Xabier Brisset Martín
Dentro da programación do espectacular XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrado en Sada entre os días 3 e 6 de agosto pasado tiven ocasión de comisariar a exposición A Sabedoría das Ribeiras, na que se homenaxeaba os sadenses que en 1909 constituíron a Sociedade Vigilancia de la Ría, comprometéndose a denunciar a todas as unidades pesqueiras de tecnoloxía industrial que non respectasen o santuario que reservaba o interior das rías para a pesca tradicional. Esta autoorganización da ribeira pescadora sadense respondía a un momento de máxima tensión no que estaba en xogo o futuro da pesca galega, é dicir, o noso presente. A consecuente actitude na defensa da biodiversidade daqueles sadenses ben merece hoxe un recoñecemento que identifique aqueles magníficos referentes que non podían estar máis próximos.
O paso da pesca tradicional á pesca industrial é doado de visualizar atendendo á mudanza das técnicas e tecnoloxías utilizadas polas unidades pesqueiras. Unha ría cuberta con pequenas e medianas embarcacións coas velas enchidas, como lucían en Sada durante o recente Encontro, lévanos á realidade de finais do XIX, cando centenares de lanchas do xeito e ducias de xávegas e boliches respectaban quendas e vedas, compartindo os farturentos caladoiros coas compañías das artes maiores. Trahíñas, traiñóns e aínda na Coruña o inmenso cedazo, o rei das rías durante varios séculos, que anualmente aproveitaban a colleita da sardiña, entre setembro e decembro, cando máis en sazón estaba para a salga.
Lonxe da imaxe idílica que evoca hoxe ese compasado mar de velas, era un mundo con conflitos e desigualdades, pero tamén de compromisos, identidades e referentes, no que os coñecementos acumulados durante xeracións inmemoriais permanecían vivos nas diferentes ribeiras pescadoras. Por toda a beiramar galega esas entidades, sen recoñecemento legal nos estados liberais, eran operativas e decisorias nos aspectos esenciais para a colectividade. Expresión máxima da cultura mariñeira, máis aló do etnográfico, do folclórico e de todo tipo de manifestacións materiais e/ou inmateriais, adquiren a súa inmensa dimensión determinando regulamentos, ordenanzas e códigos escritos ou orais, que enmarcan o xeito de se relacionaren os seus integrantes entre si e co omnipresente medio con prácticas sostíbeis, sendo a súa bandeira de identidade a irrenunciábel «posesión do mar»e a consecuente defensa dos seus recursos.
Aquela era unha cultura mariñeira en constante enriquecemento e adaptación, na que nacían, medraban e morrían os que deseñaron, construíron e navegaban nas embarcacións que hoxe chamamos tradicionais e as mulleres que complementándose, facían viables os esforzos de captura e transformación que garantían o futuro dos máis e dos que virán.
ENFRONTAMENTO DE CULTURAS
Entre os anos 1883 e 1916, aquela cosmoloxía foi desafiada por unha nova cultura, novas ideas na relación cun medio que podía e debía ser explotado sen control, novas necesidades que xustificaban multiplicar o esforzo pesqueiro, novos instrumentos que facían posíbel un máximo de eficacia, medida esta na relación brazos/investimentos/rendibilidade; semellando ser a máxima motivación o afán de centralizar os beneficios en poucas mans. A iso chamaron liberdade de pesca, e xenericamente progreso.
Evidentemente ese enfrontamento entre culturas foi un proceso ao longo do tempo, con antecedentes mesmo no século XVIII, na primeira guerra polas sardiñas, polo que resulta ousado concretar no ano 1883 o comezo da pugna, tanto como no 1916 a súa finalización, pois nos anos 20 aínda había mares galegos en conflito. Feita a observación, debe salientarse o amoreamento de factores determinantes neses trinta e tres anos nos que se desenvolveron unha ducia de batallas, algunhas gañadas polas ribeiras pescadoras, outras, as definitivas, polo bando extractivista conformado polos grandes investidores terrestres, conserveiros, exportadores de fresco e os seus poderosos aliados, políticos, xornais e lexisladores.
O último domingo de xaneiro de 1909 celebrouse no Teatro Circo da Coruña un gran mitin de mariñeiros de todo o Golfo Ártabro. Armadores e tripulantes de traíñas interviñeron contra o emprego das tarrafas. A consigna foi organizarse para defender o ben común. Catro días despois redactouse en Sada o regulamento da primeira asociación mariñeira da vila, que contaba con 154 socios fundadores.
Cando se funda a sociedade Vigilancia de la Ría, existía un santuario de pesca tradicional na ría das Xunqueiras1. Unha marca entre Punta Coitelada e Seixo Branco era o límite excluínte. Dentro desa marca só podían pescar as trahíñas, xeitos, xávegas e boliches. Fóra, quedaba reservado para as traiñeiras con cerco de xaretas. A tres millas da costa podían pescar as tarrafas de vapor, tamén con cerco de xaretas pero moito máis grandes.
Fundadores e directiva:
Antonio Abad, Eduardo Abad Vila, Ángel Aguiar Rodríguez, Manuel Andrade Monzo, Domingo Bao, Juan María Blanco Díaz, Manuel Bujía López, Antonio Carballido, Andrés García García, Emilio García Ramos, José Guerra Amor, José Guillén Carregal, Fermín Hermida, Baltasar López Parada, José Ramón Lourido, Manuel Monzo Babío, Jacinto Morlán Vila, Pablo Pena García, Juan Ramos Golán, Sergio Rodríguez Iglesias, José Antonio Suárez Couceiro, Juan Verdía Guerra, Francisco Vila e Arturo Vila López.
A ría da Coruña foi sacrificada. Os humildes xeiteiros de Mera, Santa Cruz, Perillo, A Coruña…, foron perseguidos e multados por pescar coa máis humilde das artes nos mares de sempre.
Defender o santuario de pesca tradicional era un dos principais obxectivos dos mariñeiros sadenses. Tamén erradicar o uso da dinamita na pesca. As súas ideas e prácticas serían hoxe premiadas polo Código de Conduta para unha pesca responsábel da FAO.
A súa aposta polas regulacións e a defensa da biodiversidade foi derrotada cando os lexisladores aceptaron os criterios dos extractivistas. Tamén foron humillados e condenados ao esquecemento. Agora que os estudos científicos son unánimes en favor da pesca artesanal e a liberdade de pesca é erradicada ata nos océanos máis afastados, chegou o día de recuperar eses magníficos referentes da pesca de baixura galega. Eles sabían do que falaban.
SADA, CORAZÓN MARIÑEIRO
Vemos na anterior fotografía o aspecto exterior da Capela de San Roque, na que no verán de 2010, coa exposición «Ondas de Irmandade», se conmemoraba o centenario do asociacionismo mariñeiro en Sada. Foi visitada por milleiros de sadenses, que identificaron a máis dun cento de familiares que formaron parte das diferentes directivas das sociedades e sindicatos da vila: sociedade de mariñeros Vigilancia de la Ría (1909); El Despertar de los trabajadores del Mar (1919); Gremio de armadores de tarrafas y demás artes de pesca (1920); Pósito Marítimo Terrestre (1926) e Sindicato Oficios Varios (1931).
Esta mostra, patrocinada pola Consellería de Pesca, foi estreada na Casa do Mar de Sada en decembro de 2009 e itinerada polo Instituto Isaac Díaz Pardo, Biblioteca Municipal e parroquias de Veigue, Carnoedo, Mondego, Mosteirón e Meirás. Visitou tamén a Escola Náutico Pesqueira de Ferrol, Neda, Fene, Redes e, co patrocinio da Deputación, os concellos de Arteixo, Betanzos, Laracha, Cambre, Carballo, Malpica, Miño, Paderne e Valdoviño, para quedar, finalmente, en poder da Confraría de Pescadores de Sada.
Pola brevidade desta colaboración non podo aquí máis que informar duns artigos publicados na revista Cátedra (ver bibliografía) nos que analizo o desafío citado cos documentos da lexislación que xerou e outros procedentes da Axudantía de Mariña de Pontedeume que, en boa medida, son extrapolabeis á realidade de Sada.
Bibliografía do autor sobre o tema:
«Embarcacións da 2ª guerra polas sardiñas». Revista Cátedra nº 30, no prelo. 2023.
«Os mariñeiros que defenderon o santuario». Revista Cátedra nº 29, pax. 139-165. 2022.
«A 2ª guerra polas sardiñas en Artabria». Revista Cá-tedra nº 28, pax. 245-268. 2021.
«Centenario do fin do ―conflito da ardora‖». Revista Areal nº 12, pax. 37-40. 2016.
1 A ría das Xunqueiras constitúe a parte central do Golfo Ártabro, dende a Punta de Seixo Branco ata Punta Coitelada. Entran as mareas polas desemboca-duras dos ríos Eume en Pontedeume, Baxoi en Miño, Lambre en Ponte do Porco e Mandeo en Betanzos. Antigamente eses esteiros estaban cubertos de xun-cos, dándolle nome ao conxunto como «ría das Xun-queiras». Funcionarios e ilustrados foráneos rebauti-zárona dividíndoa como ría de Ares, ría de Betanzos, distrito de Sada…, creando confusión. Para a Mariña estaba dividida en comandancias, axudantías, pero para os pescadores era e é un ecosistema indivisíbel.