CENTENARIO DO FIN DO “CONFLITO DA ARDORA”

Xabier Brisset Martín



A chamada 2ª guerra pola sardiña viviuse na beiramar galega entre o 1899 e o 1916. Foron 17 anos de enfrotamentos entre os mariñeiros que pescaban cos métodos artesanais e defendían a cultura mariñeira tradicional e os que pretendían utilizar técnicas e tecnoloxías propias da pesca industrial. Este período pode subdividirse en dúas etapas; a primeira ata o 1905, coa exitosa introdución das traiñeiras, e a segunda, nos seguintes once anos, coñecida como o Conflito da ardora. 

Este ano cúmprese o centenario do informe técnico do Instituto de Oceanografía que finiquitou o debate. Como consecuencia deste proceso a pesca de baixura ártabra mudou radicalmente. 

Imaxe que xunto ao resto que acompañan ao artigo, de Odón de Buen “Trabajos españoles de oceanografía. Campaña del «Hernán Cortés» este verano”, destinada aresolver, desde  unha perspectiva científica, o conflito da Ardora.
Os títulos das fotografías son: “Una pesca con gran red”, “Material oceanográfico” e “Caseta
meteorológica”. (Boletín de Pescas, 09/1916)
O cerco era unha técnica de pesca utilizada nas rías galegas dende tempo inmemorial. En función do seu tamaño o cerco chamábase traíña, traiñón ou cerco real. Cando unha compañía dun cento de mariñeiros armaba este último, tiñan que apartarse todos os demais. Era o rei das rías. Os participantes unían seus panos formando unha rede de máis dunha milla. Lentamente, dirixidos polo aviador, ían manobrando para cercar os cardumes de sardiñas. Pechado o cerco sobre unha praia, dábanlle varias voltas concéntricas e o fixaban con rizóns. Durante varios días extraían as sardiñas e as distribuían entre os almacéns de salgado. A manobra duraba unha semana e dados os quiñóns a repartir 1 esixía a máxima eficacia. 


A metade deses homes manobraba un traiñón, e menos da cuarta parte facíase cunha traíña. Todos eles compartían a colleita das sardiñas coas xávegas e boliches que trouxeran os cataláns no XVIII, e cos xeitos que era a máis humilde e numerosa das artes. A finais do XIX había uns 5.000 xeitos na Galiza. A terceira parte deles no golfo Ártabro. Posiblemente de orixe neolítico, era a máis sinxela das redes. Dende unha buceta, tres ou catro labregos da beira-mar, normalmente familiares, deixábana á deriva entre o lusco e fusco e o amanexo. 
A regulación da actividade extractiva e os coñecementos da cultura mariñeira tradicional era quén de evitar a sobrepesca, transmitindo dunha xeración á seguinte a riqueza das rías. Dende elas fornecíase gran parte do salgado consumido no reino. 
O 1º de setembro de 1883, entrou en servizo o camiño de ferro da Coruña a Madrid, abrindo un novo mercado para o pescado fresco que era atendido polos fresqueiros exportadores. Tamén por eses anos colleron pulo os fabricantes de conservas que necesitaban fornecerse de materias primas ao longo de todo o ano… 
Nunha década abríronse circuítos de distribución para atender a millóns de novos consumidores de produtos frescos ou transformados orixinarios das rías. Ese aumento da demanda seguía sendo atendido utilizando as artes tradicionais, resultando que unhas ducias de exportadores, conserveiros e almacéns de salga, negociaban prezos e fornecementos con milleiros de ofertantes. 
Como a acumulación de capital caía da parte dos intermediarios e transformadores a tendencia foi que estes se fixeran con embarcacións e redes, asalariando os mariñeiros. Converténdose en armadores podían calcular custes estables. 
Así consta que, mesmo no 1883, había salgadeiros sadenses que armaban traíñas. Estes industriais eran denunciados polos mariñeiros tradicionais, tamén de Sada, por andar ao trabuquete, é dicir, utilizaban a técnica do arrastre no interior das rías, o que estaba rotundamente prohibido dende que existía memoria 2. Tamén denunciaban o uso da dinamita por parte dalgúns mariñeiros que cualificaban como despreocupados. 
Finalmente, a convivencia entre os pescadores tradicionais e os exportadores e transformadores entrou definitivamente en crise coas guerras de independencia de Cuba e Filipinas. Daquela mobilizáronse uns 250.000 mozos no maior exército colonial que cruzara os océanos. Non é que estiveran ben alimentados, pois houbo alarma social pola fame que pasaban 3, pero o último que se lles acababa eran as sardiñas que formaban parte habitual do rancho diario. 
Os grandes pedidos recibidos polos conserveiros e salgadeiros debían ser atendidos urxentemente por menos pescadores, pois uns dez mozos por parroquia estaban en filas… A solución foi a importación de novas unidades de pesca de última xeración. A traiñeira con cerco con xareta. Levaban dez anos autorizadas no Cantábrico con un éxito industrial evidente pois con menos homes, pescaban máis en menos tempo. A novidade que aportaban era a embarcación, estreita e rápida, e o cable (xareta) que enlazaba toda a pedreira, por baixo da rede. Unha vez feito o cerco tiraban do cable pechándolle a saída por abaixo. Antes de facer a manobra cebaban con ovas de bacallau importado de Noruega. Saían pola mañá, facían un lance, descargaban e volvían a saír pola tarde. Eran os que máis pescaban cando había, e algo collían cando non había. 
Unha vez consumado o fin do imperio ultramarino, a demanda regresou a niveis prebélicos, encontrándose os mariñeiros tradicionais desprazados pola competencia das eficaces traiñeiras que fornecían ós principais clientes. Daquela principiou a 2ª guerra pola sardiña 4, esixindo milleiros de pescadores que as traiñeiras foran expulsadas a 3 millas fora de puntas, reservando o interior das rías como un santuario da pesca tradicional. 
O enfrontamento foi extremadamente violento, con mortos, feridos, manifestacións, voaduras de traiñeiras con dinamita… os concellos de Vigo e A Coruña, aliados na defensa das novas embarcacións, correron diferente sorte. Nas rías Baixas venceron os xeiteiros, quedando prohibido o uso do cerco con xareta dende A Garda ata Fisterra, pero no golfo Ártabro so era prohibido na ría de Sada. Sen demora, xornais e políticos principiaron unha campaña a favor das traiñeiras que foi minando a resistencia dos desorganizados xeiteiros. No 1903 as traiñeiras faenaban libremente por toda Artabria. 
Pero en 1905 apareceron as primeiras tarrafas. Pequenos vapores que utilizaban tamén o cerco con xareta, pero tres veces máis grande que o das traiñeiras. Entón puxéronse de acordo os antigos enfrontados, traiñeiros e xeiteiros, e fixeron fronte común contra os recén chegados. Esixían que as tarrafas foran expulsadas a 3 millas fora de puntas. Esta segunda parte da guerra entre pescadores é coñecida como o Conflito da ardora, por ser esa a técnica de pesca que utilizaban os tarrafeiros. Neste contexto naceu a asociación “Vigilancia de la ría” de mariñeiros sadenses. 
As tarrafas, inicialmente derrotadas, foron apoiadas por xornais e políticos e gradualmente foron entrando nas rías. Os traiñeiros tentaron competir facendo máis grandes as traiñeiras que de 12 remos chegaron a contar con 24… tamén as motorizaron e finalmente incorporáronlles unha pequena máquina de vapor chamándolles motoras. Esto nas rías Baixas, no golfo o trunfo das tarrafas foi completo. 
Primeiro autorizáronas ata a liña de punta Coitelada e Seixo Branco, despois do castelo de Ares á praia de Lourido e no 1914 so quedaban excluídas de Redes a punta Lousada. 
A partires do ano 1914, as tarrafas ártabras por un lado e as motoras das rías Baixas por outro, competían na costa da Morte polo último refuxio da pesca tradicional. A protesta dos mariñeiros fisterráns motivou que polo ministerio da Marina fora nomeada unha Comisión técnica con persoal do Instituto de Oceanografía, para que a bordo do canoneiro Hernán Cortés, fixera os estudios oportunos e informara “si el procedimiento de la pesca a la ardora podía contribuír a la desaparición de la sardina en las rías gallegas“5. 
A campaña realizouse no verán de 1916, sendo entregado o informe en Madrid o 18 de setembro, asinado por Odón de Buen, Luis Verdugo e Benigno Rodrí-guez. Os parágrafos que directamente aluden a este tema son os seguintes: 
En la información abierta manifestaron sus opiniones las entidades interesadas de casi todos los pueblos de las rías. Nos hicieron también el honor de asesorarnos con su experiencia los señores comandantes y ayudantes de Marina y los comandantes de los guardapescas Gaviota y Dorado. 

Aparte de figurar en la Comisión una persona práctica en los procedimientos pesqueros de aquellas costas, oímos la opinión de los patrones más expertos, algunos designados por las Comandancias de Marina y de las Juntas locales de Pesca. 

En general, hay en los informes de las entidades interesadas sobra de pasión y pocas razones concretas, fundadas en experiencias hechas sin prejuicio. Se trata y juzga el problema, no en su aspecto general, sino en los beneficios o perjuicios que a una determinada clase de pesca pueden ocasionar procedimientos tan intensos. Por los que manejan artes antiguas se condenan las embarcaciones con motor y los cercos de jareta, empléense de día o de noche, porque significan la muerte de los procedimientos tradicionales, imposibilitados de toda competencia, y porque motivan la ruina y la miseria de los vencidos, que no tienen capital para adquirir vapores y redes nuevas. Y la mayor oposición es al que pesca más; por lo tanto, al procedimiento de la ardora, que es el que actualmente proporciona mayor cantidad de sardina. 

El problema tiene pues, carácter social, solo remediable atendiendo como se merece a los vencidos por el progreso de los medios de pesca: estableciendo el crédito pesquero, que permita a todo Sindicato disponer del capital preciso para mejorar las embarcaciones y redes; dando plazos prudenciales al implantar un nuevo régimen de pesca, para que la transformación se opere sin grandes quebrantos. 

De los informes tomados, de las experiencias hechas, se deduce que no existe fundamento alguno para prohibir la pesca a la ardora y que sólo será lícito limitarla, atendiendo a consideraciones de carácter económico y social, por un plazo prudencial y en determinadas rías porque el problema apasiona los ánimos. Porque la oposición a la pesca a la ardora no es general; zonas litorales hay donde casi es el único procedimientos empleado, sin que nadie proteste. Más aún: la Comisión estima que la pesca nocturna, con la ardora o sin ella, es más conveniente que la pesca de día, y esta es más eficaz a la caída de la tarde y de la madrugada. 

Puede afirmarse resueltamente que, por desgracia, la riqueza de las rías gallegas en especies comestible disminuye de modo alarmante. 

Algunos elementos no despreciables de esta riqueza (peces sedentarios, crustáceos, moluscos) están expuestos a desaparecer se no se toman medidas radicales. La causa de esta desaparición es la codicia desmedida de los mismos que protestan contra la introducción de nuevos artes. 

Respecto a los peces emigrantes, ¿quién es capaz de sentar afirmaciones concluyentes, si no existe ni el dictamen de la ciencia ni el apoyo de una estadística verdadera? 
Por R.O. de 4 de novembro de 1916 o informe foi aprobado, quedando desautorizada calquera outra protesta. As tarrafas quedaron como raíñas das rías e os mariñeiros que non atoparon traballo nos vapores, tiveron que emigrar. Moitos participaron nas poderosas asociacións creadas na Habana, Nova York e Bos Aires. 
Este mesmo ano estaba ultimándose o proxecto de creación dos Pósitos Marítimo Terrestres, impulsados polo ferrolán Alfredo Saralegui e que inmediatamente terían unha importante implantación en toda a beiramar galega. 
Para ilustrar as condicións nas que traballaban os mariñeiros podo citar o naufraxio do Eduarda, sucedido entre a Torre de Hércules e o monte San Pedro o 9 de decembro dese mesmo ano 1916. Por un golpe de vento e a mar grosa envorcou a buceta afogándose os seus seis tripulantes que andaban ao palangre. Catro deles casados cun total de 10 fillos. Todos veciños da Coruña. 

Como única axuda ás viúvas e orfos organizáronse rifas, mesas petitorias, solemnes funerais e unha marcha con dous coches do concello ocupados polos orfos e acompañados pola banda de música do hospicio. En total tocoulle a cada familia 493 pesetas. O salario de catro meses do mariñeiro de cuberta dun vapor pesqueiro. 
Tamén dicir deste ano tan pródigo en novas pesqueiras, que houbo unha dura folga no Muro coruñés que durou máis de tres meses. Comezou como paro patronal en protesta polo prezo do carbón e seguiu como folga dos mariñeiros pedindo aumentos salariais. Todo a consecuencia da Gran Guerra que fixera desaparecer do mercado o carbón galés e provocara unha inflación galopante. Este conflito bélico tamén incentivou a venta de varios bous ás potencias belixerantes. Sorprendente debeu ser o avistamento dunha flotilla de 16 bous artillados e sen bandeira que, próxima ás Sisargas, manobraban en diversas direccións como se efectuasen un recoñecemento. Seguramente andaban na procura dos submarinos alemáns que actuaban a poucas millas da costa galega, fundindo numerosos mercantes. 
Por se fora pouca esta actividade militar, a Mariña española decidiu realizar prácticas de tiro sen saír da liña entre Monte Ventoso e punta Langosteira. Así, durante más dunha semana de xuño do 1916, coincidindo cos momentos máis duros da folga, os acoirazados España e Alfonso XIII patrullaron polo interior do golfo a canonazo limpo, motivando as protestas dos mariñeiros de baixura. 
1. Tamén tiñan a súa parte as viúvas que aportaban panos. 
2. Artigos de José Rodríguez en La Voz de Galicia dos días 11, 12, 13 e 15 de setembro de 1883. Reproducido en Revista A Tenencia nº 4 da Agrupación Instructiva de Caamouco. 
3. La Voz de Galicia do 7 de novembro de 1897. 
4. A 1ª guerra pola sardiña foi na segunda metade do XVIII cando os fomentadores quixeron introducir as xávegas. Ver MEIJIDE PARDO, María Luisa, A guerra pola sardiña. 
5. RODRIGUEZ SANTAMARIA, Benito. Diccionario de artes de pesca, pax. 236, Madrid 1923. Edición facsimilar da Xunta de Galicia. 2000. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *