ISAAC DÍAZ PARDO, EMIGRANTE Á ARXENTINA

 José Martínez-Romero Gandos
Súmome ás homenaxes que galegas e galegos organizan para celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, salientando os méritos, calidades e aptitudes dun importante representante da cultura galega.

Para coñecer a súa biografía contamos cunha importante contribución de publicacións, nomeadamente as publicacións da A.C. Irmáns Suárez Picallo, polo que limitarei as citas á necesidade de comprender o propósito deste escrito: o paso de Isaac pola emigración ao alén mar e a creación da Fábrica de Porcelanas Magdalena.

A nosa familia de referencia estivo composta por Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920–A Coruña, 2012), a súa dona Carmen Arias de Castro «Mimina» (A Coruña, 1921–Sada, 2013) e o seu fillo Camilo Díaz Arias de Castro (1948), que tiveron unha participación relevante na creación e desenvolvemento da fabrica de Magdalena. O matrimonio tivera outros dous fillos: Xosé Díaz Arias de Castro (A Coruña, 1949), cunha escasa participación, e Rosendo Díaz Arias de Castro, o grande ausente nas biografías familiares. Agás Rosendo, coñecín a todos eles na Arxentina e máis tarde nas miñas viaxes á Terra.

Todo parece comezar no tempo no que España vendía os xacementos de caolín locais a Alemaña. Isto levou a Isaac a emigrar en 1955 á Arxentina. Alí contaba con emigrantes e exiliados cunha gran liberdade intelectual e produción. A fábrica do Castro continuou funcionando sen el, a cargo de Mimina.

Establecido o nexo cos exiliados, Isaac comparte faladoiros e ideas con Luís Seoane, Xosé Núñez Búa, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Raquel Forner e outros. Luís Seoane, teórico da arte, deseñador, debuxante, pintor, muralista e anovador nos eidos da cultura, achega toda a súa creatividade e imaxinación para establecer o que el chamou «a industria da memoria», comezando polo proxecto fundamental: o Laboratorio de Formas de Galicia (ver o Caderno de Estudos Xerais núm. 14, marzo de 2019, da miña autoría e editado pola A.C. Irmáns Suárez Picallo), alicerce dos proxectos posteriores de Cerámicas do Castro e de Sargadelos.

Impulsado por Xosé Núñez Búa e Luís Seoane, o proxecto da Fábrica de Porcelanas Magdalena lévase adiante. En 1956 nace a sociedade Celtia, a marca comercial das porcelanas, cun capital repartido entre 300 accionistas representantes dun microcosmos no alén mar da emigración galega ao Río de la Plata: emigrantes, exiliados republicanos e amigos arxentinos. Díaz Pardo posúe o 18% do capital, que aporta logo da venda de pinturas e pezas de cerámica que expón en Bos Aires. Din as crónicas que, con xenerosidade, coloca as accións ao nome de Cerámicas do Castro, que comparte con José Rey e Federico Nogueira. Máis adiante tivo problemas con estas persoas e outras moitas no negocio das porcelanas. Tamén na Fábrica de Porcelanas de Magdalena na etapa final da produción artística.

Interior da fábrica de Magdalena (mesas 

con obreiras decorando) e xogo de café «Cabalos»

[na imaxe anterior] logotipo de Magdalena no reverso dun prato  

Fotografías cedidas polo autor

Alédame moito ler a entrevista que a Revista Areal (núm. 20, abril de 2020) lle fai ao debuxante, ilustrador, deseñador cerámico Calros R. Silvar, quen traballou durante 30 anos na Fábrica do Castro. Alí di Calros:

Díaz Pardo, coma toda persoa, ten as súas luces e sombras, mais é imposible negarlle o mérito de ter erguido un grupo empresarial único pola súa filosofía e planteamento empresarial, por poñer o país como eixo da súa actividade, pola orixinalidade da súa produción e polo seu apoio á memoria histórica e á cultura galega en xeral. Mais non hai que esquecer que, boa parte diso, nada tería sido sen o encontro co exilio galeguista na Arxentina e, nomeadamente, con Luís Seoane.

 Eu engado que o mesmo pode dicirse de Luís Seoane en palabras de Isaac:

 

Se esta liña de conducta se entende como unha norma inherente ao seu poder creador, eu entendía que a miña manía de non deixar morrer as cousas tiña que cabrealo moito, mais eu superaba incluso as descualificacións que me facía sempre, porque ademais, destas cousas vivían xa centos de familias, e acabar con elas era darlle a razón aos que non entenden a Galiza (Díaz, Mª. América: Luís Seoane. Notas ás súas cartas a Díaz Pardo 1957-1979, Ediciós do Castro, 2004, limiar, páx. 11).

 

Referíase deste xeito Isaac ás diferenzas nos proxectos de Magdalena, O Castro, o Museo Maside e Sargadelos, entre outros, aos que Luís renunciou en cada momento. 
Dúas personalidades creativas, fortes, cunha intelixencia práctica ao servizo da cultura. Fun privilexiado contertulio na casa de Luís e Maruxa en Bos Aires, onde se falaba dos acordos dun e doutro sobre proxectos a realizar. Tamén das súas diferenzas. Hai moitas máis cartas aínda sen publicar nos arquivos da Fundación Luis Seoane, ordenadas minuciosamente por Maruxa, que as gardou nun baúl até o seu pasamento. 
Nun deses faladoiros, aos que asistiamos varios integrantes da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, coñecemos a Camilo Díaz. Isaac xa participara anteriormente neles. Camilo convida a Inés Canosa, Ricardo Palmás, Pilar Jeremías e a min a unha visita á Fábrica de Porcelanas Magdalena, a 107 km de Bos Aires, na pampa húmida bonaerense. Non era para nós unha viaxe doada, pola nosa condición de estudantes universitarios sen coche. Convidamos a Doris Seco Cela, quen aportou a mobilidade, e coñecemos deste xeito, de primeira man, a organización, produción e resultados da fábrica. 

Xogo de café «Cabalos» 

Nunha parcela de 10.000 m2, con exencións municipais por 10 anos e o apoio municipal, érguese a fábrica cuxa construción remata en 1957. Camilo Díaz estuda cerámica na Universidade da Plata, a 47 km. Isaac vive na fábrica, nun modesto recuncho que establece alí. Pai e fillo estudan as materias primas necesarias (o caolín atópase a moi poucos quilómetros en xacementos moi ricos da provincia de Bos Aires), analizan maquinaria, fornos e sistemas de produción. O persoal necesario é contratado na próxima localidade de Magdalena, e instruído por Isaac, Camilo e Geno Díaz. Finalmente, o sistema de produción será un ensaio do sistema circular de Sargadelos. Cada equipo de obreiros vai rotando por todas as sección, comezando polo amasado da pasta, moldeado, forno, pintura e decoración, firma con iniciais, envasado e depósito. Unha novidade que corroboramos na nosa visita era que, ao final dese percorrido produtivo, había un pequeno salón con mesas de debuxo e o equipo pasaba alí unha semana, logo de rematar o proceso, creando novas formas e decoracións, que asinaban. 
Visitando ese salón coñecemos a anécdota dunha obreira que, nesa semana de licenza para deseñar, diante dunha fiestra luminosa, dicía que ela non tiña capacidade para tal tarefa. Diante das cuncas e pratos en branco para decorar sentía que perdía o tempo. Xogando con elas colle un tapón de cortiza, móllao na tinta e marca sucesivamente na cunquiña de café. O modelo, que por suposto saíu a venda, foi un éxito. 
Houbo moitos deseños xurdidos dese cuarto. Conservo un prato cun deseño experimental de liñas partindo do centro dun xeito radial moi bonito. Tamén conservamos un xogo de café con deseño de cabalos cuxos recipientes poden ser utilizados para viño ou licores 
Celtia incorpora destacados artistas plásticos ao seu proxecto. As figuras producidas anticipan traballos posteriores en Sargadelos, como o «Gaucho a caballo» de Luís Seoane, a serie «Tango» de Geno Díaz, a «María Magdalena» de Isaac e deseños de Laxeiro ou Torrallardona. Tamén Carmen Arias se incorpora ao persoal como decoradora no 1958, tras a marcha de Geno Díaz. Mimina instala un obradoiro no que aprende ás mulleres a súa forma de facer bixutería. 
A visita á fabrica abraiaba a calquera. Isaac marchou a durmir a sesta e Camilo amosounos un depósito pequeno cheo de «cascallos», pezas de todo tipo que tiñan defectos de fabricación. Díaz Pardo non permitía que esas pezas saísen de Magdalena, nin para doazón nin para regalar. Tiñan sentenza de morte: a destrución. Herdeiro da xenerosidade do seu pai, Camilo ofreceunos que levásemos o que desexásemos desas pezas, especialmente nós, os noivos de poucos medios que casariamos axiña e que tivemos dese xeito louza dabondo para o futuro fogar. A empaquetar todo e a desaparecer! Isaac nunca tivo coñecemento deses feitos. Foi un día marabilloso para todos nós. Grazas Camilo, unha outra vez. 
Unha carta a Carmen Muñoz e Rafael Dieste ilustra, unha vez máis, as diferenzas de estilos de vida e creación de Isaac e Luís:

 

A Mimina y Díaz Pardo no logramos sacarlos de la fábrica donde profesan, en la que Mimina es mártir y Díaz Pardo un extraño ermitaño que se disciplina consagrado a un Dios monstruoso y alemán u oriental de caolín y fuego. […] Antes de llegar estas últimas cartas estuvimos pasando algunos días con ellos (Mimina e Isaac, n. del r.) en Magdalena. Allí decoré cien platos para un mural inspirado en la decoración de unas casas del Sudán e hice cuatro grandes dibujos coloreados para unos mosaicos de porcelana que ejecutó luego Díaz Pardo para un establecimiento de La Plata. (Carta de Luís Seoane a Carmen Muñoz e Rafael Dieste, 21.11.61. Fundación Luis Seoane. Fondos documentais).

 

Na década dos 60 os integrantes de Celtia divídense ante a toma de decisións importantes de cara ao tipo de produción futura. A administración forza a presentación nunha licitación de illantes de porcelana para postes eléctricos para o Goberno arxentino. Uns opinaban que constituía unha oportunidade moi grande de negocio e emprego. Outros, coma Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, que maxinaran o proxecto como un chanzo no desenvolvemento do Laboratorio de Formas de Galicia, rexeitan o proxecto, perden e deciden apartarse.

É o comezo do fin das Porcelanas Magdalena, proxecto orixinal e creativo que tivera unha aceptación masiva entre os arxentinos.

Deseño experimental de Magdalena. Fotografías cedidas polo autor

 


BIBLIOGRAFIA

Díaz Arias de Castro, Xosé y Escrigas, Guillermo (eds.) (2006): Isaac Díaz Pardo: creación e compromiso na Galicia do século XX. A Coruña. Deputación Provincial.

Díaz Pardo, Isaac (2006). Crónicas inconformistas, Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. VII Premio «Roberto Blanco Torres» de Xornalismo de Opinión. Santiago de Compostela.

Díaz, María América (2004): Luis Seoane. Notas ás súas cartas a Díaz Pardo. 1957-1979, Ediciós do Castro.

Gerhardt, Federico (2016): «Semblanza de Isaac Díaz Pardo (1920-2012)». En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes – Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) – EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/-isaac-diaz-pardo-santiago-de-compostela-1920–la-coruna-2012-semblanza/

Martínez-Romero Gandos, J. (2019): Luís Seoane: Día das Artes Galegas 2019. Merecida homenaxe a un artista creador polifacético. Cadernos de Estudos Xerais, nº 14, marzo 2019, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Sada.

Pérez Graña, Beatriz (2003): «Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista», Universidade de Santiago de Compostela, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, Premio Xohana Torres de Investigación 2003, Santiago de Compostela.

Portela Yáñez, Charo: «Álbum de Mulleres. Carmen Arias “Mimina”», Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela. http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1012#. Visto o 5.1.2020.

Ruellan, Gabriela F. (2020). «Inesperada historia de las porcelanas Magdalena». Visto o 3.01.2020 en http://mercurialia.blogspot.com/2016/07/inesperada-historia-de-las-porcelanas.html

Seoane, Luis (1961): Carta de Luis Seoane a Carmen Muñoz Manzano e Rafael Dieste (21.11.1961). Consello da Cultura Galega. Fondos documentais/epistolarios. Santiago de Compostela.

 

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *