Abel López Soto
Se a arte en xeral e a pintura en particular son un espertador para os sentidos, a obra de Fernando Babío cumpre á perfección con este obxectivo. Abonda con mirar calquera dos seus cadros para captar equilibrio, intensidade expresiva, delicadeza nas tonalidades e tamén unha personalidade sensible.
Fernando é un veciño de Sada que desde moi pequeno sentiu a necesidade de expresarse a través da pintura e, ademais, atopouse cunha desas coincidencias que ás veces inflúen na toma de decisións en función de vivencias ou sentimentos infantís. Na súa primeira etapa escolar, na que compartiu espazo con outros nenos e nenas de diferentes idades nun baixo situado no Pedregal, o mestre Querolt e a súa dona, Fina, facían o que podían para atender tanta diversidade, e el era pintor.

da Campiña de Lubre.
Fotografía de Xosé Seoane.
Salvador Querolt era discípulo do coñecido pintor ferrolán Bello Piñeiro e imbuíu esa inquedanza naqueles alumnos nos que xa despuntaban boas capacidades artísticas, entre os que se atopaba Fernando Babío e tamén outro rapaz, cinco anos máis vello, que acabaría sendo outro importante pintor sadense, Eduardo Fernández Rivas. Querolt deulle tamén algunha clase particular de pintura na súa casa familiar e acabou obsequiándoo coa súa primeira paleta.
A partir de aí foi forxando pouco a pouco o seu estilo propio, sempre de maneira autodidacta, porque os seus estudos regulados posteriores non estiveron relacionados precisamente co ámbito das artes, senón co das ciencias.
Fernando naceu en Sada o 8 de xuño do ano 1953 e con 13 anos realizou a súa primeira obra, cando xa se estaba desprazando á Coruña para completar os seus estudos de bacharelato no daquela recén estreado instituto da Agra do Orzán. Posteriormente trasladouse a Ferrol, onde cursou estudos de Enxeñaría Técnica Naval, rematando a carreira no ano 1975.

Fotografía do escultor e pintor portugués Manuel Patinha.
Tres anos máis tarde participou por primeira vez nunha exposición colectiva na Coruña e, ao ano seguinte, realizou a súa primeira exposición individual, tamén na cidade herculina. Na biografía recollida na ficha de autor da colección de arte de Afundación Obra Social de ABANCA resáltanse as principais características que o definen como artista: a «excelente factura das súas paisaxes, cun cromatismo sabiamente temperado, a partir de modos postimpresionistas, con antecedentes que se poderían fixar en Francisco Lloréns».
No ano 1981 obtivo o primeiro premio de pintura «Cidade da Coruña» e, dous anos máis tarde, expuxo con éxito na desaparecida galería madrileña Kandinsky, acontecemento que tivo reflexo na prensa da época e do que recollemos un parágrafo da crónica publicada na sección de arte do diario 5 Días do 6 de abril de 1983: «Valores tradicionais e un novo estilo xúntanse no traballo de Fernando Babío, conformando unha pintura fermosa e sosegada, ben concibida e executada con talento e oficio». Participou tamén no ano 2008 nunha exposición celebrada na Sala Muralla de Baluarte (Palacio de Congresos e Auditorio de Navarra), en Pamplona, comisariada polo recoñecido crítico de arte do diario El País , Enrique Andrés Ruiz, cun título que nos dá idea da súa importancia: La pintura en los tiempos del Arte. Veinte pintores españoles para el s. XXI . Enrique Ruiz describe así o seu traballo: «unha transparencia de pintura leve, aérea, nada insistida, tocada nada máis no exacto lugar e no exacto momento da luz».

Fotografía de Xosé Seoane.
Fernando levou tamén a súa obra a outros lugares de Galiza e de España, aínda que de maneira moi selectiva, porque non é partidario de se prodigar excesivamente neste tipo de acontecementos. O xa desaparecido xornalista e escritor Fernando Mon, editor de revistas como La Gaceta del Arte ou Bellas Artes , sitúa a súa obra «a cabalo do neorrealismo e o postimpresionismo». Aínda que cada cadro é un mundo, o seu propio mundo, que pinta observando situacións e paisaxes da contorna de Sada, aproveitando a magnífica panorámica natural que o rodea e que consegue captar mediante a súa contemplación directa e coidadosa, atrapando a luz cambiante que logra deixar plasmada nese fragmento da paisaxe que pinta. Por iso, para Fernando é imprescindible a observación ao aire libre, e non é infrecuente velo co seu cabalete traballando, porque pintando no exterior é como consegue captar todos os matices, todas as emocións e eses tons de luz que considera fundamentais, xa que, como el mesmo di, «o pintor pinta luz porque os obxectos son a luz que reflicten».
Coida moito a súa obra, ata o punto de que selecciona e prepara todos os materiais, elaborando mesmo os marcos para cada lenzo; marcos diferentes e singulares que inciden na idea de que cada cadro é único e, polo tanto, precisa un marco adecuado que contribúa á súa visión.

Fotografía de Carlos Babío.

Fotografía de Carlos Babío.
Para a confección dos marcos utiliza preferentemente madeiras nobres que moitas veces foron usadas para outros fins e que descobre nos lugares máis insospeitados, onde pasan desapercibidas para miradas profanas, e que Fernando recolle, prepara e ensambla con esmero no seu fermoso taller da Campiña de Lubre. Alí ten as ferramentas e materiais necesarios e tamén a paz e tranquilidade que transmite o lugar, necesarias para levar a cabo ese traballo laborioso pero imprescindible, porque, como afirma, «é difícil enmarcar ben, do mesmo xeito que é difícil pintar ben».

Cinco días , 06/04/1983
Todo isto, unido ao seu propio estilo inconfundible, perfeccionado co paso do tempo, fai de Fernando un pintor singular, cunha paleta de cores tamén particular, na que chama a atención que, tendo como referentes paisaxes galegas, prescinda do uso da cor verde, así como doutras cores intensas.
Prefire tons delicados, apagados e brumosos, seguramente influído polos seus pintores favoritos do Renacemento italiano, como Piero della Francesca. Como ben di o escritor e xornalista Luís Rei Núñez, «a tardiña é a hora da pintura de Fernando Babío», os instantes nos que aparecen en plenitude esas tonalidades suaves e apagadas que tan ben sabe captar.
Unha vez recollidos todos eses matices, Fernando dálle voltas e máis voltas ao traballo no estudo da súa casa sadense da avenida da República Arxentina, onde deixa repousar cada obra para retomala tantas veces como sexa necesario ata obter o resultado final, que se produce cando el mesmo experimenta ese estado de satisfacción interior que xorde ao conseguir plasmar o que pretende. Nese momento dá por finalizada a obra.
E se esa satisfacción interior non aflora, entón desbota o traballo e elimínao; por iso, no taller ou no estudo non se atopan lenzos inacabados, agás o que está a traballar, o que reflicte unha profunda honestidade intelectual, pois, aínda que lle dedicase moitas horas, se non supera ese filtro particular non o dá por válido.
En xeral, gústalle a pintura do Renacemento como explosión de harmonía e creatividade, pero, aínda que, consciente ou inconscientemente, recoñece influencias renacentistas, mantén que só lle serviron para construír o seu propio estilo, non para copiar o doutros.
Os sadenses temos a sorte de poder seguir gozando de preto do seu recoñecido traballo e tamén agradecemos e valoramos que represente tan dignamente a Sada nos círculos culturais e artísticos nos que participa, amosando as nosas marabillosas paisaxes con tanta sutileza e sensibilidade e agasallándonos coa súa visión particular do mundo e de Sada.
A última vez que os sadenses tivemos a oportunidade de contemplar parte do seu traballo foi no ano 2011, na Capela de San Roque, sendo o primeiro pintor en expoñer nesa sala tan coqueta, daquela recén inaugurada tras unha coidada rehabilitación. Agardemos que non sexa a última.
ALGUNHAS EXPOSICIÓNS
Individuais
1983. Sala Municipal. A Coruña
1983. Galería Kandinsky. Madrid
1988. Galería Sargadelos. Santiago de Compostela
1991. Galería Sargadelos. Santiago de Compostela
2011. Capela de San Roque. Sada
Colectivas
1980. Treinta pintores coruñeses. Sala Giannini. A Coruña
1995. Del levante y del poniente. Galeria Marisa Marimón. Ourense.
2008. La pintura en los tiempos del Arte. Veinte pintores españoles para el siglo XXI. Edificio Baluarte. Pamplona. Comisario: Enrique Andrés Ruiz
2010. Paisajes interiores. Galería Siboney. Santander
Premios e convocatorias
1981. Premios Ciudad de A Coruña. Pintura. 1º Premio
1989. I Mostra Unión Fenosa.
1995. IV Mostra Unión Fenosa-Adquisición
1999. VI Mostra Unión Fenosa-Adquisición
2005. VII Premios Ángel de pintura. Mención, adquisición
2017. VII Premio de pintura Torres García. Ciutat de Mataró. Seleccionado
2022. IX Premio de pintura Torres García. Ciutat de Mataró. Seleccionado
BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA
-VV. AA.: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del siglo XX . Vol. I. Madrid, Forum Artis, 1994.
-I Mostra Unión Fenosa . A Coruña, 1989.
-Afundación. Artistas. Fernando Babío.
https://www.afundacion.org/es/coleccion/autor/ babio_babio_fernando
-Biblioteca universitaria da USC. Autores galegos.
https://autorgal.usc.gal/?s=fernando+Bab%C3%
VÍDEOS RECOMENDADOS
Exposición de Fernando Babío na Capela de San Roque, ano 2011:
Entrevista a Fernando Babío:






