Por José Luis Meirás, correspondente en Buenos Aires
O 14 de abril de 2010, día en que conmemoramos a proclamación da II República Española e amparados polo Principio de Xustiza Universal, Darío Rivas e Inés García Holgado, representados polos avogados David Baigún, Beinusz Szmukler, Ricardo Huñis, Carlos Zamorano, Héctor Trajtemberg, Carlos Alberto Slepoy, Máximo Castez e Ana Messuti, presentaron no Xulgado Nacional do Criminal e Correccional Federal n.º 1 a cargo da Dra. María Romilda Servini, a querela n.º 4591/10 polos crimes contra a humanidade e/ou xenocidio cometidos polo réxime franquista entre o 17 de xullo de 1936, en que deu comezo o golpe cívico militar, e o 15 de xuño de 1977, data da celebración das primeiras eleccións democráticas en España.
Dous meses máis tarde, sumouse Adriana Fernández e deste xeito comezou un camiño esixindo Memoria, Verdade e Xustiza xunto aos centos de vítimas españolas que se foron sumando ao longo destes anos.
A ditadura franquista non só provocou un alzamento contra as institucións elixidas democraticamente, senón que planificou o exterminio daquelas persoas e grupos políticos, sociais e culturais que se opoñían ao réxime aplicando sistematicamente a práctica da tortura, a desaparición forzada e o asasinato. Legalizou o secuestro, a apropiación e substitución de menores de idade. Utilizou como forza de traballo escravo a presos políticos. Provocou o exilio de centros de miles de cidadáns. Xulgou e condenou a miles de persoas a penas de morte ou de moitos anos de prisión.
O tempo decorre inexorabelmente, e non só van morrendo as vítimas sen unha reparación, senón que tamén morren os seus verdugos sen o castigo que merecen polos crimes indescriptíbeis que cometeron.
Aínda hai máis de 100.000 persoas nas gabias. É moi importante saber que aconteceu con elas para levar como bandeira os nomes de quen deron a súa vida pola democracia.
O dereito á verdade e á xustiza permite construír unha memoria histórica para a propia identidade e para as futuras xeracións.