memoriadesada.com
Carteis de todas as exposicións de Memoria de Sada, a primeira en agosto de 2013 e a última no verán de 2017.
Memoria de Sada é un arquivo fotográfico en liña da historia de Sada, é unha páxina web na que se recollen fotografías antigas que contan como era a vida en Sada en tempos pasados. No momento de escribir estas liñas a web conta con 4.470 fotografías divididas en nove categorías: festas e lecer, cerimonias, xente, rúas e prazas, paisaxes, deporte, escola, traballo e patrimonio. Fixéronse cinco exposicións nas que se levou de Internet á rúa unha boa parte das imaxes. A primeira exposición tivo lugar no verán de 2013, a última, en agosto de 2017. Recorreuse un longo camiño entre medias. Hoxe, xa cun pouco máis de experiencia, a web segue a recibir correos de boa parte do mundo agradecendo o traballo feito.
A web recibe arredor de 120 visitas cada día, con picos puntuais de 300 ou 500 visitas nun só día, cun total acumulado de máis de 225.000 dende que se botou a andar en setembro de 2012. Os visitantes miran arredor de catorce fotografías en cada visita e pasan unha media de case sete minutos na páxina. A meirande parte deles volven visitar a web máis dunha vez. A lista de países dende os que recibe visitas é longa, os países que están máis arriba na lista, despois de España, son Estados Unidos, Alemaña, Arxentina, Francia e Brasil.
Memoria de Sada naceu a comezos de 2012 a raíz dun curso de iniciación ás novas tecnoloxías na aula CeMIT. Naqueles cursos de iniciación, ademais de aprender novas habilidades no manexo de ferramentas informáticas, buscábase facer exercicios que foran entretidos e útiles, xurdindo así a idea de Memoria de Sada. Por aquel entón, o traballo con fotografías antigas era algo común noutros cursos, algo que funcionaba moi ben. Neses pequenos proxectos as fotografías antigas espertaban gran interese, xurdiu así a idea deste proxecto un pouco máis ambicioso do que habitualmente se facía na aula. Víctor, o profesor da aula de informática naquel momento, propúxolle a un grupo de persoas comezar a recompilar fotografías, el encargaríase do apartado técnico, elas serían as encargadas de darlle contido. A idea principal sempre foi adquirir novas habilidades informáticas pero, ao mesmo tempo, coa finalidade de crear algo que puidera ser de utilidade e fixera entretida a aprendizaxe. Atopar fotografías foi un dos primeiros atrancos, había que descubrir se a xente estaría disposta a rebuscar en caixóns fotos esquecidas ou se as cederían para poñelas en Internet. Había libros que xa recompilaran imaxes antigas de Sada, pero non se podían coller de aí sen o permiso do seu autor. O proxecto seguiu adiante, entre todos íase descubrindo o camiño. A través de sucesivos cursos os participantes aprenderon a escanear, corrixir pequenos erros que podía ter algunha imaxe, redactar os textos que acompañan a cada fotografía e, en xeral, afacerse a manexar a web. Os atrancos íanse solucionando. Co tempo e sucesivas postas en común o proxecto foi evolucionando e o interese na web foi medrando ata chegar ás máis de catro mil fotografías coas que conta na actualidade.
Unha parte moi importante de Memoria de Sada é a colaboración da veciñanza. Gran parte do éxito e recoñecemento que acadou a web é debido a amabilidade das veciñas e veciños de Sada, sen eles non sería posible. A outra parte do éxito é debida ao traballo que seguen a facer os integrantes da Memoria, á constancia despois de rematados aqueles cursos, de continuar pedindo casa por casa novas fotografías e continuar subíndoas á web. Co tempo, a confianza que a xente depositou no proxecto foi medrando. Un punto de inflexión importante foi a primeira exposición que se celebrou en agosto de 2013 na capela de San Roque. O motivo polo que se decidiu organizar esa primeira exposición foi, principalmente, achegar á rúa as fotografías que ata entón só se podían ver na Internet, xuntar aos veciños e conversar a carón das fotografías. Por sorte, tivo moi boa acollida e unha repercusión salientable o que lle deu máis visibilidade á web. Dende aquel momento conseguir fotografías comezou a ser máis sinxelo, a xente comezaba a ofrecer as fotos por iniciativa propia.
Preparando as fotografías para exposición de Memoria de Sada.
Antes da primeira exposición as dúbidas sobre como sería percibida a web pola veciñanza eran grandes, íanse facer públicas fotografías con certos momentos de privacidade e/ou intimidade. Sempre se tentou ser moi coidadoso con iso, ao fin e o cabo son fotografías persoais. Con tino, moito cariño e postas en común fóiselle dando forma. Esa primeira exposición fixo que o ánimo para seguir traballando medrara. Despois viñeron catro exposicións máis, a boa experiencia da primeira e os comentarios recibidos facilitou a decisión de organizar as seguintes, as gañas de aprender e superar retos seguían intactas.
Avda. Barrié de la Maza: un neno paseando en bicicleta
Memoria de Sada non está rexistrada como asociación ou outra entidade de carácter legal, detrás segue a estar aquel mesmo grupo de amigas e amigos que un día se xuntou nun curso de iniciación á informática, seguimos compartindo o interese en recordar a historia de Sada a través das fotos. Cada un dos participantes aporta o seu graíño de area ao proxecto, unhas persoas recompilan fotos e escriben os textos, outras arranxan pequenos defectos que poidan ter as imaxes, outras coordinan xestións co Concello para organizar as exposicións ou, ás veces, algo tan sinxelo como botar unha man para colocar as fotos na parede da capela antes de cada exposición. Co tempo cada un foi atopando o seu espazo no proxecto e o que comezou coma un curso de informática, cinco anos máis tarde, segue a camiñar coma un páxina web con máis de catro mil fotografías que xa é de todos e todas as sadenses. O proxecto seguirá mentres siga habendo fotografías por dixitalizar e os veciños e veciñas as sigan a ceder.
Avda. Barrié de la Maza: o tranvía chegando a Sada o 31 de decembro de 1922