Ana Luisa Bouza Santiago
Nuns días celébrase o cabodano de Ramón Suarez Picallo e catro anos da traída dos seus restos a Galiza, nese 2008 no que recuperamos a súa figura pola vontade política de dous gobernos, o de Sada e o de Galiza, pola vontade política de Abel López Soto e Anxo Quintana, do BNG.
A lectura dalgún dos textos que se publicaron daquela, mostra a actualidade das súas reflexións. A fins dos anos 20 e primeiros 30 do século pasado vivían Europa e Galiza tempos convulsos, semellantes aos actuais, e instalouse un discurso contra os políticos e a política promovido e aboado desde os medios de comunicación. O resultado, que cómpre lembrar, foi a chegada dos fascismos, con consecuencias que aínda padecemos. Naquel tempo, Suárez Picallo reivindicaba
a dignidade da política como espazo onde resolver os problemas da sociedade “ben chegada a loita, a nobre loita das ideas e das razóns para suplantar a parva actividade de don xoán contra don farruco, ambos a dous ocos de cabeza e de corazón”. Que doado resultaría hoxe poñer nome a don farruco e don xoán!
Sendo un home de esquerdas, el sabía que é nese espazo político onde atender os intereses do pobo, do que hoxe chamamos o 99%. Foron as políticas de esquerdas as que logo construirían os Estados do benestar que a dereita está a demoler ante os nosos ollos. Esa ideoloxía e militancia levouno ao Congreso na súa primeira lexislatura. Alí decatouse de que os problemas de Galiza tiñan orixe na dependencia e de que só no autogoberno estaría a solución, así que deixa ORGA para traballar na creación do Partido Galeguista e convertelo no instrumento político do autogoberno galego desde a esquerda. O debate da soberanía está hoxe tamén enriba da mesa, so que Galiza conta con eses instrumentos políticos resultado da autoorganización que procuran o autogoberno desde a esquerda.
Suárez Picallo era máis que un ideólogo un activista, as súas ideas expresáronse en arengas, coa palabra falada diante do seu pobo; dezasete mitins disque chegou a dar nun día na campaña do Estatuto! Activismo para mobilizar, contra a resignación, contra quen di que non se pode facer outra cousa.
Padecemos gobernos que só se preocupan de agachar a súa incapacidade e corrupción, que menten sobre o que pasa, sobre o que farán, mentres nos instan a resignarnos. E como daquela, hai alternativa, a mobilización e a participación da cidadanía é a oportunidade que precisa Galiza, que non pode perder.
Neste tempo electoral, Ramón Suárez Picallo está de plena actualidade.