Caderno de Estudos Locais 10

Nº 10. Agosto de 2011

CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS Nº 10

AGOSTO DE 2010
FESTAS PATRONAIS DE SADA

AS LETRAS E AS FESTAS II



SADA EN FESTAS
Manuel L. Freire-Calvelo
SADA, CENTRO TURÍSTICO E ESTIVAL
Xohán Antón Suárez Picallo
AS FESTAS NO PASADO: DOUS PROGRAMAS (1913 e 1934)

SADA EN FESTAS
Manuel L. Freire-Calvelo

Atraídos polas festas patronais chegan estes días a Sada, a vila alegre e progresiva, numerosos forasteiros.

Sada é un fermoso núcleo urbano adormecido pola placidez e o murmurio da súa espléndida ría. Atravesan a beiramar en forma de T as estradas da Coruña e a de Mera-Fontán a Betanzos, inxentes nervios que transmiten as inquietudes ferrolás e coruñesas.

Sada amósase hoxe en primeira liña entre as vilas máis importantes de Galicia. Gran parte da súa importancia débese ao tranvía. Os seus centros culturais, como o de “Sada y sus Contornos”, o seu gran restaurant casino “La Terraza”, os seu tres magníficos salóns de cinema sonoro, os seus bailes públicos, bares, etcétera fanlle acredor a visita e espontáneo eloxio.

A importancia industrial sadense é incuestionable. Despois dos seus centros de recreo e diversións varias, segue por outra orde no industrial a conserveira e a da salga do estilo e importancia da “Isabel”, propiedade do noso querido amigo o avogado e ex presidente do “Nuevo Club” da Coruña D. José Taboada Martínez, a de serrar madeiras e carpintaría mecánica de D. Román Mosquera, etc.

Sada, o pobo e antesala da Coruña, é na súa provincia, sen discusión de ningún xénero, unha das vilas máis sorrientes e atractivas, estival por excelencia, circundada dunha paisaxe que é un encanto, con paraxes apracibles e sorrientes onde Deus puxo os dons máis altos para deleite e marabilla dos homes, verdadeira e inesgotable “canteira” para atracción do turismo, nada explotado e peor canalizado.

Vila dotada dunhas vías de comunicación que para si quixesen capitais de provincia: unida á capital por tranvías eléctricos, e servida diariamente pola empresa de ómnibus dos nosos amigos os señores de Luengo, que diariamente fan con sorprendente rapidez a liña da Coruña,

Sada e Betanzos, atravesando as paraxes máis fermosas e paradisíacas das Mariñas, como son esas zonas de Santa Cruz, Dorneda, Meirás, Mera, Lorbé, San Isidro, Gandarío e Bergondo. O servizo de Sada a Betanzos combina a Sada cos da Compañía de Tranvías e en Betanzos cos da Empresa Castromil a Santiago e Ideal Gallego a Ferrol.

Sada é un pobo no que todo o mundo traballa, no que tres mil almas unen as súas voces, día tras día, ao sacrosanto himno do logro do “noso pan de cada día”. Sada carece de historia. A súa historia é vulgar como a vida mesma; ela non rexistra “paladíns, abolenguismos, blasonismos e maquiavelismos”; nas súas rúas e prazas non se erguen caseróns escudados e fidalgos e monumentos conmemorativos…

Pero en cambio ofrece ao visitante forasteiro unha vida modera a todo confort, alegría e unha hospitalidade que pode achar similar só nas grandes poboacións españolas.

Sada, que estes días está a celebrar as súas famosas e tradicionais festas patronais, é o pobo dos grandes bailes, verbenas e outras xoldas, convertendo a ampla e limpa praia de Gandarío en soberbio escenario enmarcado en sorprendente e frondosa arboleda e bicada na súa ligazón co mar, polo rumoroso río Mandeo; por certo que este ano foi dotada de hixiénicas casetas de baños, e nela foi instalado un
kisco-restaurant-merendeiro, que os seus animosos donos denominaron de “Astoria”.

Quen nestes días de festa dea un paseo de noite polas rúas de Sada, atoparaas iluminadas con potentes focos eléctricos, bandeirolas e gallardetes, salpicadas de restaurantes, cafés, bares, luces, bailes con todos os refinamientos do luxo e do confort, e sementadas de tendas de tecidos e de comestibles e de talleres de modistas, de bazares e confiterías, establecementos de decorados e mobles, algúns da importancia de “Casa Barros”, “Casa Quintán”, e “Casa Mojón”. De todo, en fin…

…Diciamos que Sada é moi fermosa e, como mostra da súa fermosura presentaremos a nota da súa espléndida avenida de Barrié de la Maza. Campiña das Mariñas de Sada, sempre dun exuberante verdor, sexa para ti a ofrenda destas liñas, que resumen os máis belos matices desta amada terra en que nacín!

La Voz de Galicia, 17/08/1933.

SADA, CENTRO TURÍSTICO E ESTIVAL
Xohán Antón Suárez Picallo

Cremos que nada máis oportuno para comentar, nestes días de expansión e festas que difruta a nosa vila, que o que co seu futuro no aspecto turístico e estival se relaciona.

Anualmente e en grao superlativo, Sada é o pobo pequeno da provincia que máis colonia estival atrae, ata agora máis que nada polas súas belezas naturais.

Porque no que ás condicións impostas polo home refírese, nada ou moi pouco se fixo.

Urxe, pois, que os que na vila teñen postos de responsabilidade e dirección, se preocupen destas cuestións de vitalísima importancia para o noso pobo. Ante todo, que o que veña un ano a el, quede desexoso de volver. E para isto nada máis lóxico que facerlle a vida grata, por medio de atraccións, comodidades e distraccións. Moitas veces suxerimos desde os diarios, dando habitualmente informacións, que en combinación coas comisións de festas da Coruña, debía de facerse unha labor de conxunto e onde, isto palpárono preto este ano, dan toda clase de facilidades e apoio para iso, porque redunda en beneficio de todos.


Os abúlicos e indiferentes, xamais crean nada útil para si e os seus semellantes e nós vivimos nun pobo onde hai moitos atacados desa desgraza humana. Para desculparse, din que non lles agradecen o seu traballo. Pobre pretexto da súa capacidade creadora.

Porque non hai agradecemento superior ao que proporciona a satisfacción do deber cumprido. Está claro que non debe agardarse todo das autoridades. Os particulares poden e deben facer moito nisto. Ademais do apoio, sen o cal o esforzo persoal dos dirixentes sería inútil, as súas iniciativas son de gran utilidade, e produto de iniciativas persoais son a maioría deses admirables centros de veraneo e turismo que honran a algunhas provincias de España.

Se cada día fóra da nosa terra hai menos posibilidade de gañarse o sustento diario, o problema e a súa solución consiste en traballar a rexión e pobo onde vivimos, para que poidan soster dignamente as necesidades, cada día en aumento, dos seus fillos. E Galicia, A Coruña e Sada, privilexiadas pola natureza que as dotou de belezas extraordinarias, poden e deben sostelos.

Traballe cada un a medida das súas posibilidades nesta gran obra, con fe e con entusiasmo, e o remedio de moitos queixumes e angustias que hoxe nos aflixen, será un feito e obra ademais do noso propio esforzo, sendo isto último máis digno e máis seguro que agardalo doutros, que seguramente non nolo resolverían, levando como lema e bandeira “un para todos e todos para un”.

La Voz de Galicia, 16/08/1934.



AS FESTAS NO PASADO: DOUS PROGRAMAS

1913
GRANDES FESTAS EN SADA

Mañá darán comezo nesta revoltosa vila, os festexos que na honra do seu patrón San Roque veñen celebrando anualmente os días 15, 16, 17 e 18 de Agosto. Velaquí o programa:

Día 15.-Ás sete da mañá, o disparo de 21 bombas de triplo palenque, anunciará o comezo das festas; ás oito sairá a laureada banda de Arca (Santiago) coa municipal de Sada e varias gaitas do país, percorrendo as rúas da vila tocando alegres dianas e pasodobres. Ás once, gran función relixiosa na igrexa parroquial. De doce a dúas, paseo de moda na ampla avenida do Progreso, amenizándoo a banda municipal de Sada. Ás catro, cucañas marítimas e terrestres, nas que se concederán premios en metálico. De seis a dez, concerto musical na praza de San Roque polas bandas de Arca e Sada, bailes populares nos salóns desta vila e cinematógrafo ao aire libre; ao anoitecer dispararanse profusión de fogos artificiais, elevándose multitude de voadores. Desde as once
da noite ata a madrugada, bailes públicos e verbenas.

Día 16.-Pola mañá dianas e alboradas. Ás once función do voto na igrexa parroquial, correndo o panexírico a cargo dun notable orador sacro. A continuación sairá a procesión relixiosa que percorrerá as rúas de Mendizábal, Pedregal, praza de San Roque, Linares Rivas, Progreso e Mariña, regresando ao templo. Ás catro da tarde regatas de lanchas, botes, traíñas e bucetas con premios artísticos e en metálico para os afeccionados e profesionais. De seis a sete, carreiras de cintas en bicicleta, pintadas por distinguidas señoritas desta localidade. De oito a dez, concertos musicais polas dúas bandas de música, iluminación eléctrica e á veneciana, cinematógrafo ao aire libre e bailes populares nos salóns do Pedregal. Desde as once
verbena popular, sesión de fogos artificiais e elevación dun globo de colosais dimensións desde a torre da capela de San Roque.

Día 17.-Ás oito, as dianas e alboradas por gaitas do país. A continuación bailaranse as tradicionais danzas polo gremio de mariñeiros desta vila e terceira función relixiosa na igrexa parroquial. Ás catro da tarde xogarase un amigable partido de «foot-ball» entre os clubs locais «Sada F. C.» e «Salobrego», disputándose como premio unha artística copa donada pola Comisión de festexos. Ás seis, carreiras de burros, en sacos e en barricas. Ás sete, concurso de feos con premios en metálico. De oito a dez, verbenas populares, bailes e iluminación eléctrica das principais rúas. Ás once, segunda sesión de fogos artificiais encargados pola Comisión de festexos a Barcelona e dirixida polo competente e popular «Catranos». Desde as doce, bailes populares.

Día 18.-Pola mañá, concurso de escaparates e paseo de moda. Ás doce, xira campestre ao pintoresco lugar de Samoedo, a un quilómetro desta vila, onde nun magnífico souto celébranse os tradicionais «Ca-neiros» e ao cal concorren as principais familias desta vila. Pola tarde, no devandito souto, bailes populares, merendas, fogos artificiais, globos e todo canto constitúe a atraente característica das romarías que se celebran en Galicia.

Como durante os devanditos días a empresa de automóbiles multiplicará o número de viaxes a esa cidade, non é aventurado supor que da mesma será grande o número de persoas que acudan a esta simpática vila atraídas polos devanditos festexos, tendo ademais en conta a cordura dos seus habitantes da que deron mostra con motivo da última excursión o día 8 polos «tribunos», que a pesar do gran consumo que se fixo de viño e de bo humor, non houbo que rexistrar o menor incidente desagradable.

El Noroeste, 15/08/1913.

1934
SADA E AS SÚAS FESTAS PATRONAIS

Día 15.-Pola mañá dianas e alboradas pola banda de música do Rexemento número 29 do Ferrol e un cuarteto rexional, encargados de amenizar as festas. Á doce función relixiosa. Pola tarde partido de fútbol. De 8 a 10 paseo de moda. De 11 a 2 da madrugada, verbena.

Día 16.-Pola mañá dianas e alboradas, coas comparsas de xigantes e cabezudos e a típica “Danza d’arcos”. Á doce función relixiosa na capela de San Roque; dunha a dúas da tarde concerto musical na praia, pola banda, que executará música selecta e rexional. Ás catro das tarde regatas de profesionais e amateurs na praia disputándose valiosos premios. De oito a dez da noite baile na praza da República. De once a dúas da madrugada gran verbena e sesión de fogos artificiais na mariña e elevación dun globo de xigantescas dimensións con alegorías de Sada.

Día 17.-Alborada pola mañá. Á doce función relixiosa. Dunha a dúas da tarde, concerto musical, pola banda e cuarteto na praza da República. Ás catro das tarde cucañas na praia e regatas de traíñas tripuladas por señoritas da vila. De oito a dez da noite concerto e paseo de moda en Barrié de la Maza. De once a dúas da madrugada verbena, sesión de fogos artificiais na mariña e elevación de globos.

Día 18.-Ás dúas da tarde saída para o Couto, onde se celebrarán os concursos e a comida ao aire libre. De catro a oito da tarde, gran festa campestre neste lugar, establecéndose varios premios para as dúas parellas que a xuízo dun xurado, bailen mellor a muiñeira. Ás nove da noite regreso a Sada cun desfile e luces de bengala. De noite repetirase a verbena e sesión de fogos de artificio.

Día 19 (domingo).-Alboradas pola mañá. Concerto musical de doce a dúas na praia. Ás catro da tarde partido de fútbol. De oito a dez paseo de moda e concerto e de once a dúas verbena e sesión de fogos artificiais.


DEDICADO Á CORUÑA

Día 26.-Ás dez da mañá recibimento polas autoridades e Comisión de Festas dos excursionistas. De doce a dúas concerto musical na praia de Sada. Ás tres comida ao aire libre no Couto. De catro a oito gran romaría galega neste lugar e ás nove regreso a Sada con lumes de bengala. De dez a dúas da madrugada gran verbena e sesión de fogos artificiais na mariña. Este día como nas festas boísima e espléndida iluminación e adorno de toda a vila.

Ademais dos números citados, que poderán sufrir algunha leve alteración por non estar definitivamente terminado o programa, haberá grandes bailes en “La Terraza”, Salón Moderno e Royalty, sesións de cinema no Gran Cinema, Moragra e Moderno. Todos os días de festas, circularán tranvías especiais cada cuarto de hora e ata as tres da madrugada, de Sada para A Coruña e viceversa e así mesmo autos Luengo e de punto, para Betanzos, Bergondo e outros pobos limítrofes.

El Pueblo Gallego, 16/08/1934.


Por segundo ano, a nosa serie de Cadernos de Estudos Locais dedica un número ás festas de Sada, recuperando documentos que nos falan de cómo se vivía esta efeméride no pasado.

Neste exemplar publicamos dous artigos dos xornalistas M. L. Freire-Calvelo e X. A. Suárez Picallo sobre Sada, as súas festas de agosto e o turismo estival, e engadimos dous programas de festexos correspondentes aos anos 1913 e 1934.

Con esta nova entrega pretendemos sumarnos a todos os sadenses nestes días nos que festexamos a nosa existencia
como comunidade específica.


Manuel L. Freire-Calvelo, nado en Sada no 1902 e practicante de oficio, foi, como xornalista, un incansable defensor de causas xustas para o seu pobo (o porto de refuxio, a ponte do Pedrido…) e un verdadeiro propagandista das Mariñas.
Xohán Antón Suárez Picallo, nado en Sada no 1907, foi un activo dinamizador agrarista e dirixente galeguista. Exerceu como correspondente de varios xornais en Sada e foi asasinado logo da sublevación militar do 1936.
Partillar