Nº 16. Febreiro de 2015
A COMPARSA <<OS BROAS>> E <<OS PEQUENIÑOS>>
“O mundo xira e todos dentro del…”, dicía unha canción moi popular aló polos anos setenta do século pasado. O mundo xira, vén a ser un feito comunmente aceptado nos nosos días, aínda que no seu tempo custoulle a Galileo unha condea dos moi católicos integrantes do Sínodo, esixíndolle a súa rectificación; “…con la Iglesia hemos topado, Sancho” coma dixo o “enxeñoso Fidalgo”.
O certo é que o mundo xira… e volven as estacións no seu eterno “torno e ritorno”. E éche deste xeito desde que o mundo é mundo. Unha vez decatado desta verdade inmutábel, o do desfile das estacións co seu “ritornello”, que o outro, o da terra xirando tirou un pouco máis de tempo (ía dicir que custou “Deus e axuda”, porén visto o visto abstereime de facelo), o home, a humanidade para facerlle honra á metade dela que moitas veces, moitas máis do que sería necesario, fica nos marxes da historia, sentiu a necesidade de celebralo, nunha celebración que era ao tempo unha sorte de conxuro diante dos padecementos cotiáns, de amosar a ledicia de estar vivo nunha nova estación que estaba a piques de chegar.
Se o que estaba nas portas era o remate do cru inverno e o albor da primavera, mellor que mellor.
Chegou, que é o do que trata este breve “introito”, o Entroido*, momento de celebracións, de darlle gusto ao corpo para facer forte o espírito. Como os poderosos, de sempre, xa sexan poderes seculares ou espirituais, non son partidarios das cousas que cuestionen o “status quo”, entre as que se inclúen as liberdades hedonistas, tentaron prohibir o Entroido. Desde entón, o pobo, e estamos a falar de fai moito tempo (aínda anterior ao “tempo de María Castaña”), ía xuntar canfurnadas, celebración e troula coa sátira ao poder.
Neste caderno de novo imos facer públicas as celebracións do Entroido no noso pobo en tempos xa pasados.
Editamos, en facsímil, dous cadernos correspondentes ás comparsas «Os Pequeniños» e «Os Broas», do ano 1981. Os nosos veciños eran quen de celebrar o Entroido ao tempo de facer crítica dos aconteceres cotiáns, de xuntarse para facer celebración da estación a piques de chegar. E facíano aínda que ao poder non lle gustara, porque sabían que, máis cedo que tarde, os poderes, seculares ou non, cambian ou periclitan.
Algo que xa sabía Galileo, que aínda que obrigado a renunciar á súa teoría, dixo aquilo de “eppur si muove”.
*Advírtase a proximidade etimolóxica entre
ambas as dúas expresións.