Xosé Anxo Seoane Cao
O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o cal necesitan certas condicións específicas que se poden concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.
casa que normalmente presenta unha planta rectangular sostida sobre pés ou cepas e que se cobre de xeito semellante ás casas. O piso é de táboas, ou lousas de granito, e nun dos lados atópase a porta. Para acceder ao seu interior utilízase unha escada.
As partes máis relevantes dun hórreo son: tornaformigas, pés, tornarratos, lintel, penal, porta, doelas, faixa, cornixa, pinche, sobrepenas, tellado e remates.
Os hórreos poden estar sobre cepas no canto de pés, incluso o espazo inferior pode estar pechado formando así un celeiro ou rocho que se utiliza para gardar apeiros de labranza e outros aparellos. Tanto os pés como as cepas poden estar sobre unha base ou soleira, ou directamente asentados no chan.
Tendo en conta os materiais empregados na súa construción, os hórreos poden ser de varas, madeira, pedra ou mixtos, combinando varios materiais distintos. A forma, tamaño e materiais que se usan para a súa construción sempre depende da cantidade de millo, trigo… que se queira almacenar, do clima da zona, do gusto estético do construtor e sobre todo dos cartos que se teñan para construílos.
Sobre o tellado adoitan levar remates ou pináculos sinxelos, ou máis ornamentais, segundo o tipo de construción. Son de formas diversas; os máis característicos son as cruces e os de forma piramidal. O hórreo é unha construción tan sagrada como a igrexa.
Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas de pedra ou formigón, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.
autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra e tamén mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos de carácter ornamental que foron trasladados ao concello dende outros lugares e que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran no seu novo destino.
Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés; outros con corpo de madeira sobre pés de granito, e incluso os que soportan o seu corpo sobre cepas, nos laterais, e un par de pés, no centro.
O hórreo máis singular de todos os que atopamos en Sada, dende o meu parecer, é o localizado no Tarabelo. Pertence á casa matriz dos Taibo. A súa orixinalidade consiste na súa forma en “L” e en combinar como soporte os pés e as cepas, salvando deste xeito o desnivel existente no terreo e acadando un maior aproveitamento do espazo, delimitando tamén a eira da casa. A orixinalidade reside tamén no cataventos de forxa que serve de remate (raposo, galiña e cruz).
Os hórreos do tipo mariñán de maiores dimensións do concello son os localizados en Coiro (Soñeiro), en Serra (Sada) e en Osedo.
O de Coiro, parroquia de Soñeiro, é o de maior lonxitude de todos. Os linteis están realizados en dúas pezas, ensambladas xusto na súa parte central, sostida sobre a cepa central, lugar tamén no que se sitúa a porta de acceso.
O localizado no lugar de Serra (Sada) é un hórreo centenario de tres cepas. Orixinalmente constaba dun único corpo, pero uns anos despois construíuse outro montando o novo lintel sobre o machón do antigo. Os cravos de machuco foron feitos na forxa de Aranga, unha forxa que contaba con tres mazos movidos por auga. A madeira é de castiñeiro e aínda que non conserva a cor, orixinariamente estaban as doelas tratadas cunha pintura castaña mesturada con aceite de liñaza. A tella é romana. Pertence á casa de Agra, familia coñecida antigamente como “os do manco”, malia non haber ningún na familia.
O atopado no lugar de Vilanova (Osedo), a pesar de non ser
este un topónimo recoñecido oficialmente como tal nesta parroquia, figura nas escrituras da casa que datan do ano 1846. Nestas escrituras xa se fai referencia ao hórreo. A cepa central derruíuse parcialmente e modificouse a cuberta ao substituíren as tellas do país por fibrocemento.
Na casa de Meniño, en Castelo, parroquia de Osedo, atopamos un exemplo claro do estilo mariñán. Construído por Manuel do Meniño hai máis de cen anos. Atópase en moi bo estado. Orixinariamente tiña o tellado cuberto con tella curva do país, feitas nas telleiras das Brañas, en Sada.
Posteriormente foron substituídas por tellas romanas (planas). Tamén aproveitaron para cambiarlles as cores das doelas, orixinalmente amarelas. As cepas son de pedra aínda que reforzadas con cemento.
As “capas” (tornarratos) son de cantería. A pesar de non ser un hórreo de grandes dimensións, no seu interior caben carros e carros de millo. Ao seu abeiro, a pedra de afiar os fouciños, coitelos… Debaixo do corpo, entre as cepas, temos
un lugar protexido para tender a roupa.
É frecuente observar como co paso do tempo os linteis vanse curvando polo peso e como para evitar o derrubamento se colocan pés (de cantería, cemento ou madeira, e sempre con tornarratos) na súa parte central, como ben podemos observar nestes hórreos abandonados en Xan Amigo, Osedo.
Cando o millo deixou de ser importante na economía de autoconsumo das casas e non habendo vacas, o hórreo foi
perdendo utilidade.
Cada vez observamos máis hórreos a piques de desaparecer e son raros os exemplos de restauración, aínda que con honrosas excepcións, como o dos Caseiro, no Espírito Santo.
É un hórreo de algo máis de setenta anos de antigüidade. Foi trasladado dende a casa familiar situada noutro lugar da parroquia. As cepas de formigón son tamén as orixinais. Os linteis, de castiñeiro mal secado, foron restaurados hai uns anos. O seu propietario, un experto labrego que ten árbores froiteiras do país enxertadas de máis de douscentos anos, aínda cultiva algo de millo que, por suposto, garda no hórreo xunto coas mazás de inverno.
Outro hórreo singular é o situado na casa dos Barbeito, en Souto Vello, Mosteirón, unha construción de corpo de madeira sobre tres pares de pés graníticos, con cuberta de tella do país e sen remates. Probablemente foi construído no século XIX (en torno ao 1810-1812). Soamente o tellado foi reformado na actualidade.
A súa peculiaridade está nos seus pés graníticos, xa que non son característicos nos hórreos mariñáns. Os pés, chantados directamente sobre o chan, teñen tornarratos en forma de disco. Accédese á súa única cámara por unha porta situada no centro dun dos seus laterais.
A casa actual dos Barbeito conserva a porta de entrada orixinal, rematada nunha sinxela cruz, e un reloxo de sol coa inscrición “1810”.
á parroquia, pois semella que puido ser en tempos da Inquisición española (séculos XV-XIX) un pequeno mosteiro.
No concello hai varios hórreos de pedra, característicos das zonas do Xallas e da área pontevedresa. Temos exemplos en Meirás, O Castro, Osedo, Trasín, Mosteirón, Lácere, Muíño do Vento…
O de máis tamaño é o do Pazo de Trasín, na parroquia de Mondego, con oito pares de pés. Presenta ademais o remate máis orixinal de todos os vistos; trátase dun reloxo de sol sostido por un home, o chamado “Home do Sol”.
Na finca do pazo de Meirás atópanse dous exemplos distintos de hórreos de cantería. O de dimensións máis reducidas, presenta doelas graníticas perfectamente talladas. O pinche é en forma de frontón e nel figura gravada a data de construción, 1884. Sobre el, as sobrepenas nas que repousa unha interesantísima cruz con coroa de loureiro sobre unha base que semella ser unha pía bautismal da que sobresaen catro cabezas de anxos. Non se conserva o outro remate.
Ten unha única porta que presenta a mesma feitura que os laterais graníticos, mais con doelas de madeira. O corpo do hórreo está asentado sobre tres pares de pés chantados directamente no chan con tornarratos circulares nos pés centrais e cadrados nos restantes.
Con algo máis de douscentos anos, xunto co da casa dos Barbeito o hórreo de máis antigüidade de todos os que hai no concello, temos un exemplo de hórreo mixto en Souto da Igrexa, parroquia de Meirás.
Chegou á súa localización actual hai 40 anos procedente de Candame (Arteixo), terra natal da súa propietaria. Orixinalmente o hórreo era máis grande.
É un claro exemplo de hórreo mixto sobre cepas, característico da zona de influencia de Arteixo, aínda que este non presenta rocho. O rocho consiste no pechamento que se fai do espazo inferior, utilizándose así para gardar apeiros de labranza e outros trebellos.
As escaleiras graníticas de acceso son tamén as orixinais. Destacan os seus remates, pináculos de maior tamaño que os observados noutros hórreos semellantes; pináculos barrocos, esveltos, que prolongan a altura da construción como querendo buscar a protección divina para a riqueza que se garda no seu interior.
No Colexio Mosteirón, complexo construído en 1958 polo Instituto Social da Mariña, está localizado este hórreo característico da área pontevedresa. A súa construción data de 1972, tal e como figura na inscrición do pinche.
É un hórreo mixto sustentado sobre catro pares de pés que repousan sobre unha soleira de granito. Os pés das esquinas son máis grosos que os dous pares de pés centrais, aínda que da mesma feitura. Teñen cadanseu tornarratos circular, por unha banda, e cadrado, pola outra.
A cámara é de granito con doelas de madeira pintadas en cor verde. Os penais son de pedra e a porta de madeira pintada de cor verde. O pinche é triangular e presenta unha cruz gravada.
O tellado é a dúas augas. Nas sobrepenas descansan dous remates: unha cruz sobre unha pequena base e un pináculo piramidal.
Outro hórreo interesante é o que atopamos na casa de Toñita de Salvadora, en Carta, Mondego. Non é interesante polos materiais nos que foi construído (prefabricados), nin tampouco pola súa antigüidade (1992), senón pola orixinalidade da súa porta de acceso e sobre todo polo empeño que na súa construción puxo José Luís, un carpinteiro xubilado orixinario das Angustias, Betanzos, coñecido como o “cirurxián da madeira”, quen o edificou enteiramente.
A Torre de Hércules está tallada en relevo e a escala da real, tomando como modelo un plano facilitado polo concello da Coruña.
Oxalá que este pequeno percorrido por unha das construcións máis características da arquitectura popular galega poña en evidencia a riqueza de solucións que se achegan dende Sada, malia non ser este un concello rural e a agricultura un dos seus sinais de identidade.
Atopámonos unha vez máis ante a humilde beleza do noso, do máis próximo, aínda que tamén e desgraciadamente do máis esquecido, incluso menosprezado.
O esquecemento e non saber valorar o propio é renunciar a todo o que nos caracteriza, que nos define e nos personaliza. Coñecer, respectar e valorar o noso é o principio básico no que debemos asentar o futuro.