Nº 2. Setembro de 2010
HOMENAXE A MANUEL COUZO BERMÚDEZ
MANUEL COUZO E O C.E. SADA Y SUS CONTORNOS
UN ÚLTIMO CAPÍTULO
MANUEL COUZO BERMÚDEZ
A América desprazouse desde Sada ao longo da segunda metade do século XIX e o século XX todo un continxente humano que procurou nas emerxentes urbes da outra beira do océano a prosperidade que lle era negada na terra nativa.
Nos primeiros anos do século XX New York converteuse no destino fundamental dos nosos emigrados, seguido por Buenos Aires e La Habana. Períodos de gran fluxo migratorio foron os primeiros anos dez e os inmediatamente posteriores á II Guerra Mundial, coa reanudación do tráfico marítimo.
Logo da crise do 29, a Guerra Civil motivará unha reactivación da emigración, tanto pola situación de miseria económica que xeraron as políticas do novo réxime como pola necesidade de moitos sadenses de fuxiren do Estado ante a persecución á que eran sometidos. En Buenos Aires se estableceron gran parte destes exiliados. Xa a partires dos anos 40 prodúcese unha diversificación dos destinos, aos que se engaden Uruguay, Venezuela, Brasil, etc., así como diversas capitais europeas.
O asociacionismo dos emigrantes de Sada en América
No 1913 fundaríase en New York a que sería a Sociedad de Instrucción Hijos de Sada y sus Contornos, coa finalidade principal de crear escolas en Sada orientadas segundo preceptos pedagóxicos racionalistas e laicos, o que se concretará no 1927 coa inauguración da escola homónima.
Nembargantes, a súa actividade en New York, como centro social da importante colonia sadense alí radicada será igualmente moi significativa, coa organización da actividades recreativas e deportivas.
A sociedade esmorecería nos anos 70 1. Tamén en New York, segundo Peña Saavedra, tería existido unha sociedade denominada Unidos de Sada, da que non temos máis referenzas 2.
Asemade, na capital dos EEUU numerosos sadenses nutrirían as grandes organizacións da colectividade galega e estatal. Durante a Guerra Civil moitos formarían parte das directivas das Sociedades Hispanas Confederadas e do Frente Popular Antifascista Galego, do que Ramón Mosteiro, de Fontán, sería o seu presidente. Ambas estaban destinadas a apoiar á República. A partires dos anos 40 varios sadenses ocuparían postos de relevancia en Casa Galicia, casos de Ramón Seijo, de Soñeiro, ou Emilio Flórez, de Sada de Arriba, presidentes en numerosas ocasións 3.
Na Habana tamén existiu, desde o 1913, unha Sociedad de Instrucción y Recreo Naturales de Sada y sus Contornos, constituída tamén coa finalidade de crear escolas na vila, e que tería sido o xerme da Sada y sus Contornos neoiorquina. Unha vez desaparecida a primitiva sociedade cubana, no 1918 estableceríase en La Habana unha delegación da sociedade Sada y sus Contornos de New York 4.
Por último, en Buenos Aires fundaríase no 1919 a sociedade Unidos de Sada 5, que mantería unha importante actividade de tipo recreativo e cultural, vinculada ao sadense Ramón Suárez Picallo, que era socio fundador e actuou como directivo. Nos anos 40, Unidos de Sada participará na creación da Comisión pro-Relaciones entre Sociedades del Partido de Betanzos (Intersocietaria), da que formará parte. Tamén tivo o seu contributo para cos seus conveciños de Sada: no ano 1929 doarán ás escolas de Sada y sus Contornos unha biblioteca (“República Argentina”) composta por 800 volumes 6.
O C. E. Sada y sus Contornos, un último representante.
A día de hoxe, a única sociedade que pervive activa é o Centro Español Sada y sus Contornos de Buenos Aires. No 1974, coa sociedade Unidos de Sada xa inactiva, os residentes do concello e dalgunhas parroquias limítrofes coma Lubre e Ouces (Bergondo), decidiron crear o novo centro, homenaxeando coa súa denominación á sociedade homónima neoiorquina. Será o seu primeiro presidente Delfín Núñez Seoane, de Mondego. Logo, e durante 18 anos consecutivos, ocupará a presidencia Manuel Couzo Bermúdez.
Chegou a aglutinar a 2500 socios, se ben esta cifra foi descendendo parella á remisión do fenómeno migratorio ata a actual, de algo máis de cen.
Ao longo destes anos as súas actividades foron diversas: charlas, cursos, actos de confraternidade, etc. Ao igual que xa facía a sociedade Unidos de Sada desde os anos 20, cada ano celebran as nosas festas parroquiais. Contan cun local en propiedade en Pasco, onde realizan os seus eventos e se reúnen.
1 Sobre esta sociedade vid. M. Gayoso: 1928-2008. Sada y sus Contornos. 80
aniversario da escola, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2008.
2 V. Peña Saavedra: Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La
impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia, 2 vols., Xunta de
Galicia, Santiago de Compostela, 1991.
3 Zapata, M.: “La historia de Casa Galicia”, http://www.casagaliciany.com/
4 El Eco de Galicia, La Habana, 04/07/1920.
5 El Correo de Galicia, Buenos Aires, 19/10/1919.
6 M. Gayoso: op. cit.
As colectividades integradas polos emigrantes galegos en América crearon desde finais do século XIX un tupido tecido asociativo.
Lonxe de actuaren de costas á comunidade de orixe da que procedían os seus compoñentes, estas asociacións terían en moitos casos como misión acadar melloras nas condicións de vida dos veciños.
Os emigrantes que deixaron Sada ao longo do século XX agrupáronse en torno a varias asociacións, entre as que destacaron as sociedades Sada y sus Contornos de New York e Unidos de Sada de Buenos Aires polas súas actividades en prol do progreso local e o seu aporte a facerlle máis levadeiro o periplo nas Américas a moitos conveciños.
A súa labor recolleuna no ano 1974 o C. E. Sada y sus Contornos, que ten por alma mater a Manuel Couzo Bermúdez. Queremos hoxe renderlle unha homenaxe a el, á institución que representa e a todos os nosos emigrantes que se esforzaron por crear unhas máis dignas condicións de vida para todos os sadenses.