O PROXECTO DE “REXENERACIÓN” DA PRAIA DE SADA: UNHA INÚTIL OBRA NA RESERVA DAS MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO

Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural

O pasado 19 de agosto de 2017, saíu publicada no BOE a licitación das obras de rexeneración da praia de Sada dentro da “Actuación medioambiental en la ría del Pedrido, fase I, Playa de Sada (A Coruña)”, un proxecto xa redactado pola Demarcación de Costas de Galicia no afastado 2005. 

O Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) do proxecto da ría elaborouse inicialmente no ano 2006. Posteriormente realizáronse dous períodos de consulta: unha no 2007 e outra no 2009. Publicouse a Declaración de Impacto Ambiental (BOE do 16 de abril de 2010). Nesta Declaración de Impacto Ambiental contéstanse as alegacións de distintas entidades e organismos públicos, pero as medidas correctoras son mínimas e pouco concretas. O cambio máis importante nesa declaración foi deixar de extraer a area a usar nos recheos na zona do Pedrido e non actuar na praia do Regueiro. O proxecto segue tendo graves erros en todo o planeado na ría, pártese da idea errónea de considerar que as praias só teñen un uso recreativo para a poboación, cando son medios vivos que aportan múltiples beneficios ao medio ambiente.

A Delegación de As Mariñas, xunto con outras organizacións e asociacións conservacionistas (Hábitat, O Rabo do Galo, Plataforma pola Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Adega-Coruña, Arco Iris) presentamos un escrito ante a Demarcación de Costas de Galicia en agosto de 2015 opoñéndonos a esta rexeneración da praia de Sada. Agora a licitación segue a ser a mesma e a Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural segue opoñéndose a esta obra, basicamente polas mesmas causas: 

– O punto de extracción de áridos a usar no recheo (nun banco areoso enfronte de Lorbé) prexudica á pesca de baixura por ser unha zona de cría de diversas especies comerciais. 

– Na extracción de areas nesta zona vanse emitir partículas finas que van afectar ás zonas de cultivo Sada I e Sada II (sobre todo bateas) sen que as medidas correctoras garantan a súa eficacia. 

– Nesta zona, enfronte a Lorbé, non se tomaron mostras para analizar a súa composición química, cando é coñecido que todas as rías galegas teñen sedimentos contaminados por me-tais pesados. Lembremos que logo se van depositar na praia de Sada.

– No EsIA non aparece a existencia dun zosteral na praia cando xa era unha cousa máis que evidente a simple vista (ver fig.1), curiosamente a Confraría de Sada preocúpase pola zona de cría da xiba, pero non citan que se reproduce sobre as plantas de zostera. Lembremos que existe o convenio OSPAR (Convención para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico do Noroeste) que entre outras cousas, recolle recomendacións para protexer e mellorar os hábitats das praderías de fanerógamas mariñas e ademais a Zostera noltei figura como especie vulnerable no Atlántico dentro do Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro, “para el desarrollo del Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial y del Catálogo Español de Especies Amenazadas”. 
Fig. 1: pradería de zostera en marea baixa.
Praia de Sada. Fotografía da SGHN

– O aporte de area para crear unha praia de 70 m de anchura en zona seca mais outros tantos de zona somerxida vai eliminar todo esta pradería mariña (ver fig. 2). 
Fig. 2: distribución
aproximada das praderías de Zostera
noltei
(gris escuro) e Z. marina (gris
claro), segundo prospeccións da
Delegación de As Mariñas da SGHN e informacións de Verónica García-Redondo.
Foto aérea: SIGPAC

– Resulta curioso que a antiga Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia advirta da existencia de praderías de zostera na praia de Gandarío e non fale nada do enorme zosteral que xa existía en Sada. A remediación en Gandarío vai intentar non reencher con area nunha contorna de 25 m arredor destas zonas. 

– A area incorporada vai ser volta a cubrir por sedimentos finos en poucos anos, como xa pasou coa experiencia dos aportes de area de 1994. Será un gasto inútil de recursos públicos. A praia de Sada tende a acumular limos, xa que a circulación de correntes está moi impedida polo espigón do porto deportivo xunto cos propios aportes do río Maior. 

– En relación ao anterior resulta curioso que Demarcación de Costas, nunha contestación ao concello de Sada, recoñeza que este aporte posiblemente acabará enchéndose de limos e polo tanto en teoría menos “agradable” para o baño. 

– No proxecto en ningún momento se fala de solucionar os graves problemas de contaminación da zona, sobre todo polos aportes do río Maior. Lembremos que neste río verte a depuradora do polígono industrial de Bergondo e tamén do Espírito Santo-Sada, sen contar coas augas pluviais e as que proceden das Brañas. As augas da praia non teñen boa calidade para o baño e o proxecto non atalla o problema. 

– Na Declaración de Impacto Ambiental non se fala de que a praia de Sada é unha importante zona para as aves acuáticas na ría de Betanzos, a desaparición da pradería de zostera eliminará esta zona de alimentación e descanso. Calquera idea de turismo ornitolóxico terá que esperar tempos mellores. 

– En definitiva, os “beneficios” turísticos da rexeneración serán mínimos e só durante un ou dous veráns. A avaricia dun sector turístico miope vai destruír unha fonte de riqueza a longo prazo para todos os cidadáns.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *