Rosario Álvarez: “Seoane representa o vínculo perfecto entre Galicia e Buenos Aires”

Por José Luis Meirás
Correspondente en Buenos Aires

O pasado xoves 21 de xullo inaugurouse no Museo Larreta da cidade de Buenos Aires a mostra “Materiales Seoane. Entre Galicia y Argentina”, organizada polo Consello da Cultura Galega xunto co Ministerio de Cultura da Ciudad de Buenos Aires. Na apertura da exhibición, cuxo comisariado estivo a cargo de Silvia Dolinko e Pablo García Martínez, estiveron presentes a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez; o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda; a directora de Patrimonio, Museos e Centro Histórico do Ministerio de Cultura da Ciudad de Buenos Aires, Martina Magaldi; a directora do Museo Larreta e anfitrioa do evento, Delfina Helguera, así como distintas personalidades da cultura e representantes de institucións vinculadas á comunidade galega na Arxentina.

A mostra, que se poderá visitar ata o 27 de novembro e está conformada por unhas 90 obras de Luís Seoane procedentes de diferentes institucións galegas (Fundación Luís Seoane, Fundación Fermín Penzol, Biblioteca de Galicia) e arxentinas (Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de Arte Moderno de Buenos Aires, Museo de Artes Plásticas Eduardo Sívori, Museo de la Emigración Gallega, Museo Nacional del Grabado, Colección Centro de Estudios Espigas-Fundación Espigas e Colección Archivo Taller Albino Fernández), dá conta das diversas producións visuais e técnicas utilizadas polo artista: portadas de libros e discos, ilustracións, debuxos, pinturas, gravados, esterxidos.

Antes da apertura da mostra conversamos cunha das súas impulsoras, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

Areal: – Como xorde o proxecto da mostra Materiais Seoane?

Rosario Álvarez: – Esta mostra nace como un proxecto do Consello da Cultura Galega, institución que eu represento como presidenta. Queriamos facer esta exposición a partir da idea de que Seoane representa o vínculo perfecto entre Galicia e Buenos Aires. Esa relación transatlántica tan estreita que se estableceu entre Galicia e o Río da Prata, moi especialmente con Buenos Aires, é recorrente para nós e estamos sempre pensando na importancia histórica que en certos momentos e de distintas maneiras tivo esta relación, a partir da presenza da cultura galega aquí ata o presente.

É dicir, que hai un vínculo transatlántico ininterrompido desde que veu aquí tanta cantidade de galegos desde o século XIX e durante a primeira metade do século XX, primeiro por motivos económicos e logo tamén por motivos políticos.

Nós somos conscientes en Galicia de que a cultura galega contemporánea non se entende sen a cultura tamén producida pola emigración galega no mundo. E de maneira moi particular en Buenos Aires, que durante décadas foi realmente o sostén da cultura galega, tendo en conta que nós desde 1936 ata a morte de Francisco Franco, practicamente ata os últimos anos de Franco, non puideramos realmente manter unha vida cultural con normalidade, sobre todo durante a posguerra, cando era completamente imposible pensar en cultura galega, en lingua galega etc. etc.

Quen toma ese legado? Pois os galegos do exilio e da emigración, e moi concretamente os que estaban aquí, os que se exiliaron en Buenos Aires. Entón esa relación transatlántica, entre a Galicia territorial e esoutra Galicia que estaba aquí, en Seoane está representada máis que en ningún outro autor.

Seoane é unha sorte de síntese, el nace en Buenos Aires como segunda xeración de migrantes e morre en Galicia. El é un migrante, un emigrado, e tamén é un retornado, porque tamén hai que ter en conta a figura do retornado. Retornados que, cando volven a Galicia, cando volven á súa terra de orixe, queda parte do seu corazón noutro lugar e intégranse non a un cento por cento, pois seguen tendo o seu sentimento e tamén os seus vínculos coa cultura que quedou do outro lado do mar. Seoane tamén é todo iso.

Ademais é unha persoa dunha excelencia artística extraordinaria, polifacética, multidisciplinar, un modelo de vangarda, innovación, experimentación. Por tanto, como artista é unha carta de presentación extraordinaria para calquera cultura e máis para o que hoxe queremos mostrar, que é o vínculo entre a cultura galega e a cultura arxentina. Ademais é unha persoa que se aprecia ben na mostra, porque ademais os comisarios resaltárono moito, é unha persoa na que o seu compromiso como creador, como cidadán, lévao a unha procura de democratización da arte e tamén a unha aplicación da arte, e por iso é un referente nas industrias culturais, xa sexa galega ou da Arxentina.

En Seoane temos unha figura que responde moi ben tamén ao subtítulo da exposición, porque cando dicimos “entre Galicia e Arxentina” que significa ese “entre”?, eu que son lingüista pregúntomo. Significa alguén que está cunha man tendida a cada un dos dous mundos, das dúas beiras, e significa a suma, o compendio, a fusión das dúas culturas, porque Seoane é un pouco as dúas cousas.

Eu creo que nel dáse unha hibridación das dúas culturas que é indisoluble, o que se ve realmente é unha síntese. Seoane non é uns días arxentino e outros días galego. El dicía “son absolutamente galego, son absolutamente arxentino”, e éo ao mesmo tempo, na mesma creación. Entón ese Seoane é o que queriamos mostrar cando pensamos en iniciar esta actividade e que debía facerse en Buenos Aires, non en Galicia.

Ese é o noso programa e tivemos a sorte de contar con dous comisarios, un en Galicia, mar de por medio, e outra en Buenos Aires, que puideron dialogar e realmente a concreción intelectual, a materialidade da exposición é obra deles. Tiveron un encargo que era apenas unha idea, que eles completaron de maneira magnífica.

Logo tamén, a sorte de ter como socios neste proxecto o equipo do Museo Larreta, que traballan con moitísima profesionalidade, gusto e implicación. Estamos moi contentos coa perfección e delicadeza da montaxe que realizaron para a mostra.

Areal: – Mencionaches a dobre identidade galega e arxentina de Seoane. Había tamén procura latinoamericana e un diálogo con artistas e intelectuais progresistas do continente?

R.A.: – Seoane é un home comprometido co progreso e coa democracia. El en Galicia comprométese co galeguismo, que tamén procura unha democratización da cultura, para que a arte, a educación e o benestar cheguen ás clases populares.

El estaba comprometido con iso en Galicia e naturalmente cando regresa a América non queda só dentro da colectividade galega senón que se integra dentro da cultura arxentina e todo o que iso supón. Intégrase á intelectualidade comprometida e que ten unha visión non nacionalista arxentina senón tamén latinoamericana.

Doutra banda hai que ter en conta que os exiliados galegos veñen moi masivamente a Buenos Aires, pero non soamente aquí; teñen as súas redes de relación entre eles e están en Buenos Aires, en Montevideo, en México etc. É dicir, que hai tamén unha rede latinoamericana de exiliados galegos que se pon en contacto co máis progresista da inmigración e que se manteñen non como unha comunidade en paralelo con aquela que os acolle, senón que se integran.

O seu compromiso social non se reduce a unha comunidade concreta, vai moito máis alá, é o xénero humano. Na súa época hai moitas colectividades nacionais que están nunha situación semellante á que eles tiñan, por razóns políticas ou outro tipo de razóns. Entón, non quedan na súa torre de marfil senón que van a unha intervención social e esa intervención social alcanza a todos aqueles que pasaban por situacións similares.

Areal: – Un dos proxectos que impulsou Luís Seoane ao seu regreso a Galicia, no marco do Laboratorio de Formas que creara na localidade bonaerense de Magdalena xunto a Isaac Díaz Pardo, é o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, que hoxe se atopa pechado e nunha sorte de limbo legal. Que pensa sobre esa situación?

R.A: – Iso é tremendo. O estado actual do Museo require un traballo que contribúa á súa protección. Recentemente houbo dúas actividades en relación con iso. Houbo unha en setembro dedicada exclusivamente ao asunto Museo Carlos Maside.

Esas xornadas abordaron unha serie de interrogantes: Que pasa co Museo Carlos Maside? Quen son os responsables? Cal é o proxecto con ese patrimonio e en que situación está? A partir desa actividade a Consellería de Cultura iniciou un trámite para tentar realmente iniciar un proceso de recuperación.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *