Nº 15. Marzo de 2014
A COMPARSA <<OS MALEANTES>>
AAVV
INTRODUCIÓN
Neste caderno que tedes nas mans imos falar do Entroido. Coma sabedes estas festas, de datas variables, ben en Febreiro ou coma este ano en Marzo, teñen unha ampla tradición e unha dilatada historia.
Falase que xa as facían os sumerios e os exipcios. Os gregos celebraban as dionisíacas, e os romanos máis tarde as saturnais e lupercais, todas elas caracterizadas polo epicureísmo, o goce dos praceres da vida, a transgresión e a liberdade sen barreiras. E todas elas estreitamente vinculadas
o noso Entroido.
Na tradición cristiá, e máis concretamente nos países de raigañas católicas, viñan a representar un período de tempo, co cru inverno a piques de rematar e a señora Coresma cos seus rigores albiscándose, asomando o bico, cheo de transgresión, liberdade e troula.
Na nosa Galicia, temos unhas festas de Carnestolendas variadas e dunha riqueza antropolóxica importantísima. Porén, por enriba desta variedade, ca que se podía facer un mapa das diferentes tipoloxías, os galegos comparten unha afección común polos pratos do Entroido. Cocido, lacoadas, filloas, doces ou salgadas, orellas, bicas, son para nós referencias gastronómicas polas que devecemos. E o bo viño. E a troula. E a celebración da liberdade na rúa.
Estes esparcementos populares eran pouco compatibles cunha ditadura coma a franquista e o seu nacionalcatolicismo. O Entroido foi proscrito, rachando deste xeito cunha tradición que no caso de Sada traducíase na presenza das comparsas na rúa cos seus apropósitos, pezas nas que se facía crítica e inda escarnio de aspectos da realidade.
Despois do remate da Ditadura, nos anos que van desde os derradeiros setenta os primeiros oitenta do pasado século, un grupo de sadenses, novos e menos novos, mulleres e homes, decidiron que xa era hora de volver a celebrar o Entroido. Organizáronse para facer comparsas. Fixeron vestidos e traxes. Escribiron historias, apropósitos de intención satírica. Armáronse de instrumentos musicais. E saíron a rúa. Para facer súa a liberdade, a transgresión e a troula.
E precisamente grazas a algúns deles dispoñemos hoxe do material que fai posible este caderno, e outros que confiamos sacar nos Entroidos seguintes. Letras, fotografías, lembranzas da celebración do Entroido na nosa vila.
Se despois da lectura deste caderno éntranvos ganas de saír a rúa afacer, repichoca, a troulear, a gozar con todos os sentidos, a facerlle o cumprimento necesario o bo viño e o mellor xantar, cumprirase a intención deste caderno; e a daqueles nosos veciños que hai xa trinta anos reverdeceron a celebración do Entroido na nosa querida Sada.
Se ademais mentres trouleades considerades necesario que no futuro nos xuntemos, nos organicemos para volverlle a facer honra coma merecen as Carnestolendas, moito mellor.