As xentes de Sada na mirada de Isaac Díaz Pardo

Cristina Asensio

“As xentes de Fontán, do Castelo, do Lubre, das Arcas fican na túa mente erguidas como as montañas e coma os albres”

“O rapás que emigrara” é un dos vinte relatos do libro  Xente do seu rueiro de Isaac Díaz Pardo, obra que está exposta na praza fronte á oficina de Correos de Sada. A exposición queda inaugurada desde o pasado xoves 14 de agosto e forma parte dunha cadea de actividades organizadas pola ACISP en honra de Díaz Pardo, homenaxeado no Día das Artes Galegas neste 2025. A agrupación musical Nova Troula ameniza a ocasión coa súa espectacular interpretación de pezas tradicionais galegas. A nosa vicepresidenta Claudia Varela Lourido conduce o acto ante un numeroso e motivado público.

Manuel Pérez Lorenzo, presidente da ACISP, contextualiza a figura de Isaac e destaca a  súa importancia na vida de Sada, lembrando os seus logros: a fábrica de O Castro, O Museo Carlos Maside… Pérez Lorenzo destaca que Sada é un escenario fundamental na vida de Isaac,  os debuxos e textos expostos son unha semblanza das xentes que o rodean. En palabras de Manuel, “a visión de Isaac non é unha visión amable, é unha visión realista”. O autor  retrata as xentes da época no contexto da dictadura franquista, de atraso e represión da sociedade rural e galega en xeral. Destaca tamén que a obra foi publicada no exilio en Bos Aires.

Xosé Díaz Arias de Castro presenta a obra exposta, trazando paralelamente o percorrido vital do seu pai. Isaac veu para o Castro en Sada, onde vive Mimina, Carmen Arias de Castro Montero, con quen casa. Alí topa cunha sociedade rural abandonada, atrasada, oprimida e pensa que ten que testemuñalo.  Xosé Díaz pregúntase se esta obra é un álbum de debuxos, un texto literario ou un estudo etnográfico debido ás características que presenta. En definitiva conclúe que Xente do seu rueiro é o primeiro  traballo literario do seu pai,  os personaxes que retrata van acompañados dun texto que “é por un lado poético e por outro de denuncia con ironía”. Trátase de vinte debuxos con vinte textos ó través dos que  o artista vai contar o que topa ao seu redor non mundo campesiño. O libro foi publicado en 1955 en Bos Aires na editorial Ars Novos, propiedade de Luís Seoane. Nel retrata a unha serie de personaxes entre os que non faltan mulleres traballadoras, o señorito da aldea, o crego, o xuíz, o emigrante, e ata un incendiario. A obra comeza  cunha reveladora dedicatoria á súa familia, á muller e ós fillos, “co degaro dún mundo e dún tempo millores”. 

Benito Portela, o alcalde de Sada, pecha o acto facendo fincapé no feito de que Isaac Díaz Pardo tiña dúas opcións cando casou e veu vivir ao pazo no Castro con Mimina: levar a vida de señor de pazo afastado da realidade ou involucrarse na vida das xentes do seu lugar. Hoxe felizmente podemos celebrar que Isaac Díaz Pardo optase polo segundo.

Fotografías de Xulio Correa Corredoira.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *