En xuño do ano 1923 abría as súas portas en Sada o quiosco La Terraza, emprazado ata poucos anos antes nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña e trasladado á nosa vila por Manuel Zapata e Hipólito Suárez. A súa chegada, que coincidía coa do tranvía, simbolizaba a irrupción da modernidade e a apertura do que semellaba un tempo de progreso. Axiña se convertería en algo máis que un establecemento hostaleiro: a Terraza sería, nas décadas seguintes, un espazo de referencia do ocio nunha vila consolidada como a capital do lecer a nivel comarcal. A súa imaxe –a do que probablemente sexa o edificio máis significativo do modernismo en Galicia– tornou nun símbolo de Sada.
Hoxe, cen anos despois, a Terraza esmorece, nun estado de conservación inaceptable que pon en risco o seu futuro. Arelando un porvir máis digno para este elemento central do noso patrimonio cultural, desde Areal recuperamos unha selección de documentos hemerográficos que nos retrotraen ata eses primeiros anos de vida en Sada.
Mariñana, 01/08/1925