Relanzouse a Cátedra Castelao da Universidade de Bos Aires con diversas actividades

José Luis Meirás

A fin de semana extra longa polo feriado-ponte con motivo da conmemoración do Día das Traballadoras e Traballadores na Arxentina xerou unha masiva asistencia á tradicional Feira do Libro de Bos Aires. Alí, no stand da Xunta de Galicia, o venres 2 de maio tivo lugar a presentación da nova etapa da Cátedra Libre de Estudos Galegos Alfonso Rodríguez Castelao, que volverá a impartirse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires (UBA) como parte da conmemoración do 75º cabodano do falecemento do intelectual e político galeguista durante o seu exilio de dez anos na capital arxentina.

O acto estivo encabezado por Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, xunto cos integrantes da Cátedra Castelao: Andrea Cobas Carral, profesora da UBA e da Universidade Nacional de San Martín (Unsam); Mariela Sánchez, directora da Cátedra Libre de Literatura e Cultura Galegas da Universidade Nacional de La Plata (UNLP); Débora Campos, directora executiva da Cátedra Galicia-América (Unsam) e Ruy Farías, director académico da mesma.

Na charla detallouse que, ao longo de cada ciclo lectivo, a Cátedra desenvolverá cursos regulares, conferencias e encontros dirixidos tanto a investigadores, académicos e membros da comunidade da UBA, como tamén —e especialmente— á comunidade galega e á sociedade arxentina no seu conxunto. Na súa primeira etapa, durante a década de 1990, este espazo consolidouse como un ámbito de gran interese para ducias de participantes. Nesta nova etapa, buscará recuperar ese vínculo tan enriquecedor mediante propostas atractivas e renovadas.

As actividades continuaron o sábado 3 de maio co “Roteiro Castelao”, un percorrido por distintos puntos do barrio porteño de Balvanera, como a antiga sede do Centro Ourensán, o edificio do Centro Galego, a basílica de Nosa Señora de Lima, o edificio onde pasou os seus últimos anos o intelectual e político galego, e posteriormente coa conferencia “Castelao, de Verbas de chumbo a Alba de Groria”, a cargo de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, e Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao.

A iniciativa da prestixiosa Facultade de Filosofía e Letras da UBA, que conta co apoio da Consellería de Cultura e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, implica tamén un importante compromiso coa educación superior pública e gratuíta da Arxentina.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *