gravación de baile do ano 2007. Elegante e escuro á vez, rítmico e revolución da escena electrónica.