A humanidade comeza en Beloi. Sada na vida e na obra de Ramón Suárez Picallo

 Manuel Pérez Lorenzo

a humanidade para os galegos empeza en Galicia. Para min empeza en Beloi e a humanidade miña vive de Beloi para o mundo, para os catro puntos cardinais e para todos os puntos da rosa mariñeira.

Ramón Suárez Picallo
Discurso no Centro Betanzos de Bos Aires (1954)

Xornalista, político, sindicalista… Ramón Suárez Picallo é unha figura capital no nacionalismo galego do século XX. Probablemente, a voz que mellor soubo chegar ás masas nos anos previos á Guerra Civil. Emigrante primeiro e exiliado despois, dous terzos da súa vida transcorreron en América. Porén, nunca se resentiu o seu estreito vínculo coa terra natal, con Sada, materializado primeiro nas experiencias infantís e xuvenís, nunha intensa actividade durante os anos da Segunda República e na constante evocación literaria desde a distancia. A abordar esa relación vital, afectiva e creativa entre Suárez Picallo e Sada dedicamos estas páxinas.

Os anos da infancia: primeiras letras e primeiros traballos

O 4 de novembro de 1894 nacía Ramón en Beloi. Era o primeiro dos once fillos de Teresa Picallo, a «Escribana» (pois sabía ler, condición pouco común), e Eduardo Suárez, o «Zoqueiro de Beloi», que compaxinaba as tarefas do campo coas do mar e con longos períodos embarcado.

Banquete de homenaxe a Suárez Picallo (1) en Sada no ano 1926. Á súa dereita, o seu pai, Eduardo Suárez; á súa esquerda, en pé, o xornalista Manuel L. Freire-Calvelo.      Galicia Gráfica, 23/08/1926

A familia de Suárez Picallo procedía das parroquias de Sada, Soñeiro, Osedo e Carnoedo. Xa na súa madurez, Ramón lembraría a «nuestro abuelo materno, don Juan Picallo Caramés, dibujante, ceramista, poeta a ratos, y poseedor de una biblioteca con más de cien volúmenes». Presumiblemente, tería sido Juan Picallo o introdutor do infrecuente afán pola lectura no fogar familiar. Porén, o paso de Suárez Picallo pola escola foi fugaz, mais deixou  nel fonda pegada:

El local era blanco y luminoso, con muchas ventanas, y daba por el lado de atrás a uno de los valles más fértiles y más hermosos del mundo; por el frente estaba el muelle de los pescadores y, como telón de fondo, la bocarría azul, tersa como una esmeralda en las calmas chichas de la primavera y del verano, y alborotada como la Ira de Dios, en el otoño y en el invierno.1

Como todos os nenos da súa condición social, Ramón iniciouse moi novo no mundo laboral. Moito  despois describiría esa primeira experiencia como mariñeiro, cando contaba só nove anos:

Esa noche obtuve de mi madre el anhelado permiso, no sin una tenaz resistencia de su parte. Rezaba, ¡pobriña! por un navegante –mi padre emigrado– y desde esa noche rezaría por dos.

[…] Cargados hasta el caurel, lancha, bote y dos minuetas, regresamos a Fontán […].

 Luego la satisfacción de repartir entre los vecinos el producto de la amorrada: Un plato a la abuelita de arriba; otro a la madrina; otro al tío. Y la emoción de mi madre al decir orgullosa:

–Tróuxoas o meu fillo. Son as permeiras que gana.

[…] Pensando en estas escenas […] llegué al hogar querido, donde mi madre y mis hermanitos pequeños aguardaban ansiosos. Posé a sus pies el garrucho repleto, y al verlo mi madre me abrazó y me besó conmovida, ante mi ofrenda primera, sincera, tierna, hondamente amorosa.2

Habían pasar poucos anos máis para que, con tan so dezasete, tomase o barco que o conduciría a unha nova vida en Bos Aires.

Un regreso triunfal: Suárez Picallo na Sada da SEGUNDA República

Catorce anos despois de deixar Sada, Suárez Picallo regresaba á vila natal3. Tratábase dunha visita fugaz, pero a súa chegada causaba expectación. Aquel mozo convertérase nunha figura relevante do movemento obreiro arxentino e da colectividade galega. Era xa un xornalista recoñecido e estreara unha obra de teatro –Marola– cun éxito notable. Viña a Europa, de feito, como integrante da delegación da Federación Obrera Marítima ao congreso da OIT.

En Sada era recibido con dous banquetes de homenaxe no Royalty e na Terraza e pronunciaba unha conferencia sobre «A muller galega». Naqueles días, vivía con plenitude o reencontro coa familia, as amizades e a casa de Beloi. Desde o cuarto da súa nai observaba pola fiestra «o vieiro por onde aquela crúa mañán de marzal botei a andar rumbo ás terras da emigración»4. Mais axiña tiña que proseguir o seu camiño alén do Atlántico.

Desta vez non tardaría tanto en volver. En xuño de 1931, semanas despois da proclamación da Segunda República, era enviado pola Federación de Sociedades Gallegas da República Arxentina para participar na Asemblea Republicana da Coruña. Coa súa oratoria abraiaba a concorrencia e era elixido candidato a deputado pola ORGA de Casares Quiroga, obtendo acta nas eleccións constituíntes.

Comezaba unha nova vida para Ramón, unha situación que lle permitía convivir de novo cos seus. Malia os seus múltiples quefaceres, procuraría aproveitar todos os intres de descanso entre sesións das Cortes e estudos para ficar en Beloi. E a Beloi iríano visitar vellos amigos que compartiran destino na emigración. É o caso de Eduardo Blanco Amor, Antón Alonso Ríos ou Emilio Pita, que partillaban alí cuncas de viño nunha tarde do verán de 1933. O último dos tres rememoraría aquel recuncho de «acougo»:

Quixera lembralo lanzal e ledo, alá en Beloi, o berce nadal, preto da praia azul da Sada rumorosa, acarón da nai, velliña e buligueira, e de Xoán Antón, aloirado de sol, o irmán inesquecíbel morto polos corvos arrepiantes.

[…] En Beloi era o acougo, xunto á nai e o pai, a irmá tan pequeniña, Xan Antón e tamén aquel seu padriño, outo e dourado mariñeiro –o Don Ramón–, con ollos pingados de lonxanías, que naufragara para sempre nos terróns aldeáns […].

Era polas noites, na quentura do lar. Aínda a nai botaba unhas cantigas: aínda o padriño contaba –can-taba– antergas historias da mar; mais xa rebulía o surriso de predestinada tristura do probe Xan Antón.5

Emilio Pita escribía desde a distancia física e espiritual do exilio, cunha guerra de por medio que truncara a vida do irmán de Ramón, Xohán Antón. Tamén desde o desterro, outro dos amigos de Ramón en Sada, o sindicalista Serafín García, lembraba nun artigo en forma de carta aquel universo local que ambos compartiran nos anos 30:

Beloi… a que che sona iste nome Ramonciño…? Non sintes o recendo das malvas, as rosas e os xaranios, que a túa irmán tiña prantados na horta…? […] Lembras Ramón as nosas lerias no teu palleiro, cando crevache a perna i aqueles paseios polo Quenlle i a Revolta…? […]

O noso Ramón. Ise era teu nome i a xente somente te recoñecía esí. Velaí vai o noso Ramón –decían– vai para a baiuca parolar cos mariñeiros.

[…] Lembras a Corripa Ramón…? Os camiños de Fontán…? Cando no abrente ibas ao Boliche. Que algueiroso ibas cando había tranche e mocarte.6

Lonxe da súa vila, nas longas estadías en Madrid, Ramón non deixaría de ter presente Sada e as múltiples problemáticas que afectaban á veciñanza. Precisamente, a súa voz retumbaría naquel Parlamento en diferentes ocasións para trasladar á cámara cuestións cruciais para a localidade. Ademais de solicitar o arranxo de estradas e camiños, sería un firme defensor da construción do porto de refuxio, ante a situación de extrema precariedade e de falta de seguridade na que traballaba o sector pesqueiro. Ramón, mariñeiro desde os 9 anos, falaba con coñecemento de causa:

voy […] a tratar de la importancia económico-social de un pequeño puerto pescador que […] pide, sencillamente, unas obras de abrigo y embarque y desembarque y defensa de sus casas y embarcaciones […]. Un puerto […] que he tomado por razones obvias; primero, porque es el puerto del pueblo donde yo nací; segundo, porque por ello es el puerto donde pude más fácilmente documentarme […], y además, porque es un puerto gallego que está en el centro de una de las rías más prolíficas de Galicia en producción de pescado, y porque he podido lograr allí, directa y personalmente, con el auxilio del Pósito marítimo, de la Ayudantía de Marina y de su Ayuntamiento, y directamente de sus pescadores, las cifras a que me voy a referir […].

Hay núcleos de población pescadora como, por ejemplo, el de Fontán, anejo a Sada, y otros muchos, donde la gente no puede dormir tranquila ante la eventualidad de una maresía que una noche socave el ribazo sobre el cual tienen sus viviendas, y las destruya totalmente.7

Nunha ocasión respondería as críticas do Ministro de Obras Públicas, o socialista Indalecio Prieto, que o acusaba de defender intereses locais, de xeito tallante: «tampoco, al defender los intereses de mi región, debo olvidar los del pueblo en que he nacido y del que soy aquí Diputado»8.
A presenza en Sada de Suárez Picallo non podía pasar inadvertida para a dinámica vida política local. Era aquí onde tiña lugar, en xuño de 1931, a súa presentación pública como candidato a Deputado pola ORGA, nun acto que el mesmo pechaba «con un canto al trabajo de la tierra y del mar»9. O seu papel na fundación do Partido Galeguista, e o feito de ser unha das súas figuras con maior arraigo popular, influía de xeito determinante no desenvolvemento en Sada dun movemento nacionalista que tiña, por outra banda, no seu irmán Antón o seu principal valor local.
A estas alturas, o seu intenso labor como Deputado reportáralle múltiples simpatías entre a veciñanza. A súa intervención en actos era frecuente:

El lunes de Carnaval, dio una charla en el Pósito de Sada, sobre cuestiones de seguros para la clase pescadora y además dio cuenta del estado de las gestiones en pro del puerto de refugio y proyecto definitivamente aprobado, del puente del pasaje del Pedrido. El día primero visitó la parroquia de Carnoedo, donde ha sido cariñosamente agasajado y obligado a dirigir unas palabras a las gentes labriegas y forasteras de aquel simpático lugar, prometiéndoles volver muy pronto en unión de otros compañeros para hablar de la autonomía y otros problemas regionales.10

Ante as eleccións a Cortes de decembro de 1933, e co obxecto de organizar a campaña, constituíase en Sada, Oleiros e Bergondo «un grupo de simpatizantes galleguistas y amigos del diputado señor Suárez Picallo, compuesto por 100 individuos y con comités de acción en todas las parroquias»11. A campaña xiraba arredor á figura de Ramón. Sorprende, xa que logo, que rexeitase intervir en ningún acto en Sada, e que mesmo repartise un manifesto explicando as razóns. E o que sorprende aínda máis é o motivo que esgrime: «evitar presiones […] donde todos deben ser amigos por encima de las luchas políticas»12. Segundo o seu irmán, o nome de Ramón (o sistema de votación era de listas abertas) era proposto tanto polas candidaturas de esquerda como polas de dereita. Nas aldeas, dicía Xohán Antón, «el entusiasmo ya llega a fanatismo y pasión por su triunfo»13. Os resultados confirmaríano. Suárez Picallo gañaba incluso en mesas nas que a dereita obtiña o dobre de votos que a esquerda, e conseguía duplicar ao candidato conservador máis votado.
Porén, a derrota da esquerda naqueles comicios deixábao sen o seu escano. Aproveitaba entón para se dedicar ao xornalismo, cursar o bacharelato e a carreira de Dereito, seguindo os consellos da súa nai, e realizar un produtivo traballo orgánico no Partido Galeguista. En Souto, a escasos metros da súa casa de Beloi, nas inmediacións da escola que rexentaba o mestre Rafael Fernández Casas, celebrábase en marzo de 1935 a asemblea de constitución dun Grupo Local que se aproximaría á centena de militantes.
En decembro dese mesmo ano, Ramón era homenaxeado no Salón Moderno cun banquete multitudinario. Os seus veciños amosábanlle a súa gratitude e felicitábano pola recente licenciatura. Pechaba as intervencións o protagonista, que «tuvo palabras de recordación y gran elogio para sus primeros maestros de esta villa. Explicó con detalle su vida y sus luchas y se mostró optimista para el porvenir». Concluía o cronista recalcando a admiración de Sada polo galeguista: «En esta comarca es Ramón Suárez Picallo apreciadísimo y se recuerdan sus intervenciones como diputado a Cortes, siempre en defensa de los intereses de Galicia y en especial del agricultor y de los pescadores»14.
Entre tanto, estábase a fraguar a Fronte Popular, unha gran coalición da esquerda de cara ás eleccións a Cortes, na que se integraría o Partido Galeguista. En Sada (denominada nun primeiro momento Alianza de Esquerdas) o seu secretario xeral sería, precisamente, Xohán Antón Suárez Picallo. O 16 de outubro esta plataforma organizaba na parroquia de Mondego un «acto de afirmación republicano-galleguista contra la guerra, el fascio y pro amnistía»:

Cerró el acto el ex diputado don Ramón Suárez Picallo con un encendido discurso, a través del cual se expusieron los problemas planteados en esta hora en Galicia, en España y en el mundo entero, muy especialmente ante la eventualidad de una guerra provocada por los imperialismos fascistas, plaga contra la que hay que reaccionar violentamente, para impedir su obra destructora de la libertad y del progreso.

Delirantes aplausos y estentóreos vivas a la libertad y a la República dejaron en el aire una invitación a la fe y al optimismo en el porvenir de Galicia, dueña de sus destinos.15

Mais o seu último grande acto como orador en Sada tería lugar o 6 de febreiro nun Salón Moderno desbordado pola masiva afluencia de público. Era o mitin central da Fronte Popular na localidade, dez días antes das eleccións, e interviñan, ademais, os exdeputados Ramón Beade e José Miñones e o exministro Santiago Casares Quiroga16. Malia todo, era a voz de Suárez Picallo, en galego, falando de realidades palpables, de problemáticas concisas, a que mellor retumbaba nos oídos da concorrencia.
A partir daquela xornada, comezaba unha longa carreira de triunfos (a vitoria electoral, a recuperación da acta de deputado, o Estatuto de Autonomía…), interrompidos para sempre co maior dos fracasos. A sublevación militar de xullo afastaba a Ramón de Sada ata a fin dos seus días.

Suárez Picallo na súa etapa como deputado no Parlamento da Segunda República | Imaxe cedida por Ramón Tenreiro Suárez

SADA NOS TEXTOS E NOS DISCURSOS

Desde a distancia da emigración primeiro e do exilio máis tarde, Ramón foi tecendo un retrato emocional da Sada que deixou atrás. Unha colectánea de imaxes deitadas sobre as páxinas efémeras da prensa e lanzadas ao aire co retumbar da súa poderosa voz nos salóns da colectividade galega.
En diferentes textos xornalísticos lembraba episodios, lugares e personaxes que configuraban ese microcosmos no que transcorrera a súa infancia. Evocaba o mestre das primeiras letras –aquel don José Somoza, «El pedagogo más querido de sus discípulos a lo largo de medio siglo»17– ou o párroco don Gerónimo Rey –o mesmo que o bautizara–, «un viejecillo bondadoso, con una manga muy ancha para los pecados veniales» pero que «en Semana Santa adquiría un carácter tosco y severo»18. Tamén, como episodio inaugural da súa memoria política, relataba a súa experiencia infantil como espectador da oratoria incendiaria de Lugrís Freire, en dous mitins na praza de San Roque e no Tarabelo:

Pero sepa el maestro, el apóstol, el poeta y el dramaturgo, que desde la lejanía hay quien recuerda aquellas frases lapidarias pronunciadas en medio de la plaza de San Roque, señalando la casa del cacique y la del cura: «Labrego, ti es o Cristo d’estos tempos. I-alí tés a casa de Caifás, i-alí a de Pilatos.»19

Unha das pezas oratorias máis emotivas de Suárez Picallo, precisamente, ten a Sada por tema central. En concreto, as súas festas parroquiais. Na noite do 16 de agosto de 1930, ante os sadenses emigrados que, en Bos Aires, formaban a sociedade Unidos de Sada, Ramón rememoraba as xornadas festivas tan queridas por todos:

Reflejan en los maizales florecidos y coronados de duelas del «orballo», los primeros rayos del sol. Por la carretera blanca, por los senderos humildes, por los rueiros aldeanos va desgranando sus ecos la alborada de tonos jocundos. Himno de la Raza Gallega al sol y a la luz, a la tierra y al mar. El «Panchón», la banda de Arca y el «Capitán» de Mondego con su gaita, van recorriendo puerta por puerta, casa por casa, dejando en nuestras «eiras», temblando en el aire y en las almas, el saludo de la Alborada […].

Bajo los arcos de laurel, el tremolar de las colgaduras y el fulgor del lucerío, vibra la Foliada. Toda la mocedad mariñana volcó su gracia y su alegría en la calle del Pedregal, la plaza de San Roque y la Avenida de la Marina. […] El chirrido de la rueda que siempre toca; el pregón de freseras y rosquilleras; el tocar de las músicas y el danzar de los mozos, cesan de pronto, y todos los ojos se concentran en el centro de la vieja plaza.

Allí está el «fogueteiro», milagroso y rústico artista aldeano […]. Primero las bombas de palenque, después les fuegos de luces, y por último el clásico «aserrador» y la fina «madamita» que van volando pedazo a pedazo para cuajar, cerca de las estrellas en un enjambre fantástico de colores alumbrando el caserío, el valle y la ría solitaria.20

Outro acontecemento extraordinaro rescatado da memoria, neste caso de carácter reivindicativo, era o primeiro Día do Traballador celebrado na vila:

El Orfeón resultó el gran suceso. Dirigido por «El Panchón», director de la banda de música local, formada por diez números, encabezó el gran miting […]. En filas de a cuatro en fondo, recorrió la única calle asfaltada del pueblo, cantando a más no poder, especialmente frente a las casas del cura, del Alcalde, del Juez y del jefe de la Guardia Municipal: ¡Muera el Gobierno! ¡Abajo la burguesía vil y cruel! ¡Fuera los consumos! ¡No queremos al clero! Y detrás los discursos del caso, verdaderas piezas de antología, en las que se ponía a todo Dios humano y divino poco menos que a pan pedir. Por la noche hubo una función teatral de circunstancias, en un galpón de madera llamado «Salón Moderno», en la que se «echó» un melodrama impresionante de José Fola de Igúrbide, titulado: «El Sol de la Humanidad».21

Tamén habería espazo nos textos de Suárez Picallo para a descrición da xeografía nativa e do quefacer cotián dos seus poboadores. De ton profundamente lírico era a composición que lle dedicaba a Carnoedo, parroquia ben coñecida por el, inmediata a Beloi:

Aldeíña peixeira debruzada nun irto ribazo da ría, coma unha fidalga na solaina dun vello pazo. Na curvilinda ensenada, dornas e botes, lanchas e minuetas, gamelas e traineras, facendo acenos de ribeirana xentil, falan dun pobo que arrinca o pan de Deus, das entranas inhóspitas do mar.

[…] Polo abano de carreiros e congostras, á hora do lusco fusco, coma pombas pro pombal, como abellas de ouro dun enxamio, as mulleres dos peixeiros, voltan ao fogar, coas patelas acuguladas de froitos do agro en troques das que levaran acuguladas de froitos da ría!… Troque do mar i a terra, carne e sangre de Galicia!… Pan e viño na Eucarestía da Raza! ¡Carnoedo!22

Desde a distancia forzada, Sada foi, en definitiva, un dos leitmotiv da obra escrita e falada de Ramón Suárez Picallo:

Sada! Villa blanca y pescantina, debruzada sobre el espejo verdoroso de la ría encantada, bajo el amparo de la cruz cristiana de la iglesia parroquial y las ruinas pétreas del castillo de Curbeiroa. Calle del Pedregal, plaza de San Roque; plazuela del Conde, arteria por donde corre la sangre mariñana, cuajada en frutos del mar y del agro. Barrios pescadores de la Tenencia y la Obra; arenal extendido como un mantel del albo lino sobre la humilde mesa marinera. Rampas de Pontón, donde recala en «amorradas» el heroico esfuerzo pescador. Huertas de Pazos, de Sada d’Arriba y de Souto; campo de Samoedo; valles de Osedo, de Mosteirón, de Mondego, de Meirás y de Carnoedo, perfumados ahora por las «candeas» de los «castiñeiros» y los maizales en flor. Carretera blanca del Tarabelo y la Chaburra, camino de la hermosura aldeana, Prados y «milleiras» de Riobao y Veloy, de mi humilde y querido Veloy. Leyendas añejas del Quenlle y monte de Lixandre, y los pinares de los Cotos. Visión lejana de la niñez, apartada de nosotros por muchos años y por muchas leguas.23

1 «Evocación infantil. Como conocí a Don Quijote», El Sur, Santiago de Chile, 05/03/1956.

2 «Remembranza», Céltiga, Bos Aires, 25/06/1925.

3 M. PÉREZ LORENZO (2014): «Unha visita de Suárez Picallo á Sada de 1926», Areal. Revista Cultural de Sada, nº 9,  Sada: Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

4 «No carto de miña nai», Céltiga, Bos Aires, 10/12/1926.

5 Orientación Gallega, Bos Aires, 10-11/1964

6 Saudade, México, 25/07/1952

7 Diario Oficial de Cortes, Lexislatura 1931-1933, sesión de 29/11/1932, pp. 9815-9816.

8 Id., sesión de 12/01/1932, p. 3118.

9 El Pueblo Gallego, 19/96/1931

10 El Pueblo Gallego, 05/03/1933.

11 El Pueblo Gallego, 03/11/1933.

12 El Pueblo Gallego, 15/11/1933.

13 El Pueblo Gallego, 12/11/1933.

14 La Voz de Galicia, 28/11/1935

15 El Pueblo Gallego, 20/10/1935.

16 La Voz de Galicia, 09/02/1936.

17 M. PÉREZ LORENZO (2009): «José Somoza Eiriz e Ramón Suárez Picallo: o mestre aos ollos do alumno», A Xanela, nº 28, Betanzos: Asociación Cultural Eira Vella.

18 «Evocaciones y recuerdos. Semana Santa», La Hora, Santiago de Chile, 15/04/1949

19 «Un libro gallego. Ardencias, de Lugrís Freire», El Despertar Gallego, Bos Aires, 19/06/1927

20 «Evocación emocional de las Fiestas de Agosto en la villa de Sada», Real Academia Galega. Arquivo

21 «Evocaciones y recuerdos. El Primero de Mayo», La Hora, Santiago de Chile, 01/05/1949.

22 «Estampas mariñeiras. A Taberna da Trenla», Galicia, Bos Aires, 08/1929

23 «Evocación emocional…», id.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará