VIDA MARIÑEIRA DE SADA. CONTRIBUCIÓN PARA UN ESTUDO LINGÜÍSTICO

María do Carme Ríos Panisse
A nosa revista, sempre atenta a difusión dos feitos culturais máis relevantes, propios da concepción dunha cultura viva a carón dos intereses da xente, vai publicar o longo dos vindeiros números o traballo de Mª. C. Ríos Panisse “Vida mariñeira en Sada. Contribución para un estudio lingüístico”, que foi ademais a Tese de Licenciatura (tesiña) da autora. O traballo, máis aló do interese estritamente lingüístico, ven a representar un auténtico achegamento etnográfico a vida dos mariñeiros da nosa vila. O mar, sen o que non se pode entender a nosa terra, ven sendo obxecto dos estudos daquela parte máis comprometida dos nosos intelectuais. No eido dos estudos lingüísticos/filolóxicos xa o Pai Sarmiento recolleu léxico mariñeiro, concretamente nomes de peixes, crustáceos e algas, nas súas viaxes por Galicia nos anos 1745 e 1754. Cornide, xunto cos nomes de peixes, deixounos a súa obra Memoria de la pesca de la sardina en las costas de Galicia (1774). Xunto con estes precursores, hai que facer mención do traballo do ourensán Xaquín Lorenzo Fernández, que publicou, no ano 1934, o articulo “As dornas do Porto do Son”, auténtico traballo pioneiro na etnografía dos traballos e os días dos mariñeiros da zona. Precisamente, nesta liña debemos inscribir o traballo que nos ocupa. Nestes tempos nos que é frecuente oír, ou ler aínda en verso, proclamas de amor a nosa vila (“A Sada la tierra que me vio nacer”) é de agradecer poder ler traballos de verdadeiro aprecio pola nosa xente, a súa lingua os seus afáns e cotianeidade. Un traballo feito por unha acreditada autora, con libros como Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia, que aínda hoxe, a pesares do tempo transcorrido -publicouse no ano 1977- segue sendo obra de referenza para todos os interesados no eido do coñecemento mariño. Só podemos esperar que o presente traballo, viu luz por vez primeira na revista Verba (nº 1, 1974: 181-232), vos resulte tan gratificante coma nós a súa publicación en Areal.
X. Rodríguez

PRELIMINARES

1. Nota previa
O material recollido neste traballo vai distribuído por temas, correspondendo cada un a unha determinada esfera da actividade mariñeira. Cando o tema resulta restrinxido demais e dá lugar a un número moi limitado de palabras, pasámolo por alto. Estas verbas, o mesmo que aquelas de carácter moi xeneral, aparecen todas o remate, organizadas conforme os vocabularios tradicionais.

Tocante os nomes das especies mariñas é de sinalar que un só nome dáse por veces a máis dun individuo. Tamén temos que chamar a atención sobre algunha correspondencia dubidosa entre nome vulgar e científico; sempre que se dea isto sinalaremos cunha interrogante a nosa inseguridade na clasificación. Finalmente, cómpre indicarmos que por veces nin sequera hipoteticamente nos foi posible propoñer unha equivalencia.

2. Algúns aspectos do galego de Sada
Sada pertence á zona occidental do norte de Galicia e a súa fala responde as peculiaridades do galego norociclental. Destacan entre elas:

A “GEADA”. O son da “geada” en Sada equivale enteiramente á [x] case sempre, aínda que nalgunha ocasión teño oído este fenómeno como unha [ɦ]. Os falantes consideran a “geada” como un defecto polo que en ocasións non a utilizan, sobre todo se están falando con xente estraña. Entre eles mesmos hai veces que a usan e veces que non. Hai tamén palabras que non conciben sen geada; bujina, aujamare.
SESEO FINAL. É o único seseo que existe en Sada: rapás, lus, ves, por rapaz, luz, vez. A palabra vez oína varias veces tamén sen seseo. O -e paragóxico conserva o seseo: luse, rapase.
SOLUCIÓN DO SUFIXO -ANU, -ANA. A solución é -án: mazán, chán, irmán. Os castelanismos semana e mañana conviven coas formas semán (moi pouco utilizada) e mañán (co significado de ‘parte do día despois de sair o sol’ fronte ao de mañana que significa ‘día seguinte’).
FORMACIÓN DO PLURAL DE -AN, -ON. Estes plurais son en -ás e -ós: mazás, irmás, pantalós, cazós.
OUTROS RASGOS. Úsase moito o infinitivo coa preposición a con valor de xerundio da justo velos a traballar. Tamén chama a atención a expresión tardar a no lugar de ‘tardar hastra’ Levan moita comida porque poden tardar a dous meses en volver. Entre os vellos úsase aínda o infinitivo conxugado pra viren, a seres. As veces (raramente e tamén entre os vellos) colócase o pronome complemento antes do pronome suxeito, se ambos van diante do verbo por ser unha oración subordinada ou levar anteposto algún adverbio Tamén as eu teño. Tamén é moi corrente a utilización do e paragóxico, sobre todo entre os vellos,-que as veces non conciben a palabra sen el; así aujamare, tinare, viradore. A utilización dun e paragóxico cun infinitivo impide as veces a aparición do artigo -lo, -la, vareare a robaliza no lugar de vareáre-la robaliza.
Cando o e paragóxico vai detrás de n, o n conserva o seu valor velar. Ponse tras de substantivos, adxectivos, pronomes, adverbios e verbos: bójanhe, benhe, lonjeironhe, minhe, ruínhe.
PRÉSTAMOS. A poboación de Sada pode considerarse bilingüe. Debido a iso a lingua está chea de castelanismos. Os máis notables, para min, foron os que substitúen case completamente os nomes dos meses, dos días, da lúa. Mais explicables son os que se atopan aplicados á vela, embarcacións ou redes, pois moitas modificacións nelas non son de orixe galega, senón estranxeira ou de outras partes de España. En Sada, coma en moitos lados, hai tamén palabras e expresións típicas, algunhas das cales poden ter orixe hispanoamericana; entre elas destacan: amorrar, co significado de ‘recibir moito’, ser moi bravero, é dicir, ‘ser un bravucón’, ir en pojí ‘ir en coche’, salija ‘tortilla’.


I. SADA

1. Breve descrición
Sada atópase na comarca das Mariñas, na península situada entre a badía da Coruña e a boca da ría de Betanzos. A distancia á capital da provincia é duns 17 kms. Ten un porto grande e unha boa flota pesqueira, que lle produce unha economía saneada na que se basea un aumento de poboación debido á inmigración dos pobos labregos veciños. Outras fontes de riqueza son as fábricas de conservas, os estaleiros, as telleiras e o turismo. A vila ten como emblema unha nave vogando entre dúas torres.

Sada está entre Fontán e Gandarío e ten enfronte Miño. A súa ría non ten moito calado pero é abundante en pesca. A súa praia é rica en mariscos entre os que destacan os berberechos, os lonjeirós, os caíños, as navallas, as zapatelas, os diques e outros.

Sada divídese en varias zonas que son: o Carjadoiro, hoxe substituído polo Puerto, a Plaia, o Cebado, zona seguinte o Carjadoiro cara Fontán que se chama así por estar antes cuberta dunhas algas semellantes a herbas que recibían tamén o nome de cebado, a Tenencia, barrio do porto, a Corredoira, barrio paralelo é Tenencia cara o interior, o Pedrejal, zona situada na carreteira cara á Coruña, Sada de Abaixo, núcleo central de Sada que se chama así para se diferenciar de Sada de Arriba, poboación eminentemente agrícola, a Ponte, zona cara a praia que abarca as rúas da Plaia, a Obra e Sada da Area, a zona das Brañas, no interior moi húmida, con lagoas de pequeno tamaño feitas polas escavacións das telleiras, que son alí moi abundantes, a Torre, zona de Sada cara Gandarío polo interior e o Curruncho, zona tamén cara Gandarío pero pola costa.

Os habitantes das zonas limítrofes chaman aos de Sada de alcume Patexeiros ou Parrocheiros (esta última denominación é menos usada).

2. Vida mariñeira
O neno do mariñeiro anda na escola ata os 14 anos, idade na que o rapaz que quere ser mariñeiro se enrola cun patrón. Antes de saír ao mar o mariñeiro vai polas redes que deixou o día anterior a secar. Embarca sobre as cinco da tarde e volve sobre da media noite se non a bota toda no mar. Nos meses de inverno é normal saír sobre da media noite e volver ás oito
ou nove da mañá. Ten pois o mariñeiro poucas horas de durma ás noites polo que é normal que bote unha sesta ó mediodía.
Sáese pescar normalmente a sitios non moi lonxe de Sada, aínda que ás veces van ata Cedeira, Malpica Ares, Portonovo, Ferrol e, en xeral polas rías.

Á volta, normalmente, a pesca divídese en partes ou quiñós das que leva algo máis da metade o armador, quiñón e medio o patrón e os que ocupan postos de máis responsabilidade, e un quiñón o resto dos mariñeiros. Ademais disto o armador dá medio quiñón máis da súa parte aos que ocupan postos importantes no mando da embarcación.

Na pesca de altura vaise a xornal e cóbrase semanalmente. O mariñeiro vende o peixe na lonja onde é encargado de subastalo o lonjeiro para que o merquen as pescadoras, pescas, peixeiras ou rejateiras que o venden na praza ou polas aldeas, chegando ata Roeiro, Pazos, Carnoedo, Santa Cruz, Mera, etc. Antes o peixe pequeno vendíase por ducias ou por más. Cada man tiña 4 pezas, 25 más facían un cento e 260 más un milleiro. Hoxe véndese a peso.


O mariñeiro é moi irregular nas súas ganancias e gastos. Manexa máis cartos que o labrego e en xeral preocúpase moito menos ca este da súa economía.

Un mariñeiro vello cobraba en 1968 (data
deste traballo) algo máis de mil pesetas de retiro, unha redeira unhas 300 pesetas e unha empregada da lonxa 90 pesos. As viúvas vellas non cobraban nada.

Os mariñeiros chámanse normalmente polo alcume. Este pode provir dalgunha profesión : Pila do Forno, Román da Serreira, Manola a Queixeira. Dalgunha fazaña: Pancho da Brava. Do lugar de orixe: Lola de Bouzas, Periquete da Frouxeira. Ou dalgún defecto: o Parrulo, o Camello, o Barralla, o Pluma.

As casas máis antigas habitadas polos mariñeiros de Sada eran dunha soa planta cun faiado.
O tellado, feito de tellas formando canales tiña unha parte que sobresaía chamada cornisa. Normalmente os tellados teñen hoxe un pequeno muro frontal chamado petril que está unido ó tellado por unhas tellas ditas sobrepenas. Segundo sexa a súa armazón, o tellado pode ser de dúas ou catro aujas. Na súa construción precísase unha viga central chamada cume, outras, máis pequenas, perpendiculares a ela chamadas canjos ou larjeiros e outras paralelas chamadas ripias. Hai tamén, a fin de soster o tellado, dúas vigas grandes perpendiculares ó cume chamadas tiradores que van apoiadas nunha viga que vai dun lado a outro da parede chamada tixeira. O triángulo formado recibe o nome de pinche e é onde vai o faiado.

As paredes da casa son normalmente de mampostería, parede de pedra con cachotes. A casa está asentada sobre os cimentos ou cementos.
Normalmente a casa ten dúas ventás e unha porta. As ventás teñen dúas follas con cristais e contras que non deixan pasa-la luz. Péchanse con falleba. As portas máis correntes son as de madeira, divididas en dúas follas chamadas porta de arriba e porta de abaixo. Péchanse con pechos ou pechaduras. A porta da horta ou a da entrada chámase portalón. Se a casa ten faiado ou sobrado (meirande có faiado onde normalmente se dorme) ou ben outro piso, o teito que separa ambas as plantas está feito con vijas de arrastre e pontós.

As casas antigas non tiñan máis que a cociña, onde se vivía, e ás veces un sobrado onde se podía durmir e que se utilizaba como sala. Estas casas non tiñan cheminea e o fume escapábase polas ripias, entre os larjeiros. Outro tipo de casa, corrente aínda hoxe, ten catro habitacións, unha delas é a cociña, que normalmente dá cara a parte de atrás; outra, dianteira, destinada a remendar e gardar as redes; outra usada como sala, e outra, a máis do sobrado, como dormitorio.

Fóra da casa teñen unha pequena chousa (ás veces teñen leiras) que dedican a algunhas coles e patacas e onde secan as redes pequenas.
A cociña era de lareira, co lare no medio, onde se facía o lume. O chán era normalmente de pedras irregulares, aínda que podía ser de terra.
Na cociña había unha barrela, pau onde se colaba a jramalleira, cadea cun jancho onde penduraba o pote. Ademais do pote tiñan potas, fontes, cuncas (as máis famosas eran as de barro de Buño onde se tomaban as papas), trinchantes, coitelos, culleres, tixolas, trespés, olas de ferro, alzadeiros e cunqueiros.

Tiñan camas de rilleira que tamén estaban na cociña. Podíanse pechar quedando como armarios. Era normal que se deitasen nun xarjón, colchón de palla, ó pe do lume. Para alumar tiñan candiles de saín, chamados así porque o combustible era graxa de sardiña. Logo pasaron a ser de jas ou petróleo. Algúns teñen tamén na cociña jaliñeiros ou poleiros, caixóns onde gardan as galiñas. Fóra da casa teñen ás veces cortes con algún porco.

O mariñeiro leva como único distintivo no vestir un “jersey” azul ou unha camisa da mesma cor. Antes usaban polainas e cirolas. Na cabeza leva unha pucha. Para ir ó mar leva cando fai mal tempo o traxe de aujas que consiste nun sueste, gorro especial con ala cara atrás, un pantalón e un chaquetón, as tres pezas son de hule.

Normalmente levan zocas ou zocos, estes últimos con caña. As mulleres, hai moito tempo (acórdase unha muller de 82 anos de que o dicía a súa avoa) levaban o sajalexo, especie de saia, e o casabé, que era unha chambra que confecionaban elas mesmas porque o mercalo era caro.

O mariñeiro come normalmente peixe que lle prepara a súa muller na casa, ou el mesmo se está no barco. Normalmente faino cocido con patacas, pemento, cebola, e outras cousas, na famosa caldeirada, prato no que a graza está no prebe ou salsa. Ás veces come tortilla, que chama salija, feita con cuniños, ovos. Nunha festa, rachada ou larada, faise na tixola unha fritada de peixes, que eles chaman simplemente frito.

Outros pratos que come moito o mariñeiro son sardiñas con cachelos (patacas cocidas coa pela), caldo e empanada, sobre todo de sardiñas.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *