Manuel Lugrís Rodríguez
literaria, sobor de todo logo de que no 2006 fora homenaxeado dedicándolle o “Día das Letras Galegas”, pero unha ocupación, tarefa ou labor que está escasamente divulgada do seu amplo cultivo erudito e da que non se ten tratado suficiente é a súa participación, ou mais ben o seu traballo no seo das Irmandades da Fala, das que el fora un dos seus fundadores naquela famosa asamblea da Coruña,
xerme primixenio do movemento político-cultural que supuxo na primeira metade do século XX o principal instrumento de acción do nacionalismo galego e que dera paso, máis tarde, ó Partido Galeguista xa como exercicio mais formal de actuación pública.
E dentro desta actividade nas Irmandades quixera salientar a súa participación no estudo, traballo de campo, escolma e, por último, redacción dun modesto “Vocabulario Castellano-Gallego”, difícil de atopar hoxendía pero que na súa sinxeleza e reducida pretensión, acada un valor importantísimo na esculca filolóxica e lingüística do noso idioma, onde achamos palabras case totalmente en desuso pero dunha beleza indiscutible e que, en moitos casos, era bo que os artesáns das letras, trataran de recuperar, alomenos para a lingua culta e poética.
Ten o devandito Vocabulario un prodixioso Apéndice no que se tratan varias temáticas como son as “Aclaraciones acerca de algunos términos, sinónimos ó de otros de frecuente confusión” como por exemplo: “abaixo, embaixo, debaixo, so” “beizos, labios, bico” “cheiro, ulido, arrecendo” “palacio, pazo” “último, derradeiro” etc. e moitos outros nos que se aclaran os seus usos con textos propios, de Castelao, de Rosalía, Cabanillas, Teixeira de Pascoaes e mesmo Pondal e Francisco Añón. Hai tamén unha lista de adverbios, preposicións, conxuncións e pronomes incluíndo as formas arcaicas, outra lista con palabras que teñen distinto xénero nun e noutro idioma e, por último unha extensa comparación entre algunhas locucións ou refráns casteláns e galegos.
Digno de ter en conta este traballo das Irmandades, do que Lugrís foi o verdadeiro motor e para o que estivera expresamente facultado polos órganos directivos das Irmandades na súa condición de “Mestre da Lingua” con que anteriormente o proclamaran e no que declara de que “como nuestro propósito es el de unificar lo más radicalmente posible la lengua gallega, hemos omitido buen número de voces comerciales. Todos nuestros intentos han sido encaminados a lograr una labor de universalidad”. Mais actual o discurso, desgraciadamente, non pode ser.