(Unha noite) na eira das letras. Syra Alonso. Diarios. Diario de Actopan (achega emocional)

Cris Asensio Fernández

1. OS ARTISTAS, VÍTIMAS DO TERROR

Ah, Francisco Miguel! Tiña tantas esperanzas na túa arte, na nosa vida… (Alonso, Diarios, 2000: 301).

O pintor vangardista Francisco Miguel Fernández Díaz (A Coruña, 1897), casado con Syra Alonso Brufau, converteuse nunha vítima máis da represión exercida pola ditadura franquista. O seu cadáver apareceu en Bértoa (Carballo) a finais de setembro de 1936, co cranio desfeito e as mans amputadas. O corpo fora guindado nunha fosa común, xunto aos de Juán Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete. Os tres homes secuestrados e asasinados, o mesmo que Francisco.

O 29 de setembro do presente ano, os restos mortais do pintor, veñen de ser depositados no cemiterio de Santo Amaro, na cidade que o viu nacer, 89 anos despois de ter sido torturado e paseado. En palabras do profesor Conrado Arranz: «búscase un peche de ciclo despois de 89 anos destes feitos» (2).

En 1942 a súa viúva Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970), emprende viaxe cara o exilio mexicano acompañada dos seus fillos, tal e como lle pedira Francisco Miguel días antes de que o matasen. En realidade sería o regreso da familia ao país irmán. Syra e o seu home xa residiran en México entre os anos 1926 e 1933, onde naceran os fillos da parella. Durante estes anos, ambos artistas participaron activamente na coruñesa revista Alfar de corte vangardista. O pintor fora o director artístico desta publicación que promovía a fusión entre a arte galega e hispanoamericana. Francisco, ademais de ilustrar cos seus debuxos, publica artigos sobre arte tamén nos boletíns, Vida de A Coruña e Ronsel de Lugo.

A parella mantivo unha intensa relación con destacados artistas no país mexicano, entre os que se atopaban os muralistas David Alfaro Siqueiros e Diego Rivera; escritores como a uruguaia Blanca luz Brum (casada con Siqueiros) o mexicano Salvador Novo, o cubano Alejo Carpentier, ou o cineasta soviético Sergei Einsenstein. Os nomes do pintor Francisco Miguel e a escritora Syra Alonso eran «ben coñecidos —e respetados claramente— nas esferas máis influintes da vida cultural mexicana».

Así consta no artigo de cultura titulado « Recuperan la memoria de los artistas Francisco Miguel y Syra Alonso, perseguidos por la dictadura franquista» e publicado recentemente en El Sur, periódico de Guerrero (8-11-2025). Neste xornal, así como no titulado Reforma , de Cidade de México, publicaban o anuncio de que o enterro do pintor ía ter lugar o luns 29 de setembro en A Coruña.

En ambos diarios sulíñase a importancia do legado deixado polos artistas coruñeses. « Revaloran legado de Francisco Miguel y Syra Alonso» rezaba o titular de Reforma en setembro deste ano (26-9-2025).

2. OS DIARIOS

A vós, héroes galegos, dedícovos estas páxinas. Son miñas e son vosas; é a miña dor e a de todas as mulleres de España.

Esta é unha das tres dedicatorias que figuran no comezo dos Diarios. Syra desolada relata neles os tráxicos acontecementos que dous anos antes truncaran a súa vida, os seus proxectos de futuro: o arresto, a tortura e asasinato do home, o artista Francisco Miguel. A autora non se limita tan só a falar da súa desgraza persoal, quere tamén testemuñar o terror daqueles anos, advirtindo que a move o desexo de contar a verdade: «Cando escribo estas páxinas non teño máis desexo que dicir a verdade sen fanatismos» (p. 117). Brufau quere falar da dor e valentía de moitos homes, de moitas mulleres que sufriron a salvaxe represión dos militares franquistas sublevados.

E chamádesvos defensores de España e propagandistas
da paz cando vertedes o sangue de tantos
inocentes coa palabra de Deus nos vosos beizos!

Alonso redacta os Diarios entre 1938 e 1945. Terían que pasar máis de cincuenta anos para que tivésemos noticia da súa existencia. A obra está dividida en dúas partes. A primeira, titulada Diario de Tordoia , (escrita na aldea de Tordoia) e datada en Compostela en 1938; a segunda, Diario de Actopan, redactada xa no exilio con data de 1945. En Diario de Tordoia Syra narra os días terríbeis vividos após a detenión do seu home (por dúas veces, a primeira liberado fugazmente), a angustia e desesperación durante os días no cárcere, as acusacións sobre el verquidas. Son estremecedoras as noticias do asasinato do amigo pintor Luís Huici e de tantos e tantos outros. A través das doridas páxinas sabemos da loita de Syra por intentar axudar a seu home, as mentiras e burlas despiadadas sufridas e finalmente o vil asasinato que acabou coa «Casa da Dita», como Francisco bautizara ao seu fogar en Oleiros, na súa vivenda de Coruxo de Abaixo, en Liáns:

Número 29. Cadáver sen identificar. Cadáver descoñecido, aparecido no punto chamado de Margade, do lugar de Que de Arriba da parroquia de Bértoa. Un home de trinta a trinta e tres anos, alto, viste traxe gris camisa branca, xersei color beige, zapatos e calcetíns castaños; todo en bo uso. Ten a cabeza desfeita e tres feridas, unha no ombro esquerdo e dúas no ventre, ao parecer de bala (Alonso. Diarios , p. 104-5).

Así rezaba na folla que o xuíz de Carballo, compadecéndose da muller, lle permite ler. Pero intres despois este mesmo xuíz móstralle outro certificado no que se di que Francisco Miguel «faleceu dun colapso cardíaco». Este é o documento que a viúva deberá asinar. Syra respóndelle: «É absolutamente necesario que asine un certificado tan falso? E sen esperar resposta ás miñas palabras, a miña letra deixou o Syra Alonso no máis vil dos papeis» (p. 106).

Antonio Coello, o párroco de Bértoa confírmalle á viúva que el estivo presente no sepelio do pintor Francisco Miguel, confirmando que aparecera no lugar indicado tal e como constaba nos certificados do xuíz. Pese á prohibición que impedía o enterramento das vítimas, o crego comunicalle á viúva que el mercou a caixa que contiñan os restos do pintor con axuda das xentes do pobo: «coa modesta esmola dos labregos desta aldea» (p. 109).

O texto completo dos Diarios non sería coñecido en Galicia, ata medio século despois. A partir dese momento o pintor Francisco Miguel e a súa dona Syra, foron condenados ao silencio na súa propia terra.

Durante moito tempo foron totalmente descoñecidos, non só polo público en xeral, senón tamén por moitos artistas e intelectuais. Tan só algúns como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo sabían da súa existencia. Seoane desde Bos Aires, xa tiña comentado por carta con Díaz Pardo, a conveniencia de que Francisco Miguel figurase no Museo Carlos Maside.

Díaz Pardo nunha misiva dirixida ao seu amigo (16-11-1978) ínformáballe das obras que se estaban a realizar no Museo por aquel entón. No mesmo escrito Isaac explica as dificultades para levar a adiante o proxecto e envíalle o esquema provisional para a organización do Museo. Francisco Miguel iría na sala 4: « A sala 4 ten Eiroa, Francisco Miguel, Huici,Laxeiro, Torres, Ánxel Xohán. Na sala 5 Seoane…».

En 1999 realízase unha exposición da obra do pintor no Museo Casa-Estudio Diego Rivera e Frida Kahlo, en Cidade de México. Con motivo do evento, edítase un catálogo, Libro- catálogo de la exposición Entre vanguardias. Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897- 1936) (3). O volume recollía fragmentos dun Diario escrito pola súa dona, Syra Alonso, no ano 1938. Grazas a esta exibición, que despois traería a España o madrileño Círculo de Bellas Artes, tivemos noticia por vez primeira da existencia das memorias de Syra. A transcripción dos orixinais, redactados en castelán, fora preparada por Syra María Fernández, quen os facilitou para a exposición e para ser publicados por unha editorial galega. O libro dos Diarios saiu do prelo no ano 2000. Tratábase dunha edición completa co texto traducido ao galego por Anxos Sumai, coa conformidade da famila. A desaparecida A Nosa Terra foi a editorial que os publicou.

A partir dese momento tívose noticia de que existían tres copias do manuscritro orixinal. Foran entregadas pola autora en 1944, á súa amiga Dolores Olmedo Patiño, coleccionista de arte (4), para a súa custodia. Precisamente Olmedo foi quen lle entregou unha das copias a Juan Ramón (fillo segundo de Syra e pai de Syra María), o mesmo día en que Juan lle levou un debuxo que lle fixera a ela o seu pai. Syra María é a neta á que Alonso dedica o Diario de Actopan e a mesma que transcrebe os Diarios.

Dolores Olmedo ocupou un lugar importante na vida da parella durante a súa estadía en Cidade de México. Algúns especulan coa posibilidade de que esta muller fose a causa da apresurada volta a Galicia de Syra e Francisco Miguel, no ano 1933. Parece ser que o artista mantivera unha relación íntima con Dolores, coñecida pola súa dona. Foi a propia autora a que preparou os papeis para o regreso á terra.

3. DIARIO DE ACTOPAN

Syra saúda a súa chegada ás terras mexicanas. ¡Acababa de cumplir por fin, o que Francisco Miguel lle encomendara. Así remata esta segunda parte dos Diarios.

O día cinco de setembro de 1942, partiría o Serpa Pinto desde Lisboa. Este buque pertencía a unha compañía portuguesa: a Companhia Colonial de Navegaçao. Tratábase dunha embarcación que fora transformada en transatlántico e que viaxaba cara América, con 1300 persoas a bordo, case todas españolas. A travesía duraría un mes e carecería de calquera comodidade:

En cada camarote había entre catorce e vinte liteiras. Eu compartía o camarote con dezaoito mulleres e aínda que tiña a liteira máis alta e a ventá en fronte miña, prefería pasar a noite na cuberta do barco deitada na miña hamaca. O mar, o ceo e o aire morno e suave eran cen veces mellor que os estraños ulidos do camarote (p. 276).

Á súa chegada a Veracruz son recibidos por un comité de axuda aos refuxiados españois, que lles ofrece a estadía durante dous días na cidade jarocha, o que aproveitan para descansar da viaxe. O comité facilítalles tamén a pasaxe en tren con destino á Cidade de México. Syra descrebe o que divisa desde o vagón (5)

Por momentos a néboa ocultaba a paisaxe e cando desaparecía deixábanos ver espesos bosques e profundos vales. Ía cara o país dos meus fillos (p. 286).

Finalmente Alonso escolle para vivir unha pequena aldea veracruzana, no corazón do estado de Hidalgo, ao suroeste de Cidade de México, chamada Actopan. Ese será o lugar no que permanecerá durante máis dun ano realizando labores sanitarias e educativas (6).

Debo alternar as miñas páxina coa escola, cos nenos, cos enfermos, son moitos os días que me deito rendida de cansazo e o meu sono é tan plácido que cando esperto creo ver a luz esquecín apagar (p. 114).

Cuernavaca, a capital do estado de Morelos, a 80 km ao sur da Cidade de México, será o seu seguinte destino. Finalmente, os últimos anos da súa vida pasaríaos na capital mexicana, onde falecería dun cancro de ósos en 1970.

A escritora apenas transmite datos sobre a súa vida Actopan, vida que paradoxicamente se cuestiona nuns primeiros intres: «Pregúntome agora que man me trouxo a esta vila de Veracruz. ¿Qué me permite vivir en paz e poder escribir? ¿Estarei lonxe de todo?». Pero axiña respóndese a si mesma: «O ser útil a estas xentes dáme un benestar descoñecido desde o ano 1936».

As referencias a Actopan aparecen nos Diarios en contadas ocasións. Menciona a importancia que ten para o pobo mexicano a Virxe de Guadalupe (p. 193). A artesanía do país está representado polas tradicionais teas oaxaqueñas, o «sarape» co que cobre o diván do seu cuarto na pensión coruñesa.

Menciona a un galego de Mugardos que foi para Veracruz e casou cunha india totonaca coa que tivo dezaoito fillos. Sabemos tamén da epidemia de sarampelo que atacou á poboación infantil na aldea (p. 152).

A parte dos Diarios escritas en México abarca desde a detención e asasinato de Miguel ata a chegada a terras mexicanas. Fala desde o presente no exilio do seu doloroso pasado recente: «Desde o día 29 de setembro eu era a viúva dun paseado». (p. 115).

As memorias están escritas en Actopan, pero poderían estar redactadas en calquera outro sitio, xa que o que importa é o vivido anteriormente en España. Valéndose da analepse vai narrar por orde cronolóxica as vivencias xa sen Miguel e as dificultades que tivo que superar para poder viaxar a México. Nas dúas primeiras liñas do Diario de Actopan ela mesma nos indica que vai falar das súas lembranzas: «Neste recanto de paz as lembranzas desfilan como sombras do pasado» (p. 113).

Despois da morte do pintor, Syra desexa coñece de primeira man o drama dos prisioneiros. Ela quería auxiliar aos presos, pese aos insultos e calumnias que tería que padecer por parte dos asasinos do seu home, pois ela era a «viúva dun roxo»:

«Burlando con moita habilidade a vixilancia dos gardas que os custodiaban, facialles chegar pan, leite, cigarros, libros.»

Axiña Syra destaca xa nas primeiras páxinas o papel xogado polas mulleres na Coruña, en favor dos presos. Nais, esposas, noivas, irmás… puxéranse de acordo para non abandoar nin un intre os muros do cárcere para evitar que os homes fosen paseados.

O que máis glorifica a Galiza é o valor das súas mulleres. ¿Qué facer para que non continuasen aqueles crimes? Acordaron nos separarse nin de día nin de noite das portas do cárcere. ¡Antes a morte que deixar saír os homes! Dramática era a garda que formaban aquelas valorosas mulleres que, golpeadas polos gardas, resistían heroicamente. Os soldados sabían que se as metrallaban deixaríanse morrer antes de abandonaren os eu posto de centinelas (p. 118).

Moitas detas mulleres pagaron a súa valentía con golpes e algunhas inclusive coa morte. Durante o tempo que precede ao exilio, Alonso vai levar unha vida de penurias e dificultades antes de conseguir os documentos para poder ir a México cos seu fillos. A escritora decide traballar para poder saír adiante e lograr reunir os cartos necesarios. A súa nai axúdaa facéndose cargo dos netos. Durante este tempo, Alonso reside en Coruña e aluga cuartos e diferentes pensións. As tarefas que desenvolve son variadas. Primeiro como contable na Sociedade de Autores, posto que non conserva durante moito tempo, pois un día é despedida sen máis. Caruncho, o director, é sobriño de Millán Astray, díxolle a Syra que xa non a necesitaban: «Non sería unha sucia man política?» pregúntase ela. A seguinte ocupación consiste en facer cigarros con axuda dos irmáns de Francisco Miguel, Carlos e Luís: «Atopaba un grande encanto en recortar as cartolinas e decorar as caixas dos cigarros cunha pomba, un trevo ou un barco» (p. 142).

En 1941 Alonso decide trasladarse a Madrid. O obxectivo principal é o de obter por fin os anceiados pasaportes. Ela sabe que en A Coruña nunca os conseguirá. Alberto, o fillo máis vello, terá que incorporarse ao exército ao ano seguinte e ela non soporta a idea de ver aos seus rapaces ao servizo de Franco, ao servizo dos asasinos do pai. A situación en España non mudara, a ditadura estaba a pleno rendemento e a falta de liberdade era total. A pesar das circunstancias, atopa á súa chegada á capital, un Madrid optimista e alegre: «O certo é que en Madrid atopei un marabilloso, pobo alegre e xeneroso. De que modo máis admirábel levaban a traxedia que vivíamos!» (p. 186).

Syra intenta gañarse a vida publicando artigos nalgunhas revistas madrileñas: «Empezaba a aforrar as poucas pesetas que gañaba publicando artigos de cando en vez nalgunha revista» (p. 210). Dinos que visita a miúdo o Museo do Prado porque está a traducir as cartas de Claude Monet da Revue de Paris para publicalas nunha revista de arte. Durante o tempo da súa vida na capital frecuenta, como en Coruña, a compañía de pintores. Syra sempre busca estar con pintores, iso faina sentir ben: «Teño que confesar que estea no lugar que estea sempre procuro a amizade dos pintores» (p. 196). Pedro Mozos Martínez é un dos artistas a quen visita a diario. Ela atópase moi a gusto no seu estudo e no doutro pintor mencionado como Andrés (p. 180). Tamén disfruta coas visitas ao Museo del Prado. Lembra con tristura as veces que o visitara en compañía do seu home. O Museo provoca interesantes opinións sobre os seus pintores favoritos, Joachin Patinir, Velázquez, Goya, Zurbarán, Rembrandt e especialmente sobre o Greco. Syra viaxa a Toledo por segunda vez para visitar a casa do pintor cretense antes de abandonar definitivamente Madrid.

Ademais na capital ten a oportunidade de coñecer a numerosos intelectuais, escritores, artistas: Jardiel Poncela, Solana… cos que simpatiza. Nunha ocasión coñece ao mexicano Rodolfo Reyes, quen lle proporcionará unha boa axuda para a consecución dos seus propósitos.

Unha vez obtidos en Madrid os pasaportes para ela e os fillos, regresa a Coruña para reunirse con eles e despedirse da familia antes de emprender a viaxe a Lisboa, desde donde partirían cara América. Xa na capital portuguesa, Syra e os seus comezan unha dura etapa como refuxiados en tránsito. O primeiro ministro portugués, o dictador Oliveira Salazar, colaboraba con Franco naquel periodo escuro. Deportaba a España aos indocumentados, os fuxidos dos campos de concentración, os sospeitosos de comunistas. Os obstáculos que a artista deberá sortear antes de embarcar serán moitos e moi difíciles. O prazo que ten para conseguir o visado se agota e os cartos tamén. Finalmente a xenerosidade de algunhas persoas amigas e sensíbeis á súa situación, entre elas o embaixador de México Juán Álvarez del Castillo, farán posible que Syra consiga os anceiados documentos de inmigración que precisaban. Por fin o día 5 de setembro a familia Fernández-Alonso embarca no Serpa Pinto cara América. O sentimento da autora dos Diarios é contraditorio, triste e á vez alegre:

Ía abandonar Europa e tiña o pensamento posto en España, na miña nai, en Galiza, nos amigos. A pesar da pena que me producían estas lembranzas estaba contenta porque os meus propósitos chegaran a realizarse (p. 274).

Agardáballes un mes de travesía, que non resultaría doada e que tiña como destino final a cidade de Nova York. Por fin Syra e os seus desembarcan no porto marítimo máis importante de México, en Veracruz. Comeza unha nova vida:

Terra mexicana, terra fermosa e xenerosa que a tantos seres dás hospitalidade. Tres fillos che dou, estende sobre eles o teu corazón e gárdamos da horríbel traxedia que vivimos en España (p. 286).

O 1 de outubro de 1942 Syra Alonso e os seus fillos Francisco Alberto, Xoán Ramón e Sandro finalizan a viaxe xunto a outros 104 refuxiados, entre os que se atopaba o escritor en lingua catalá Max Aub. Á súa chegada e tras un par de días de descanso en Veracruz, viaxa á capital mexicana. Tras unha breve estancia na cidade de México Syra trasládase á pequena aldea de Actopan. Na grande urbe quedan o fillo maior, que consegue traballo, e o cativo acollido por unha familia de diplomáticos. O día 10 de outubro de 1943 Syra e o fillo mediano Xoán Ramón parten para Actopan, o que sería o seu novo lugar de residencia.

4. A IMPORTANCIA DO GALEGO NOS DIARIOS

Os Diarios como é ben sabido, foron escritos inicialmente en castelán e traducidos ao galego por Anxos García Sumai. Aínda que Sumai confirma a existencia de fragmentos en galego. O profesor Conrado Arranz Mínguez, estudioso da obra literaria de Syra, é partidario tamén da idea de que algúns fragmentos están redactados en lingua galega, xa cando transcribe en estilo directo as palabras de personaxes galego-falantes. Trataríase dun emprego diglósico da lingua, posta nas bocas das xentes máis humildes e residentes nas zonas rurais.

A propia autora declara a súa vocación polo idioma:

Gústame moito o galego e pode verse nestas páxinas, xa que moitas delas están escritas no idioma da terra, nese idioma que traducido ao castelán se vería sen vida e que, gracias ao son delicado do ñ, ten unha fonética que o fai suave e mimoso (p. 171).

Nos Diarios son múltiples as referencias á lingua e cultura galegas. Non tarda en citar aos nosos escritores, como Curros Enríquez e os seu poema «Mirando ao chao» posto en boca dun vello labrego: «Se o noso Señor baixase a esta terriña diría o que dixo o poeta Curros» (p.28). Cita trobadores galaico-portugueses: Macías o namorado, Afonso X. Rosalía de Castro non pode faltar nestas páxinas. Syra coñece ben a obra poética de Rosalia, a quen lía, e reproduce versos seus. De Varia. Follas Novas : «Teño tres pitas brancas / e un galo negro / que han poñer ovos / andando o tempo…» (p. 153). A Rosalía de Cantares Gallegos en «Castellanos de Castilla»: « Cando van, van como rosas, cando veñen veñen como negros» (p. 29). O Lorca en galego tamén é evocado pola autora: «chove en Santiago meu doce amor» (p. 153). A poesía do poeta granadino está presente nas reunións co escultor Verdi nas que recitaban poemas de Lorca. O poeta aparece tamén en boca do rapaz cego que vai polas casas recitando versos seus despois de que Federico fose asasinado. Hai autores que consideran a Francisco Miguel o Lorca galego, debido as desgrazadas similitudes nas vidas de ambos artistas.

No conto de «Os tres Homiños», incluído no Diario de Actopan, a nosa lingua está presente, xa no propio título. A autora reproduce a fala usada por certos personaxes galego-falantes. Lemos que un vello pescador de Santa Cruz (Oleiros) pronuncia «unhas cantas palabras no seu idioma» (p. 123) ou a muxiá Pepa Tuciño, a criada da primeira pensión na que se hospeda en Madrid, que «falaba medio en castelán e medio en galego» (p. 185).

5. DIARIO DE ACTOPAN : O PLANO LITERARIO

Na obra hai un claro interese da autora polo estilo narrativo O conto Os tres homiños vale como exemplo do plano literario. Con frecuencia Syra inserta breves historias no texto principal. É a utilización «do relato dentro do relato», seguindo a técnica das caixas chinesas. Autores como Casas ou Arránz consideran que xunto da narración da experiencia vital agroma un desexo de criación literaria. Tal vez o feito de que tivesen transcurrido nove anos xa desde o asasinato do seu home e de ter conseguido unha vida sen sobresaltos en México, facilitaría que Alonso non se sentise tan condicionada pola presión dos acontecementos vividos. Sería máis libre de adentrarse no mundo da creación. A diferenza da primeira parte, nesta segunda o distanciamento dos feitos pasados abre un espazo para que as experiencias vividas podan ser literaturizadas.

Atopamos variados exemplos, o encontro cunha vella esmoleira a quen lle morrera o fillo despois de cumprir condena nos cárceres franquistas, provoca o contiño do que estamos a falar. A muller sabe por Syra da traxedia desta. Ao final do relato, pronuncia conmovida unhas palabras que resultan ser un bálsamo para a escritora: «Nena, nos estás soíña. Tes tres fillos! Eses fillos coidarante, son tres ghlorias; Tres homiños!, Tres homiños! Adeus!» (p. 168-170).

A excursión a San Xoán de Vitre, unha aldea do interior da provincia da Coruña da lugar a outro micro relato. Aquí observamos o uso de elementos populares, como o refrán que reproduce á súa chegada á aldea: «No mes de San Xoan as nove con día dan»; ou instrumentos e cantigas populares e cantares de cego. Os intérpretes fan soar gaita, cunhas ou pandeiretas (p. 172-3).

As referencias ao cromatismo aparecen dun xeito espontáneo na narración e son o froito da súa paixón pola pintura, do seu coñecemtnto das técnicas pictóricas. Os nomes das cores constitúen a esencia das descricións. Na última visita á «casa da dita» detalla o estado en que se atopa o lugar onde o artista traballaba e as pegadas da súa paleta.

No estudo non había mobles, non sendo o cabalete e a mesa de traballo, e nos andéis quedaban uns libros de Cezanne, o Greco, Zurbarán e Picasso. Sobre a mesa estaba aínda a paleta de Miguel, coas cores que o tempo xa borrara. Onde ían aqueles que un día foran azul cobalto, branco marfil, amarelo e verde esmeralda? Nada! (p. 180).

A Syra gústalle observar o que lle rodea. Grazas a esta capacidade sabemos como é o interior da casa da familia labrega na que se hospeda en San Xoán de Vitre. A igrexa coa súa «valiosa talla s. XV dun metro e cincuenta centímetros de alto» (p. 157); as roupas tradicionais que vestían os mozos e as mozas o día da Nosa Señora das Virtudes, patroa do lugar; os tipos poulares como o gaiteiro; a natureza, o fértil val:

San Xoán de Vitre álzase ao pé dunha montaña, nun vizoso val de terras que dan con abundancia de millo, patacas e liño; os piñeiros, os castiñeiros, as nogueiras e carballos fan dos seus campos belísimos bosques e o río esvara como unha fita de prata pola fermosa campía. As casas son de pedra con teitume de tellas e están rodeadas de hortas con árbores froiteiras. A igrexa, de moito valor, garda imaxes do século XIII (p.153).

A descrición lémbranos unha estampa paisaxística, que relacionamos inmediatamente coa arte de pintar. As descricións de lugares, estacións do ano ou do clima, iluminan o relato. Soen ir acompañadas de fermosas expresións de carácter metafórico: «ergúiame co estómago transparente como aquelas cores que me recordaban a azulada carne das fanecas» (p. 204).

Alonso concede moita importancia ás descricións de personaxes. Ela mesma confesa que lle gusta observar ás xentes do pobo, de Galicia ou de México, porque «non hai nada que nos aprenda coma el» (p. 168). Grazas ás descricións podemos coñecer como son as persoas que aparen na narración, o seu aspecto físico. Dinos de Esperanciña, unha muller coa que se atopa unha mañá cando levaba á escola a cinco cativos:

Esperanciña era alta e forte, de abundante e sedosa cabeleira loura, pel cor de pexego e ollos gris azul como o ceo do norte e tiña un interesante rostro popular, unha positiva mestura céltica (p. 166).

O carácter dos protagonistas; por exemplo, do pintor Pedro Mozos sabemos que é un traballador incansábel e «tan entregado á súa obra, que se esquecía ata de ir ver a súa noiva». Do escultor Verdi di que «tiña un defecto, era vaidoso da súa beleza e da súa arte» (p.163), e ao señor Ramón, o enterrador, preséntao como «un gran filósofo e gran home» (p. 132).

Abondosas son tamén as personificacións de elementos da natureza, así escoitamos a «auga dos regatos que baixa cantando polas pedras» (p. 159) ou o rumor dos piñeiros mexidos pola brisa e (p.123), os colchóns entregados ás viúvas dos asasinados que aparecen «arrandeando sobre azuladas augas»(p. 136), ou vemos como «a luz xogaba sobre as cimas das árbores» (p. 276). As árbores froiteiras despídense de Syra cando vai por derradeira vez á Casa da Dita: «As maceiras e as flores que asomaban pola muralla de pedra da hora e que o aire mexía déronme aquela tarde o seu apenado e cariñoso adeus» (p. 181).

Pero a representación da natureza, as personificacións de elementos paisaxísticos, son máis que meros adornos, constitúen un reflexo do estado de ánimo da escritora. Aquel canto lúgubre de lamentos que entoaban as sirenas do porto da Coruña, na primeira parte dos Diarios, tiñan un sentido premonitorio, semellaban anunciar as desgrazas que estaban por chegar: «os cans ouveaban e o clamor das sirenas facía aínda máis tráxica a véspera do día 18 de xullo de 1936» (p. 32).

Esta visión contrasta coa que lemos na segunda parte dos Diarios , cando Syra sae alegre de Madrid cara a Coruña, cos documentos para viaxar a México: «os campos eran unha visión fantástica» (p. 227). En definitiva a Syra interésalle a paisaxe porque «é un bo sedante que axuda a esquecer a maldade dos homes» (p. 234).

O paradoxo é outro dos recursos empregados, aínda que escaso é revelador, mostra o mundo de emocións da escritora que pervive definitivamente no seu interior. O teresiano «vivo sin vivir en mi» sobrevoa polas follas das memorias: «era o meu un vivir morrendo» (p. 129), chega a exclamar a propia Syra.

Para finalizar, sinalaremos a existencia dun grupo de textos breves de carácter anecdótico, que narran simpáticas peripecias. Estas «anécdotas» interrompen a tensión dramática e confiren ao relato certa dose de humor. Aparecen intercaladas en diferentes capítulos. Lembremos o que lle sucedeu ao escultor madrileño José Luís Verdi, que gostaba dos marcos enormes. A un debuxo de Syra feito por el, púxolle un luxoso marco xigante e pendurouno enriba do testeiro da cama. O malo foi que lle caeu na cabeza mentres durmía (pp. 163-164). Noutra ocasión a anécdota está protagonizada por un pintor bébedo que se mete vestido e co abrigo posto na ducha (p. 206). O can que adopta en Lisboa Sandro, o cativo de Syra, bautízao co nome de Dinheiro. Isto dá lugar a unha divertida situación cando o rapaz o chama: «¡ven Dinheiro!», deste xeito desdramatízase a súa necesidade (p. 251). Tamén con final feliz está a aventura no Serpa Pinto. É protagonizada polo polaco Edemonwisky, a quen Syra coñeceu durante a travesía. Cando chegan ás Íllas Bermudas non se permite que os pasaxeiros baixen do barco, pero o polaco tírase a auga e desaparece nadando. Resultou ser un campión de natación que «levaba case un mes sen practicar o seu deporte favorito» (p. 283). E como non podía ser de outra maneira, Alonso goza coa lectura. En numerosas ocasións cede espazo a outros escritores, á parte dos galegos xa mencionados. Miguel de Unamuno, do que celebra o seu acertado «Venceredes pero non convenceredes» co que sentencia aos franquistas. Precisamente esta frase do escritor vasco é a segunda dedicatoria que figura no Diario de Actopan.

En Madrid visita ao escritor coruñés Wenceslao Fernández Flórez a quen dedica unhas agarimosas palabras. A lectura é para ela un consolo. Durante a estadía en Lisboa lía nos autores portugueses, Luis de Camoes, Bernardim Riveiro, Eça de Queiroz, Teixeira de Pascoaes: «Todas estas lecturas foron para min un remanso de benestar consolo e saúde» (p. 268). Rimbaud e Leon Tolstoi van acompañala durante a súa travesía no Serpa Pinto camiño do exilio.

6. OUTROS TEXTOS

Os Diarios non son o único texto literario de Syra Alonso. Temos noticia pola propia familia de Brufau dun poemario titulado Tu voz de seis años , dedicado ao seu fillo Xoán Ramón, que non se conservou. Parece ser que Syra llo regalou a un bailarina mexicana da que recibira axuda. Ademais tamén se fala dunha maleta extraviada que contería textos da autora.

Hoxe coñecemos a existencia dun conxunto de relatos que veñen de ser localizados e estudiados polo profesor español, residente en México, Conrado José Arranz Mínguez (6), quen afirma ter atopado por casualidade a obra de Alonso, cando se estaba realizando un traballo sobre a literatura indixenista mexicana

Estaba trabajando en un capítulo de un libro sobre literatura indigenista, empecé a recopilar material hemerográfico y di con un cuento que tenía este carácter de Syra Alonso, y yo decía:

¿Quién esta Syra Alonso?

Syra unha vez en México, intentou gañarse a vida publicando en revistas. Os recursos dispoñíbeis eran escasos e semella que na capital non atopou solución para as súas necesidades. A situación era moi precaria, tanto que para poder trasladarse a Actopan tivo que vender outro cadro de Francisco.

Entre os anos 1943 apareceron publicados sete relatos na revista América e na Revista Mexicana de Cultura, suplemento dominical do periódico El Nacional, de Ciudad de México. Neles, salvo en «Tres homiños» (no que mantén o título en galego pese a estar dirixido a un público mexicano), os escenarios e os personaxes son os propios das comunidades indíxenas do lugar onde se instala. Alonso nestes contos cultiva o relato «indixenista». Grazas á investigación hemerográfica do profesor Conrado Arranz sabemos por fin destes textos. El indícanos os títulos das narracións que atopou como resultado da súa investigación no ano 2024:

«Tres homiños» (1943); «Trópico y pueblo» (1944); «Una noche en casa de Fermín» (1945); «La niñita Sabela» (1948); «La medicina del brujo» e «La muerte del naco» (1949); «Tía Rosa» (1951).

Precisamente dito profesor, Conrado, vén de publicar en setembro deste ano, un texto inédito de Syra Alonso en El Cultural , publicación semanal do xornal La Razón , titulado «Otoño rojo y canción del mar. Dos ecos olvidados de la Guerra Civil». O artigo está dedicado aos artistas Francisco Miguel e Syra Alonso, con motivo do enterro do pintor. Nel consta unha poesía que Syra lle dedica ao seu home. Reproducimos a seguir un fragmento como adianto do poema:

En vez de lágrimas, esta

ofrenda traigo

sobre tu tumba, una tierra

parda y verde

donde se oye la canción

del mar…

he puesto unas dalias

blancas

y las dos conchas de

nácar que en tu cuadro

pintabas con tanto

afán…

A día de hoxe descoñecemos se existen outros manuscritos, outros textos literarios de Syra Alonso. Esperamos a edición na que está a traballar o profesor Conrado, que segundo el nos anticipa, incluirá a obra literaria completa e unha biografía da autora.

7. DESPEDIDA, 1942

Syra Alonso está na súa Coruña por derradeira vez. A última tarde decide pasear pola cidade vella e entrar nalgunhas Igrexas. Visita a da Orde Terceira, alí atopa a talla do Ecce Homo Cautivo. A figura mostra un corpo cunha face que representa a dor. Aimaxe lémbralle os rostros daqueles homes presos que vira nalgunha ocasión no cuartel da Garda Civil. A visión daquel ser maltratado (representado en Jesús Nazareno) e o son das campás que escoita, provocan nela o anhelado desexo universal de paz:

E a través das campás que deixaban oír o toque do Angelus, daquela imaxe, daqueles beizos tan humanos, torcidos pola expresión de dor, saía unha voz: Paz na terra. Paz! (p. 229).

En Torreón (Coahuíla, México). Outono de 2025

FONTES

-Arranz Mínguez, C. J. (2024). «‘Tres homiños‘ y otras narraciones desconocidas a la luz de los Diarios y la biografía de Syra Alonso, exiliada gallega en México». Moenia , 30.

-Arranz Mínguez, C.J. «Otoño rojo y canción del mar. Dos ecos olvidados de la Guerra Civil» El Cultural, publicación semanal, do xornal La Razón , Cidade de México, nº 520. (10–11-2025).

-Casas Arturo, A Trabe de Ouro , número 41. Publicación Galega de Pensamiento Crítico, ano 2000.

-Consello da Cultura Galega, fondos documentais. Proxecto epístola. Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978. [Carta mecanografada co membrete:] SEMINARIO DE SARGADELOS/ CERVO-LUGO. (Fondo depositado na Fundación Luís Seoane).

Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897-1936) . Libro-catálogo da exposición «Entre vanguardias» (1999).

-Morales, Francisco / Agencia Reforma (27-9-2025) «Recuperan la memoria de los artistas Francisco Mi- guel y Syra Alonso, perseguidos porla dictadura franquista». El Sur, periódico de Guerrero, México.

-Sumai, Anxos. (2001): «A traducción dos Diarios de Syra Alonso». Animal. Revista cultural para todas as especies 11, 14.

-Vidal, Carme. «Os diarios da muller do cadro. Prólogo», Diarios. Colección Mulleres. A Nosa Terra, 2000.

-Vidal, Carme. (2001): «Syra Alonso. Aquela cálida voz que viña de México». Animal. Revista cultural para todas as especies 11, 12-3.

  1. Partimos dos Diarios publicados por A Nosa Terra no ano 2000 para o presente traballo. Na reproducción das citas, Imane tan só a páxina na que aparecen, respetando a acentuación e o uso dos signos de interrogación e exclamación que presentan.
  2. Conrado José Arranz Mínguez (Madrid en 1979). Investigador e doctor en literatura española e hispanoamericana, adscrito al Instituto Tecnológico Autónomo de México (ITAM) onde reside.
  3. Libro-catálogo coeditado polo Consejo Nacional para la Cultura y las Artes, o instituto Nacional de Bellas Artes, el Museo Casa-Estudio Diego Rivera y Frida Kahlo e mais o Círculo de Bellas Artes de Madrid.
  4. Dolores Olmedo Patiño (Cidade de México, 1908-2002) xogou un papel primordial no mundo cultural mexicano. Foi unha importante coleccionista de arte, especializada na obra de Diego Rivera e Frida Kahlo. En 1994 inaugurouse un Museo que leva o seu nome na facenda coñecida como La Noria, ubicada en Xochimilco, ao sur de Cidade de México.
  5. Actualmente non existe transporte de viaxeiros por ferrocarril para ese percorrido e en xeral para distancias longas. Non obstante, os trens tiñan sido populares ata finais dos anos 90. A partir de aí o ferrocarril quedou para transporte de mercancías ou uso turístico. En 2023 restáblecese o uso co Tren Maya e El Insurgente. Entre ambos convois suman pouco máis de 1600 km de percorrido.
  6. O topónimo Actopan en lingua náhuatl expresa a idea dunha terra fértil é humida, sobre a que se asenta.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *