A CRUZ VERMELLA

Delegación Cruz Vermella de Sada

AS ORIXES 

Cruz Vermella é unha Asociación Mundial, consecuencia do soño daquel prócer xenebrino chamado Henri Dunant, quen tras a actuación exemplar dos moradores do pobo de Castiglioni, en favor dos mortos e dos feridos na batalla de Solferino, traballou para axudar ás futuras vítimas doutras guerras e dos efectos devastadores da natureza. 
Sen esquecer, naturalmente, a súa actividade conciliadora entre os pobos, paliando os agravios e tratando de evitar a fame, a sede, a inxustiza e outros males, derivados das situacións anómalas. 
A tal efecto, Dunant, xunto a outros catro cidadáns suízos chamados Louis Appia, Gustav Moynier, Maunoir e o Xeneral Dafour, os cales formaron o chamado “Comité dos Cinco” presidido por Dufour e Dunant de Secretario, inician as primeiras accións do asombroso e eficaz proxecto. A Cruz Vermella Mundial. 
En 1864, este Comité, xunto co apoio do goberno suízo, organiza unha conferencia diplomática en Xenebra, na cal lógrase a firma do convenio de Xenebra por parte de 12 estados, co obxectivo de protexer a militares feridos en campaña. 
A Cruz Vermella Española foi creada en España, no mesmo ano no que o noso país, xunto ás demais nacións europeas, asinou o convenio de Xenebra. 
Pola súa parte, a Cruz Vermella Coruñesa inicia as súas actividades en 1870, durante a guerra franco prusiana, intervindo en actuacións benéficas propias do seu cometido social. As damas desta Cruz Vermella recolleron material de curas e roupas de abrigo para facelas chegar a ambos exércitos contendentes, durante un dos invernos máis crus de Europa Occidental. 
Coa finalidade de dar unha resposta máis próxima e eficiente ás necesidades da cidadanía, Cruz Vermella define un modelo de organización territorial próximo ás persoas. 
É por iso que en xaneiro de 2012 créase a Oficina da Cruz Vermella en Sada, ostentando o cargo de Delegado Luís Sangiao Iglesias, grazas á inestimable colaboración de Portos de Galicia, que cedeu o espazo onde se situou a oficina no Porto de Sada. 
En novembro de 2012, tras unha identificación das necesidades, establecéronse as primeiras accións susceptibles de poñer en marcha. Entre elas organizouse unha formación introdutoria do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria e incorporáronse os primeiros voluntarios de Sada que realizaron visitas de seguimento ás persoas usuarias de Teleasistencia que demandaron esa prestación do servizo. 
Con anterioridade á posta en marcha da oficina, por proximidade, desde Cruz Vermella de Betanzos xa se viñan realizando actividades no Concello de Sada. Entre as máis destacadas os Talleres de Educación para a Saúde no IES Isaac Díaz Pardo, que comezaron a súa andaina dende o curso escolar 2006 -2007. Por iso, en 2013 e co obxectivo de dar un pulo á oficina, esta pasou a depender funcionalmente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Betanzos no mes de abril. 
Iniciáronse accións de sensibilización como a difusión do Programa de Acollemento Familiar realizando charlas informativas nos tres centros de educación primaria de Sada, a Campaña de promoción de hábitos saudables “Quérete moito”. De forma paralela desenvolvéronse dúas accións de promoción e captación de voluntariado nos meses de abril e novembro de 2013. 
Na área de Formación, puxéronse en marcha cursos dirixidos ao voluntariado como a Formación Básica Institucional e un curso de iniciación aos Primeiros Auxilios.
Nese mesmo mes, e xa dirixido aos usuarios e/ou á poboación en xeral, tivo lugar o primeiro curso de manipulador de alimentos e un curso de primeiros auxilios con 20 horas de duración. 
Na área de Infancia e Xuventude, co inicio do curso escolar 2013-2014, participouse na Campaña “Volta ao cole solidaria” promovida por Carrefour, na que se recolleu material escolar para os menores na idade de escolarización, ao tempo que se inicia en outubro o Proxecto de Promoción do Éxito Escolar (Reforzo Escolar) para nenos e nenas en dificultade social. 
Coa campaña de recollida de xoguetes chegouse a 63 menores de Sada. 
Na área de Intervención Social, interveuse con familias en situación de Vulnerabilidade, coa entrega de kits de hixiene infantil e lotes de alimentación de emerxencia. 
Na área de Emprego, desenvolveuse un curso de Busca Activa de Emprego e 4 persoas acudiron a solicitar orientación laboral. 
Coa incorporación de J. Ignacio López Veiga como responsable da oficina en novembro de 2014 dáse un novo pulo, afianzando as actividades que se viñan desenvolvendo e reforzando tres áreas da actividade como son a Formación dirixida aos voluntarios e a colaboración coas entidades do entorno das áreas de Intervención e Inclusión Social. 
Desenvolvéronse cursos de Habilidades Sociais para a atención ás persoas, Formación Básica en Intervención Social, Dinamización de Equipos e Ferramentas Lúdico-educativas para a intervención con menores, entre outros. 
Entre os acordos de colaboración con outras entidades, destacou a firma do acordo de colaboración co Club de Atletismo Sada e outros clubs deportivos como o Club de Salvamento de Sada (SASA), o Club de Fútbol Rayo Sadense, o Club Sada Patín e o Club de Taekwondo. 
En Intervención e Inclusión Social afianzouse a actividade dirixida ás familias na situación de Vulnerabilidade, coa entrega de lotes de alimentos e vales de alimentación, así como axudas de subministros de forma periódica. 
DESENVOLVEMENTO ACTUAL DA ACTIVIDADE DA INSTITUCIÓN 
En maio do 2016 prodúcese o nomeamento do actual Delegado de Cruz Vermella en Sada, Benedicto Paz Viñas. Actualmente a actividade estrutúrase en 7 grandes plans: 
− Plan de Comunicación, que ten por obxectivo a difusión a niveis interno e externo da actividade de Cruz Vermella. 
− Plan de Formación, do cal a súa finalidade é a organización de cursos dirixidos á poboación en xeral (Primeiros auxilios, Manipulador de Alimentos, etc.) así como a propia formación dos voluntarios para un mellor desempeño da actividade. 
− Cruz Vermella Xuventude, que aglutina todas as actividades destinadas aos máis novos, dende a Campaña de xoguetes, Campaña de recollida de material escolar, Talleres de Educación para a Saúde. Entre todos eles, destaca pola súa dimensión o proxecto de Promoción do Éxito Escolar para nenos e nenas en dificultade social, que facilita apoio escolar a estes en situación de vulnerabilidade social. 
− Plan de Intervención e Inclusión Social, a través do cal se articulan diferentes respostas ás necesidades das familias que afrontan dificultades económicas, sociais e outras. Dende axudas no pago de subministros, lotes de alimentos non perecedoiros, vales de alimentación, talleres de economía doméstica, de cociña saudable, etc. 
− Plan de Medio Ambiente, que iniciou a súa andaina no ano 2016 coa Vixilancia e Limpeza dos areais de Sada, en colaboración con outras entidades coma o Club de Salvamento de Sada (SASA), o Club de Taekwondo, etc. 
− Plan da organización e xestión, no cal se encadra a captación de fondos a través de Campañas como o Sorteo do Ouro, o Día da Banderiña, A Lotería de Nadal, etc. 
− Plan de Voluntariado: dirixido á captación de novos voluntarios, así como á dinamización dos propios voluntarios, ideando actuacións que favorezan a integración e o coñecemento dos seus membros 
E esta é a actuación da Cruz Vermella Española e os seus voluntarios, na vila de Sada, sempre atenta a paliar aquelas carencias colectivas e persoais que poidan xurdir, e dentro da misión que lle marcan os seus principios fundamentais. 
NOTA: Agradecemos a Antonio Abeijón Fábregas, ex-presidente provincial de Cruz Vermella Española en A Coruña, a súa inestimable colaboración achegando infor-mación para a elaboración do artigo. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *