MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
Como ven sendo habitual, neste relatorio imos deixar constancia das actividades nas que a nosa Asociación participou ao longo do último semestre.

Presentación do nº 5 de Areal
Como sempre comezando pola presentación da revista nº5, que foi dedicada a Ricardo Flores co gallo do 10º aniversario do seu pasamento. Tivo lugar o 13 de outubro na Capela de San Roque, que quedou pequena para este acto, no que contamos coa actuación da Coral Polifónica da S.R.C.D. de Sada que interpretou, entre outras, tres pezas inéditas de Ricardo Flores. Finalizou o acto cunha intervención excepcional: a da actriz Carmen Moreno, que representara obras de Ricardo Flores no Buenos Aires dos anos 50. Nesta ocasión, representou un anaco da obra Un ovo de dúas xemas, deleitando ao público coa súa vitalidade e simpatía.

O día 14, como todos os anos, realizouse a ofrenda a Ramón Suárez Picallo no cemiterio de Fiunchedo, coa lectura de varios textos.

Magosto en Fontán
O 18 novembro, no marco do Magosto en Fontán, promovido polos compañeiros da Plataforma en Defensa da Ría de Sada, a Delegación das Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural e a nosa Asociación, Manuel Pérez Lorenzo presenta un novo exemplar, o nº 13, dos Cadernos de Estudos Locais, “Fontán nas nosas letras”.

Exposición “Querido Balbino”
Desde a Asociación conseguimos que o Concello e a Secretaría Xeral de Política Lingüística trouxesen ao IES Isaac Díaz Pardo a exposición “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de memorias dun neno labrego”. Participamos o 26 de novembro no acto de inauguración, con Xosé Neira Vilas.

Ano Lugrís Freire
O 22 de decembro no Pleno Ordinario do Concello de Sada, o BNG traslada a nosa proposta de declarar institucionalmente o 2013 como ano Manuel Lugrís Freire, que foi aprobada por unanimidade. Organizaranse xornadas e publicacións coa colaboración do ente municipal.
Desde a Asociación traballaremos para difundir a figura deste ilustre sadense, do que en 2013 se conmemora o 150 aniversario do nacemento.

Homenaxe a Isaac
O 10 de xaneiro homenaxeamos a Isaac no seu 1º cabodano. Despois das palabras do noso Presidente Paco Pita, é Xosé A. Seoane quen presenta o audiovisual que sobre Isaac realizou a produtora Gallaecia Filmes, do IES Isaac Díaz Pardo. Na mesa que ten lugar a continuación interveñen Xosé Luís Axeitos, Felipe Senén e Xosé Ramón Fandiño, presentando este último o libro A luminosa mirada dos ollos de Isaac.
Continúan os actos o día 11 coa presentación do documental de Xosé Abad Isaac, acto no que tamén Isabel Risco le un poema dedicado ao mesmo e o grupo Queiroa remata a sesión.
Presentación de As fontes no Concello de Betanzos
O xoves 24 de xaneiro, tivo lugar, na Casa Municipal da Xuventude, un novo acto no que Xesús Torres e Antón García presentaron o seu libro As fontes no Concello de Betanzos, publicado pola A. C. Eira Vella. Trátase dun minucioso estudo, produto dunha profunda investigación, de todas e cada unha das fontes que existen ou existiron no municipio brigantino.
A continuación, Xosé A. Seoane e Paco Pita expuxeron senllas experiencias educativas que teñen como epicentro as fontes e lavadoiros nos concellos de Sada e Culleredo, respectivamente.

Exposición sobre Ricardo Flores na Coruña
O venres 1 de febreiro, no local da A. C. Alexandre Bóveda (A Coruña) inaugurouse a exposición elaborada pola nosa asociación na que se realiza un percorrido pola biografía e as
diversas facetas creativas do sadense Ricardo Flores, asistindo varios membros da directiva.

Apertura oficial do Ano Lugrís Freire
O pasado xoves, 14 de febreiro de 2013 inaugurouse o Ano Lugrís Freire, ao cumprirse o 150 aniversario do seu nacemento. O acto tivo lugar na praza de San Roque coa asistencia do Alcalde, do goberno municipal e os demais grupos políticos, representantes da Deputación Provincial, do
concello de A Coruña, da Asociación da Prensa, da nosa Asociación, da familia Lugrís, da Real Academia Galega, alumnos do CEIP Sada y sus Contornos, etc. Tamén quedou inaugurada a exposición sobre Lugrís (na capela de San Roque) preparada polo Concello e pola nosa Asociación con aportacións do CEIP Sada y sus Contornos.

Continuando cos actos, o día 15 celebrouse unha mesa redonda coa asistencia de Manuel González (presidente da Asociación da Prensa de A Coruña), Manuel Lugrís (neto do homenaxeado) e Francisco Pillado Maior (director
de Edicións editorial Laiovento, experto no teatro de Lugrís e pioneiro no estudo da súa figura). Isabel Risco dramatizou un fragmento da obra de Lugrís A Ponte.

Teatro na Ría
O domingo 10 de marzo, na Casa da Cultura, tivo lugar unha xornada teatral coordinada pola Plataforma en Defensa da Ría de Sada, na que Fernando Morán e Isabel Risco representaron varios textos de Jacobo Paz.

Proxección de El Problema. Testimonio del pueblo saharaui
O domingo 17 presentamos na Casa da Cultura o documental El Problema. Testimonio del pueblo saharaui, no que se aborda a actual situación da poboación saharaui. Contamos coa presenza do seu co-director e co-guionista, o sadense Pablo Vidal, que anunciou o seu proxecto, xa avanzado, de realizar un documental sobre os veráns de Franco en Meirás.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *