O QUE LIMOS

El futuro es un país extraño. Una reflexión sobre la crisis social de comienzos del siglo XXI


Fontana, Josep
Ed. Pasado y Presente, 2013
ISBN: 978-84-939863-5-3

A burguesía non pode existir senón a condición
de revolucionar incesantemente os instrumentos
de produción, e con eles todas as relaciones
sociais […] todo o que era sólido, ben
establecido, volatilízase, todo o sagrado é
profanado, e os homes, o fin, vense forzados a
considerar serenamente as súas condicións de
existencia e as súas relación recíprocas.


Karl Marx, Manifiesto Comunista


Despois da publicación da súa monumental obra Por el bien del imperio (reseñado nesta mesma sección no nº 4 de Areal do mes de Abril do 2012) o mestre Fontana decatouse de que a profundidade e o alcance da crise ía moito máis lonxe do que el describía nos últimos capítulos do seu devandito libro. Para empezar, a que semellaba unha das moitas crises económicas cíclicas que forman parte do devir do capitalismo, aínda que fondísima nesta ocasión, trocou nunha profunda crise social, coa forza dabondo para poñer patas enriba unha chea de tautoloxías, algunhas delas coa consideración de “feitos sociais”, se se me permite a utilización un tanto espúrea do termo “durkheiniano”.
Produto das súas reflexións é este curto e amargo libriño no que ven a concluír que quizais o futuro non vaia ser coma nos imaxinabamos, tendo, polo contrario, todas as trazas de converterse “nun país extrano”, coma titulou o xeógrafo Lowhental en relación co pasado.
Unha das “certezas” que esta crise está a poñer en cuestión é a do progreso continuo da historia da humanidade. Fontana, cita a Edward Gibbon, o recoñecido autor de Historia de la decadencia y caída del Imperio romano (1781) para poñer en evidencia o xeneralizado (e o temperán) deste xeito de enfocar o devir histórico. Coido que a cita en cuestión, que se atopa na mentada obra de Gibbon, merece ser traída como exemplo desa forma de pensar no progreso sen volta atrás da historia, “cada idade do mundo aumentou, e inda segue a aumentar, a riqueza real, a felicidade, o saber e tal vez a virtude da especie humana”, mantén Gibbon. Nesta frase condénsase a “fe” no progreso ilimitado que ven acompañando a meirande parte da historiografía mundial ao longo do tempo. No que se refire a economía hai datos que aconsellan poñer seriamente en dubida a continuidade do crecemento económico, de tal xeito, que o acontecido nos derradeiros 250 anos, de progreso económico máis ou menos continuado, semella máis excepción que ven a confirmar unha regra que “trend” consolidado (e falando disto, quen nos ía dicir que na nosa terra a xente, algúns, nenos, non tan nenos e vellos, pasarían fame?). No eido do desenvolvemento social (non sempre correlacionado co crecemento económico)
Fontana advírtenos da importancia da loita colectiva. Nin as liberdades políticas nin as melloras económicas se conquistaron polas concesións dos grupos e clases dominantes senón pola loita en revoltas e revolucións.

Nesta nova análise da crise, o autor comeza por deixar claras algunhas das características do acontecido (e do que esta a acontecer) nos EEUU, orixe, e non só temporal, da crise, aparentemente en principio só económica. E o fai para poñer
en claro as súas ancoraxes ideolóxicas, sociais e políticas (ou, coma diría Marx, a relación da infraestrutura económica, “determinante en última instancia”, coa superestrutura ideolóxicapolítica-cultural-xurídica). Algunhas das cuestións,
por non dicir que todas elas, das que fala en relación cos EEUU, pódense materializar máis cedo (algunhas xa) que tarde en case que todos os países das chamadas (mal chamadas polo que se está a ver) “democracias avanzadas”.

En primeiro lugar, hai que cuestionar o contido (cando se produza, e no caso que se produza) da “recuperación”. Nos EEUU, esa “recuperación” (entre comiñas porque se refire a conxuntural do 2009 de curtos efectos e duración), os niveis do 2007, vaise producir con seis millóns de traballadores menos que antes da crise. A ocupación non se recupera, e a propia OIT (Organiza-ción Internacional do Traballo) advertiu o 29 de Abril do 2012, que “…aínda que os acenos de crecemento económico teñen comezado nalgunhas rexións, a situación global da ocupación non amosa sinais de recuperación nun futuro inmediato”. Aínda por enriba, ospostos de traballo son, na súa maioría, de duración insegura e soldo escaso, nun contexto no que os beneficios do aumento da produtividade van parar as mans dos propietarios do capital, mentres que os traballadores están parados ou subempregados. Ademais, e paralelamente, estase a producir a privatización da política, un crecemento da influenza das grades corporacións empresariais na toma de decisións políticas, xa en franco aumento desde finais dos anos setenta.
Non só é actuación dos lobbys, os grupos de presión favorecedores de intereses de sectores económicos e empresariais (a actuación dos lobbistas é un feito comunmente aceptado no noso país aínda que non exista regulación ao respecto, a diferenza de diferentes países, anglosaxóns nomeadamente, o que polo menos redundaría nunha maior transparencia) senón tamén o aumento de doazóns para sufragar campañas políticas por empresas e empresarios concretos. A través dos chamados PAC’S (Comités de Acción Política) os dous grandes partidos (Demócrata e Republicano) gastaron pouco antes das eleccións do 2012 1875 millóns de dólares, a maior parte provinte das grandes corporacións empresariais [os papeis de Bárcenas, a máis que presunta contabilidade B do Partido Popular, rexistra doazóns de empresas concretas, de forma hoxe por hoxe ilegal pero, canto tempo tardarán os dous partidos maioritarios (PSOE e PP, os nosos demócratas e republicanos) en cambiar a LEI DE FINANCIAMENTO para facer legais estas doazóns?

Do proceso da privatización do Estado algo estamos a saber xa nestas latitudes, aínda que non coa profundidade do que nos fala Fontana en relación cos EEUU. Neste sentido son arrepiantes as informacións sobre a privatización do sistema carcerario, cuxas circunstancias e consecuencias fan máis que asumibles as teses dos que falan dunha “medievelización” do funcionamento dos aparellos do Estado. Unha involución que ten por obxecto os novos “nichos” de negocio, aqueles abandonados e/ou cuestionados polo Estado, como a educación ou a sanidade (o sistema público de pensións semella un obxectivo relegado a un futuro máis ou menos inmediato; a esta xente gústalle facer as cousas a modiño). Non se trata só de medidas limitadoras de dereitos, o fondo deste tipo de medidas pon a proba principios básicos de solidariedade social, sen os que é imposible falar de sociedade integrada.

Neste último tipo de políticas inscríbense as medidas de austeridade na vella Europa. A existencia dunha “rede de protección” en forma de Estado do Benestar (aínda con extensión e profundidade variable segundo os países) serviu para retrasar as medidas xa plantexadas e levadas a termo nos EEUU. Pero a chegada da crise ía servir como pretexto para implementalas. O sufrimento das clases desfavorecidas serve para calmar as fames do novo Leviatán, que xa non representa o Estado, como cría Hobbes, senón aos omnipotentes mercados.

Deste xeito as perspectivas son desiguais para países e continentes. Na América Latina pódese albiscar un futuro á marxe das políticas neoliberais. Asia, despois do retroceso dos denominados “tigres asiáticos”, no que debemos incluír a Xapón, asiste ao crecemento económico da China, non exento de contradicións, que poden indicar un futuro conflitivo no social. África subsahariana, semella continuar na vía do empobrecemento, con crises de subsistencia e fames negras, vítima das decisións políticas máis que estritamente económicas. Os países do norte do continente, despois da chamada “primavera árabe” viven inmersos nunha onda de frustración tras as promesas incumpridas no político e no social; as derradeiras explosións de violencia poden desembocar en procesos de cambio de alcance imprevisíbel. Sobre todas estas cuestión incide a análise do autor.

Asemade, as posibilidades de conflitos, tras as xa vellas guerras de Afganistán, Irak, e s máis recentes coma a de Siria, apuntan a novos obxectivos como Irán, que é o verdadeiro branco, porque coma dixo Uwe- Jurgen Ness “o camiño de Teheran pasa por Damasco”, engadindo que o que a EEUU, Turquía e os países árabes sunís aliados dos norteamericanos lles interesa é “debilitar a República Islámica, derrubando o goberno de Assad en Siria”, para remprazalo por outro suní. Como di Fontana, parécese albiscar un novo estilo de guerra, por riba doutras consideracións, polo fracaso dos conflitos de Irak e Afganistán, o seu alto custo e o rexeite popular.
Ese novo estilo de guerra, xunto co énfase na rexión Asia-Pacífico e o interese na prevención dos conflitos rexionais perigosos (para EEUU e os seus aliados se entende) consiste na presenza de grupos reducidos de asesores e instrutores militares en moitos países, e a intervención dos grupos especiais cando sexa preciso. Do mesmo xeito, a utilización de aparellos aéreos sen tripulación, os famosos “drones”, forma parte deste novo xeito de facer a guerra. Fontana apunta que o problema deste tipo de armas é a posibilidade da súa utilización polo inimigo. O seu baixo custo, a diferenza do armamento nuclear e as naves e aeronaves necesarias para o seu uso, posibilitarían o seu acceso, do mesmo xeito que o emprego da “ciberguerra”, da que é exemplo a operación chamada “Olimpic Games”, levada a cabo por Estados Unidos e Israel, co obxectivo de alterar o funcionamento das centrifugadoras utilizadas no enriquecemento do uranio e deste xeito inutilizalas.

Hoxe máis que nunca o carácter depredador do capitalismo, o capitalismo “realmente existente”, coas súas elites tentando impoñer a lóxica da desigualdade, é visto criticamente por cada vez máis sectores da poboación nos mesmos EEUU, (o autor menciona un artigo de Robin Harding, publicado no Financial Times, no que cita unha enquisa na que dous terzos dos adultos norteamericanos en idade de traballar opinan “que o modelo económico dos Estados Unidos non é valido xa para a maioría”). O cuestionamento do capital financeiro, despois dos desregulamentos, e da gran banca son moeda común. O autor distingue os que se mostran favorables a unha reforma do capitalismo, comezando por unha maior regulación  do capital financeiro e unha “democracia económica”, daqueles outros que sinxelamente rexeitan o sistema. De todos os xeitos, son os que protestan e resisten os que poñen en primeiro plano a faciana política do problema. Fontana fala dos movementos, coma Ocuppy Wall Street e os Indignados, de protesta e resistencia e das súas andainas. Tamén analiza outras vías de protesta, non tan coñecidas. Todas elas poñen de relevo a extensión e o alcance da conciencia de que o sistema, na versión global, chegou a un punto no que non pode continuar medrando sen poñer en grave risco, non só o benestar, senón incluso a supervivencia dos demais.

Xaime Rodríguez Rodríguez


A Xanela Revisa cultural das Mariñas
Asociación Cultural Eira Vella · Betanzos

Este pasado outono chegou as nosas mans un novo número -e van xa 34- de A Xanela. Revista Cultural das Mariñas. Edítaa a A. C. Eira Vella de Betanzos, que ven de conmemorar os seus 20 anos de existencia.


Neste número, a sección de Creación ocúpana os textos de Gabriela Rodríguez, Mario Marcos Pardo, Maxi Rei, Elena Veiga Rilo, Manuel Fiaño Sánchez e Luciano Maia. En Letras de Portugal atopamos dous poemas de Susete Viegas e Cândido da Velha. O artigo de O Noso Patrimonio, de Xosé María Veiga e Juan Sobrino, consiste nesta ocasión nun estudo de “Santa María de Probaos e A Medela”. Manuel B. Dans escribe acerca do significado do topónimo Betanzos, e Xesús Torres, con motivo do centenario de Celso Emilio Ferreiro, publica, cun amplo estudo introdutorio, tres poemas aparecidos nas páxinas da revista do Centro Betanzos de Bos Aires. Moncho do Orzán asina o artigo “Xosé López Bao, alma de buxo”, e Xesús Torres, Antón Fdez. Malde e Xosé Anxo Varela publican tres documentados traballos baixo os títulos “Mariñáns nos campos de exterminio nazis”, “Novas pontes históricas sobre os ríos Deo e Mandeo” e “O misterio da parroquia de Anllóns”. Na sección de Viaxeiros, o presente número reproduce un texto de Pedro de Repide sobre a romaría dos Caneiros de Betanzos, así como as habituais seccións Xosé Luis Sobrino sobre novidades discográficas e de Baraxeiro sobre publicacións de recente aparición.

Cómpre destacarmos, pola súa temática, o texto de Manuel Fiaño Sánchez titulado, con humor, “O meu é máis grande que o teu”, que versa sobre a rivalidade entre Betanzos e Sada
por lanzar ao aire o globo de maiores dimensións nas súas respectivas festas patronais. Está ilustrado cunha fermosa fotografía na que se reproduce a elevación do globo sadense ante a capela de San Roque.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *