Johan V. Viqueira (1886-1924). No centenario da súa morte

Xesús Torres Regueiro

Johán Vicente Viqueira López-Cortón é unha das figuras intelectuais galegas máis importantes do primeiro terzo do século XX. Nado en Madrid, onde estaban os pais, o 22 de outubro de 1886 (o mesmo ano que Castelao), pasará a infancia na aldea de San Vitorio, da parroquia bergondesa de Vixoi, onde a familia tiña unha quinta residencial, coñecida como a quinta de Cortón, por ser propiedade do seu avó Xosé Pascual López Cortón, indiano enriquecido en Porto Rico que favorecera iniciativas culturais no inicio do Rexurdimento, tal os Xogos Florais da Coruña de 1861 e a edición do chamado Álbum de la Caridad , unha recolleita dos traballos premiados e da literatura que se estaba a facer en Galiza naquel tempo.

Viqueira con alumnado do Instituto Eusebio da Guarda na Coruña. Fotografía cedida polo autor.

Viqueira foi un espírito libre, formado no miolo da Institución Libre de Enseñanza (ILE) —non en balde seu tío político era Manuel Bartolomé Cossío, un dos seus ideólogos e discípulo de Francisco Giner de los Ríos, un dos fundadores da ILE, cos que Viqueira tivo trato dende neno, cando aqueles pasaban os veráns na quinta Cortón en San Fiz de Vixoi—. Porén, a súa formación inicial será na vila veciña de Betanzos, onde o seu tío, o enxeñeiro Xosé López-Cortón Viqueira, estaba a construír a fábrica da luz.

Mais Viqueira foi tamén un ser condicionado pola enfermidade e a dor case toda a súa vida, dende os quince anos, cando lle diagnostican osteomielite, unha inflamación na medula do fémur, e pasa por unha primeira operación que lle deixa unha coxeira crónica. Haberá aínda máis tratamentos e operacións, que interromperán os seus estudos varias veces.

Logo dos anos de formación en Madrid, onde se licencia en Filosofía e Letras en 1911 e obtén o grao de doutor en Filosofía en 1913, e dunha curta estadía na Sorbona, vai continuar estudos en Alemaña pensionado pola Xunta de Ampliación de Estudos, seguindo cursos nas universidades de Berlín, Leipzig e Göttinga impartidos por profesores de grande renome científico (Simmel, Riehl, Cassirer, Wundt, Miller, Husserl…), até o estalido da guerra europea de 1914, que o obriga a marchar. Por ese tempo dá clases na ILE e comeza a colaborar no seu boletín e noutras publicacións sobre temas psicolóxicos en relación coa educación. Viqueira regresa a Galiza na primavera de 1917 como catedrático de Filosofía, Lóxica e Estética, destinado ao Instituto de Santiago de Compostela e cando acababa de casar con Jacinta Landa Vaz, dunha familia estremeña de Badaxoz e portuguesa por parte de nai, tamén vencellada á ILE, coa que terá tres fillos. No curso seguinte trasládase ao Instituto da Coruña por unha permuta. Dende entón, ao ensino, ao traballo intelectual e a Galiza vailles entregar a súa actividade fecunda nos sete anos seguintes, que son apenas os que vai vivir, supeditado sempre aos vaivéns da doenza declarada na puberdade e que o acompañará toda a vida, con varias operacións e períodos de inmobilidade. Unha doenza que, nas súas palabras, «destruiu o meu corpo, pro afianzóu a miña alma».

Ao chegar a Galiza vaise incorporar ás Irmandades da Fala, creadas na Coruña o ano anterior, nas que fai parte do sector liberal-democrático en oposición ao máis tradicionalista. De primeiras á de Santiago, liderada polo xove profesor auxiliar da Facultade de Dereito Lois Porteiro Garea, de orientación progresista, co que se vai entender ben. Porteiro, falecido no andazo gripal de 1918, orientara as Irmandades da Fala cara a un traballo político, máis alá da defensa da lingua, cun discurso logo publicado e que se foi impoñendo. Logo, na Irmandade coruñesa, que era con diferenza a máis numerosa de todas en asociados, Viqueira vai desempeñar cargos directivos e mesmo a presidencia como conselleiro primeiro en dúas ocasións, liderándoa no momento crítico da ruptura co sector católico-tradicionalista que encabeza Vicente Risco en 1922.

Notificación do novo consello directivo da Irmandade coruñesa. Fotografía: A Nosa Terra

E continúa a colaborar en A Nosa Terra , o órgano das Irmandades, que tiña a súa sede e control na Coruña, colaboración que xa comezara en Santiago. Na publicación irmandiña asina os textos galegos como Johan Viqueira (con iota inicial e h intercalado, e nalgúns engadindo Cortón), a diferenza dos textos e traducións en español, relacionados coa súa especialidade profesional, que asinaba como Vicente Viqueira, aínda que o seu libro Introducción a la Psicología Pedagógica , de 1919, asinarao como J. V. Viqueira, facendo constar mesmo na portada que era catedrático de Filosofía no instituto coruñés. Das traducións ao castelán cómpre destacar neste tempo a que fixo do alemán da Historia de la Filosofía de Karl Vorländer e as dúas que fixo do inglés: Tratado de la natureza humana , en tres volumes, de David Hume, e Tres diálogos entre Hilas y Filonús , de George Berkeley, filósofos empiristas do s. XVIII que lle interesaban para os seus estudos psicolóxicos.

A pequena produción de Viqueira en lingua galega abrangue un feixe de artigos e pequenos ensaios e unha presa de poemas. Os artigos e «ensaios de ensaios», como alguén lles chamou, viron a luz en A Nosa Terra , agás algunha excepción. Tratan temas de interese para o nacionalismo galego do momento: a escola, o ensino técnico e o universitario, a galeguización do ensino, a reforma ortográfica e a aproximación gradual ao portugués empregando a ortografía etimolóxica, que el practicará nalgunha medida, a autonomía e a organización federal do Estado, e mesmo a referencia ao socialismo en unión co nacionalismo, nun momento en que se está a producir a revolución rusa. Son en total trinta e dúas colaboracións en A Nosa Terra. Dúas delas, as máis extensas, son dúas conferencias: a que leu na Irmandade coruñesa sobre

«Nosos problemas educativos», en marzo de 1918, publicada en doce entregas, e a que impartiu na mostra de Castelao na Coruña, baixo o título de «Divagaciós engebristas», en abril de 1920. A estas hai que engadir o texto publicado na revista Nós en Ourense en xaneiro de 1921, titulado «Pensamentos para unha Universidade galega».

A poesía, ao igual que a música, foi unha actividade secundaria para Johán Vicente. En vida del, apenas a revista de arte Ronsel , que se publicaba en Lugo, deu a coñecer en xuño de 1924 tres poemas seus. O resto de poemas coñecidos publicáronse postumamente. En total, unha ducia de poemas en lingua galega, recollidos no libro póstumo Ensayos y poesías (1930), que acolle tamén versións ao galego dun poema de Michelangelo, tres de Goethe e un de Friedrich Hebbel. Porén, a crítica posterior valorou positivamente a súa escasa produción poética.

Jacinta Landa e Johan Vicente arredor de 1918. Fotografía cedida polo autor.

Pese a tan curta produción, Viqueira forma parte do canon da literatura galega dende 1974, cando a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas a cincuenta anos da súa morte, reeditándose os seus Ensaios e poesías. Certo que naquela altura a celebración do Día das Letras non tiña a repercusión actual e limitábase a un acto académico, algunha conferencia e unha publicación.

Viqueira falece con 37 anos, o 28 de agosto de 1924, en Ouces, na aldea da Lagoa onde pasaba os veráns, ao agravárselle a doenza crónica que padecía. O seu enterro laico, non exento de incidentes pola oposición clerical, tivo lugar no pequeno cemiterio civil de Ouces. Alí acompáñano dende hai uns anos as cinzas da súa filla Luisa, falecida en México, onde residía (ao igual que a viúva e os outros dous fillos de Viqueira) dende o remate da guerra civil.

De ter unha vida máis longa, que lle permitise desenvolver e publicar plenamente o seu pensamento, Viqueira chegaría a ser o primeiro gran filósofo galego. Do mesmo xeito, creo que Viqueira estaba chamado a fundamentar e orientar un nacionalismo de esquerdas. Por algo A Nosa Terra , unha década pasada da súa morte, agora como órgano semanal do Partido Galeguista, rescata textos del en 1935 durante sete semanas consecutivas, cando o partido se vai orientar cara á Fronte Popular coa mira posta en sacar adiante o Estatuto galego.

Co tempo, a figura de Viqueira, morto tan prematuramente, foise esvaendo, e tampouco foi suficientemente valorada pola historiografía do nacionalismo galego. Agora, no centenario da súa morte, rexorde de novo.

“Diálogo trascendental”. Fotografía: A Nosa Terra
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *