Nº 7. Decembro de 2010
Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro
Nese Castro de Samoedo de 1945 vai casar Isaac con Carmen Arias –Mimina, no alcume familiar–, unha rapaza coruñesa cuxo pai ten casa grande no Castro, onde pasa a moza os veráns. A rapaza vive na Cidade Vella coruñesa e, chea de vocación artística, acude ás clases de pintura de Lolita Díaz Baliño, tía de Isaac, que tiña unha escola de arte de certa sona na Coruña, fronte á casa de Mimina, no alto da rúa do Derribo, lugar chamado Porta de Aires. Alí, no obradoiro de pintura de Lolita, Isaac coñecerá á que será en pouco tempo a súa muller, que levará a vivir a Madrid, onde nacerá Camilo, o seu primeiro fillo, en 1946. Alí, na capital, o mozo pintor xa ten un sólido prestixio, avalado por importantes críticos de arte –Camón Aznar, Camilo José Cela e Ramón Faraldo, entre outros– e importantes exposicións –tamén en Barcelona e Londres–, que o convirten nun dos valores máis importantes da plástica galega deses anos. O propio Ramón Otero Pedrayo avala ao mozo pintor pronunciando varias conferencias nalgunhas exposicións de Isaac.
Nun texto do álbum anteriormente citado, Unha presa de dibuxos de xente do seu rueiro, titulado “Meu cabalete”, Isaac explica a súa mudanza: “Os homes podentes me chamaban pra pintar as súas facianas nos lenzos, brilante na man prantada sobor do brazo da cadeira, a cravata de seda natural sobor da camisa de puro fío, as donas burguesas en traxe de festa con fondo de estanza pazal, e, co sinceiro ser dos que desexan agacharse detrás de traxes e caretas, meus cadros tiñan tamén de ser testigos e ritrataban o que ollaban… Os ricos eran así i-eu era unha cámara escura que pintaba por catro cartos o que me mandaban…”. O texto reflicte o noxo que a Isaac lle produce ter que pintar a tanto personaxe da clase pudente do Madrid dos anos corenta, xente que non lle procuraba a mínima satisfacción, e que lle fai medrar un complexo de culpa crecente e abafante, pois el pensa que a súa función como creador plástico debería estar a carón dos problemas da súa xente e do seu pobo. “Mais a miña i-alma –segue a escribir Isaac– adoecía na miña propia ruindade porque outra vida quedaba na miña terra, que era a que me correspondía, e chegaba a min non sei por onde atordoándome, coma un río chimpado, e canseime dos ricos cos seus traxes a as súas alfaias, do canto de râ das suas gabelas e da sua ben gobernada xordeira; e chegueime a cansar até do xenio requintado dos homes se non resolvía o meu problema. Pensei que sobexa pintar para pintar aquilo e cambiei de profesión para leixarte ceibe. Agora vou buscar xentes das que ti, meu cabalete, queres espir nos nosos lenzos. Baixarei a Osedo, a Seixeda, a Sada, a Samoedo e as Leixelas, ruburei ao Loureiro, a Soñeiro e o Castelo, ou eiquí no Castro, no Lubre ou nas Arcas ei topar aquelas que ti me recramas”.
O primeiro achegouno ao deseño industrial, o segundo actuou de revulsivo para replantexarse a súa carreira e a súa vida. O que ven a continuación é xa coñecido, porque xa se ten escrito e falado delo e porque se deselvolveu na nosa proximidade, a carón das nosas casas e das nosas vidas. Paseniñamente o obradoiro de cerámica foi medrando e perfeccionando as técnicas de fabricación, e as pezas foron aumentando e adaptándose ás necesidades, pois axiña comezan a fabricarse, polos anos 1952-1953, pezas de mesa: pratos, cuncas, vaixelas, xogos de café… que supuxo un esforzo descomunal, pois necesitábase maquinaria sofisticada
Hai un acontecemento de gran trascendencia no acontecer de Cerámicas do Castro: a ausencia de Isaac en periodos intermitentes a partir de 1956, cando foi invitado polo exilio da Arxentina a montar unha factoría de Porcelana na localidade de Magdalena, a 100 quilómetros de Bos Aires. Aquello daría lugar a tres sucesos extraordinarios e contrapostos. Por unha banda a consecuencia negativa, porque nas longas ausencias de Isaac do Castro apareceron problemas gravísimos, que a xente que el deixara ao mando na fábrica non sabía solucionar, desatándose todo tipo de problemas, técnicos, económicos ou comerciais, incluso dou lugar a tensións entre os responsables e os socios da empresa que só a presencia de Isaac no Castro resolvían e acalmaban. A correspondencia de Isaac nese período coa súa dona Carmen –que traballaba arreo na fábrica e padecía os problemas– é ben elocuente, pois dá conta pormenorizada de cantos contratempos axexan á empresa e analiza e enxuiza aos responsables, sendo este epistolario un tesouro documental que está en fase de estudo para a súa publicación.
Por outra banda está a consecuencia positiva das ausencias de Isaac e a aventura industrial en Arxentina, xa que Magdalena actuou como un laboratorio, tanto a nivel tecnológico como a nivel formal, de maneira que alí se experimentaron novas técnicas e novas formas que foron quen de mudar e modernizar o rumbo de Cerámicas do Castro. Tal é así que en 1963 se comeza a construción da nova nave de produción, que dará lugar a unha importante renovación da fábrica, coa aparición
das pezas con motivos decorativos en releve tallado na propia porcelana, inspirados na cultura e a tradición de Galicia, unha importante novedade traída de Magdalena que revolucionaría a produción porcelanera do Castro. As formas “portomarínica”, “monférica”, “castrondóurica”, “vilar de donas”, “cuncha”, “follas”, etc., que deseñou Isaac, abriron unha nova etapa no Castro de longas consecuencias, pois acrecentou e asentou o prestixio da súa porcelana por moitos anos; tal é así que aínda hoxe se seguen fabricando esas formas nacidas coas ideas de renovación americanas.
Finalmente, a terceira consecuencia, extraordinariamente positiva, da estancia de Isaac en Arxentina foi o renacemento de Sargadelos. Chegados a este punto, hai que mencionar a importancia que tivo Luís Seoane nestes acontecementos. Isaac viaxa á Bos Aires en 1955 para expoñer alí pinturas e porcelanas. É Seoane quen o chama, atraído polo traballo que está a desenvolver no Castro. Unha vez alí a camaradería entre ambos os dous é total, e xuntos comezan a artellar sistemas para restaurar a degradada situación galega, sumida na longa noite da ditadura. Nace así o Laboratorio de Formas para vehiculizar os proxectos de cara á súa materialización en Galicia. Un deles é a restauración da actividade en Sargadelos, unha fábrica de gran prestixio, xurdida da Ilustración, que levaba pechada case cen anos, e cuxo renacemento serviría de modelo a seguir para a revitalización do país: poñer en pé industrias con ideas e materias primas propias. Cerámicas do Castro xogou un papel fundamental neste proceso, fornecéndoo tecnoloxicamente e financeiramente. Desde O Castro saían os
cartos, os técnicos e os proxectistas que fixeron posible a restauración de Sargadelos, de maneira que actuou como base da expansión do grupo, xogando un papel fundamental.
No Castro deseñou tamén Seoane as primeiras pezas de Sargadelos, aló polos anos 1967 e 1968. E no Castro se materializaron moitos dos proxectos do Laboratorio de Formas; entre eles destacan dous: o Museo Carlos Maside –un proxecto moi querido por Seoane que pretendía recoller as vangardas galegas de antes da guerra, para transpasalas ás novas xeración, que as descoñecían–, e Ediciós do Castro, outra industria cultural, paralela á porcelana, que axudou a posicionar e a prestixiar o grupo a partir dos anos setenta, dotándoo dun instrumento eficacísimo para o seu desenvolvemento.
Cando en 2006 o grupo de socios, formados e crecidos a carón de Isaac –ao que sempre reverenciaron case místicamente, ata o punto de amosar unha admiración que explicitaban constantemente e resultaba xa omnipresente nas súas conversas–, cando eses socios e compañeiros, dicía, o apartaron da dirección e de todos cantos cargos tiña na empresa –retirándolle as asignacións económicas, co que supón iso para unha persona de 86 anos que quedou sen xubilación, nin retribución dineraria algunha–, estaba asinándose o certificado de defunción das empresas que, desde aquela, veñen dando tombo tras tombo, desnortadas. Un fin ben dramático para unha obra na que Isaac puxo tanto talento, tanta paixón, tando traballo, tanta esperanza e tanto alento.








