Miguel Mosquera García | Zaida García Requejo
Isaac Díaz Pardo, é o xenio do século XX para Galicia. Representou a oportunidade de reimaxinar un futuro libre e arraigado. Existen outras moitas personalidades que disputan este título —é indiscutible—, mais non todas tiveron o alcance cultural, social, económico, industrial e de compromiso, que fan que a creación de Isaac e compañeiros sexa un exemplo para o desenvolvemento e a ética multidisciplinar.
Dentro do inxente traballo realizado por Isaac, o deseño de pezas de mobiliario foi unha peza clave para o singular funcionamento do seu proxecto. No ano 1972, incorpora un auditorio, unha casa, e unha biblioteca ao tecido industrial da Fábrica de Sargadelos en Cervo. Este primeiro auditorio, é unha mostra da verdadeira natureza que Sargadelos foi adquirindo co paso do tempo, que a diferenza das empresas motivadas unicamente polo capitalismo, e que a afasta da idea puramente comercial. Isaac deseña entón, para este auditorio, a cadeira de que pousaría enriba do chanzo.
O proxecto de deseño total, e a estruturación cooperativa das empresas, víase complementada co deseño dun mobiliario sinxelo, funcional, especializado para o seu uso dentro da empresa, ligado estreitamente aos resultados do Laboratorio de Formas, e facilmente reproducible.
A importancia do moble é visible en todos os espazos da empresa. Os postos de traballo, desenvólvense mediante diferentes pezas de mobiliario deseñadas para a produción industrial. Así na área de pintado, cada posto de traballo conta cunha mesa de traballo, un protector móbil para os aerógrafos, unha cadeira de traballo, unha mesa de pousado das pezas, unha vitrina vidrada co modelo das pezas que se pintan nese posto, carros de transporte, caixóns de transporte apilables etc. Para a exposición de cerámicas ou do patrimonio cultural do Museo Carlos Maside, un expositor de mesa dobre, un medio, vitrinas de pedestal e caixón de vidro, vitrinas empotradas, mobles vitrina, expositores de mesa e parede conxuntos, paneis de acordeón, entre outros. Todo deseñado para cada unha das necesidades da empresa. Creábase unha flota de mobiliario galego.
Deste xeito, a cadeira deseñada para o auditorio de Cervo é un obxecto representativo desta produción de mobiliario para Sargadelos. Trátase dunha cadeira elaborada a partir de táboas de madeira de piñeiro de dimensións unicamente variables polas irregularidades do aserrado, coiro, e unións parafusadas. A causa do perfecto cumprimento da cadeira para a súa función fixo que aparecera unha variante para o uso dentro da empresa, distinguíndose así dous modelos do mesmo deseño: a cadeira de auditorio, e a cadeira de traballo. Ademais, existe outra variante destas dúas cadeiras. Esta terceira, ven da eliminación do respaldo: unha banqueta creada para a Táboa dos Irmandiños, a taberna da planta circular de Cervo. Esta taberna, ao igual que toda a empresa, tamén válese dos deseños de Isaac de mobiliario: mesas, o mostrador, as lámpadas, e as cadeiras. O Museo galego de arte contemporánea Carlos Maside, é o segundo proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia, froito do convenio con Cerámicas do Castro en 1970 no Castro de Samoedo (Sada). É un museo creado para difundir a cultura dos artistas plásticos galegos —a partir de Castelao— pertencentes ao movemento renovador da arte galega comezado nos anos trinta, que tentaba de romper ca tradicionalidade artística, e que fora esquecido durante a ditadura por mor da represión cultural franquista. Coa chegada inminente da guerra civil, estes artistas desenvolveron a súa obra desde o exilio cunha forte compoñente reivindicativa da cultura que se estaba a esnaquizar, como é o caso de Castelao.
A localización inicial do museo situábase nun edificio provisional cedido por Cerámicas do Castro—actual edificio da galería de ventas—. O 18 de maio de 1970, inaugurábanse tres salas expositivas na primeira planta de dito edificio cunha intervención de Rafael Dieste. En 1971, o museo amplía o seu espazo expositivo cunha nova sala de exposicións temporais, inaugurada con gravados de Pablo Picasso e de Joan Miró, e aos que seguirían Clavé, Grosz, Solana, Guinovart, e Bertolt Brecht. A programación do museo, ademais das salas expositivas permanentes, o arquivo e a biblioteca, expandíase a través de conferencias, sesións de cine dirixidas por Xosé Díaz Castro, exposicións temporais, e outras actividades.
As construcións da Fábrica cerámica do Castro, así coma o Laboratorio de Industria e Comunicación, e o Museo de arte contemporánea Carlos Maside, comparten espazo coa historia do lugar onde se sitúan, e coa historia de Isaac. A fábrica cerámica ampliada na década dos 60, sitúase fronte á pequena nave de produción primitiva onde Isaac comezou a experimentar cos caolíns de Sargadelos coa intención de crear unha empresa de relevancia para o país. Tanto as naves fabrís como o museo, atópanse entre o pazo familiar, e os restos arqueolóxicos do castro que dá nome á aldea do Castro de Samoedo: unha metáfora sobre a importancia das raíces para Isaac.
En 1982, froito da consolidación do museo e a necesidade dun espazo propio e especializado para a Cadeira de Isaac Díaz Pardo Miguel Mosquera García exposición e a celebración de actividades culturais, trasládase á súa sede definitiva. O proxecto para o novo espazo museístico lévao a cabo o arquitecto Andrés Fernández-Albalat a partir dun boceto de Isaac, que propón unha «organización a tresbolillo». O museo, estrutúrase a través dunha malla modular hexagonal de 3,80 m de lado nun edificio de tres plantas, organizado a partir dun lucernario descentralizado, e a partir do cal accédese ás diferentes salas de exposición. A orientación do Museo, correspóndese nos lados paralelos do hexágono co Laboratorio de Industria e Comunicación, deixando os lados angulosos no eixo leste-oeste lixeiramente inclinado.
Ademais, o museo conta cun auditorio, o segundo proxectado dentro do tecido industrial das fábricas cerámicas, para a difusión das investigacións e para a celebración de actividades culturais realizadas.
Así como o proxecto de construción do Museo Carlos Maside é autoría do arquitecto Fernández-Albalat, a autoría intelectual do seu interior, dos percorridos, da forma de mostrar as diferentes obras así como do auditorio é de Isaac Díaz Pardo. Para isto, deseña unha serie de pezas de mobiliario específicas para os diferentes usos que requiría o seu proxecto expositivo —e unicamente para este museo nalgúns casos—, a través das cales configura as salas moduladas na malla hexagonal. Deste xeito, Isaac xera arquitectura de dobre forma: na creación de mobiliario resolvendo a necesidade básica expositiva, e na creación dos espazos de exposición a través do moble.
Tomando como caso de estudo este museo, analizarase a continuación por salas, o traballo expositivo de Isaac en relación co mobiliario que deseñou especificamente para este proxecto. Intentarase demostrar, que sobre a importancia que ten o deseño dun mobiliario para a función expositiva, Isaac pensaba tamén na creación de espazos de arquitectura.
Nesta primeira sala expositiva dedicada a Castelao e a Carlos Maside maioritariamente, xunto con outros artistas, atopamos tres tipos de necesidade expositiva: bibliografía, pintura, e escultura. Á sala accédese atravesando o hall de entrada, e despois do hexágono que contén as escaleiras.
A diferenza das outras dúas plantas que veremos a continuación, a exposición realízase nun espazo unitario sen divisións físicas, produto da cohesión completa dos módulos hexagonais enteiros, ou seccionados. Na súa disposición, o aprezamento do material expositivo é frontal, situándose nos panos dos pechamentos, e xerando un recorrido circular pechado ao longo de toda a sala. En canto ao tipo de observación do material, ao seren pezas de reducido tamaño, dáse unha observación moi próxima á obra.
Para esta primeira sala, Isaac deseña unha das pezas de mobiliario expositivo máis repetidas e empregadas pola súa versatilidade: un expositor de acordeón bilateral [N.1]. Con módulos de 2,10 m de alto, 0,90 m de ancho e 6 cm de canto, e unións abisagradas que os unen, créase un acordeón angular, que atopa a súa estabilidade coa súa propia disposición. Tendo que expoñer pinturas de reducido tamaño, esta pregadura vertical permite aadaptación perfecta á forma modular hexagonal que caracteriza a todo o museo. Cada lado do hexágono de 3,80 m, é ocupado por 5 paneis pregados que rematan na bisectriz do ángulo para unirse de forma paralela ao seguinte pano. Así, a disposición destes paneis é regular en toda a sala, e ademais podéndose adaptar ás diferentes irregularidades xeométricas e non hexagonais, ou á linealidade dunha parede longa. Cómpre destacar, que ao producirse o espazo expositivo en dúas das caras do prisma de base triangular imaxinario apoiado contra a parede, duplícase a cantidade de espazo expositivo por metro.
Por outra parte, a forma da pregadura crea múltiples espazos angulares de parada para a observación das obras, onde o visitante, contempla as obras expostas en dous panos non ortogonais que cobren o seu campo de visión panorámico. Así, tamén crea un espazo diferenciado para a obra doutros artistas empregando un hexágono final no percorrrido, nunha disposición simétrica a partir dunha vitrina que contén a obra escultórica desta primeira sala.
Para a iluminación das obras, Isaac deseña unha lámpada lonxitudinal [N.2] empregando un tubo luminescente agochado detrás dunha ‗L‘ de madeira pintada de negro. A lámpada, apoia en ritmo cada dous paneis na parte superior dos mesmos, pechando o ángulo, establecendo un límite psicolóxico de aproximación, e creando un circuíto continuo que percorre todos os paneis. Esta lámpada en forma de ‗L‘, ten a súa variante —nesta mesma sala— para a iluminación da escasa obra de parede [N.3]: á ‘L’ de madeira únenselle dúas barras corrugadas de aceiro pintadas en branco, que son fixadas ao teito, tamén branco.
Outra forma expositiva é a vitrina [N.4], onde está situada a obra bibliográfica protexida da manipulación. Estas vitrinas deseñadas como módulo unitario pero apilable, contan cunha base, unha cuberta, e unha estrutura de listóns cadrados de madeira —que conforma o volume onde se atopa a bibliografía— coas caras pechadas con contrachapado de madeira pintado de negro. A porta conta con bisagras angulares que recordan ás bisagras de ferreiro tradicionais. Todo isto pintado de negro no seu exterior, fai resaltar o interior branco e iluminado cenitalmente, centrando a focalización no obxecto interior.
O percorrido do museo proposto por Isaac, continúa na segunda planta na sala dedicada a Luís Seoane. Confórmana tres módulos hexagonais unidos, xeran un percorrido semicircular de ida e volta ao hexágono inicial. Cada un dos hexágonos, conta con tres tipos expositivos diferentes.
Nun primeiro hexágono, aparece unha variación do armario-vitrina [N.5] visto na anterior sala. Redúcese o seu fondo conservando o fronte para formar parte do pano da parede sen sobresaír excesivamente —7 cm—. Sendo a necesidade a mesma, a mostra de elementos que requiren especial protección, a morfoloxía do armario inicial varía para expoñer láminas e cartelería que non requiren un fondo amplo. Estes mobles ocupan 5 das seis paredes do hexágono, quedando esta sexta reservada para a entrada de luz a través de tres fiestras, con dúas peculiaridades: a primeira é que para acadar a simetría parcial respecto da entrada de luz e así a iluminación natural filtrada; a segunda é que na parede de continuación ao outro módulo hexagonal, o número de mobles redúcese a dous para permitir o paso, creando unha parede a partir do armario-vitrina como fará noutras salas. Ademais, este módulo conta tamén con exposición de mesa, nun moble de visualización bilateral e acristalado [N.6], onde as obras repousan en pendente para facilitar a súa visión. Por outra parte, aparece un armario de almacenamento privado do museo [N.7], que ao mesmo tempo serve de base para a exposición escultórica. Tanto o expositor de mesa coma o armario de almacenamento, utilizan o deseño dun pé metálico que verase repetido en moitas outras pezas de mobiliario. Trátase dun tubular metálico [N.8] con chapas angulares de 8 mm que conforman tanto o pé, como o apoio da estrutura de madeira. Estes angulares teñen no seu extremo un tubular de 25 mm perforado que, en contacto co chan permite a introdución dunha vara roscada para a nivelación do moble, e en contacto coa estrutura de madeira permite a unión. A disposición do expositor de mesa e do armario de almacenamento no eixo da fiestra, crea unha circulación en forma de ‗U‘. No segundo hexágono, o central desta sala, emprégase a radialidade a través dun eixo central, como norma para o resto do percorrido das salas desta planta. A lámpada hexagonal [N.9], toma o significado do eixo en relación cunha peza central ao redor da cal o movemento circular polo módulo hexagonal permite observar o material expositivo en relación cos panos dos pechamentos. A lámpada, toma a forma do módulo hexagonal, e confórmana seis lámpadas de tubo Phillips de 1,20m. Neste caso, o elemento central baixo esta lámpada é una vitrina para a exposición de escultura, que emprega o pé metálico deseñado por Isaac, xunto cun caixón de madeira como base da escultura, e unha caixa vidrada como protección da mesma. Ademais das obras enmarcadas colgadas, aparece un expositor de mesa dun único fronte [N.10]. Este expositor consta de dúas pezas separables: unha caixa expositiva con vidro protector, e unha base de madeira formada por tres planos, un lonxitudinal e dous arriostramentos plegables.
Desta forma o moble cóntanos que non foi deseñado para ser estático, senón que é apilable e almacenable, e que foi pensado para desmontarse con facilidade. Este expositor, é un dos que se poden atopar noutros edificios de Sargadelos, como galerías coas súas variantes no pé, ou exposicións temporais realizadas.
No último e terceiro hexágono desta sala dedicada a Luís Seoane, trátanse obras de tamaño considerable, presentadas nas paredes, e que precisan de espazo para seren visualizadas. O eixo central desta sala fórmano a lámpada hexagonal de 1,20 m de lado, e un asento [N.11] que permite o descanso durante a observación. Este asento de 1 m2 de ocupación repousa sobre dous pés metálicos negros unidos por táboas negras de madeira na súa parte superior. O pé realizado en chapa metálica de 60×8 mm, a primeira vista escultórico, resulta racional ao descubrir unha estrutura triangulada que permite reducir a flexión da chapa superior onde descansan os travesos de madeira. Sobre a parra de madeira colócanse catro coxíns cadrados de pel azul Naval de 49 x 49 cm. Por outra parte, tamén atopamos un expositor de vitrina sobre pedestal e o mesmo armario de almacenamento do primeiro módulo. Aquí remata o percorrido da sala dedicada a Seoane, retornando ao mesmo hexágono de entrada.
O lucernario que contén as escaleiras, un prisma de base hexagonal, atravesa as plantas do museo permitindo a entrada de luz e a comunicación vertical. Neste caso, o lucernario convértese no eixo de rotación centralizado duns espazos que o circundan na súa totalidade. Estes espazos conforman a terceira sala do museo, e a terceira parte do percorrido: a sala dos Novos. O material expositivo desta sala é moi abundante. Pódese observar obra de 80 autores diferentes —aproximadamente—, o que fai que o número de pezas expostas converta esta sala na máis densa en canto a ocupación por módulo hexagonal.
Para isto, Isaac emprega diferentes estratexias directamente ligadas ao deseño de mobiliario e o control do percorrido. Paneis que amplían a superficie vertical de exposición, o aproveitamento do eixo converténdoo en expositivo, ou a colocación de obras sobre obras a diferentes alturas, son algunhas das actuacións que leva a cabo nesta sala.
Nun primeiro intre, antes da visita á sala de Luís Seoane —que Isaac propón como inicio do percorrido nesta planta—, atopámonos cun módulo hexagonal que acolle a obra escultórica da sala, cun elemento central [N.12] —remarcando a centralidade constantemente— que neste caso, ten o significado da bifurcación de camiños: nunha dirección, o visitante entra na sala Seoane, noutra, o visitante sae. Atopámonos ademais, cunha dirección dada pola frontalidade das propias esculturas, que marcan un eixo de comezo e fin da rotación ao redor do lucernario central. Por outra banda, esta porta xiratoria creada coa significación do elemento central, xustifícase tamén na simetría da exposición a ambos lados deste eixo imaxinario.
Cómpre engadir que a circularidade xerada polo hexágono, vese reforzada maiormente nesta sala, onde a percepción da forma xeométrica é total. Cada módulo dialoga en relación directa co lucernario, hexagonal, circundado por espazos hexagonais, onde podemos estar en contacto cos piares hexagonais, todo nun espazo iluminado por unha lámpada tamén hexagonal.
Para duplicar —como estratexia mencionada anteriormente para situar unha numerosa obra dentro desta sala— o espazo vertical expositivo, Isaac aproveita os paneis de acordeón da sala Castelao-Maside, e os compón en forma de cruz [N.14]. O deseño dos paneis, permite pregar un sobre outro para facilitar o seu almacenamento, pero tamén permite outras configuracións estables. É o caso desta disposición en forma de cruz que divide un espazo central en catro cuadrantes de 0,81 m2—0,90 m x 0,90 m que mide cada panel— onde atopamos expostas obras enfrontadas. Deste xeito, e reforzando aínda máis o eixo central, Isaac crea un segundo percorrido interior. Con este deseño expositivo, a sala conta cun percorrido principal arredor do lucernario, e subpercorridos dobres — cara o interior e cara o exterior dentro do mesmo módulo— alí onde exista esta presentación central en forma de cruz. Outra forma expositiva é a mesma que aparece no terceiro módulo da Sala seoane, onde un asento cadrado de 1×1 m marca unha exposición unicamente nos panos das paredes.
Para axudar ao visitante na súa visita por este tipo de disposición do material museístico, aparecen elementos que cegan parcialmente a conexión entre módulos para redirixir á persoa na entrada e saída de cada un dos seis hexágonos. Deste xeito a persoa circula dúas veces: unha primeira observando as pinturas colgadas no plano da parede topándose con este elemento que o reconduza á segunda volta interior, e unha segunda vez cara o interior antes de ser reencamiñada polo mesmo elemento ao seguinte módulo.
Ademais de empregar o armario vitrina con fondo ancho [N.4] para redirixir ao visitante no dobre percorrido, Isaac deseña un panel expositivo cadrado de 1,83 x 1,83 m [N.13] que alza 40 cm sobre o chan sobre uns pés metálicos negros. Igual que no deseño do pé metálico do asento de 1 m2, este tamén descobre unha lóxica estrutural que desminte de certa forma que o deseño sexa —aparentemente nunha primeira observación— escultórico. Este panel cadrado permite, ao mesmo tempo que reconduce á persoa, expoñer obra nas súas caras.
Así pois, o percorrido de 6 hexágonos amplíase en 2, 8 hexágonos, pola estratexia xerada mediante o uso de subpercorridos.
Fóra do percorrido museístico, aínda que dentro da actividade cultural do Museo de arte contemporánea Carlos Maside, atopámonos co auditorio situado na parte traseira do edificio, semienterrado. Este auditorio, xunto co de Cervo ou o do IGI, serve como metáfora do último eslabón do propósito de Isaac —a recuperación da memoria de Galicia— dentro da empresa: a difusión do acadado.
O auditorio caracterízase por unha simetría aparente, unha única cávea de seis chanzos ocupados pola cadeira de auditorio, e una cuberta metálica sinxela, caracterizada polas cerchas que Isaac deseñaba con perfís ‗L‘ vermellos. A escea, ocupa un módulo hexagonal. O acceso realízase a través de dous ocos laterais pechados por unha cortina, cunha característica singular. Ademais destes dous accesos, a escnea conta con tres paneis móbiles corredizos que ocupan os tres lados posteriores do módulo, e que permiten unha conexión parcial co hall da entrada.
Por outra banda, o Museo de arte contemporánea Carlos Maside, conta cunha colección de obras non expostas dentro do museo, pertencente a exposicións temporais e que se atopa no Laboratorio de Industria e Comunicación. A conexión entre o museo e este almacén —que tamén é o almacén da flota de mobiliario de Sargadelos— faise a través dun corredor por debaixo da cávea, subterráneo. Nun espazo separado á altura do último chanzo, atópase a sala de proxección.
Sendo o auditorio de experimentación, o primeiro, o construído dentro da trama industrial de Sargadelos en Cervo, Isaac incorpora unha característica repetida nos dous seguintes auditorios que deseña: unha máquina para a difusión da cultura. No IGI —auditorio de construcción posterior ao do Castro de Samoedo— formula unha escena circular móbil, que mediante un mecanismo hidráulico, fai elevar ou descender unha plataforma que se pon en contacto cos camerinos ou co público.
No caso do auditorio do Museo Carlos Maside, deseña unha tremoia que actúa como retablo da escena, entendida como un moble litúrxico que fai servizo ao que ocorre diante, coa súa propia estrutura, e diferentes partes por alturas e significados. Trátase dunha tremoia achegada á obra construtivista de Tatlin, recordando ao proxecto do Monumento á Terceira Internacional (1919), e ao que Isaac fai referencia firmando nun cartel metálico soldado á estrutura. Por outra parte, tamén dentro do construtivismo, atopamos unha relación de significado entre os púlpitos da tremoia e o proxecto de El Lissitzky para a Tribuna de Lenin de 1920, unha estrutura férrea, unha tribuna para a difusión da mensaxe. A tremoia, divídese en tres andares diferentes que apoian o relato da difusión cultural ou da reunión que cumpre un auditorio, mediante púlpitos para a comunicación, ou para a simple presenza como significantes visuais. En total conta con tres espazos para a oración, un no primeiro andar, e dous no segundo. O terceiro andar queda reservado para o acceso a un conduto colgado da cercha da cuberta, que permite controlar as luces.
Analiticamente, a tremoia é unha máquina que axuda á realización do acto cultural, que serve como metáfora da socialización da información e da súa apertura, e como escultura polo seu significado. Este auditorio, ten a peculiaridade de contar cun mobiliario propio para a escena —aínda que non fixo—, que o acompañou durante un longo período. Isaac, deseña unha mesa curva configurable con máis unidades a partir do tercio dunha semicircunferencia. Deste xeito, seis unidades configurarían unha mesa circular, tres unha semicircunferencia etc. A mesa, está conformada por un taboleiro de madeira e dous pés metálicos que seguen o mesmo deseño que se mencionou anteriormente.
A cávea, caracterízase tamén ao igual que os outros dous auditorios, por seis chanzos de formigón armado sobre os cales se sitúan o deseño de cadeira para auditorio de Isaac, e que xeran unha visual de sombras e luces entre a madeira de pino aserrada e os forros de pel branca que cobren o asento e o respaldo.
A importancia do mobiliario no Museo de arte contemporánea Carlos Maside pódese concluír imaxinando o mesmo espazo baleiro. Mediante este proxecto de amoblamento que ten como fin unha organización expositiva, Isaac modifica os percorridos lóxicos do espazo construído por medio do moble, creando novos percorridos e subpercorridos nas tres alturas do museo. Con todo iso, pódese dicir que o proxecto que leva a cabo Isaac, non é unicamente o da disposición do contido cultural para a súa observación, senón a forma que ten de amosárnolo deseñando o espazo por medio do moble, e o lugar que ocupamos nas diferentes salas ao velo. A modificación dos percorridos lóxicos do espazo construído mediante subpercorridos creados polo mobiliario, a rotación e a circularidade nos módulos hexagonais conseguida por medio de elementos con diferente significado, a modificación da entrada de luz para o seu desvío, as escaleiras de chapa metálica e barras corrugadas, son exemplos dos seus deseños de espazo alcanzados co mobiliario, dos que finalmente pódese dicir que crean espazos de arquitectura.
Por outra parte, conclúese que o mobiliario realizado por Isaac non pretende nin ostenta converterse nunha peza de deseño cotizada, un elemento escultórico, ou puramente estético. Pola contra, os materiais empregados, a relación coa carpintería tradicional, a sinxeleza dos seus ensambles, e a funcionalidade interferida polos resultados do Laboratorio de Formas de Galicia, crean un mobiliario útil dentro do espírito do grupo de empresas, e seguen un deseño sincero. En canto ao proceso de ideación, pódese observar como xa se mencionou na análise da mesa expositiva bilateral do subcapítulo 5, ou na mesa de terzo de semicircunferencia, que Isaac deseñaba as pezas de mobiliario nunha liña cronolóxica valéndose das ideas anteriores. O moble é evolutivo. Isto, vese no pé metálico repetido numerosas veces para dar apoio ás vitrinas, armarios, ou estas mesas. Así, pódese dicir que contaba con solucións construtivas a problemas da mesma índole, como tamén vese reflectido nos proxectos de estrutura da cuberta do auditorio, da nave de produción de Cervo etc. Dun primeiro modelo eficaz como o é a cadeira de auditorio, Isaac é capaz de extraer outros dous modelos do mesmo moble para diferentes funcións: a cadeira de traballo empregada nas fábricas, e a banqueta da taberna da planta circular de Cervo. No Museo Carlos Maside, obsérvase no modelo de armario de fondo ancho, que evoluciona a fondo curto para axustarse á necesidade mínima de expoñer material de reducidas dimensións. Esta capacidade evolutiva do moble de Isaac, vese tamén na capacidade das súas creacións para adaptarse a diferentes necesidades e creando novos conceptos espaciais, como o fai cos paneis expositivos en acordeón creando unha configuración en forma de cruz.
Observando as pezas de mobiliario, aprézase a sofisticación construtiva cando o é necesario. A cadeira de auditorio, de traballo, ou a banqueta, contan cunha estrutura de madeira aserrada tan simple a primeira vista como complexa na súa ideación. Así, nunha mirada máis próxima observamos buratos de ventilación do asento de pel que destapan motivos de durabilidade do material, rebaixes nos listóns de rixidización interiores das unións para o parafusado, ou mesmo o cambio de parafuso do respaldo que facilita o desmonte do mesmo. Finalmente, nunha vista xeral, pódese observar que as conclusións extraídas sobre o moble do estudo do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside aplícanse en todos os niveis das empresas. Así, as fábricas contan co seu propio mobiliario funcional, evolutivo, e preciso, que poñen en marcha o proceso de produción, e das que se podería levar a cabo a mesma análise. Por outra parte, as galerías comerciais, que tamén contan con deseños de mobiliario específicos para a mostra da materia producida, así como o Instituto Galego de Información nas salas de reunión e traballo, Ediciós do Castro etc. Con todo isto, o moble forma parte do proxecto de deseño total que configura esta industria cultural, creando espazos deseñados pola empresa, para a empresa.
Velaquí unha galería cos deseños de Miguel Mosquera García para ilustrar esta peza:















