Manuel Lugrís Rodríguez
O día 22 de abril de 1.923, Manuel Lugrís Freire pronunciou unha conferencia na coruñesa Reunión de Artesáns, comunmente coñecida coma“O Circo”, na que formulou unha serie de teorías propias sobre a poesía coma motor do rexurdimento cultural e mesmo político que arelaba el e a meirande parte dos intelectuais galegos daqueles tempos para o desenvolvemento nacional de Galicia. Quizais algunhas das ideas aquí manifestadas parezan dificilmente asimilables á realidade actual e semellen anacrónicas, pero hai que ter en conta o contexto social das distintas épocas e as correntes filosóficas e ilustradas que percorrían Europa entón. En todo caso pode servirnos de referencia para comprender mellor unha pasaxe da nosa historia recente e dos homes que a conformaron.
A disertación dicía:
O meu agradecemento non acha verbas dabondo neste momento. Toda a mocidade é republicana, dixo noutrora non sei quen. Agora, a realidade, non pode dicir o mesmo pero, si pode asegurarse, que a poesía é patrimonio de aqueles que non pasaron moito dos primeiros 25 anos. A poesía é todo. As ansias de ter un fogar, a ollada solermiña dunha muller fermosa, a contemplación dos ceos na escura e fría noite, a coruscación da luz sobre das durmidas augas dunha lagoa, o rebrilar dun verme na silente silveira, o balbor do mar nas noites do fero inverno, un berce abalado pola mai cariñosa, a tumba que baixa ó seu definitivo xango, todo fai nascer as arelas, dúbidas infinitas, que na súa abstracción, produce o vago e celeste sentido da poesía. ¿Como pois eu,que son xa un vello, fago aínda versos? Eu volo direi: Hai un sentimento no que se axunta a vida espiritoal interior, santo fermento da vida, eterna primavera das almas magoadas, saúde e ledicia, amargamento e dor, magnetismo en que se move e reproduce a natureza interna: o amor. E eu levo a miña alma chea dese sentimento: a Celtia é a virxe das miñas querencias, a Mariña o santo Altar; o verbo nativo o meu pan anxélico.Todo esto fai nacer en min unha mocidade de espírito. Nas miñas Ardencias quixen demostralo. Son un poeta vello, con tódalas ilusións, con tódalas esperanzas, con tódalas cobizas, con todo o amor mais nidio e ardente que para si quixeran moitos mozos.
¿Porqué fixen versos líricos seguindo a tradición da raza? Tratarei de explicalo.
Para demostrar, aínda que lixeiramente, a persoalidade de Galicia, convén estuda-los elementos estáticos e dinámicos
que interveñen na súa formación e desenrolo.
Os factores estáticos son: a raza, a tradición, a lingua, o territorio e o clima.
A raza galega é, predominantemente, celta. As tradicións, a toponimia, o carácter diferencial entre o home e a muller, os momentos de que esta mirada á nosa terra, taes coma os castros, mámoas, etc e mil sinais mais,demostran aquela orixe.
A denominación étnica de Galicia persistiu a traverso de tódolos tempos. As noticias mais antigas, as cartas mais vellas de xeografía, dan sempre o mesmo nome. Podemos dicir que ningunha nacionalidade europea tivo máis inalterable o seu nome étnico. Castela, Andalucía, Valencia e,mesmo, Francia e Inglaterra son denominacións novas. Portugal non se chamou así ata os tempos da Reconquista en
que tomou o seu nome do Porto.
A lingua de Galicia, a que acadou máis axiña cultura literaria entre os idiomas hispánicos, ten características propias que fan dela un instrumento orixinal.
A istes factores estáticos, positivos e verdadeiros, podemos axuntar o do territorio, verdadeiro fundamento da mesoloxía que, a traverso dos séculos, vai producindo unha fisonomía especial na alma e na vida da raza.
Galicia é un territorio atlántico e
europeo. Os nosos ríos nacen e morren no territorio patrio e case todos van ó Atlántico. O seu número e as grandes rías que fan ao morrer no mar, son ben doadas para o desenrolo dunha civilización. A estas causas foron debidas a cultura de Sumeria, a formación do Exipto e a floración marabillosa da Grecia clásica. As nosas fondas e mornas rías son un abrigo contra as furias do mar e un gran factor da nosa vida de relación.
Mais que a antigüidade do territorio, perfectamente asinalado por Oliveira Martins, débese a nosa civilización, mais gloriosa do que moitos pensan, a formación das nosas costas e ao grande número dos nosos ríos.
Cando entre os anos 800 e 1.135 chegou a ser centro de cultura peninsular, “foco onde desabrochou o lirismo galaico-portugués”, segundo Carolina Michaelis, aquela cultura tiña raíces moi fondas que viñan dun longo proceso de moitos anos.
As terras compostelanas foron o berce verde, a cultura peninsular. Nel foi tamén nacida a nacionalidade portuguesa.
A lingua, a arte con que foi empregada, os movementos que naqueles séculos comezaron a se levantar creando un sistema arquitectónico que tiña de enxendra-lo románico, o dominio que as nosas letras e artes exerceron no resto dos territorios hispánicos…, todo demostra a que enorme altura chegara o noso proceso cultural daqueles días.
Instrumentos musicais como a viola, a enxabela, zanfoña, cano enteiro, etc. etc. demostran claramente a que enorme progreso chegáramos nas artes líricas.
Os nosos trobadores, Martin Codax, García de Ambos, Bernal de Bonaval, Arias, Paio e tantos outros demostran o noso florecemento literario. Nos cancioneiros, os mellores e mais inspirados trobadores son os nosos. Somente Alfonso o “Sabio” puido poñerse a carón deles.
E aquela floración da cultura, que se espallaba polo sul, dando vida a outra nacionalidade que chamaba a atención en toda Europa Occidental, que nas súas peregrinacións xacobeas recollía ensinos proveitosos, pasaron algúns séculos mais e foi atafegada, detida até o extremo de non quedar mais que lixeiros sinais.
Gracias a que a poboación rural gardou o noso verbo e lembrou as nosas patrias antigas, non perdimos a nosa fisonomía especial.
Mais chegou o século XIX. Os escollidos cuidaron que era preciso reanudar aquel florecemento lírico dos séculos IX ao XIII, que o lirismo e o que forma e da quentura ao espírito dunha raza, o canto materno que aloumiña e desperta-lo corazón ás mais nobres e cobizadas esperanzas. E apareceron os nosos poetas do Renacemento: Alberto Camino, Añón, Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e outros mais.
Rosalía foi o canto agarimoso, eglóxico, enxebre, naiciño que despertou as nosas almas a unha nova vida. Mentres alente, o seu nome será sagrado e venerado como nai común de tódolos bos e xenerosos.
Curros Enríquez conmoveu de tal xeito o espírito público, que foi saudado como un denodado loitador. Sobre os seus versos pasaba airado un sopro de firme protesta contra toda violencia. Con eles fire as tiranías que pesaban sobre do seu pobo.
Pondal foi un bardo que nos levou ao tempo do noso berce céltico. El soubo despertar un sentimento de forte divinidade na raza; el soubo tamén anunciar a marcha trunfal cara a destinos gloriosos. Foi o poeta que “fixo unha lingua de ouro dunha lingua de ferro”, segundo as súas derradeiras palabras ao deixar esta vida.
O período de fermentación lírica non termina aínda: este ciclo da formación e rexeneración da alma galega, está aínda nos seus comezos. Aínda no verbo nos andamos aos tumbos, estando en tempos de recolleita dos materiais perdidos. A anarquía filolóxica en que vivimos é, certamente,noxenta. Mais toda anarquía leva en si o xerme da reacción. Esta asoma xa e, algúns novos escritores, dan sinais dunha rexeneración e melloramento posibles no uso da nosa fala. Alfonso Castelao, Carré Aldao, Cabanillas, Rodríguez González e López Abente son unha boa mostra. O seu léxico é nobremente galego, propio e digno de ser imitado polos nosos escritores. Así será porque as cousas boas impóñense pola sua mesma virtude.
Para seguir iste ciclo básico escribín as miñas “Ardencias”. Aínda que vello eu non debo abandoar a causa que xurei defender mentras alente. Han de vir tempos mellores. O corazón dinos que o obxeto dos nosos mais caros amores non ha de vivir sempre nas somas do infortunio. Que o sol que aluma todas as terras é, tamén, sol de liberdade sen perder a súa característica xenerosidade.
Que Deus non fixo, ao dar persoalidade aos pobos, unha relación de libros e versos, senón que nos seus altos designios, ao crear as leis que rexen o Universo, deulles vida especializada para que cumprisen a súa misión no labor fondo e específico do progreso que non será completo se no seu desenvolvemento deixase de intervir un factor somente. A hirmandade entre tódolos homes, finalidade xenerosa a que tódolos pobos e razas deben aspirar, non se logra senón polo recoñecemento mutuo de tódolos dereitos. Galicia é un factor de progreso. Querer atafegalo, sometendo o seu espírito a moldes alleos, é traballar contra as leis que a Natureza e a metodoloxía proclaman.