A CULTURA COMO ALICERCE BÁSICO DO DOMINIO POLÍTICO

Manuel Lugrís Rodríguez

Hai xa uns cantos anos, paseando un día polas rúas de Lisboa, din por ler un anuncio, no frontispicio dunha casa que albergaba no seu baixo un recinto indefinido desde o exterior, e que dicía simplemente “sevilhanas”. E dicir, alí dábanse clases desa danza de orixe andaluz, o que me fixo cavilar do que significa a grande forza de expansión que ten por mor da súa especial e interesada promoción e, por un intre, veume á mente aquela palabra tan aquelada coa que alcuñábamos moitos dos filmes daqueles longos anos de lume e ferro: españolada. E, ó fío de todo isto viñéronme algunhas reflexións que vou tentar expor aquí. 
A cultura dun colectivo é o meirande patrimonio que pode este amosar de cara ó aval de calquera caste de acción reivindicativa ou, mesmo, como solicitude de recoñecemento identificativo. Ese saber popular, que en modo algún contraponse coa cultura oficiosa que manexan os poderes, tanto os políticos coma os administrativos, forma un corpo civil heteroxéneo que, ó mesmo tempo, determina unha configuración de analóxica uniformidade, que está a harmonizar a idiosincrasia dun pobo e que define, en moitos casos, os límites e perfís que o configuran como tal. 
Esta realidade é ben entendida e, sempre o foi, polos dominios coloniais que no mundo foron, coma vehículo de introdución, case sempre sibilinamente propiciada, e que se basea en dous principios que se repiten de xeito cíclico desde o máis profundo da historia humana: a suposta superioridade do invasor cultural e a feble defensa dun desprotexido e, case sempre, escasamente formado receptor. Exemplos hai dabondo e por non ir máis lonxe temos o triplo dos alicerces do poder branco nos Estados Unidos, dese “white power” que promulga o seu catecismo racista en que o verdadeiro “americano” é de raza branca, protestante e de fala inglesa. Neste último apartado agóchase a introdución formativa dunha cultura que impoñendo unha lingua determinada, compórtase coma o cabalo troiano do sometemento social, económico e político que definirá ese poder en todas as ordes da vida cidadá. 
E, nestas circunstancias temos o caso que nos ocupa. A esponxosa sutileza conque os cerebros e os despachos do poder central, estruturan unha conformación específica do que eles denominan “marca España” no eido cultural e que, desde sempre están a construír un modelo do hispano baseado unicamente nos valores folclóricos e pseudoformativos do andaluz, como perfectamente captou o gran Luis García Berlanga na súa obra mestra de “Bienvenido Mister Marshal”. A simple manifestación deste acervo popular, dunha parte do estado, proponse coma elemento unificativo da totalidade, deturpando así calquera outra mostra de valor que non sexa a que se está a impor subrepticiamente. 
Hai xa un tempo que escribín un pequeno relato sobre esta introdución solapada, furtiva ou mesmo sixilosa que titulei, como aquel cartaz que vin nas rúas de Lisboa, “Sevillanas” e que reproduzo agora para distender un tanto esta árida reflexión. E que dicía así: 
“Os días de outono, na Coruña, teñen a súa máxima vixencia vital nas primeiras horas do lusco e fusco. Cando a xeada penetra dende as duras marxes da península, mesturada en salitre e vivificadas pingas de rosada prematura en pátina suave, deleitosa, case que mística, a converxer coa actividade cidadá, nos últimos laios da xornada laboral. Toda a vitalidade da urbe concéntrase en poucos minutos, entón, e parece como se o latexo de milleiros de corazóns pairase por entre os autobuses ateigados en luces prateadas, renxidos de coches que furtan as barreiras de tráfego e o silencio que se estende, sen vagar, polas rúas e prazas que entran, paseniño, na calma da noite. De cando en vez, un olla para o ceo por ver de descubrir as estrelas no morteciño reflexo do neón e, tamén as veces, cansa a mirada de tanta luz que fuxe dos escaparates ou do moneo de figuras que pasan perante de nós e da mesma vida.
Era, pois, un día deses, cando Sabela detívose diante do semáforo. Eran as sete e vinte e estaba en vermello. Os coches pasaban indiferentes e, maquinalmente, tomou conta do seu número: un, dous, tres, catro…, e así ata dezanove. Logo luz verde e apura o paso temendo non chegar á outra beirarrúa a tempo. Non é que tivera presa… mais apuraba. E con este andar lixeiro, extremadamente lixeiro, correu á beira cara a un destino que semellaba estar escrito nun papel agochado en ningures. Onde ía? Nin tal cousa preguntaba. Ela andaba as baldosas en vintecinco anos de eterno percorrido no mesmo semáforo e na mesma rúa. Os vehículos, de seguro, tamén serían os mesmos. E, incluso, o garda urbano acabado de entrar no corpo… Pero todo estaba igual. Os últimos días do mes descargaban toda súa inmensa pesadume no outono de xeada e presa.
Cando alcanzou a discoteca, aínda estaba a porta pechada. As clases de sevillanas retrasaríanse aquel día. E, raramente, non estaba ningunha das outras alumnas que, decote, adoitaban seren máis puntuais que ela. Tanto era o afán co que tomaran a aprendizaxe de aquela exótica bailada. O mar bruaba, mentres, pola costa, e deixaba razón da súa presenza como Atlántico en rochas de mexillón e xebra, que non sería quen de definilo pero que non lle casaba coa dozura climática asociada á titiritaina meridional. Por outra banda a profundidade da noitebra de Labañou, dáballe, ós seus sentires de espera, un refolgo impregnado naquelas palabras do tío Manolo entre silveiras de setembro dourado polas amoras de corredoira da súa nenez e, tamén, por que non, o cheiro forte, inescusable de esquilmo mariño, afastaban a súa realidade de toda conexión cos incertos aires dos faralaes alleos.
Pasaban os minutos e non chegaba ninguén. Paseou para arriba e para abaixo do estreito bordo e a porta continuaba pechada. Abeirouse ó muro que daba ó mar e, na escuridade do serán intermitente, albiscou o branco tenue das escumas bailando arredor dos cons e a luz solitaria dalgunha das lanchas de Riazor que se aventuraba polo Orzán. Esas escasas vivencias, guiáronlle, de novo, á lembranza en sepia de anos de esplendor na estampa daquel seu tío que lle estaba a falar da súa xuventude de ilusións, de frustracións e palabras caladas en voces detidas no crepúsculo da súa vida. As ideas de dignidade e do mundo que puido ser e non foi. De Daniel, de Alexandre, de Casal … Nomes que redactaban todo o seu discurso de anceios rachados e de violencia incontida. E, por un intre, sentiu no seu interior aquela mesma sensación de nena entre toxos e chorimas do alto verán, de non te vaias manchar, de imos que xa e tarde… e de, cómo se chama ese bicho?, e voces esquecidas que volteaban desde os días de inocencia: lavanco, fieito, regacho…
Eran as oito e dez. Xa estaban dentro. Había luces de falsidade e rumores de voces enreixadas…
Sabela cruzou axiña, rápido.
Enfilou a Praza de Portugal e desandivo os pasos de vintecinco anos na cidade orfa que, agora, nas elevadas columnas de neon e nos pasos de cebra, parecía entrever un fío de nova luz nos últimos días do setembro de presa e xeada.”
Eu diría que este relato é unha parábola civil do poder da nosa contorna, dese neodruidismo que ten a formulación panteísta que nos configura como galegos e que confronta violentamente coa imposición foránea e mesmo estraña da unicidade que se pretende introducir e da que estábamos a falar, o que é unha evidencia perfectamente definida ó longo de moitos anos de mensaxes subliminais de feiras de abril, flamenquito, “pescaito”, farolillos, cabalos “enjaezados”, misas rocieras e demais aditamentos do todo un conxunto de folclore barato e lugares comúns de especial afectación a un cenario descrito e conformado nunha ideoloxía predeterminada na máis pura demagoxia ao lombo da desinformación e a ignorancia.
Persoas como Sabela, a do noso relato, son a nosa esperanza de futuro. De que diga non, de quen non abra a boca en pasmo de ignorancia, de que a verdadeira cultura da nosa esencia popular perdure coma patrimonio. Evidentemente, nada máis lonxe de culpar de todo isto o pobo andaluz e as súas xentes que bastante teñen con sufrir esta manipulación do seu importantísimo aporte en todos os eidos da cultura universal e que merecen todo o noso respecto e consideración. Pero tampouco é cousa de que ollemos para outro lado cando toda esta andrómena está sendo utilizada coma contraposición política ás lexítimas aspiracións do noso pobo.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *