Fai unha proba. Escribe «capacitismo» no teu móbil ou no teu ordenador. O texto preditivo non é capaz de anticipalo e o corrector do Word subliñou esa palabra en vermello.
Fai outra proba. Pregunta ao teu redor cantas persoas escoitaron algunha vez esa palabra. Ou «discafobia». Con toda probabilidade, o resultado sexa algo moi aproximando ao 0%.
A existencia das cousas vén dada pola posibilidade de asignarlles unha palabra que as identifique. Resulta difícil pensar que algo existe cando non o identificamos cun nome concreto e claro. O que non se nomea non existe, e é por iso que nin sequera coñecemos o termo que define unha violencia camuflada e silenciosa: capacitismo.
O capacitismo é a discriminación ou prexuízo social contra as persoas con discapacidade. É o equivalente ao racismo, pero aplicado á funcionalidade en lugar de á raza. Capacitista sería a persoa ou a ideoloxía que considera que as persoas normofuncionais (entendendo por tal o patrón de persoa media) son superiores ás persoas nomeadas pola discapacidade. E discafobia sería a aversión cara ás persoas con discapacidade.
Non atoparedes ningún destes termos no dicionario da Real Academia Galega. O que non se nomea, non existe. Tampouco existía a palabra homofobia nos anos en que a autora deste artigo ía ao instituto, pero vaia se existía. E vaia se oprimía e fodía vidas.
Esta é a definición que fai a Organización Mundial da Saúde da discapacidade:
A discapacidade é un fenómeno complexo que reflicte unha interacción entre as características do organismo humano e as características da sociedade na que vive.
Esta definición pon o foco, non na forma de funcionar das persoas, senón na contorna. É a contorna a que pon as barreiras e impedimentos que orixinan a discapacidade e non a bioloxía das persoas. A discapacidade non sería entón unha condición da saúde, senón que reflectiría unha interacción. Sería o resultado de como deseñamos o mundo e das relacións que estabelecemos na nosa convivencia.
Deseñamos e construímos un mundo que se adapta á maioría estatística da poboación e que deixa fóra o 10% da cidadanía. Temos posto o foco en cambiar a persoa con discapacidade (tarefa tan imposible como dolorosa), en lugar de intentar transformar a contorna (algo factible cando existe a vontade de facelo). Para acadar unha equiparación de dereitos das persoas con discapacidade é necesario transformar a contorna que está concibida de acordo co patrón da persoa media.
Somos nós, como sociedade, quen xera as barreiras que orixinan a discapacidade. E somos nós quen, ao transformar esas barreiras que son o verdadeiro factor limitador, podemos atenuar e incluso eliminar o que demos en chamar discapacidade.
Construímos a discapacidade como coartada para deshumanizar a certas persoas e responsabilizar a bioloxía da súa exclusión en espazos e accións ordinarias para a poboación que non é etiquetada por esa circunstancia. «Non están porque non poden, non porque no lles deixemos», repetímonos como un mantra para xustificar a discriminación e a negación de dereitos que exercemos sobre este colectivo.
Responsabilizamos a bioloxía das barreiras que nós mesmos construímos como sociedade, cando son esas barreiras as que crean a discapacidade. As barreiras físicas pero tamén e, sobre todo, as que teñen que ver co pensamento, a ideoloxía e a actitude.
O capacitismo, ademais, non e só ideolóxico, senón tamén institucional, xa que se expresa mediante deseños públicos e se plasma en leis e formas de organización que supoñen una barreira para o colectivo de persoas nomeadas pola súa discapacidade.
Nun vídeo elaborado por mandato do Relator Especial de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade sinálase que:
O capacitismo é unha forma de discriminación baseada nun sistema de valores que considera certas características do corpo e a mente esenciais para vivir unha vida plena, e asume que a calidade de vida das persoas con discapacidade debe ser moi pobre.
No capacitismo, ao igual que no racismo, a homofobia e outras formas de opresión, os grupos sociais dominantes proxectan a súa propia imaxe como o modelo de como debe ser a humanidade, e ignoran ou rexeitan aos demais, a quen consideran como inferiores ou non-normais.
Este nesgo é utilizado para xustificar a exclusión das persoas con discapacidade, chegando incluso algunhas veces ao seu exterminio [movemento euxenético].
O capacitismo segue a difundirse a día de hoxe. As opinións sociais do capacitismo aínda inflúen na nosa forma de comprender o que significa vivir cunha discapacidade e en como se valoran as vidas das persoas con discapacidade. Séguense a esterilizar miles de mulleres e rapazas en contra da súa vontade e son incontables as persoas con discapacidade que pasan as súas vidas encerradas en institucións ou nas súas casas por seren consideradas incapaces de vivir en sociedade.
Ademais, o capacitismo deseña e sostén a forma na que as nosas sociedades están construídas ou organizadas, e actividades rutineiras como ir á escola ou ao traballo, utilizar o transporte público, facer a compra ou practicar un hobby resultan difíciles, cando non imposibles, para as persoas con discapacidade, que acaban sendo excluídas e illadas.
O que no se nomea non existe e, con todo, o capacitismo existe. Existe e é unha forma de opresión, aínda que non se sinta como tal porque, a diferenza doutras opresións, nesta non temos conciencia de estar exercéndoa, ao enmascarala con mágoa, paternalismo e conmiseración.
Un supremacista non mira con mágoa a unha persoa negra. Un homófobo non é condescendente cun rapaz gay ou unha muller trans. Un xenófobo non sente compaixón por un migrante. Así que, o máis preocupante é que existe unha opresión na nosa sociedade que non só non percibimos, senón que contribuímos a afianzar e consolidar. No só cando discriminamos, apartamos ou segregamos de forma directa e activa, senón tamén cada vez que, por exemplo, empregamos a palabra «subnormal» ou «retrasado», non como un subversión do termo, senón para combater ou desmontar a alguén. Cada vez que facemos alusión á (baixa) capacidade intelectual dunha persoa para ridiculizala a ela ou os seus argumentos. Cando (dende a súa inconmensurable superioridade moral) algún intelectual cuestiona que unha persoa con limitacións físicas poida dedicarse á política e formar parte do Parlamento.
Ao igual que noutras opresións, exercemos determinadas accións contra a vítima para negarlle dereitos e situala nun plano de inferioridade que a deshumanice. Invisibilizámola, discriminámola, excluímola e segregámola. Negámoslle o acceso á educación, ao traballo e a unha vida digna e independente. Incapacitámola, tutelámola e institucionalizámola. Oprimímola. Somos unha sociedade capacitista e nin sequera o sabemos.
Todas as minorías sofren rexeitamento ou aversión pola súa diferenza. Precísase unha palabra que defina o rexeitamento cara ás persoas con outra forma de funcionar física, sensorial ou cognitivamente, e o feito de que o termo que define este prexuízo sexa tan descoñecido amosa o estado dos dereitos das persoas con discapacidade. Non só apenas contan con aliados fóra do colectivo, senón que moitas (seguramente a maioría) nin sequera son conscientes da opresión que se exerce sobre elas. Como non o eran ata non hai tanto as mulleres.
O que non se nomea non existe.