O día 11 de agosto cumpriranse dous anos desde que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza publicou a Resolución de 1 de agosto de 2023 (DOG 11 de agosto de 2023) pola que se incoaba o procedemento para declarar BIC o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside situado no lugar do Castro de Samoedo en Sada, ao pé da empresa de cerámica actualmente do grupo Sargadelos.
É por iso que desde as asociacións culturais e memorialísticas—Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña), AC Alexandre Bóveda da Coruña, AC Eira Vella de Betanzos e a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada— denunciamos a paralización do procedemento de declaración BIC do Museo Carlos Maside de Sada e esiximos a resolución do expediente de incoación, xa que caducará o vindeiro 1 de agosto.
Esta declaración é unha reclamación histórica do asociacionismo cultural memorialista porque o museo Carlos Maside É TAMÉN UN LUGAR DE MEMORIA, como así o repetía o seu fundador Isaac Díaz Pardo. Lembramos que xa vai para 15 anos que o Parlamento de Galiza acordara iniciar esta acción de declaración BIC.
En todo este tempo, o Museo atravesou unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración. Desde as asociacións culturais e memorialistas asinantes esiximos ao goberno da Xunta de Galiza que defenda o interese xeral neste proceso e non os interses particulares da empresa, así como a adopción das medidas necesarias para recuperar o proxecto museográfico concebido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura franquista.
Todo isto ante a caducidade inminente do prazo para resolver a declaración BIC (2 anos) regulado no artigo 20 da Lei 5/2016 de 4 de maio do patrimonio cultural de Galiza que establece no seu artigo 20.2 que “o procedemento de declaración de intereses cultural deberá resolverse e notificarse no prazo máximo de 24 meses, que comezará a contar a partir da data da resolución da incoación. Tras o transcurso dese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento”.
Sería un escándalo que a Xunta de Galiza deixara caducar este procedemento, e este proxecto museográfico de incalculable valor quedase sen protección patrimonial, polo que esiximos da Xunta de Galiza que resolva de xeito urxente o expediente de declaración (que caduca o vindeiro 1 de agosto), en defensa do interese público e a memoria galega democrática e antifranquista.






