Silvia Dolinko: “Seoane foi un atento lector das vangardas e figura de relevancia para a modernidade en Galicia e en Latinoamérica”

Por José Luis Meirás, correspondente en Buenos Aires

Silvia Dolinko é doutora en Teoría e Historia da Arte pola Universidade de Buenos Aires e investigadora independente no Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas (CONICET); tamén é profesora de Arte Arxentina e Americana do Século XX no Mestrado en Historia da Arte do Instituto de Altos Estudios Sociales e secretaria de Investigación da Escuela de Arte y Patrimonio na Universidad Nacional de San Martín. Ademais, desenvolveu múltiples proxectos asociados ao gravado arxentino, área de investigación na que é quizais a maior experta. Entre os últimos traballos destaca a súa participación en “Obraje”, un encontro de publicacións, artes e oficios gráficos no Museo Estancia de Alta Gracia (Córdoba, Arxentina); e o seu comisariado en “Transformación. La gráfica en desborde”, a mostra máis extensa producida polo Museo Nacional del Gravado (Buenos Aires, Arxentina) desde a súa creación.

Dolinko investigou exhaustivamente a obra gráfica de Luís Seoane, labor que plasmou en varios artigos académicos e de divulgación. Recentemente foi convocada polo Consello da Cultura Galega para correalizar o comisariado da mostra “Materiales Seoane. Entre Galicia y Argentina”, xunto a Pablo García Martínez, que se inaugurou o pasado xoves 21 de xullo no Museo Larreta da Ciudad de Buenos Aires.

Nesta entrevista repasa os aspectos máis relevantes da obra artística e do labor intelectual de Luís Seoane e subliña a importancia de que esta mostra chegue a Galicia “para poder completar en forma integral o sentido da circulación de ida e volta permanente de Seoane, concretaríase así a idea do ´entre Galicia e Arxentina´ das súas obras”.

Areal: – Entre as décadas dos 40 e os 70 Seoane foi un artista e intelectual de grande implantación na Arxentina e en Latinoamérica. Cales son os aspectos principais desta relevancia?

Silvia Dolinko: – Seoane foi unha figura de relevancia para a modernidade do século XX, tanto en Galicia como en Latinoamérica. Desde Buenos Aires despregou unha actividade sostida e intensa en diversos —e moitas veces interconectados— ámbitos de intervención: no sistema artístico, no campo editorial, na xestión cultural, nas redes da política de esquerdas, do antifascismo e do galeguismo. Tivo éxito no mercado da arte, tivo recoñecemento institucional e foi un referente para artistas e intelectuais. Seoane foi un atento lector das novidades das vangardas da primeira metade do século XX, tanto europeas como latinoamericanas: as tendencias construtivistas e expresionistas, o influxo picassiano, o impacto do muralismo mexicano e do francés Fernand Léger, o papel capital de Joaquín Torres García, as innovacións na fotografía de Grete Stern foron, entre outras, referencias que tomou en conta ou coas que estivo en diálogo.

O seu desempeño como director de revistas e de coleccións de libros puxo de relevo os seus amplos intereses culturais: Correo Literario, Cabalgata, Galicia Emigrante constitúen publicacións de referencia; Nova ou Botella al Mar, entre outros, relevantes proxectos editoriais sostidos por Seoane xunto co seu constante colega e amigo, Arturo Cadrado. Nelas publicou, por exemplo, os primeiros textos de Julio Cortázar (Correo Literario) ou Alejandra Pizarnik (Botella al Mar). Os seus intercambios con intelectuais como Newton Freitas, Jorge Romero Brest ou Lorenzo Varela tiveron correlación en publicacións e lazos culturais a nivel internacional.

A súa involucración na aparición de libros sobre os gravados do mexicano José Guadalupe Posada ou de debuxos do artista popular peruano Pancho Fierro, editados a inicios dos anos corenta, conforman temperáns indicadores do seu interese por unha liña da cultura latinoamericana que sostivo durante toda a súa traxectoria.

A presenza de obras de Seoane en numerosas coleccións públicas e privadas da Arxentina e de Galicia —considerando tanto as súas pinturas como as diversas vías que tomou a súa obra múltiple e a súa produción editorial e de ilustración de libros— é outro dos datos que permiten dar conta do impacto das intervencións de Seoane.

– Como xurdiu a idea desta mostra retrospectiva? Houbo outras antes?

S.D.: – A mostra organizouse entre Galicia e Buenos Aires, en diálogo entre o Consello da Cultura Galega e a área de cultura de Buenos Aires. Empezouse a xestar a mediados de 2019 e para iso convocáronnos para o desenvolvemento do proxecto comisarial a Pablo García Martínez pola parte galega e a min pola parte porteña. Traballamos a distancia desde uns meses antes do inicio da pandemia. A idea foi dar conta desa dobre ancoraxe de Seoane desde a selección e exhibición das pezas, poñendo en relación obras de coleccións arxentinas e galegas nun mesmo espazo de exposición, co obxectivo de dar conta das relacións entre cambios e continuidades na obra de Seoane a través do fío da pregunta polos seus diversos materiais e as súas respectivas cargas sensibles, simbólicas, históricas e as súas tomas de posición estéticas e políticas.

Reuníronse así obras de coleccións públicas e particulares dos dous escenarios principais nos que actuou Seoane: polo lado arxentino, Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de Arte Moderno de Buenos Aires, Museo Sívori, Museo Nacional del Gravado, Museo de la Emigración Gallega en Argentina, Centro de Estudios Espigas-Fundación Espigas; polo lado galego, Fundación Luís Seoane, Fundación Penzol, Consello da Cultura Galega, Biblioteca de Galicia. Destaco tamén o préstamo das marabillosas xerras-retratos do proxecto de cerámicas de Sargadelos procedentes da colección do Arquivo Albino Fernández (Albino foi un dos grandes amigos de Seoane e con el compartiu moitos proxectos, entre eles a edición de Imaxes de Galicia, libro de xilografías orixinais —impresas coas matrices realizadas directamente polo artista— publicado post mortem).

No que respecta á exhibición e recoñecemento da súa obra, Seoane foi un artista moi exitoso en vida, e a súa produción presentouse en espazos relevantes tanto no que se refire ao circuíto de exhibicións institucional como ao comercial (foi un dos artistas destacados da moi importante galería Bonino, por exemplo). En Buenos Aires, en 1971, realizouse unha exposición retrospectiva no Museo de Arte Moderno de Buenos Aires, dirixido daquela por Guillermo Whitelow, a quen Seoane coñecía desde os seus anos de dirección artística de Bonino; nesa instancia, o artista dooulle ao museo o relevante conxunto da súa obra gráfica que desde entón é parte do seu acervo.

Despois de 1979, cando faleceu, continuáronse realizando en forma sostida exposicións de Seoane, fundamentalmente pinturas e gravados. Unha exposición moi relevante foi a organizada no ano 2000 e que itinerou entre o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, o Museo de Arte Moderno de Buenos Aires e o Museo Caraffa de Córdoba, onde se incluíron debuxos, pinturas e gravados. Outra referencia fundamental é a mostra Buenos Aires: escenarios de Luís Seoane na Fundación Luís Seoane da Coruña, en 2007, onde se puxo o foco na relación entre o artista e a cidade do seu nacemento e do seu desenvolvemento profesional a través de soportes e obras diversas. En 2011, na exposición Luís Seoane no Muntref, o eixo foi a súa produción gráfica, incluíndose estampas do acervo do Museo de Arte Moderno, xunto con libros e outras publicacións procedentes doutras coleccións de Buenos Aires [S1] . É importante mencionar que todas estas mostras tiveron catálogos que, con perspectivas, recortes e autorías diversas, son de referencia entre os estudos sobre o artista e teñen unha gran difusión gráfico con numerosas reproducións da súa obra e outras fontes visuais.

En relación con Materiales Seoane, é significativo o antecedente da exposición no mesmo Museo Larreta, en 1991; esa exposición ocupou todo o museo e daquela expuxéronse tamén óleos, debuxos, xilografías, serigrafías, estarcidos, tapices, cerámicas e libros de Seoane, dando conta da súa diversidade artística.

– Crees que esta mostra debería ser levada a Galicia?

S.D.: – Creo que sería estupendo que puidese presentarse tamén en Galicia, non só pola calidade e diversidade das obras seleccionadas, senón tamén —sobre todo— por outras razóns. Por unha banda, para poder completar en forma integral o sentido da circulación de ida e volta permanente de Seoane, que foi desde o inicio o eixo da proposta: concretaríase así a idea do “entre Galicia e a Arxentina” das obras de Seoane. Tamén, para prolongar no escenario galego os diálogos entre materiais, producións e coleccións de Galicia e a Arxentina, que creo que é un das achegas da mostra. Outra razón: o carácter inédito dalgúns conxuntos de pezas, que nunca antes se mostraron e que penso que tamén podería ser unha achega para o escenario galego, como comezou a ser valorado en Buenos Aires: por exemplo, a selección de portadas de discos sobre escritores, os temperáns afiches en serigrafía dos anos cincuenta ou os detalles dos seus murais en Buenos Aires. Finalmente, e sobre todo, pola posibilidade de seguir abrindo e construíndo diálogos entre Galicia e a Arxentina ao redor da actividade de Seoane e a súa achega a ambas as culturas.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *