Cris Asensio
Sempre é unha alegría a presentación dun novo número de Areal. O Venres 18, no Salón de plenos ubicado na Axudantía do Concello de Sada, ten lugar a mostra do número 30! 30 Areais van xa. 30 exemplares que desde hai quince anos, chegan ás nosas mans ininterrumpidamente, semestre tras semestre.
Con esta nova entrega, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo súmase á homenaxe a Isaac Díaz Pardo. O Día das Artes Galegas deste ano dedícaselle a el. Unha vez máis, Isaac é o protagonista da publicación. E como di o propio presidente da ACISP na editorial da revista “hai quince anos eran as mans de Isaac Díaz Pardo as que termaban dun exemplar de Areal aberto sobre a súa mesa de traballo”
As cantareiras e a música popular oral homenaxeadas este 2025 o Día da Letras Galegas, ocupan tamén un papel relevante nas páxinas da publicación. E para celebralo, no acto mesmo, as cantigas populares son representadas polos grupos AMDT Queiroa e AC A Meda de O Castro.
Claudia Varela Lourido, vicepresidenta da ACISP, inicia o acto e a Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa de Sada interpreta unhas alegres pezas tradicionais que van animando o ambiente. A seguir o noso presidente Manuel Pérez Lourenzo presenta e analiza os contidos da revista que teñen xa nas súas mans todos os presentes. A fermosa portada está inspirada nas creacións de Díaz Pardo. A proposta é do tatuador Pérez, de Rock for light tattoo. Nun salón cheo de xente, destacamos entre o público a presenza dos fillos de Isaac, Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro que veñen acompañados das súas donas. E moitos colaboradores, colaboradoras, socios e socias, veciños e veciñas que prestan a súa valiosa axuda para que este proxecto siga adiante.
A Asociación cultural A Meda de O Castro remata este caluroso acto coa súa brillante actuación. Na escena represéntase un xantar de festa na que un grupo de mulleres cantan alegres cantigas populares acompañadas da pandeireta. O público segue engaiolado ao ritmo das cantareiras batendo palmas.
Areal vístese de festa e a celebración convírtese nun auténtico e espontáneo festexo popular.
Vémonos na próxima!






