Rafael Carballeira Coego
A auga é un elemento dominante na natureza galega, como demostra unha extensísima rede hidrográfica; por esta razón ten un papel fundamental no modelado da paisaxe e nos ecosistemas naturais. Entre os diferentes ecosistemas nos que intervén a auga, os humidais son unha tipoloxía na que esta constitúe o elemento principal, tendo ademais este tipo de ecosistema unha destacada importancia ecolóxica pola capacidade de albergar unha gran biodiversidade.
Na nosa terra, pola alta representación deste tipo de medios, levouse a cabo a elaboración do Inventario de Humidais de Galicia a través do Sistema de Información Ambiental (SIAM).
Pola transcendencia dos humidais como patrimonio natural promoveríase, no ámbito internacional, unha figura de protección específica mediante o tratado Ramsar asinado por 160 estados no ano 1971.
No concello de Sada existe un peculiar entorno, coñecido como “As Brañas de Sada”, que se atopa contemplado dentro da definición de humidal establecida no convenio Ramsar, e por este motivo está catalogado como tal dentro do Inventario de Humidais de Galicia. A denominación de braña fai alusión á morfoloxía orixinal da paisaxe, un herbazal encharcado e lamacento, que non se corresponde coa súa aparencia actual. A orixe das Brañas está ligada á orixe da zona onde se atopa a propia vila de Sada e os seus arredores; esta zona constituía no pasado unha enseada aberta á Ría de Betanzos que acabou evolucionando coma un sistema de praia-lagoon.
O sistema xeolóxico que deu lugar ás Brañas é un fenómeno costeiro caracterizado polo avance dunha lingua de terra que foi cerrando a entrada da enseada, de maneira que cara o mar establécese unha praia cunha duna tras de si.
Por outra banda, cara terra vaise delimitando unha lagoa costeira (lagoon), esta lagoa atópase comunicada por unha canle ó mar, permitindo incluso a influencia da auga mariña durante as mareas. Co paso do tempo, a lagoa acaba por colmatarse ó acumular materiais sedimentarios arrastrados pola erosión hídrica dos outeiros que a cercan, de esta forma remata configurándose unha marisma no seo da lagoa, é dicir, un acumulo de sedimentos anegados por auga salobre nos que se asentan plantas de porte herbáceo adaptadas a ambientes acuáticos.
A evolución fluvial e costeira das Brañas de Sada non foi exclusiva desta parte da Ría de Betanzos, existe unha paisaxe que se orixinou de forma análoga na outra marxe da ría, as actuais marismas de Miño. Esta paisaxe constitúe unha auténtica referencia para chegar a realizar un esbozo, sen que houbese intervención algunha do home no pasado, do que serían hoxe As Brañas de Sada.
A transformación das Brañas no que son actualmente débese a un forte impacto industrial. A alteración levouse a cabo pola actividade das telleiras que precisaban extraer arxila, é dicir, os depósitos sedimentarios que se foron acumulando ata conformar a braña. Esta actividade, que transcorre durante a meirande parte do século XX, deixa como testemuña as súas esquecidas instalacións que dotan ás Brañas dunha dimensión etnográfica e histórica para a vila de Sada, e por esta razón, deberían ser recuperadas posto que non se explicaría o que é hoxe a paisaxe deste entorno natural sen a labor das telleiras. A actividade extractiva mudou as brañas nunha serie de lagoas con características comúns, coma marxes verticais e unha profundidade máxima de 4 metros (que dificultan a colonización por parte da vexetación), ademais de atoparse separadas polas antigas vías de transporte e interconectándose actualmente por unha complexa rede de canles de auga.
Así unha paisaxe natural resultou nun ambiente pantanoso e en gran medida inaccesible, impedindo en boa medida o seu estudo, e é por este motivo que existe ata o de agora escasa información dispoñible acerca da natureza que alberga este lugar. Aínda que como factor positivo, esta última característica seguramente favoreceu o asentamento e supervivencia da flora e fauna existente.
No que respecta ó patrimonio natural que constitúen As Brañas de Sada é preciso dicir que todavía pouco se sabe, só a actividade da delegación das Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural logrou botar luz a este entornocomplexo, prestando unha axuda inestimable a todos aqueles que pretenden afondar nel e colaborar na súa recuperación.
Así a través do traballo conxunto coa Sociedade Galega de Historia Natural podemos chegar a facernos unha idea da natureza presente nas Brañas. Se ata o de agora lévase descrito o medio físico que conforma este entorno, o seguinte nivel que condiciona a paisaxe é sen dúbida a vexetación. A
flora é un elemento prioritario a ter en conta no estudo da zona, é a parte do ecosistema que maior correlación garda co estado ou grao de conservación, servindo a modo de bioindicador.
A natureza salvaxe amosa unha capacidade plástica ó atoparse nun medio ambiente cambiante, por esta razón, a flora transformouse trala actividade humana e rematou adaptándose ó novo entorno físico. A dinámica que experimentou a vexetación das Brañas foi posiblemente o paso dunha marisma a un ambiente pantanoso, é dicir, dun ambiente dominado por plantas de porte herbáceo a un ambiente dominado por árbores.
Pola presión urbanística só se atopa hoxe o cinturón de vexetación máis próximo a auga. Se nos centramos na vexetación natural presente actualmente nas Brañas, pódese asimilar á clase Alnetea glutinosae, formación vexetal presente tamén no encoro de Cecebre. Este tipo de vexetación deriva seguramente do bosque de ribeira presente nas marxes dos cursos de auga, que pola tendencia a ocupar as zonas anegadas próximas, estendeuse pola meirande parte do espazo que ocupan As Brañas.
A árbore predominante é o ameneiro (Alnus glutinosa), un forte colonizador en zonas homoxéneas, de pouca pendente e permanentemente encharcadas. Soe acompañarse no estratato arbustivo polo salgueiro (Salix atrocinerea), unha árbore de pequeno tamaño que ocupa as partes expostas ó soportar condicións máis extremas coma crecidas, inundacións e mesmo secas estivais. Ademais das citadas, preséntanse outras árbores coma algún castiñeiro (Castanea sativa) ou mesmo carballos (Quercus robur), o emblema das fragas galegas.
O estrato herbáceo é sen dúbida o máis diverso e adaptado ós diferentes hábitats ligados á auga, o lento fluir das augas pola escasa pendente permite o acúmulo de fangos e o enraizamento nas marxes das lagoas da platanaria (Sparganium erectum), diversas especies de cárices (Carex sp.) e espadanas (Typha sp.). Nas zonas asolagadas próximas, destaca a beleza do lirio amarelo (Iris pseudacorus) e a presenza de especies higrófilas: xuncos (Juncus sp.), a amenta de lobo (Lycopus europaeus) ou poexo
(Mentha pulegium), (en castelán chamado “menta-poleo”).
Ademais preséntase en abundancia o pé de boi (Oenanthe crocata), típico este último de zonas baixas e húmidas (moi similar a tamén a velenosa cicuta, sendo ambas integrantes da mesma familia que o perexil e a cenoria).
Polas características sombrías e de humidade dase a presencia frecuente dos fentos máis comúns e de algún outro máis propio destes ecosistemas como é a cola de cabalo (Equisetum palustre), que soe ocupar as marxes das masas de auga permanentes.
É importante destacar a vexetación estrictamente acuática, plantas que viven somerxidas na auga ou incluso aboiando libremente na súa superfície. Dentro do primeiro grupo atopamos amplamente distribuído o ceratofilo (Ceratophyllum demersum), sendo especialmente abundante nunha das lagoas, onde a súa densidade chega a ocupar toda a columna de auga.
Noutras zonas nas que hai unha certa corrente preséntase a espiga de auga (Potamogeton pusillum), que non ten citas actualizadas en Galicia dende finais do século XIX.
No segundo grupo, as plantas aboiantes de pequeno tamaño, parece dominar un tipo de vexetación de augas lentas incluída na clase Lemnetea minoris. Este tipo de vexetación acuática é propia de augas eutrofas caracterizadas pola existencia dunha carga orgánica que aumenta as concentracións de nutrientes dispoñibles. Como especie típica encontramos a lentella de auga (Lemna minor), que cobre a práctica totalidade da superficie da auga dando a impresión dun manto verde, aínda que durante o verán (cando a intensidade da luz é maior) vese sobre a auga un manto vermello debido á presenza do fento invasor Azolla (Azolla caroliniana).
Especial mención merece Spirodela polyrhiza, unha especie nova de lentella de auga para a flora galega, sendo única a súa presenza neste punto en toda Galicia (datos non publicados).
Trátase dunha especie cosmopolita que se sitúa no oeste peninsular, ainda que nunca houbo constancia da súa presenza en Galicia, podendo explicar que se atope aquí polo posible transporte das aves durante a súa migración.
Esta especie, mais alá de dotar As Brañas dunha certa singularidade a nivel de Galicia, constitúe un claro exemplo do pouco que se coñece e dos posibles achados que poden agocharse e que quedan por desvelar neste espazo.
Se seguimos a profundizar na natureza das Brañas toca agora analizar a fauna presente nelas; sobresaen dentro dos vertebrados as aves como o principal grupo e de maior importancia faunística.
As aves son o grupo máis coñecido pola súa alta detectabilidade, ademais presentan maior capacidade de dispersión posibilitando o asentamento de novos individuos ou novas especies no entorno, a incursión de individuos das Brañas noutras zonas, así como o paso durante as migracións contribúe á presenza dun número maior de especies. Nas Brañas podemos destacar a presenza de aves ligadas a ambientes acuáticos, como a elegante garza real (Ardea cinerea), pero tamén poden observarse dende as especies máis comúns ata rapaces diurnas como o falcón peregrino (Falco peregrinus) ou o miñato común (Buteo buteo).
A lista de aves é ben coñecida polo que é preferible afondar na natureza máis ignorada das Brañas. Só comentar que a praia de Sada constitúe un enclave no que as aves tamén se poden considerar un grupo destacado, así como tamén unha parte da Ría de Betanzos está considerada, pola súa riqueza faunística, un espazo protexido dentro da Rede Natura 2000. Por estas razóns e para avanzar na protección futura das Brañas, quizais sexa necesaria unha visión que integre a varias zonas e permita a defensa conxunta de cara a unha figura de protección que as ampare a todas e cada unha delas, constituíndo as aves un grupo de especial relevancia neste sentido.
Respecto a herpetofauna (o conxunto de anfibios e réptiles), os anfibios son un grupo característico das Brañas como se manifesta a través dos atronadores coros diurnos da ra verde (Rana perezi), xustificando o topónimo
“Cantalarrana” existente nas inmediacións coa zona urbana. Ademais son un grupo de interese particular, todas as especies galegas atópanse protexidas pola sensibilidade deste grupo ás alteracións dos hábitats acuáticos. No caso das Brañas preséntanse especies moi comúns como a ra verde, o sapo común (Bufo bufo), o sapo pintoxo (Discoglossus galganoi), o pintafontes común (Lissotriton boscai) e a píntega (Salamandra salamandra).
Así a todo, entre as diferentes especies de anfíbios, resulta interesante destacar en especial a poboación existente da menos común Ra patilonga (Rana iberica), unha especie de ra parda endémica do noroeste peninsular que é moi sensible a degradación do hábitat e que constitúe unha rareza neste entorno humanizado, indicando un posible síntoma de boa saúde.
En canto ós réptiles tan só se coñece a presencia da cobra de colar (Natrix natrix); a súa presencia débese ós herbazais densos establecidos nas proximidades dos cursos de auga e a existencia de poboacións de anfibios, que constitúen a súa principal fonte de alimentación.
Os mamíferos son un dos grupos máis infravalorado pola súa baixa detectabilidade, a excepción das especies de maior tamaño, como é o caso do xabarín (Sus scrofa) ou a lontra (Lutra lutra). Reviste interese o paso do xabarín que se achega dende as inmediacións boscosas, demostrando a existencia todavía dun certo fluír da fauna salvaxe entre as Brañas e as cercanías, constituíndo este fenómeno un síntoma de saúde. Un dos mamíferos máis ligados a entornos acuáticos é a carismática lontra, que en
Galicia experimenta unha gran expansión das súas poboacións, sendo tamén un habitante das Brañas que chega a desprazarse ata a Ría de Betanzos (seguramente para complementar a súa dieta piscívora).
Como conclusión final, a pesar da situación de abandono das Brañas, tanto pola presión humana como polo enigma sobre a súa realidade natural, parece mostrar síntomas de boa saúde e incluso agochar especies únicas en Galicia. A recuperación deste espazo constituiría un recurso turístico para a vila de Sada, tendo unha importancia económica que axudase ó desenvolvemento e benestar da vila.
As Brañas de Sada constitúen un patrimonio natural, así como tamén un patrimonio etnográfico e histórico, o que supón un valor engadido a este singular enclave natural. En definitiva, As Brañas son sen dúbida un elemento intimamente vencellado a identidade de Sada, que de ser tratadas con respeto e dignidade poderían facer resplandecer con renovadofulgor á “perla das Mariñas”.