Manuel Pérez Lorenzo.
O pasado 11 de agosto tiñamos noticia da incoación, por parte da Xunta de Galicia, do expediente para declarar o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside Ben de Interese Cultural (BIC), a figura que protexe os elementos máis relevantes do patrimonio cultural galego. Era, xa que logo, un notable paso adiante para o recoñecemento e a preservación de todo un fito no panorama museístico do noso país. Dun edificio e dunha pinacoteca que son moito máis que iso: forman parte singular da nosa historia, pois nacen e desenvólvense no marco da industria cultural máis importante da Galicia contemporánea. Porén, a clasificación como BIC, produto dunha prolongada demanda política e social, logo de anos de demora e de vencer reticencias do goberno autonómico, non dá solución a diversas problemáticas ás que se enfrontan o Museo e o complexo no que este se inscribe: Cerámicas do Castro1.
En primeiro lugar, a declaración como BIC só afecta ao Museo, o que o desliga do conxunto no que está integrado, desampara os demais elementos que o integran e, por conseguinte, recoñécelles un valor inferior ao do ben protexido, unha idea que pode ter nefastas consecuencias ao se proxectar socialmente. As razóns polas que o BIC se debe estender ás Cerámicas do Castro, na súa totalidade, son varias e cada unha en si mesma xustificaría esta decisión. En primeiro lugar, pola necesidade de preservar a obra do seu creador, Isaac Díaz Pardo. Máis alá aínda da súa faceta como pintor e como ceramista —e en ambas é unha figura capital na Galicia do século XX—, o artista compostelán é o pai, o promotor, o ideólogo e o condutor dun proxecto orixinal e ambicioso conformado polas fábricas de Sada e Sargadelos e todas as iniciativas que foron medrando ao seu redor. Tamén é, en boa medida, o seu executor na práctica cotiá. A el corresponde o deseño de moitas das pezas, pero tamén o desenvolvemento tecnolóxico necesario para podelas materializar. Nos edificios, no mobiliario, na cartelería…, albíscase a súa pegada facilmente identificable.
Para valorar a súa transcendencia hai que ter en conta o contexto e as razóns que motivan os seus actos. O que crea Díaz Pardo en plena posguerra, a finais dos anos corenta, non é unha empresa ao uso. É, probablemente, a principal iniciativa de contestación ao réxime franquista desde o plano cultural. Unha poderosa ferramenta para a democratización da arte (levándoa aos fogares en forma de producións industriais utilitarias), pero tamén para a proxección da identidade diferencial do pobo galego no marco dunha ditadura que a estaba a esmagar e a estigmatizar. A singularidade de tal obra é maior aínda se temos en conta o lugar no que emerxe, a apenas dous quilómetros da residencia oficial de verán de Franco, do centro ao redor do cal xiraba o poder político cada verán. A carón do pazo de Meirás, dun dos núcleos do que emanaba a actividade represiva encamiñada a inhibir a resistencia e o cambio, Isaac ergue un foco que irradia modernidade e que, ao mesmo tempo, dignifica e reivindica as formas, os significados e os valores da tradición cultural galega. E faino construíndo unha ponte co mundo libre que representaba o exilio, de tal xeito que é o Castro o principal punto de unión entre dous universos aos que a guerra deixara desconectados: a Galicia interior, oprimida polo réxime, e a Galicia desterrada, que, baixo o liderado de figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor ou Ramón Suárez Picallo, seguía a construír país e a alentar un futuro en liberdade desde a outra beira do Atlántico.
Xa que logo, salvagardar e difundir a obra de Díaz Pardo, entendida como o conxunto das súas producións, implica facelo tamén con Cerámicas do Castro. Porén, resulta evidente que, malia o seu papel central, estamos ante unha empresa colectiva, ligada a outras personalidades que tamén son parte creadora: o propio Seoane, o arquitecto Andrés Fernández-Albalat ou, nomeadamente, Carmen Arias de Castro, Mimina, a compañeira de Isaac, que fai posible o nacemento e o desenvolvemento do complexo do Castro. Ela pon os terreos nos que se asenta, que forman parte do vello pazo familiar, e exerce labores centrais na xestión da fábrica, dirixindo a decoración das pezas, deseñando decorados, exercendo como mestra das traballadoras e traballadores, cargando coa dirección cando Díaz Pardo se establece na Arxentina para montar a fábrica de Magdalena, ou ideando e facendo realidade a sección de xoiería, de exitosos resultados. Visibilizar a figura de Mimina, opacada pola súa condición feminina e pola dimensión inmensa de Isaac, é unha tarefa dificilmente abordable se non se ten na debida consideración a súa herdanza máis valiosa, que son as propias Cerámicas do Castro.
Protexer o legado de personalidades de tal magnitude sería xa motivo suficiente para considerar a extensión do BIC a todo o conxunto. Pero existen máis razóns aínda. Actuar de forma congruente é unha delas. No ano 2013, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia incoaba a declaración como BIC, coa categoría de monumento, da outra gran peza que compón o conglomerado creado por Isaac, a fábrica de Sargadelos. Argumentábase entón que os «edificios, construcións e bens asociados a eles conforman unha unidade coherente», polo que cumpría integralos baixo esta figura de protección. A exposición de motivos xustificaba esta medida cos seguintes termos:
O conxunto de edificios que conforman a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas é a materialización do singular proxecto industrial, cultural, social e de identidade galega ideado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, froito das reflexións, investigacións e propostas xurdidas no Laboratorio de Formas. Son reflexo directo da vontade de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos, creado por Antonio Raimundo Ibáñez, cuxo pensamento ilustrado inspirou a Isaac.
[…] A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, cos seus bens accesorios, conforman un conxunto sobranceiro dentro da arquitectura industrial galega do século XX polo seu valor como industria cerámica punteira enmarcada nun proxecto ambicioso, cultural, social e de identidade galega, así como pola singular configuración arquitectónica e o valor dos bens mobles e artísticos neles contidos.
Os deseños de Isaac e Luís Seoane son funcionais, de aspecto industrial, de extraordinaria lóxica construtiva e racionais. Neles podemos recoñecer o movemento moderno, pero, ao mesmo tempo, incorporan aspectos da cultura tradicional galega, nun traballo de integración entre a propia tradición e as vangardas europeas do século XX.
A arquitectura, os bens mobles e artísticos e a produción cerámica da nova fábrica de Sargadelos son froito do estudo da arte e da cultura galegas ao longo da súa historia, buscando nas formas castrexas, medievais ou barrocas, populares, rurais ou urbanas aquilo que puidera identificar a arte galega como un feito diferencial. Este feito diferencial era cotexado e reinterpretado aos ollos da arte do século XX, modernismo, construtivismo ruso, racionalismo da Bauhaus e todas as últimas achegas artísticas e intelectuais da época no ámbito internacional.
A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas constitúe, pois, un exemplo singular e único de industria, na cal o proceso industrial era parte dun proxecto cultural moito mais ambicioso de rexeneración cultural e social de Galicia e no cal o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica conformaron unha realidade sobranceira de vangarda diferencialista galega.
[…] O conxunto de edificios, construcións e bens asociados a eles conforman unha unidade coherente, polo que pode entenderse como un ben industrial de especial interese. Por todo o anterior, dada a significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural deste ben industrial, sobranceiro e único en Galicia, merece o seu recoñecemento de ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento.2
Todo este argumentario, punto por punto e sen matices, pode ser aplicado a Cerámicas do Castro. Non existen, pois, razóns para actuar de xeito distinto nun e noutro caso. Máis aínda cando, no caso de Cervo, a declaración BIC non obstaculizou nin moito menos impediu o desenvolvemento da actividade empresarial. É máis, preservar todo vestixio que teña que ver coa identidade orixinal do proxecto de seguro contribuiría á súa continuidade no futuro, se temos en conta que o éxito comercial da marca Sargadelos está ligado ao seu valor simbólico, ao feito de producir bens cuns marcados trazos que a sociedade identifica con Galicia.
En definitiva, e en liña coa actuación da propia Xunta en 2013, estender o BIC ao conxunto xustifícase en base ao que significa Cerámicas do Castro desde os planos histórico, e artístico-cultural3. Esa sorte de capital cultural da Galicia alternativa ao franquismo, que funcionou tamén a partir da Transición como foro de debate, de intercambio de ideas, como centro de formación…, está conformada por toda unha serie de edificios, bens mobles e elementos artísticos integrados que, en si mesmos, posúen valor, pero que o multiplican ao conformar un todo integrado. Falamos da fábrica vella, o edificio no que botou a andar a empresa, un conxunto de volumes acaroados conxugando formas tradicionais con concepcións innovadoras, e que acolleu, no andar superior, o estudio de Díaz Pardo ata os seus últimos días. Fronte a ela, a planta de produción construída en 1963, na que se materializa o encontro entre o deseño arquitectónico de Fernández-Albalat e a pegada da sensibilidade plástica e do espírito práctico de Isaac. Un modelo de fábrica que coida a estética e crea espazos de traballo agradables. Pechando o círculo, as cinco plantas de funcionalismo e de vangarda do LICSA e os módulos hexagonais e o auditorio do Carlos Maside, que obedecen á mesma autoría conxunta. Unhas construcións que aínda se ven enriquecidas con diversas obras plásticas. O mural de Seoane representando a tres mulleres, a piscina —pía do Loureiro—, deseñada tamén polo propio Seoane, ou a fonte dedicada a Castelao polo ceramista Francisco Pérez Porto, forman parte dun amplo catálogo de pezas de alto valor artístico ás que se poderían sumar elementos como a propia sinalética, que contribúen a cohesionar todo o complexo. E iso sen nos adentrar no interior dos edificios e sen mencionar os bens que acubillan, como o mobiliario deseñado por Díaz Pardo, xa todo un fito central na historia das artes decorativas en Galicia.
Se estes son os continentes, con toda a súa singularidade, non son menos notables os contidos que albergaron. Estamos a falar do lugar no que se produciron algunhas das pezas máis celebradas da industria porcelánica do século XX a nivel internacional; o lugar no que se editou —con Ediciós do Castro— o corpus bibliográfico máis relevante no desenvolvemento da historia e da ciencia en Galicia; o lugar no que se reuniron e no que se atesouran obras pictóricas que compoñen unha colección única por moitos motivos, sobre todo polo espírito baixo o que foi reunida: o de devolverlle á sociedade galega, coas ferramentas didácticas e museolóxicas axeitadas, o contacto coas manifestacións artísticas de vangarda truncadas ou afastadas pola ditadura, en estreito contacto, ao mesmo tempo, coas correntes internacionais. E é que o Carlos Maside non é un museo máis. Obedece ao seu contexto e é produto daquel afán conxunto de Seoane e Díaz Pardo por modernizar o país democratizando a cultura. Protexer o Carlos Maside en solitario, desligándoo do conxunto das Cerámicas do Castro, significa permitir a destrución de boa parte do seu valor.
Por outra parte, e entrando xa en terreos máis lamacentos, a declaración como BIC non arranxa a principal problemática á que se enfronta o museo hoxe: non muda a súa xestión, en mans de quen coordina o grupo Sargadelos. Unha xestión que reiteradamente manifestou o seu desprezo polo legado de Seoane e de Isaac (non en van desprazou a este último da dirección das empresas) e minusvalorou publicamente o valor cultural dos elementos que compoñen O Castro, e que rachou con todo o que o museo significaba e coa idea da fábrica de cerámica como industria cultural, ao servizo dun fin maior que o de obter lucro empresarial.
Cómpre retomar o espírito fundacional —deno-minación incluída— do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, que non é algo etéreo que poidamos enunciar aquí: é o mesmo espírito que alumeou o nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia, a entidade á que corresponde, legalmente, a dirección da pinacoteca, e que hoxe se ve privada mesmo de acceso ás súas estancias. Son as ideas expresadas en tantas ocasións polos fundadores do Laboratorio, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Este último, nunha audición radiofónica de Galicia Emigrante, dicía en 1970:
Nos hemos referido en una oportunidad última al museo de arte Carlos Maside del Castro, Ayuntamiento de Sada. Se inauguró en el mes de mayo de este año, con la concurrencia de ilustres personalidades de toda Galicia, con muchísima asistencia de jóvenes […].
Desde junio se proyectaron dos películas sobre la pintura expresionista alemana, Pablo Picasso, las acuarelas de Emil Nolde, sobre el Bauhaus, sobre Le Corbusier, […] etc. Aparte de esta labor, se pronuncian conferencias sobre temas de arte en relación con Galicia. Conferencias y proyección de películas, resultan ser una parte de lo que se proyectó para el futuro de este museo, pero aún así puede dar idea al público en general del nivel que se propusieron sus fundadores, intentando crear un centro cultural desplazado de la ciudad que tuviese como primer apoyo, el de los campesinos, obreros y pescadores que son sus vecinos y que hoy se sienten orgullosos del museo Carlos Maside, su museo, pues ellos, jóvenes y ancianos y niños de la aldea, transitan por sus salas con entera libertad. Al mismo tiempo en una de sus paredes se exponen carteles de arte de distintas partes del mundo, bastantes de Buenos Aires, familiarizándose la gente con grandes nombres universales.
[…] Todo esto fue proyectado desde Buenos Aires por dos artistas gallegos a quienes importan más los hechos que las frases hechas, que los gritos, y que solo reconocen como superiores a
quienes tienen mayor talento. Que en cuanto a Galicia están hartos de quiénes se juzgan dueños de ella, porque la piensan los domingos y los días de reunión de juntas directivas.A Galicia hay que liberarla con hechos, con pequeños hechos, con obras por minúsculas que sean, pero que sean proyectadas para su territorio.
No puede ser que existan gentes dispuestas a juzgar a los demás, hacer de jueces y fiscales, sin que nadie pueda saber qué hacen con ellos, qué han hecho nunca. El Museo de El Castro es una realidad como lo es Sargadelos.4
Un museo ao servizo do país e non dunha empresa. Xustamente ao revés: unha empresa concibida como industria cultural ao servizo de iniciativas como o propio Museo Carlos Maside. Doutro xeito, estarase —de feito, estase— a prostituír o legado de Díaz Pardo e de Seoane. A nosa propia historia.
1 Por razóns semellantes ás que aquí se enuncian, a A. C. Irmáns Suárez Picallo presentou alegacións ao proceso de declaración como BIC, reclamando que se estenda esta figura de protección ao conxunto de edificacións que conforman Cerámicas do Castro (https://areal.gal/2023/09/a-acisp-formula-alegacions-ao-expediente-de-declaracion-bic-do-museo-carlos-maside.html).
2 RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a favor da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (Lugo). DOG Núm. 31, de 13/02/2013.
3 Sobre o xurdimento e a historia de Cerámicas do Castro, vid. Díaz, X.: Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro, Cadernos de Estudos Locais, nº extraordinario, Sada: A. C. Irmáns Suárez Picallo, 2011.
4 Debemos agradecer a María América Díaz o oportuno rescate deste texto de Seoane, publicado orixinalmente en Galicia emigrante. Escolma de textos da audición radial, Sada: Ediciós do Castro, 1989 (edición a cargo de Lino Braxe e Xavier Seoane).
Manda carallo!
O artigo reflexa moi ben os intereses dos dous fillos de Díaz Pardo, que, querían tanto as empresas, é velaban tanto polo patrimonio cultural que non tiveron reparo en venderlle as suas accións(heredadas) a ese desalmado que, nembargantes, recuperou as empresas da quiebra.
Vivir para ver