UN MUNDO HETEROXÉNEO

Manuel Lugrís Rodríguez

Estamos a vivir unha época contraditoria no que atinxe á análise integral da situación do xénero humano, tanto en aspectos políticos como sociais ou simplemente económicos. A tantas veces manida globalización, que mesmo semella que nos vai cortar por igual a todos os habitantes do planeta, non se nos presenta, nun primeiro exame, mais que como unha sinerxía especulativa, tese xurdida dun laboratorio de ideas, e non dunha realidade constatable e sólida. 
Manuel Lugrís Rodríguez no transcurso dun acto de homenaxe ao seu avó, Lugrís Freire, celebrado en Sada o 14 de febreiro do ano 2013. Fotografía de Estevo Rodríguez
E todo iso pola diferenciación ou dispar uniformidade que atopamos entre distintas concepcións de vida e interaccións ideolóxicas que frutifican a través do mapamundi, ou mesmo, das disimilitudes rexionais formadas, principalmente, a partir da Segunda Guerra Mundial con procesos a nivel xeral como o de descolonización, a formación de amplos bloques económicos, a eclosión de novos países a cabalo da disgregación soviética, o mundo árabe, etc. 

Todos estes movementos, non exclusivamente políticos, estanse a dar cunha serie de connotacións colaterais que son, precisamente, as que ocupan e preocupan: novas formas de loitas reivindicativas cada vez mais agresivas, ideoloxías de profundo apaixonamento, cando non de forte intolerancia, e tamén a asunción de formas represivas que xa foran desbotadas, tanto por gobernos como tacitamente polas xentes do común, e que se substancian como un proceder, que proclaman os acólitos do conservadorismo máis procaz, de inevitable para defenderen a democracia, diría máis; a súa democracia. Grave absurdo que nos leva ao paradoxo de utilizar a antítese para lograr o principal, a sintonía, que, adoutrinan, con teima, como realidade inveterada da división dos espazos xeográficos nos estados actuais que se consideran inmutables e sustentadores da única legalidade política vixente. Estados que están en diferentes períodos das súas historias, e de desenvolvemento social e económico. Mentres que o eurocentrismo, que segue a estar vivo, aínda que con diferentes expresións, xunto con algúns países de América, e do Leste asiático, conforman un núcleo que se denomina ostensiblemente, “sociedades avanzadas”, hai outras culturas que aínda están na súa Idade Media e que, non obstante, deben convivir. Máis aínda que convivir; deben manter substantividades de coexistencia, de relación, xa que a economía é o motor que rexe a vida en xeral de todos, homes, nacións ou sociedades. Así o mundo globalizado polo que tanto interese amosan nos despachos de moqueta e aire acondicionado, non é máis que un slogan oco para arroupar elites económicas que non teñen outra patria e outro ideal, que o arrequecemento e os beneficios da ditadura mundial e invisible que exercen desde foros exclusivos e, habitualmente, reservados. 

Os panexiristas da globalidade exercen os seus criterios dende o chamado “Primeiro Mundo”, dende a confortabilidade de hoteis de moitas estrelas e restaurantes de alto nivel, elaborando loxísticas de belixerancia económica e configurando as fronteiras da riqueza e da miseria que sempre, sempre benefician aos mesmos. Son eses peritos da autocracia dos poderes que ofrecen seus servizos ao mellor postor e non como aqueles “strategos” helénicos que se postulaban polo ben público e que, incluso, perigaban co seu pescozo se non conseguían os resultados que deles se esperaban. Os nosos especialistas, da vida e da morte, non expoñen máis risco, que o estipendio a fin de mes que será mais ou menos grande, a teor dos resultados que máis ou menos gusten aos seus amos. 

É un planeta superado por unha aristocracia do poder total que non entende de fronteiras nin de espazos definidos, cautelosos ou mesmo prudentes. A súa relixión é o servizo cego ao deus único do diñeiro. E para iso lles pagan ben. 

E no medio desta xungla de intereses incólumes, está unha terra de “costas verdecentes” que hai máis de século e medio trata de manifestar os seus desexos de supervivencia, de en levar os seus anceios de estar no mundo, de ser recoñecida como existente… Esta Terra é a Nosa. O símbolo dinámico dun país, que se entende como Nación, entre todos os demais. Un país que non trata de conquistas, nin de “guerras xustas”, nin de inocentes ou pecadores; un país que so pide vivir en paz, na imaxe do alecrín dourado baixo o sol e dun neno que agarda, na mañá, o bus escolar coa carteira collida nas frías mans do outono. Iso quere ser Galicia e iso é o que non nos deixa ser ese mundo do que estaba a falar antes. Intereses entrelazados, mandados na lonxanía, terra anónima, ignorada. Así estamos constituídos polos alleos e así estamos tamén destruídos polos patrios que non pronuncian o xentilicio propio máis que no hipócrita semblante do compromiso, realmente, na meirande parte dos casos, para cobraren unha nómina pública a fin de mes. 

Esta é unha época de retroceso nas nosas aspiracións. Un deses pasos atrás dos que versificaba Díaz Castro. Pero non esquezamos que tamén falaba de pasos adiante e, como somos un pobo curtido xa na paciencia, agardemos o vindeiro chanzo de subir para acadar un outro caminiño que nos leve á meta final. Pero, mentres, hai que prepararse. En todos os eidos da administración e da economía. Non podemos deixar un país-nación, aos nosos herdeiros, inzado de problemas irresolubles: demografía, ecoloxía, industrias básicas esnaquizadas, agricultura minimizada ao máximo grao, etc. Sermos conscientes das nosas precariedades é o primeiro paso para atoparlles solución. Como un alcohólico que debe dicir como inicio da súa cura: “son un alcohólico”. Eu diría como símil: “somos uns desleixados da nosa propia identidade”. E dicímolo conscientemente. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *