ISAAC DÍAZ PARDO E A XEOLOXÍA DE GALICIA

 Juan Ramón Vidal Romaní





O primeiro centenario do nacemento (22 de agosto de 1920) de Isaac Díaz Pardo cumpriuse hai uns días cunha repercusión discreta, aínda que moi honrosa, na sociedade galega. Como moito gusta dicir, aínda sen saber o que di, a xente de letras cualifica ao personaxe como poliédrico, unha palabra xeolóxica 100% que en Cristalografía úsase para referirse á materia cristalina cando ten moitas caras. En linguaxe literaria moitas caras pode ser case un termo pexorativo referíndose a unha persoa pouco fiable. Eu, como son xeólogo e estudei cristalografía sei cal é o verdadeiro significado da palabra poliédrico. Refírese á materia cristalina máis regular, os cristais, que en esencia son elementos químicos ordenados no espazo por un proceso natural. O resultado é o máis fermoso que existe na natureza xeolóxica, que é o que chamamos os minerais. 

Por tanto, en Cristalografía un mineral poliédrico é aquel cuxa perfección lle fixo manifestar a súa orde interna nun sólido con moitas facetas, moitas caras, unha proba da súa perfección interna. Pero novamente debemos puntualizar un pouco mellor o termo. Cando se lle fala a xente sen formación xeolóxica dun cristal poliédrico, pénsase instintivamente no diamante, todos coñecen os diamantes das xoierías, algúns afortunados nun anel no seu dedo. Podemos pensar que ese sólido poliédrico, o diamante, é así naturalmente. Pero o seu aspecto comercial débese ao tallado: rotura por golpeo en determinadas direccións que exfolian o cristal dándolle ese aspecto iridescente dos diamantes cando incide sobre eles a luz. Existen cristais naturais, sorprendentemente non son os diamantes, que mostran ese carácter poliédrico de forma natural, sen seren golpeados na mesa dun lapidario. Así que este mozo centenario, xeoloxicamente falando, Isaac Díaz Pardo, foi un personaxe poliédrico, con moitas facetas que mostraban a orde perfecta do que había no seu interior e que ademais se formaron nel de forma natural: todo en Díaz Pardo era auténtico. 
Aínda que nestes días ao redor do 22 de agosto o mundo artístico, o literario, en menor proporción o mundo político, e en nada o mundo empresarial trataron de acaparar a atención cunha máis que discreta celebración do primeiro centenario do seu nacemento, con fastos, un pouco mates, que buscaban o recoñecemento da valía do personaxe. Pero Isaac Díaz Pardo ten unha faceta máis, a xeolóxica, que foi ignorada, ou mesmo ocultada, polos demais amigos ou admiradores do personaxe. Entre os fastos pola celebración do primeiro centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo non só foi lembrado e celebrado polos xeólogos de toda España e en especial de Galicia, senón pola comunidade xeolóxica internacional, tanto a de Europa como a doutras zonas do Mundo. E vou tratar de explicar a relación descoñecida, ou ignorada, do noso personaxe coa Xeoloxía de Galicia. 
Falar destes temas evoca inmediatamente outro nome, Isidro Parga Pondal, outro personaxe poliédrico que agora non vén ao caso. A relación entre Isaac Díaz Pardo e Isidro Parga Pondal comezou xa en 1958, cando Isaac interveu directamente na finalización dunha obra, El conocimiento geológico de Galicia (Editorial Citania, Colección Martín Sarmiento), que é a primeira obra de divulgación moderna da xeoloxía galega. Este libro aparece coa autoría de Isidro Parga Pondal, mais foi escrito por Díaz Pardo ao ditado de Parga Pondal, que se atopaba retirado na súa casa de Laxe, a onde houbo desprazarse Isaac Díaz Pardo para transcribir o que lle ía contando Parga Pondal. 
No arquivo epistolario do Instituto Xeolóxico constan as numerosas cartas escritas por Ramón Otero Pedrayo a Isidro Parga Pondal reclamándolle insistentemente a súa achega á historia xeolóxica de Galicia para unha magna obra que ía editar a Editorial Galaxia e onde se reunían achegas de todos os personaxes de Galicia. Podemos dicir que no caso da xeoloxía, foron terminadas, e enviadas, grazas a Isaac Díaz Pardo dada a inveterada resistencia a escribir de Don Isidro. 
Con todo, anécdotas aparte, a actuación decisiva de Isaac Díaz Pardo foi cando en 1979 recolleu os fondos documentais e mostras de rochas do antigo Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Laxe, Coruña) levándoos ata as instalacións de Sargadelos en O Castro (Sada), onde foron clasificados e ordenados para poñelos ao dispor de todos os interesados na ciencia xeolóxica, e onde aínda continúan hoxe á espera de ser trasladados á Universidade da Coruña. En 1994, a Universidade da Coruña e o Laboratorio Xeolóxico de Laxe asinaron, de novo grazas á iniciativa de Díaz Pardo, un convenio de colaboración para realizar publicacións científicas, ensino universitario, investigación e divulgación da Xeoloxía de Galicia que culminaron coa creación do Instituto Universitario concertado de Xeoloxía Isidro Parga Pondal por decreto (Decreto 243/1997, DOG nº 176, agosto de 1997). 
Desde 1979 ata a actualidade, o apoio de Isaac Díaz Pardo ao Instituto Universitario de Xeoloxía foi unha constante plasmada na promoción de máis de 20 congresos xeolóxicos realizados no Castro, Sada, coa asistencia de miles de xeólogos de primeiro rango de toda Europa. Tamén hai que recoñecer a Isaac Díaz Pardo o seu apoio ás dúas publicacións internacionais do Instituto de Xeoloxía: a revista Cadernos do laboratorio Xeolóxico de Laxe e a Serie Nova Terra, dedicada a teses doutorais sobre xeoloxía galega, sen dúbida o banco de datos máis moderno sobre a xeoloxía galega. Tamén grazas ao apoio de Isaac Díaz Pardo publicouse, en 1982, o Mapa Xeolóxico do Macizo Hespérico, unha obra de síntese da Xeoloxía de Galicia e das súas zonas lindeiras (España e Portugal). 
Coa súa morte desaparece unha referencia para os xeólogos europeos. Desde 1940 en que Parga Pondal é expulsado da Universidade percorreuse un longo camiño. Entre 1940 e 1965, don Isidro, sen apenas medios, substitúe o primeiro mapa xeolóxico de Galicia (Schulz, 1834) polo segundo, máis moderno, que iniciou só e terminou con xeólogos holandeses, franceses, alemáns, portugueses e españois. Logo a partir de 1979, co apoio de Isaac Díaz Pardo e de universidades europeas (Complutense, Salamanca, Bilbao, Oviedo, Porto, Coimbra e Coruña) restablécense as reunións con xeólogos europeos dando lugar á Terceira Revolución xeolóxica de Galicia, publicándose a máis moderna versión da xeoloxía galega. Á morte de Díaz Pardo (2012), coa reestruturación de Sargadelos a historia parece chegar a un final, afortunadamente feliz. Toca recoller o fondo documental, litolóxico e paleontolóxico reunido en O Castro integrándoo fisicamente no Instituto de Xeoloxía da universidade coruñesa. 
En todo ese longo camiño, entre 1940 e 2016, destaca o papel desempeñado polas mulleres, crucial nalgúns momentos. Cando en 1979 comecei a reorganizar o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, vinme ante unha chea de caixas con documentos, mostras de rochas, libros, mapas en relevo de Galicia e sen dúbida o máis valioso, a correspondencia científica do exilio interior de Parga Pondal. Este traballo púidose realizar grazas a mulleres excepcionais, que transformaron un arquivo confuso nunha biblioteca moderna. Primeiro foi Ana Marentes e logo Virginia Gorosquieta, quen deu un nome e un sitio a cada papel e cada libro. Finalmente dixitalizáronse todas as publicacións, proceso no que interveu Ana Edith Martelli para que fosen incluídas na web do Instituto mantida por Sonia Ferrín, desde onde permite o acceso libre a todas as persoas interesadas. Grazas a todas elas o vello Laboratorio adiantouse a todas as publicacións científicas españolas do momento. Agora, 75 anos despois de saír da Universidade, por decisión do Reitor Julio Abalde Alonso, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe retorna á Alma Mater. Grazas, Isaac Díaz Pardo. 

1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO

 


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *